UKESTRA DO MEDIO: «O UKULELE É UN INSTRUMENTO DE SON ALEGRE, PERO QUE PODE VALER PARA MOITOS TIPOS DE MÚSICAS E TODO TIPO DE LETRAS»
Naceu como proxecto na Escola do Medio (Santiago de Compostela), ata que pasou das aulas aos escenarios. Ukestra do Medio é unha banda de ukeleles que leva desde 2013 desenvolvendo un repertorio ecléctico —nun principio composto só por versións para ir deixando paso de composición propia— próximo a estilos tan diversos como rock, country, swing, pop, tangos, bossa nova, música tradicional galega e portuguesa.
Actualmente composta por Kátia Mera, Alberte L.C., César Parcero, Yolanda Porto e Sóni, Ukestra presenta a súa terceira referencia, Histórias cativas (2022), unha nova colección de oito cancións, das cales seis son orixinais e dúas versións; desta volta, os seus ukeleles veñen acompañados dun compendio de pequenos instrumentos como a pandeireta, o güiro, o xilófono ou a táboa de lavar.
Foto © María Caramés
Dise pronto, pero hai case dez anos que Ukestra do Medio leva pulsando cordas. Como xurdiu a idea de conformar esta singular orquestra?
Alberte L.C.: «Pois comezamos nunhas aulas de ukulele onde, sabendo máis ou menos do instrumento fomos montando diversas pezas. Ao ir aprendendo e aumentando repertorio, foron chegando as ganas de tocar ao vivo».
César Parcero: «E hai que lembrar que a formación foi variando bastante, sobre todo nos primeiros tempos, ata que nos consolidamos xa como un grupo estable. Mesmo despois de tocar un par de veces aínda non había esa intención de montar algo estable».
E por que o ukelele? Sempre tivestes preferencia por este pequeno instrumento ou experimentastes antes con outros? Desde o punto de vista sonoro, como o describiriades?
Alberte: «Todos os membros do grupo fomos descubrindo o mundo do ukulele pola nosa conta ata que nos unimos para tocar xuntos. Aos poucos, fomos descubrindo os encantos deste pequeno e versátil instrumento. Ten unha sonoridade particular, en principio aguda e doce, e queda moi bonito ao tocar varios xuntos.
Os catro tamaños principais son o soprano, concerto, tenor e barítono — de máis agudo a máis grave— e ademais hai híbridos con outros instrumentos, como ukebaixos, banjoleles, resoadores...».
Kátia Mera: «Eu probei un tempo coa guitarra, mais non conseguía sacarlle moito partido. Ao descubrir vídeos de xente tocando o ukelele vin que, no meu caso, que teño as mans pequenas, era un instrumento moito máis accesible e sinxelo de tocar, máis pequeno que unha guitarra e con só catro cordas; con todo isto, en pouco tempo consegues facelo soar ben. Como di Alberte, ten un son peculiar, un tanto agudo ás veces, máis harmonioso e que transmite boas vibracións».
Alberte: «No meu caso particular, o meu instrumento de sempre é o baixo. Ao descubrir o uke, topei un instrumento moito máis portátil co que podía tocar só na casa ou con máis xente, levalo de viaxe... Agora é o meu instrumento de referencia para sacar música ou compoñer, aínda que desde hai un tempo, na Ukestra toco o ukebaixo, que vén sendo un baixo pequeniño (mais non cativo)».
César: «Eu tamén tiña unha pouca experiencia coa guitarra, pero realmente o uke chegou de forma imprevista: o amigo Bernardo Martínez montou as clases e apunteime por curiosidade e por amizade, e mira ti!».
Foto © María Caramés
Ukestra do Medio... «ukestra» polo xogo de palabras (ukelele+orquestra), pero de onde sae ese «do medio»?
Alberte: «Moi sinxelo. A escola onde nos xuntamos estaba na rúa do Medio, en Compostela, e chamábase Escola do Medio; a Ukestra do Medio era realmente o nome daquelas aulas de aprendizaxe co profesor Bernardo Martínez.
Aos poucos, fomos estabilizando a formación, dando concertos e chegou un momento que nos desvinculamos da Escola, mais mantivemos o nome orixinal».
Lemos que sodes un grupo de formación case autodidacta; supuxo isto un reto á hora de conformar o proxecto, outro aliciente?
Alberte: «É certo que, aínda que nos primeiros anos fomos aprendendo e montando temas con Bernardo, ningún de nós tiña unha formación musical regrada, que despois fomos aprendendo pola nosa conta. Mais isto é algo bastante común e pensamos que talvez nos pode dar certa “frescura”. Montar un grupo con todo o que supón sempre é un reto».
César: «Si, a aprendizaxe segue a ser un aliciente importante».
Comezastes facendo versións cun repertorio do máis variado, desde clásicos do rock, country ou pop, ata músicas tradicionais galegas ou portuguesas, tangos, bossa novas ou boleros. Como adaptades pezas que, nun principio, non están pensadas para ukelele?
Alberte: «Realmente é un instrumento moi versátil e non é complicado adaptar diferentes estilos. Buscamos temas que nos gusten, vemos se somos capaces de facelos soar cos ukes e case sempre funcionan!».
César: «O propio son do instrumento, tan característico, xa achega un factor de orixinalidade para calquera tema que toques con el».
Debutades con Em princípio... (2017), un EP de versións onde escoitamos clásicos como “Friday I’m in Love” de The Cure ou unha adaptación de “Don’t You Want Me” de The Human League. Que vos lanzou ao mercado discográfico?
Alberte: «Pois que xa levabamos uns anos tocando por todo o país e tiñamos ganas de ter algo gravado. Ao principio usamos as gravacións para facer uns vídeos que colgar nas redes, mais despois decidimos que queriamos ter un disco e así foi».
Kátia: «Era algo lóxico que, logo dun tempo tocando, quixésemos deixar constancia do que faciamos. Tamén nos animou a xente que ía aos nosos concertos, que despois da actuación nos preguntaban se tiñamos algo gravado, que querían levar algo do que acababan de escoitar».
Foto © María Caramés
Como seleccionastes de que temas facer versións? É dicir, escollestes primeiro o grupo ou artista e logo o tema, ou fostes directamente pola canción?
César: «Directamente as cancións, supoño que por iso saíu unha selección tan diversa.
Kátia: «Si, é iso. Se hai un tema que nos chame a atención pois imos por el, sen pensar se nos pega ou non, en principio non nos pechamos a facer versións de calquera estilo sempre que lle vexamos posibilidades de que quede ben e que nos guste a todas».
César: «Aínda que si descartamos algúns temas que vemos que non funcionan ben “ukelelizados”».
A xira presentación deste traballo foi... no Reino Unido! Como vos saíu esta oportunidade? Como lembrades a experiencia de levar as vosas músicas alén das nosas fronteiras?
Alberte: «Nese momento, Fon, un dos membros do grupo, estaba a traballar en Cambridge e aproveitamos a oportunidade. Buscamos un concerto nunha sala en Cambridge, uns billetes de avión a bo prezo e alá fomos! Para completar a aventura tocamos un día nun mercado na rúa en Londres, e outro día nunha céntrica praza de Cambridge. Foi unha experiencia moi bonita e enriquecedora».
Yolanda Porto: «Fixemos moi ben en aproveitar aquela oportunidade, toda unha experiencia para ver a reacción ante a nosa música dun público diferente, fóra do círculo de xente que xa nos coñecía por aquí. Os lugares onde tocamos, Londres e Cambridge, son sitios con moita diversidade cultural e ese ambiente variado que conectaba coas nosas cancións».
Outras lérias (2020) é a vosa segunda referencia, e primeiro longo, no que sorprendiades ao incluír composicións propias. Foi este xiro cara á construción dun repertorio propio froito dunha evolución natural ou causado por algún momento en concreto?
Alberte: «Supoño que foi a evolución natural. Aos poucos fomos montando diferentes pezas de distintos estilos e aprendendo a soar ben xuntos; chegou un momento no que nos apeteceu dar un paso máis e compoñer as nosas propias músicas».
César: «Supoño que tamén hai un certo proceso de coller autoestima, de chegar a pensar que as ideas que temos poden merecer ser amosadas a outras persoas».
Adoitados a traballar sobre temas xa «feitos», como afrontastes o compoñer as vosas cancións desde cero? Que diferenzas destacariades entre ambas tarefas?
César: «Pois moitas e non tantas, ao tempo. Adaptar un tema existente obríganos a apropiarnos del dalgún xeito —tentar non reproducilo literalmente senón darlle algunha volta— e non sempre é sinxelo despegarse do que tes xa tan metido na cabeza.
Facer temas propios dáche a vantaxe da liberdade total, pero só en teoría; na práctica, un sempre está a elaborar sobre o que coñece, e aquí o desafío segue a ser crear algo que se recoñeza como propio. E, claro, algunha idea hai que ter!».
A finais de maio lanzabades, Histórias cativas (2022), oito «histórias» que manteñen a heteroxeneidade de estilos musicais e o peculiar son dos vosos ukeleles. Como xurdiu a idea deste novo disco? Que, ou quen, inspirou estas «pequenas histórias»?
Alberte: «Despois de lanzar o disco anterior en 2020, fomos montando novos temas aos poucos. Os primeiros deberon ser “Paipo” e “Tanto se amavam”, e máis adiante a versión dos RUXE RUXE para o tributo. A finais de 2021 tiñamos algún máis e pensamos en gravar catro ou cinco temas, que finalmente acabaron sendo oito.
Cada tema vén inspirado por algo diferente: por unha idea, un sentimento, un filme, unha conversa que escoitamos ou un poema de Carvalho Calero. Cando as tivemos todas gravadas foi cando nos demos de conta que tiñamos varias historias, non grandes historias, máis ben “histórias cativas”».
A composición propia segue a gañar terreo: seis dos oito cortes que compoñen o disco son orixinais. Vai seguir sendo así, cada vez máis composición e menos versións?
Kátia: «Pois parece que o camiño é ese! Máis abundancia de temas propios, que era algo que xa nos apetecía moito, mais acho que as versións sempre van ter un oco especial; levar temas doutros compositores ao noso terreo é un proceso que desfrutamos e, aínda que ás veces sexa complicado adaptalas aos nosos instrumentos, o resultado sempre nos sorprende para ben».
Yolanda: «Persoalmente eu, que non son autora, valoro moito as composicións propias, pero ao mesmo tempo desfruto tamén moito as versións, porque calquera tema xa existente levado ao ukelele é como saír a xogar; conéctanos co batiburrillo musical de variados estilos que forman parte da nosa esencia».
Dentro de que xénero, ou xéneros, caería o estilo da Ukestra?
Sóni: «O rango de xéneros dentro do que se move a Ukestra é moi amplo. Eu son o último dos integrantes en incorporarse á Ukestra, pero xa era seguidor da banda desde os seus inicios, e podo dicir que lles escoitei cancións que van dende o metal punk ata o tango e a bossa nova. Neste aspecto non hai límites».
Alberte: «Aínda que continuamos abertos a calquera estilo, parece que as nosas composicións van decantándose polo pop, algo de country, surf...».
Yolanda: «Non creo que sexa necesario decantarse por ningún estilo, non hai por que escoller, dentro de cada un hai cousas que nos gustan, da música desprexuizada se tal».
César: «Coido que encaixamos dentro do “heteroxénero”».
Kátia: «Pois eu non sabería definirnos; se ben é certo que hai estilos máis presentes, estamos abertas a diferentes músicas e iso vese reflectido nas composicións propias. Sempre é interesante ler e escoitar as recensións que fan dos nosos discos, ver o que lles inspiras, que lles lembras a tal grupo ou a tal autora e, curiosamente, aparecen estilos por onde poderiamos estar “orbitando” e non tiñamos nin idea».
Algunhas das letras, por exemplo “Vendeu-no todo” ou “Onde vam?”, teñen un aire reflexivo, mesmo nostálxico, algo que contrasta coa sonoridade alegre dos ukeleles. É este contraste algo buscado? Con que propósito?
Alberte: «Acho que non é buscado, mais comeza ser marca da casa; xa temos reparado niso. A forma de escribir letras dalgún de nós lévanos por eses camiños e desfrutamos dese contraste. O ukulele é un instrumento de son alegre, mais que pode valer para moitos tipos diferentes de músicas e todo tipo de letras».
César: «Será cousa da idade?».
Alberte: «Podería ser, non sei, ou talvez do momento no que vivimos.
César: «Si, dicíao un pouco de broma. En realidade somos un grupo de persoas ben positivas!».
Entre as versións atopamos “Sonhos” orixinal de RUXE RUXE e incluída en 25 Anos Ruxindo – Tributo a Ruxe Ruxe (2021). Que significou para vós formar parte desta homenaxe? Porque cambiar guitarras distorcidas por ukeleles intrépidos mantendo a mensaxe punk rock debeu ser ben interesante!
Alberte: «Algúns de nós somos amigos dos Ruxe desde hai moitos anos e foi un orgullo formar parte dese disco tributo. Dáse a casualidade que a integrante máis nova da Ukestra nese momento, Sara, naceu o mesmo ano no que se formaron Ruxe Ruxe, así que nos sentimos capacitadas para rexuvenecer a canción con ukes e caixón, mantendo ese espírito punk orixinal».
Kátia: «Gústanos moito o resultado, que mantén a súa esencia e forza, e desfrutamos tocándoa ao vivo».
César: «Hai que dicir que esta é unha das cancións que máis adoitan gustar cando a tocamos en directo».
Tamén rendédeslle homenaxe a Carvalho Calero en “Tanto se amavam”, co que participastes no concurso Musicando Carvalho Calero. Como é musicar uns versos que non foron concibidos para ser canción?
Alberte: «A vantaxe é que a letra xa está feita e a parte difícil é precisamente adaptar os versos a unha música. Tivo algo de dificultade porque a métrica do poema é particular e vai variando verso a verso, mais aos poucos fomos buscando a forma e ficamos contentos con o resultado».
Kátia: «Si, non foi tan sinxelo como agardabamos. Malia ter que abreviar, recortar frases ou recolocar palabras, penso que conseguimos transmitir o senso do poema e quedou bonitiño».
Escoitamos un amplo abano de ukeleles (soprano, tenor, barítono), mesmo un ukebaixo e un baixolele. Como abordades a «ukestración» dos temas?
César: «Polo xeral, pensamos en distintos patróns rítmicos que poidamos repartir entre os dous ou tres ukes que adoitan facer ritmo, de xeito que se complementen en lugar de repetirse entre eles. Porén, ás veces si hai temas nos que hai máis dun uke facendo o mesmo ritmo, pero nese caso xogamos cos diferentes timbres que teñen cada un deles (o soprano, o tenor, o barítono)».
Kátia: «Ás veces deixamos de lado algún ukelele para que non fique todo tan repetitivo, como di César, e apoiámonos noutros instrumentos para darlle outra sonoridade ou un toque especial, como unha mandolina, un xilófono, un güiro ou mesmo unha táboa de lavar».
Xunto ao caixón, o ukelele marca o ritmo en “Paipo”, corte integramente instrumental. De que xeito traballastes as cordas para lograr crear, sen letra, esta especie de diálogo sonoro?
César: «En moitos dos nosos temas a melodía principal que fan as voces vai acompañada dunha segunda voz, unha liña melódica adicional que fai algún ukelele, para tentar darlle un pouco máis de sustancia aos temas.
Neste caso, a voz humana vai substituída pola melodía principal, que fai o uke barítono cun trémolo e reverb para sonar ben surfeiro. E logo está esa segunda voz, que fai un uke tenor, tentando montar, como dicides, un diálogo entre os dous».
Ademais de nas principais plataformas dixitais, Histórias cativas está tamén dispoñible nun coidado CD digipack con deseño gráfico de Juan Pablo Venditti. Que vos fai seguir apostando polo formato físico nun mundo (case) dominado polo dixital?
Alberte: «Moitos de nós somos amantes do formato físico, parécenos que non temos un disco de verdade se non existe fisicamente. E nos concertos sempre imos vendendo algúns, o que nos anima a seguir facendo pequenas tiradas de cedés».
Kátia: «Pois si, apreciamos o formato físico, será porque medramos con os vinilos, casetes, cedés, etc. Gústame abrir un cedé ou vinilo e ver os pequenos detalles, e o deseño di moito sobre o disco, sobre o que quere contar. O traballo de Juan Pablo é fantástico e representa moi ben o que somos».
César: «Completamente! E si, para min os obxectos físicos son unha parte esencial de nós como persoas, eu doulle moita importancia ás cousas tanxibles».
Este verán estivestes a compartir as vosas Histórias ao vivo, como está a ser a súa acollida?
César: «Malia que tivemos bastantes poucos concertos este verán, estamos moi satisfeitos e satisfeitas co resultado e coa recepción da xente. Parécenos que o repertorio vai chegando ben á xente, e recibimos un feedback moi agarimoso e ilusionante».
Yolanda: «Penso que se está notando a maduración da formación e a resposta é moi boa, temos moitas ganas de continuar coa presentación do disco en directo».
Foto © María Caramés
Sobre o escenario tamén vos podemos ver e escoitar no espectáculo Extravíos, «unha creación en forma de viaxe sonora danzada», xunto á compañía de danzaVACABurra. Podedes falarnos desta experiencia?
César: «Pois foi unha experiencia realmente interesante para nós. Xurdiu do coñecemento persoal con Gena e Andrea, as VACABurra, que nos propuxeron montar un espectáculo de danza de rúa no que Andrea bailaba e nós acompañabamos tocando ao vivo, e interactuando con ela.
Ao parecer, este tipo de espectáculos de danza de rúa adoitan facerse con música gravada, e a idea de incorporala en directo daríalle un plus de orixinalidade. Para nós supuxo sacarnos da nosa cotiandade, ao facernos combinar o tocar, o cantar e o movernos dentro dunha coreografía (sinxela, pero aínda así). E o resultado encantounos! Oxalá nos saian máis oportunidades de facer este espectáculo no futuro, pasámolo moi moi ben de cada vez».
Yolanda: «Superado o susto que supuxo esta proposta por parte de VACABurra, e ante a súa presentación entusiasta, metémonos no proxecto con moita ilusión, tamén contaxiados por elas. A peza ten moi boa acollida e está a ser unha experiencia chulísima, especial».
Kátia: «Foi toda unha sorpresa e un reto e, conforme van saíndo actuacións, sentímonos máis cómodas e podemos desfrutalo moito máis. A acollida do espectáculo é marabillosa, o público fica con ganas de máis, e nós tamén! Foi emocionante tocar e bailar con Andrea en espazos tan singulares como o Pazo de Oca (A Estrada) ou o Parque de Bonaval en Santiago, e agardamos con ilusión novos “extravíos”».
Que podemos agardar dun concerto de Ukestra do Medio? Algunha data pechada para o outono que está a piques de comezar?
Yolanda: «O que podemos agardar é música que fai sorrir, público diverso pasando un bo momento, desfrutando da música sen máis. E nada de “idadismo”, nos nosos concertos desfrutan ao tempo persoas de calquera idade!».
César: «Nestas semanas estamos pechando o ciclo do verán e planificando un pouco o que quereriamos facer no outono-inverno. De momento non podemos adiantar datas concretas, pero irémolo facendo polas redes, como sempre».
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?
Alberte: «Felizmente neste país temos montes de grupos de diferentes estilos e sempre hai novidades que descubrir».
César: «Cadaquén ten as súas preferencias, pero paréceme que todos e todas coincidimos nalgúns nomes, como por exemplo Os Amigos dos Músicos, Momboi, Sofía Espiñeira, MJ Pérezou Espiño».
Alberte: «Agora mesmo penso en Family Folks, MadMartin Trio, Kings of the Beach, Phantom Dragsters, Radio Zapa!, Bule, Los Eternos, Bang 74, Malandrómeda, Grampoder... e tantos e tantos máis».
Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña
Alberte: «Teño que recoñecer que, aínda que teño unha conta en Spotify, non a uso case nada. Sigo escoitando a música en vinilo, cedé ou levándoa nunha memoria USB ou o móbil. Os meus referentes musicais veñen do punk e rock’n’roll e hoxe en día continúo a escoitar diferentes subxéneros do rock ou similares e outros estilos que nada teñen que ver. Por exemplo, cousas que escoitei estes días no traballo, na casa ou no coche: Dr Feelgood, The Soundtrack of Our Lives, Bourbon Sweethearts, The Death South, George Formby, The Lákazans...».
Sóni: «Non uso Spotify, aínda sigo co USB no coche ou busco cousas que me interesen en YouTube, entre as miñas preferencias estarían, Larkin Poe, Brandy Carlile, Bridge City Sinners e La Muchacha».
César: «Ultimamente uso máis o YouTube Music, pero tamén me manteño fiel á discoteca persoal. E haiche un pouco de todo; acabo de mirar o historial recente e sáenme os seguintes: Michael Kiwanuka, The B52’s, Public Enemy, Aldous Harding, Pearl Jam, Calexico, Neil Young, Carole King, Wes Montgomery ou Chavela Vargas. E tamén Bruckner. Algúns mesmo son froito do modo aleatorio, pero pedíades sinceridade!».
Yolanda: «Escoito Spotify mentres traballo; o que teño por aí: Eddie Vedder, John Mayer, Franco Battiato, Rufus Wainwright, Morgan, Rodrigo Leao, Yo La Tengo, Norah Jones...».
Kátia: «Pois non teño conta de Spotify. Normalmente tiro do formato físico que teño espallado pola casa, no coche. Tamén escoito moito no traballo “El Sótano” de Radio 3, onde xa fan a selección musical por min: garage, surf, punk 77, new wave, clásicos do soul... Ultimamente estiven a escoitar isto: The Jam, Toquinho e Vinicius, The Lákazans, Pomme, Sex Museum, The Jayhawks, Espiño, The Faces, Andhrea and The Black Cats, Pomplamoose...».