• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

BELÉM TAJES: «RENACEMOS NOS SITIOS ONDE FOMOS FELICES, ONDE FOMOS QUERIDOS»

BELÉM TAJES: «RENACEMOS NOS SITIOS ONDE FOMOS FELICES, ONDE FOMOS QUERIDOS»
26 SETEMBRO 2022

O seu primeiro instrumento foi a voz, á que máis tarde se lle unirían gaita, pandeireta ou violoncello. Belém Tajes (Bos Aires, 1985) é cantante, compositora, instrumentista e especialista en musicoterapia; os seus comezos no mundo da música foron en agrupacións tradicionais, despois escoitámola en Luar na Lubre, Xosé Lois Romero & Aliboria, Vudú, MOURA, Sisters in the House... Ata que decidiu voar soa.

Tajes preséntase agora en solitario e en castelán, debuxando cancións-camiño que recolle en Un mapa (2022), o seu EP debut e «historia de brazos abertos» que abraza as dúas beiras sonoras do Atlántico, de Bos Aires a Costa da Morte.

 

Foto © Xabicas Castro 

 

Agora coñecémosche como cantante, compositora, instrumentista... pero como comezou Belém Tajes no mundo da música? Cal foi o teu primeiro contacto con ela? E cun instrumento?

Belém Tajes: «Pois na miña casa sempre se cantou moito; podo dicir que o meu primeiro instrumento é a voz. Teño un recordo moi difuso das reunións de galegos en Bos Aires, que sempre acababan cantando e a miña avoa materna era das que máis cantaba. Despois, cando viñemos vivir a Galicia, meu irmán e máis eu comezamos a aprender a tocar a gaita e a pandeireta e logo xa comezamos co conservatorio».

 

Naciches na Arxentina, onde pasaches os seis primeiros anos da túa vida, ata que cruzaches o Atlántico para medrar na Costa da Morte. Aínda que despois falaremos do teu recente EP, segues a manter un contacto estreito con Arxentina?

Belém: «Volvín varias veces a Bos Aires coa familia e, este ano, por vez primeira, fun soa; foi un reencontro moi diferente e bonito. Agora que a miña avoa xa non vive alá, non temos esa rutina de ir habitualmente, pero teño un amor moi profundo por ese país, polo que significou para a emigración galega, pola súa idiosincrasia, o seu folclore, a súa literatura, pola súa mestizaxe tan especial...».

 

Vés da música tradicional, pero considéraste unha artista ecléctica «á que lle gusta probalo todo». Con que estilo, ou estilos, te sentes máis identificada? Por que?

Belém: «Uf, unha pregunta difícil, porque teño esa inquedanza de buscar constantemente cousas novas, de probar estilos e combinalos. Non me gustan as etiquetas en realidade; non me gusta dicir que fago pop, folk, ou o que sexa, e penso que por iso non acabo de encaixar ben en festivais, porque adoitamos pecharnos en grupos, en estilos, cada vez máis... A música é unha linguaxe libre e a min gústame esa liberdade, onde estou cómoda é cantando e contando o que sinto, así sexa bebop en galego ou samba en francés».

 

Respecto ás túas influencias, que artistas ou grupos consideras referentes no teu xeito de entender a música?

Belém: «Referentes para min son as nosas avoas, as que cantaban e improvisaban e tocaban a pandeireta coa man e máis co puño. Despois, venero moito a figura dos grandes músicos como Vinícius de Moraes, Ella Fitzgerald, João Gilberto, Astor Piazzolla, Caetano Veloso, Mercedes Sosa, os Beatles, Pink Floyd, etc.».

 

Es a metade de Vudú, dúo (en stand by, disque) de soulk junto a Maritxinha que, ao poco de nacer, alzábase co Premio Martín Códax da Música na categoría Blues/Funk/Soul. Que vén sendo iso do soulk?

Belém: «O soulk foi unha etiqueta que inventei para Vudú, xa que a maioría das nosas letras viñan do folk pero a música era totalmente soul. Non pensei que fose transcender algo así, pero foi moi ben acollido».

 

 

Pero é que tamén podemos escoitarte en Aliboria...! Outro xeito diferente de achegarse á tradición, desta volta máis desde o vocal e a percusión? Que supón para ti ser parte deste proxecto tamén xunto a Xosé Lois Romero?

Belém: «Aliboria para min é unha escola, un grupo marabilloso onde podo aprender e medrar. Aliboria é un animal salvaxe, un proxecto singular, nada convencional e cheo de persoas excepcionais. Para min é un privilexio formar parte de Aliboria».

 

Moura. Foto © Leo López

 

Máis recentemente, pasaches da Irmandade Ártabra de MOURA —parabéns polo nomeamento, por certo ;)— á formación principal no seu último disco. Como é mergullarse no rock psicodélico e, ademais, nunha banda como é MOURA?

Belém: «Moura é un agasallo, porque o que se vive no escenario tocando con eles é bestial. Non sei se lle pasará a todo o mundo, pero a min pásame que preciso eses momentos de música a moito volume como para unha catarse; é unha sensación de forza e rito e felicidade moi besta, e iso só cho pode dar o rock, a psicodelia... Moura!».

 

 

E chegados a este punto... Como fas, ho!? O da loxística ben, non?

Belém: «[Risos] Si, ás veces é complicada! Ata cando preparo un concerto para ir eu soa levo o coche que parece a caravana do circo. Hai que organizarse ben e apuntar todas as cousiñas para levar nunha libreta ou onde sexa :)».

 

Tamén fuches vocalista en Luar na Lubre, grupo co que participaches na xira do seu 30 aniversario percorrendo escenarios da Península e de México. Como lembras esta experiencia?

Belém: «Foi unha das experiencias máis alucinantes que vivín nunca. Ser a cantante foi, ademais, unha sensación contraditoria de fraxilidade, pero tamén de forza, de reconstrución constante.

Na xira interpretaba todas as cancións míticas de Luar na Lubre e claro, a emoción compartida co público moitas veces era fermosísima. Ademais, unha banda con máis de 30 anos de experiencia e unha discografía tan ampla... Aprendín tantísimo a nivel musical e persoal nesa xira; teño para un libro!».

 

E aínda formaches parte de varios grupos máis, Moondogs Blues Party, O Cadelo Lunático, Sisters in the House, colaboraches con artistas como Brais Morán... que che empurrou a voar en solitario?

Belém: «Pois sentía que Vudú non enchía as miñas expectativas e tiña algo dentro que quería sacar; tampouco quería ser a eterna colaboradora doutras bandas. O que precisaba era buscarme e dicirlle á xente e a min mesma quen era eu. Por iso volvín á infancia e a Bos Aires, e por iso comecei a escribir tamén algunhas cancións en castelán».

 

Foto © Diego Bea Besada

 

En 2016 pasaches cinco semanas nunha residencia artística preto de Galway (Irlanda), dentro dun programa de intercambio lingüístico e cultural entre nacións con linguas minorizadas. Como describirías esa estada?

Belém: «Ui, iso foi un soño! Imaxínate, unha rapaciña gaiteira que sempre soñou con ir a Irlanda a vivir a vida musical que hai alí. Ademais, eu viña dunha situación laboral algo complicada e xusto saíu esa oportunidade de ir a Galway. Foi un subidón tremendo! E desa experiencia escribín o meu primeiro libro, algo que non pensaba que pasaría nunca».

 

Como resultado lemos, e escoitamos, Cantos do mar de Irlanda (2021), «unha viaxe musical pola costa oeste irlandesa» que recolle cantigas tradicionais en gaélico interpretadas por ti. Que diferenzas, e similitudes, atopaches entre ambas músicas?

Belém: «Interpretadas por outras persoas, eu só fixen de contadora de historias, de orella atenta. A verdade é que, sendo Irlanda o noso espello, moitas veces teriamos que aprender máis deles a coidar as nosas músicas, a valorar máis a nosa tradición, a compartila co mundo e a levala ao máis alto. As cantigas irlandesas son moi virtuosas a nivel de melodía e arranxo. É unha forma de cantar moi distinta tamén, quizais onde máis temos en común é nos cantos de traballo».

 

En outubro de 2020 debutabas en solitario co sinxelo Pájaro negro (2020) co que sorprendías non só polos seus ecos latinos, senón tamén polo cambio de idioma; pasabas de cantar en galego a facelo en castelán. Por que? Que provocou este cambio?

Belém: «Con este cambio quixen regresar á miña orixe, ao máis pequeno, e mirei que tiña dentro, mirei de onde viña eu. A resposta foi unha infancia na panadería de meus pais e na dos meus avós maternos en Bos Aires. Alí empecei a cantar e alí naceu o meu amor pola música. Tiña moito sentido escribir cancións en castelán para homenaxear ese nacemento».

 

 

Composto nun día este tema xorde «do desamor, da idea de abrazar o ideal perfecto». Adoita ser este o teu xeito de compoñer, desde situacións persoais, ou procuras inspiración noutros ámbitos?

Belém: «Si, Pájaro Negro naceu dun WhatsApp que non me contestaron [risos]. Polo de agora escribo moi pegada ao que sinto e vivo. É o máis natural. Pero estou tamén a xogar con outras fontes de inspiración como a literatura, as redes sociais ou a escritura automática».

 

Daquela, Pájaro negro facía de adianto dun novo disco pensado, en principio, para a primavera de 2021, pero que chega agora, un ano despois. Como viviches eses tempos de incerteza?

Belém: «Pois non foron uns anos fáciles para min, a verdade; unha fai plans e logo a vida xa os vai posicionando. E chegou unha pandemia e a perda dunha persoa moi importante para min, e todo se foi dando de forma máis lenta. Así que primeiro era poñerse ben e recuperar algo de forzas, curar as feridas e seguir cantando, como di a canción de “Como la cigarra” de Mercedes Sosa».

 

Neses «tempos raros para a cultura» participaches no Mans–Xuntanza Creativa xunto con Sofía Espiñeira e Los Jinetes del Trópico, e de aí saíu Remuíños de son”. Como foi o proceso de creación do tema xunto a eles?

Belém: «Foi divertidísima esa experiencia, porque á parte eramos un grupo de xente moi distinta e tiñamos un tempo moi limitado para crear e gravar ese tema. Pasámolo moi ben e penso que nos quedou un tema moi chulo.

Eu son unha apaixonada dos procesos creativos e levei unha chea de ideas extravagantes que sempre quixera probar, como o de sacar papeliños con palabras e empezar a rimar con elas. Foi xenial escribir xuntas».

 

 

Como adiantabamos, vés de lanzar o teu EP Un mapa (2022), cinco cancións inspiradas na túa Arxentina natal. Como xurdiu esta idea de «cancións-camiño»? É un xeito de reivindicar a Belém Tajes porteña?

Belém: «Si, é unha reivindicación total! Xa a idea do mapa parecíame un xeito de buscar ese lugar a onde ir ou, por que non, regresar a ese lugar de onde vés.

Agora que o móbil che recorda onde estiveches e cantos pasos camiñaches, parecíame moi evocador volver aos lugares onde naciches, porque nacer, nacemos moitas veces; renacemos nos sitios onde fomos felices ou onde fomos queridos e, para min, volver a Bos Aires era volver a esa alegría constante que teñen as crianzas. Eu quería reconstruír esa alegría e facela música».

 

Foto © Noelia Santos

 

Un mapa comeza cunha Intro” na que escoitamos a túa «versión» da canción infantil Arroz con leche”, harmonizada por Abe Rábade. De onde veu esta idea de conectar o pasado co presente nestes 36 segundos?

Belém: «Abe é un músico xenial que eu admiro moito e el ten ese costume, esa idea fantástica de “musicar” (buscarlle a melodía á voz falada) discursos ou diálogos. Ten un corte no seu disco Doravante (Nuba/Karonte Records, 2018) dun discurso de Angela Davis que el reharmoniza e é sublime.

E pedinlle se me reharmonizaba esta Intro miña cantando con 4 anos esta canción; para min é un agasallo fermoso e unha forma de poñer en contexto este EP».

 

O sinxelo presentación, Fracaso”, é un tango amilongado que naceu en tempos de máscara e distancia social; distancia... ese concepto inexistente á hora de bailalo. Foi este paradoxo intencionado?

Belém: «[Risos] Si, agora iso da distancia social soa raro, e menos mal, porque non sei se lembrades que bailar estivo prohibido! Recordo un par de concertos que fixen en pandemia co grupo Pesdelán nos que a xente bailaba desde a cadeira, sentada!

E claro, cando pensaba en escribir un tango, imaxinaba todas esas barreiras que tiñamos: as máscaras, a separación, todo carente de sensualidade, de pel... Era un baile, si, pero tamén un “fracaso”, como o título da canción».

 

 

Escoitamos tamén a Chacarera del limonero” xunto ás Lilaina. Como foi homenaxear o folclore arxentino a través de instrumentos e voces da nosa terra?

Belém: «Foi moi natural, moi orgánico todo. Pensei nas Lilaina xa cando estaba a facer a canción, elas poden tocar e cantar o que queiran porque teñen moita forza e, sobre todo, capacidade de traballo; son unhas músicas magníficas.

Un bo amigo dicíame que é unha chacarera ibérica e pareceume un bo resumo, xa que usamos pandeiros de Peñaparda e tamén [bombos] legüeros feitos aquí e voces galegas, unha conxunción moi bonita!».

 

 

A primeiros de 2021 publicabas Noite de lúa” como parte das Folk Sesions; unha versión en galego dun bolero de Antonio Machín. Tendo en conta que o pai de Machín era de Ourense, non hai certo paralelismo, pero en sentido contrario: o tema volve conectar Machín con Galicia, Un mapa volve conectar Belém Tajes con Arxentina?

Belém: «É que claro, quen máis ou quen menos ten algún familiar que tivo que emigrar. Como pobo tivemos esa sorte ou desgracia, forma parte da nosa idiosincrasia tamén esa conexión co internacional. O pobo galego aínda lle debe moito a toda a emigración, a esas persoas que construíron Galiza no exterior e que foron moi importantes para poder sobrevivir, para manter as nosas tradicións, para traernos avance.

A verdade foi que me sorprendín moito coa historia de Machín, e aínda a sigo a contar nos directos e moita xente alucina, porque non pensaban en que tremendo cantor tivese relación con Galiza».

 

 

Es mestra, especialista en musicoterapia; canta verdade hai niso de «a música amansa ás feras»? De que xeito sanda a música?

Belém: «É unha verdade absoluta! Usamos a música moitas veces inconscientemente no noso día a día para relaxarnos ou motivarnos. E tamén somos suxeitos pasivos, cando unha música nos acaba convencendo para mercar ou ir a tal sitio. Ten un poder incrible en nós.

Non acabo de entender por que non acaba de prender aquí o uso da música como terapia en centros de saúde, en xeriátricos, ou mesmo nas escolas, se é un recurso barato e exitoso. En Inglaterra os médicos xunto coas menciñas xa receitan música. Encantaríame que iso pasase aquí».

 

Se dicimos Ángeles Dorrio e Carmen Rey... que se che pasa pola cabeza?

Belém: «Son as mestras! Dúas mulleres de gran traxectoria musical e referentes para moitas cantantes de música moderna de Galiza».

 

Foto © Brais G. Rouco

 

Logo dun verán saltando de escenario en escenario (incluído o Metropolitano! con Aliboria e Vetusta Morla!), estreaches setembro no Festiletras (Ponteceso). Como é un directo de Belém Tajes? Tes algunha vindeira data pechada que queiras (ou poidas!) desvelar?

Belém: «Os directos son moi divertidos porque me acompañan dúas persoas que admiro moito e coas que teño xa un vínculo moi especial: Cibrán Seixo é un espectáculo velo, xa que toca o violín e cos pés toca o baixo pedal, e Nico Vieites coa guitarra enche as cancións de atmosferas singulares.

Aínda estamos en proceso de escribir a xira, así que non podo adiantar datas, pero pasaremos por Madrid, Barcelona e haberá tamén unha excursión a Alemaña».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Belém: «Recentemente puiden colaborar con Antía Muiño e gustoume moito a súa proposta e o seu directo. Tamén me parece fermosísimo toda a emoción que acada Nastasia Zürcher nos seus concertos».

 

Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña

Belém: «[Risos] Con total sinceridade cóntovos os cinco primeiros temas da lista de ‘Cancións que me gustan’ e son: “Aguas frías” de Helado Negro, músico americano pero de orixe ecuatoriana que fai un pop moi lixeiro cheo de voces aireadas. Despois está a “Fantasía en re menor” de Mozart; logo vén “Tu sonrisa inolvidable”, unha especie de chacarera de Fito Páez que ten unha instrumentación deliciosa; logo incorporei a “iNTRO” de DOMi e JD BECK, dous rapaces cun talento estratosférico que fan un jazz progresivo virtuosísimo; e, por último, unha gravación en directo do ano 69 do “Summertime” de Janis Joplin, que é para min unha das grandes mestras, irrepetible! Así que penso que por iso saín tan ecléctica».

 

  noticias