• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. SETEMBRO 2022

NOVOS LANZAMENTOS. SETEMBRO 2022
2 OUTUBRO 2022

 

Forget Me Not, Rumia

Entrevista en galiciantunes (2/11/20): «DESCUBRÍN QUE A ELECTRÓNICA É MOITO MÁIS QUE TECHNO OU DANCE»

Logo de máis de medio ano adiantándoo, Rumia lanza Forget Me Not (Fluctua Records, 2022), o seu primeiro longo; un álbum maxistral de pop melancólico onde a inocencia, a nostalxia e o desamor engárzanse vulnerablemente. A través de 11 cancións, a artista galega afincada en Berlín explora temas sobre o impacto do primeiro amor e os soños da infancia; letras co corazón espido e riffs de guitarra envolventes fan deste traballo unha especie de cápsula do tempo poética. En conclusión, Forget Me Not é un disco íntimo no que Rumia revela o seu auténtico eu compartindo experiencias e desenganos reais, un delicado equilibrio entre unha batería palpitante e un enfoque lírico máis melancólico, entre influencias do trip-hop dos noventa e os últimos discos de Taylor Swift.

 

 

 

Debris, Roberto Alonso Trillo

Este mes fará un ano que Roberto Alonso Trillo sorprendía coa publicación de 20 sonatas para violín e baixo compostas por oito compositores italianos, entre os que se atopan Vivaldi, Geminiani ou Corelli. Agora, faino de novo con Debris (2022), unha colección de composicións electrónicas baseadas nos materiais xerados polo motor de síntese Demiurge, plataforma de aprendizaxe automático de música que engloba «unha arquitectura de rede neuronal tripartita» desenvolta conxuntamente por Alonso e Marek Poliks, xunto a un equipo de colaboradores da Hong Kong Baptist University.

 

 

 

Black & White, MadMartin Trío

O último que escoitabamos deles era Tornado (2017), un vinilo de 10” gravado en analóxico que recollía tres cancións propias e cinco versións. Logo dun verán cargado de directos, MadMartin Trío volvía ao mercado discográfico con Black & White (2022), EP de catro cortes nos que o “high energy rockabilly” do que falan na súa biografía se escoita como nunca antes. Pouco máis de 10 minutos de melodías frenéticas, rockabilly potente e ese rock ‘n’ roll primitivo, directo e clásico que leva carcaterizando ao trío compostelán

 

 

 

 

Trac 3, TRAC

Logo de publicar simultaneamente dous álbums conceptuais —El bosque sin árboles (2016) e Man (2016)— TRAC rompe o seu silencio discográfico con lanzamento de Trac 3 (2022). O grupo coruñés presenta unha terceira referencia que, unha vez máis, baila libremente entre acordes de rock progresivo. O contido principal do álbum vén acoutado polas minisuites ‘El crepúsculo de la doble visión’ e ‘Contrastes’; entre elas, escoitamos catro pezas tamén orixinais: ‘Ingravidez’, ‘La hierba cortada’, ‘Liza’ e ‘Rock & Prog’, ás que hai que sumarlle unha magnífica reinterpretación desenvolta sobre ‘El hombre y la tierra’ de Antón García Abril. Ademais, e como bonus trac, Trac 3 remata co clásico de Charles Mingus ‘Goodbye Pork Pie Hat’, pero «tocada» a partir da versión que Jeff Beck interpretou nos 70, que agora o cuarteto recupera como tributo a ambos artistas.

 

 

 

 

(Di)versos femeninos; Juan Durán, Nuria Lorenzo e Alejo Amoedo

Presentado en agosto como parte da programación do IKFEM, (Di)versos femeninos (2022) é o novo de Nuria Lorenzo e Alejo Amoedo, un traballo onde o dúo interpreta composicións asinadas polo vigués Juan Durán. Gravado no Auditorio Municipal Carmen Estévez (Vilalba), o resultado é unha decena de pezas nas que piano e voz manteñen unha conversa entre iguais, desde o respeto e a dignidade cara eses versos escritos para perdurar na memoria.

 

 

 

Un mapa, Belém Tajes

Entrevista en galiciantunes (26-9-22): «RENACEMOS NOS SITIOS ONDE FOMOS FELICES, ONDE FOMOS QUERIDOS»

Aquel Pájaro negro (2020)) foi o primeiro sinxelo en voar, e agora, dous anos despois, Belém Tajes bota ao aire catro temas máis. Xuntos conforman Un mapa (2022), primeiro EP desta primeira etapa como solista na que cambia o galego polo castelán e as súa inspiración cruza o oceáno Atlántico; a cantante a compositora «volve» ata os primeiros anos da súa vida en Bos Aires, onde naceu, para facelos canción. Gravado entre Rayuela, Abrigueiro e Estudios Mans, este traballo é “o seu mapa emocional, unha historia de brazos abertos” na que colaboraron artistas como Nico Vieites (guitarra), Cibrán Seixo (violín), Lilaina (voces, percusión), Adrián Seijas (batería) e Sérgio Tannus (guitarra), entre outros.

 

 

 

🎧 Sigue a nosa lista de Singles 2022 en Spotify para estar ao día das novidades discográficas dos artistas e grupos de galiciantunes.com!

 

 

🎧 E se es dos maximalistas que o queren todo, tamén podes seguir a de Álbums 2022 cos discos completos!

  noticias