O CADELO LUNÁTICO: «ROSALÍA DE CASTRO É UNHA DAS PRIMEIRAS "BLUSEIRAS" GALEGAS»
Como as grandes tecnolóxicas de Silicon Valley, O Cadelo Lunático tamén se xestou nun garaxe, non coa baía de San Francisco de fondo, senón coa da Coruña. Hai sete anos que en Oleiros, onde Javier Prado (voz, guitarra) vivía daquela, comezou escoitarse un novo ouvido blues; Prado continuaba así a súa traxectoria musical logo de despedirse de Moondogs Blues Party. Facíao rodeado de Belém Tajes, Maritxinha e Olalla Ferga, e un debut, Malos Tempos (Inquedanzas Sonoras, 2015), que demostraba como era posible facer blues e soul en galego.
O Cadelo volve agora a ouvear cunha formación renovada —xunto a Pedro Gregorio (teclados), Jorge Arenaz (baixo) e Nico Rodríguez (batería)—, un novo repertorio e un novo disco: Pantasmas das rúas (2022).
O Cadelo Lunático: Jorge Arenaz, Nico Rodríguez, Javier Prado e Pedro Gregorio. Foto © Brais G. Rouco
Fundado por Javier Prado, voz e guitarra de Moondogs Blues Party, O Cadelo Lunático comeza a ouvear en 2015. Que foi o que puxo en marcha este novo proxecto?
Javier Prado: «Por aquel tempo tiña algunhas composicións de blues feitas en galego e, na casa, a miña compañeira dicíame que sería boa idea que viran a luz. Moondogs era unha banda cun son moi determinado; moviámonos polo rock e blues progresivo e non tiñan cabida estas composicións tan persoais. Polo que nun garaxe de Oleiros, onde vivía por aquel entón, comecei a gravar aqueles temas».
Os nomes de ambas as dúas bandas, Moondogs e O Cadelo Lunático, este último tamén título do primeiro disco de Moondogs e dun blog de Javier Prado... Javier, que ten esa imaxe dun cadelo ouveándolle á lúa para se converter nunha constante da túa carreira?
Javier: «O concepto chegou a través dunhas lecturas sobre o comezo do blues e do rock and roll e a figura de Alan Freed, disc-jóckey da época que tiña un programa chamado ‘Moondogs Rock and Roll Party’.
O de ouvear ten a súa explicación en Howlin Wolf, un dos meus cantantes de blues favorito. Ademais, sempre me considerei a min mesmo como un músico que non cantaba, senón máis ben que berraba ou ouveaba».
Volvendo a vista atrás, Javier, que lembranzas che quedan de Moondogs? Miras con nostalxia aquela época?
Javier: «Musicalmente foi unha época trepidante; a cantidade de composicións que quedaron no tinteiro foron moitísimas, saían ideas todas as semanas e cando nos xuntabamos toda a banda era xenial. Hai gravacións de ensaios tituladas “Odisea do Jazz”, así que podedes imaxinar o que alí acontecía.
Persoalmente, tiven a sorte de compartir dez anos con amigos e amigas facendo o que máis nos gustaba; algo que, ás veces, é difícil de atopar no mundo das bandas. Lémbroo con cariño».
Malos tempos (Inquedanzas Sonoras, 2015) foi o primeiro traballo do grupo, pero non podería verse máis como o proxecto en solitario de Javier Prado arredor do que se conforma unha primeira formación da banda?
Javier: «Así foi! Sucedeu o mesmo coa formación de Moondogs; un proceso persoal no que trato de darlle saída a ideas persoais conflúe cun conxunto de persoas que habitualmente están no meu círculo máis próximo. Naquel momento, Belém Tajes, vivía preto da miña casa e achegábase de cando en vez a gravar algunha colaboración ou compartir momentos musicais no estudio que tiña no garaxe, e de aí saíu a primeira formación».
Esa primeira formación completábana Belém Tajes (Vudú, Moura...), coa que coincidiras en Moondogs, e Maritxinha (Vudú, Udra) e Olalla Ferga (La Senda de Afra)? Por que elas?
Javier: «Belém colaborara con Moondogs e tiñamos certas confluencias musicais que nos facían entender as cousas do mesmo xeito. A Maritxinha e a Olalla coñecíaas de velas noutros proxectos ao vivo e pensei que unha banda así podería funcionar.
Primeira formación: Belém Tajes, Javier Prado, Maritxinha e Olalla Ferga. Foto © Cristina Corral Soilán
Con respecto a Moondogs o primeiro que chama a atención é o cambio de idioma: do inglés ao galego. A escolla do galego foi unha opción ética ou estética?
Javier: «É unha pregunta moi habitual que penso que ten unha resposta moi cotiá. Cando comecei a cantar, escoitaba fundamentalmente música en inglés, e trataba de emular a esas grandes influencias. Na época na que se xestou O Cadelo, lía moita poesía en galego e tamén tiven a sorte de coñecer a Fran Pérez NARF, que me influíu moito. Apenas existían referencias desta música en galego e resultoume interesante o reto.
Non hai unha idea de protesta, nin política, nin sequera cultural detrás deste feito, canto en inglés, en galego e tamén en castelán porque son as linguas que manexo, sen máis».
En Malos tempos atopamos musicados tres poemas de Celso Emilio Ferreiro “Mentres imos andando”, “Longa noite de pedra” e “Non” extraídos todos de Longa noite de pedra (1962). Por que Celso Emilio, ao que tamén volves no segundo traballo con “Pasmón”?
Javier: «Celso Emilio é unha grande influencia, tanto na súa poesía como no seu xeito de ver a vida e o galeguismo. Penso que é unha personalidade de referencia para Galicia que deberiamos reivindicar con moita máis forza. Un escritor que está máis de actualidade que nunca, que sufriu e viviu o que podemos chamar o blues da vida nas súas propias carnes. A súa poesía ten unha gran musicalidade e unha gran capacidade atemporal».
Morriña, saudade… cres que todos os galegos levamos dalgún xeito un bluesman dentro?
Javier: «Gústame moito a peli The Commitments (Alan Parker, 1991) onde o protagonista fala sobre os irlandeses como os negros de Europa, e os de Irlanda do Norte como os negros de Irlanda; sempre tiven esa comparación na cabeza con Galicia. Aquí hai moito blues, non só musical, senón tamén de idiosincrasia, un exemplo pode ser a poesía de Celso Emilio ou a de Rosalía de Castro, unha das primeiras bluseiras galegas.
O blues nace do apego coa terra e cun sentimento que conecta a toda a humanidade, pero tamén de xeito estético podemos atopar similitudes. Hai pouco publiquei un artigo sobre o blues nunha revista cultural onde facía unha comparativa coas estruturas tradicionais desta música americana e da música tradicional galega, en canto á musicalidade e tamén ás letras se refire».
Unha curiosidade, antes falabamos do blog de Javier Prado. Entre outras cousas, descríbense algúns proxectos do tipo «fágao vostede mesmo» entre eles a confección dunha pedaleira ou a construción dunha curiosa guitarra feita cunha caixa de puros. É a mesma que toca Hugo Ramos en “Só”? Segues a usala? Que foi dela?
Javier: «Si, todo iso sigo a usalo! A miña pedaleira é artesanal e con material de refugallo e tamén teño varias cigar box que emprego na casa para divertimento. Gústame indagar no son; no primeiro disco de Moondogs tiña todo tipo de percusións caseiras, lembro que gravara unhas botellas de auga batendo contra un calefactor».
Cigar box guitar. Foto © Javier Prado
En xuño sorprendiades cun novo traballo, Pantasmas das rúas (2022) cunha nova formación agora con Pedro Gregorio (Showbiñas Experience), Jorge Arenaz (Booty Sweat) e Nico Rodríguez (Cora Velasco). Cambio tamén de filosofía? Porque semella que a composición agora é tamén máis «coral», non?
Javier: «Gústame que nos proxectos que poño en marcha os músicos acheguen o que queiran de xeito libre.
Facemos concorrer influencias e ideas e dámoslle unha forma común; neste caso achegáronse temas por parte de Pedro e de Nico, centrándome eu en incluír coas letras esas ideas na liña argumental do disco, que forma parte da miña filosofía persoal. Un disco para min é como un conxunto narrativo, non son cancións aleatorias sen máis, hai un fío argumental que che leva dunha á outra».
Atendendo aos compoñentes de cada etapa, parece haber un desprazamento do norte ao sur de Galicia. É casual?
Javier: «Xa hai uns anos que me instalei nas Rías Baixas. O modelo de cidade de Pontevedra resultoume novidoso e moi atractivo; sen dúbida, único en Galicia.
No sur hai movemento bluseiro e, despois dun parón musical de case dous anos, coincidín en jam sessions con estes músicos, cos que toquei en distintos proxectos de versións para acabar recuperando o proxecto do Cadelo».
Para a maioría dos temas do novo disco contastes coa colaboración da escritora lucense Cristina Corral Soilán, da que xa aparecía un poema musicado en Malos tempos, “Todo”, do libro Esencia de trementina (2007). Como foi traballar con ela, agora desde a composición?
Javier: «Coñezo a Cristina e a súa escrita desde hai moitos anos; a súa colaboración vén desde a época de Moondogs, onde traballou como representante da banda. As colaboracións neste disco partiron dunhas correccións lingüísticas ata converterse en varias composicións conxuntas.
Xa traballara con ela facendo unha banda sonora de temas infantís para a televisión, así como musicando algúns dos seus libros».
Xa máis en xeral, como foi o proceso de creación dos temas do disco?
Javier: «Os temas foron creándose no ensaio; alguén do grupo levaba unha idea xeral de música e estilo e, despois dunha posta en común, facíase un traballo individual que agromaba coa composición final. Despois os arranxos ían incorporándose ata o mesmo día da gravación. Todos os temas levan algo de cada un de nós».
Tres temas rexistráronse nos estudios Garaxeland de Santiago de Compostela con Eduardo Vidal e Adrián Blanco; pero a meirande parte do disco gravouse en Guitar Town (Cantabria) con Hendrik Röver (líder de Los Deltonos). Como foi a experiencia de traballar man a man con el?
Javier: «Comezamos gravando en Garaxeland porque Edu é un grande amigo de toda a banda e a experiencia foi formidable. Había pouco que inaugurara os estudios e traballar alí con el foi como facelo na casa. A calquera banda que estea pensando en gravar diríalle que non o dubidase, vai ser unha experiencia incrible, nós repetiremos con el seguro.
Por outra banda, tiñamos a idea de gravar con Hendrik xa antes da pandemia (tivemos que cancelar outras datas reservadas) porque é un ídolo conxunto de todos os compoñentes da banda. Á parte da súa traxectoria como músico gústanos o seu traballo como produtor. Fomos gravar alí en xaneiro e en Cantabria estabamos a cero graos, con todo, a experiencia no estudio foi a máis cálida que tivemos nunca.
Tanto en Garaxeland como en Guitar Town decidimos gravar tocando todo ao vivo, sen retoques, algo que xa non se leva nestes tempos. Buscabamos transmitir a enerxía que temos como banda e penso que se conseguiu».
Foto © Brais G. Rouco
Blues e soul en galego... Si, pero alén das etiquetas, como describiriades o son do Cadelo Lunático? Que é iso do glues?
Javier: «Tratamos de que sexa unha música honesta, dirixida a todos os públicos, cunha raizame clara no blues e soul americanos e cunha referencia de clásicos neses estilos, pero sen entrar en purismos nin snobismos. Tentamos contar historias que lle pasan á xente e coas que se poidan identificar á marxe de conceptualismos ou posturas estéticas.
O do glues foi unha pequena “confusión” dun xornalista, que rematou por acuñar, pensamos que sen querer, un nome ben identificativo: o blues en galego, algo así como galician tunes, pero galician blues».
E se falamos das vosas Influencias, cales diriades que son as máis importantes?
Javier: «Todos os compoñentes somos afluentes do blues máis clásico como pode ser o de B.B. King, Muddy Waters ou Freddie King, pasando polo soul da Motown, Stax ou Atlantic, e chegando á música negra máis actual».
Obviando a pantasma pandémica... por que ese lapso de sete anos entre Malos tempos (2015) e Pantasmas das rúas (2022)?
Javier: «En realidade, Pantasmas das rúas podería ter saído en 2020. De feito, pasamos uns días gravando nuns estudios en Vigo tres dos temas que conforman o disco e que nunca viron a luz.
O fío argumental naceu un par de anos despois de que esta formación estivera rodando. Trato de compoñer sobre as cousas que me pasan no día a día, no que sucede na rúa, na miña vida; ás veces todo está parado e noutros momentos estás no ollo do furacán».
E tras eses anos, que diferencias e semellanzas destacarías entre ambos traballos?
Javier: «Son dous discos moi diferentes; no primeiro reflicto un momento convulso da sociedade, a temática é un pouco máis de reflexión e de crítica social no que se refire á crise que estabamos a vivir. Neste disco céntrome máis naquelas persoas que a sociedade decidiu deixar fóra, as pantasmas que nos acompañan todos os días polas rúas pero que non nos interesan. É outro tipo de crise, tal vez máis referida á nosa identidade como tribo, aínda que sen dúbida tamén derivada deste sistema.
Musicalmente, Malos tempos é máis persoal e de raizame, cunha sonoridade próxima aos blues rurais e menos sofisticado, mentres que Pantasmas das rúas abrangue desde estilos de blues máis clásicos de cidade, ata referencias de Nova Orleáns ou un son máis soul».
Foto © Brais G. Rouco
Algo que teñen en común os dous discos é a aposta pola ilustración na portada, obra no primeiro de Suso Cubeiro e de Raúl Maya no segundo. Por que Suso daquela e por que Raúl agora? Como traballades ese tema do deseño das portadas, tedes unha idea clara que eles plasman, teñen absoluta liberdade, un pouco de todo...?
Javier: «É unha aposta polo traballo feito en Galicia; hai ilustradores e ilustradoras incribles que apenas teñen visibilidade. No primeiro caso, Suso é un bo amigo e recoñecidísimo ilustrador tanto a nivel artístico como editorial, dentro e fóra de Galicia, co que teño compartido moitas tardes-noites musicais e que xa tiña colaborado tamén con Moondogs.
No caso de Raúl, é un grande afeccionado ao blues e xa coincidira con el había uns anos facendo carteis para un local de blues en Vigo. Ten un estilo moi característico que lembra, en parte, a clásicos americanos que pensamos que reflectiría moi ben o espírito do disco. Para facer a portada paseille a música previamente, conteille o fío argumental narrativo e dinlle total liberdade; enviou unhas ideas e fixemos unha combinación para traballar sobre ela de xeito libre».
Na última edición dos Premios Martín Códax fostes finalistas na categoría de Blues/Funk/Soul. Que significou para vós este nomeamento? Na vosa opinión, que papel pensades que teñen este tipo de galardóns á hora de impulsar a música do país?
Javier: «O recoñecemento foi algo moi positivo, entre outras cousas porque se fai en conxunto por músicos e xente da música. Sempre resulta un pulo ao teu traballo ver que hai xente de que se fixa nel e o valora de xeito positivo.
Este tipo de galardóns sempre son bos para darlle visibilidade ás bandas creativas e aos seus traballos, e poñer en valor o nivel da industria musical galega que, aínda que só é un embrión, podería xerar moitos postos de traballo se houbese máis apoio institucional».
Que pode agardar o público que acuda a un concerto do Cadelo Lunático?
Javier: «Sobre todo diversión e música que lle fará moverse do asento. Nos concertos do Cadelo Lunático báilase e descóbrense historias, divírtense e conéctase en certo modo coas persoas».
O Cadelo Lunático no Krazy Kray (Cambados). Foto © Cristina Corral Soilán
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?
Javier: «Dentro do noso estilo sen dúbida Adrián Costa ou Marcos Coll son sempre referencias. Tamén están facendo un grande traballo Udra e Belém Tajes».
Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña
Javier: «Pois desde Al Green, Sean Costello, Allman Brothers Band ou Van Morrison en inglés, pasando por Los Deltonos, Monsieur Periné, Su Garrido e Narf en castelán e galego».