• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

GRUPOS E ARTISTAS DA SEMANA 2022. VOL II

GRUPOS E ARTISTAS DA SEMANA 2022. VOL II
26 DECEMBRO 2022

Hoxe, 26 de decembro, é o derradeiro luns do no; e hoxe, despedimos o «noso» 2022 cos Grupos e Artistas da Semana de xuño a decembro. Completamos así o repaso anual, agradecendo aos artistas e grupos que nos dedicaron a súa música, as súas verbas... e a «súa» canción. Preguntámoslle, a todos e cada un deles, que canción escollerían da súa discografía e por que... e aquí descubrimos as súas respostas!

De hoxe nun ano! 🥂

 

 

SANTI ARAÚJO

Entrevista en galiciantunes (6/6/22): «TODAS AS MIÑAS CANCIÓNS NACEN CUNHA GUITARRA NAS MANS»

Santi Araújo: «Elixiría “Manzanas / Verano”. Emocioneime moito a primeira vez que escoitei o disco rematado, xusto ao acabar esa última canción».

 

 

 

 

APARATO

Entrevista en galiciantunes (13/6/22): «UNHA VEZ QUE SE FAN, AS CANCIÓNS ACABAN TENDO VIDA PROPIA»

María Caramés: «A miña canción favorita do noso álbum é “Magnetic Fields”, transpórtame a un espazo moi cinematográfico de ciencia ficción e ten unha enerxía tan potente ao vivo... flípame».

Chus Silva: «Penso que “Storm & Illusion” é a que mellor representa o momento no que estamos e conta cun electrizante solo de guitarra eléctrica da man de Ramón Orencio. Unha canción que fala do inevitable: “sexa o que sexa, so che pido que cando aconteza, suxéitame con suavidade porque teño medo de quedarme só cando o inevitable aconteza”».

 

 

 

 

NASTASIA ZÜRCHER

Entrevista en galiciantunes (20/6/22): «VIVO POLAS EMOCIÓNS, POR SENTIR, POR AMAR, POR COMPARTIR»

Nastasia Zürcher: «Elixo “To Confess” do meu último álbum. Síntome totalmente representada nela: a nivel estilístico (ese neosoul e R&B co que medrei), temático (vivir intensamente a vida; aínda que me equivoque ás veces nas decisións, preciso experimentar e, cando toca, pois simplemente recoller as pezas do quebracabezas vital, pero coa satisfacción de ter vivido a vida plenamente e chegar á calma grazas a esas vivencias e reflexións; sonche moi intensa...); así como polo feito de que sexa un tema, como os chamo, pa’ cantar, de vocalista total [risos]. Ademais, penso que nos quedou moi redonda e fermosa a produción».

 

 

 

 

CRÓ!

Entrevista en galiciantunes (27/6/22): «A IMPROVISACIÓN PODE SER PLANIFICADA E OS PLANES IMPROVISADOS»

Cró!: «A ver, que quede claro que esta é unha pregunta imposible de acertar a varios niveis hormonais, vibracionais e dimensionais e que, por outra banda, a elixo unicamente eu porque os meus compas estaban a tope de curro e pasaron de min para responder... así que agora lles fago o fak iu subíndome as gafas e digo “Buah!”.

Porque supoño que o último define máis por onde pasou o grupo que ao revés e, ademais, que nos conta onde nos apetece estar; tamén porque é moi divertido de tocar e de bailar aínda que, insisto, se me preguntases isto dentro de 5 minutos probablemente diría outra cousa... Seguramente cando se publique xa estarei pensando que “menuda parvada!” e cando o lean as miñas amadas compañeiras vanme dicir algo tamén, pero é que mimá, non? 15 anos, seis discos, unha canción... é difícil».

 

 

 

 

TWO FACES

Entrevista en galiciantunes (11/7/22): «SE ALGO TEÑEN EN COMÚN AS NOSAS CANCIÓNS É QUE SON COMO VIAXES»

Two Faces: «Pois aínda que resulta moi complexo elixir só unha, é certo que os dous estamos de acordo en que o tema “Balance” é un dos preferidos pola súa sonoridade; tamén grazas á colaboración do saxofonista Miguel González (Susana Seivane, Garufa Blue Devils Big Band)».

 

 

 

 

GUEZOS

Entrevista en galiciantunes (25/7/22): «PROCURAMOS FACER CANCIÓNS QUE SEXAN MOI CANTABLES»

Guezos: «“Faíscas”, sen dúbida. Pensamos que é un punto de inflexión. Unha letra que nos representa, unha música cunha melodía bonita e sentímonos moi a gusto cando a tocamos. Cremos que conectou coa xente, iso é o máis importante».

 

 

 

 

MADALENA GAMALHO

Entrevista en galiciantunes (8/8/22): «CANTAR EN PORTUGUÉS RESÚLTAME MOI NATURAL, GÚSTAME ESTA FONÉTICA PARA EXPRESARME»

Madalena Gamalho: «Penso que me quedo con “Todas as pessoas”, porque foi impresionante poñerlle este tema, cando aínda era só unha demo, a unha amiga e vela emocionarse; mesmo no último concerto me dixo que se volvera emocionar. É moi bonito provocar iso coas túas cancións».

 

 

 

 

MINGUANTE

Entrevista en galiciantunes (22/8/22): «NON HAI DOUS CONCERTOS DE MINGUANTE IGUAIS»

Minguante: «Escolleriamos “Non me queda nada”, unha canción do noso novo disco que fala sobre a cobiza, porque a compuxemos enviándonos notas de voz de WhatsApp e porque o pasamos moi ben tocándoa ao vivo».

 

 

 

 

SESO DURÁN

Entrevista en galiciantunes (5/9/22): «‘ASCENSIÓN’ PROCURA A LUZ PERO SEN AGOCHAR AS SOMBRAS»

Seso Durán: «“O país non país”, porque é directa, curta; a letra é sinxela e profunda ao mesmo tempo, e está entre as preferidas polo público».

 

 

 

 

UKESTRA DO MEDIO

Entrevista en galiciantunes (12/9/22): «O UKULELE É UN INSTRUMENTO DE SON ALEGRE, PERO QUE PODE VALER PARA MOITOS TIPOS DE MÚSICAS E TODO TIPO DE LETRAS»

Ukestra do Medio: «“Movêrom-me os marcos”, porque foi unha das primeiras pezas que montamos entre todos, aprendendo a traballar xuntos no local de ensaio. Ten un toque country do que gustamos e, ao mesmo tempo, unha temática moi do noso país».

  

 

 

 

XOSÉ MIGUÉLEZ

Entrevista en galiciantunes (19/9/22): «QUERÍA FACER UN DISCO MÁIS CLÁSICO NA COMPOSICIÓN, PERO MÁIS LIBRE NA IMPROVISACIÓN»

Xosé Miguélez: «Penso que “Meniña” é unha canción onde se atopa un equilibrio bastante bo entre a música tradicional galega e o jazz cunha enerxía que se mantén durante toda a peza, o solo de Pilc é absolutamente fantástico».

 

 

 

 

BELÉM TAJES

Entrevista en galiciantunes (26/9/22): «RENACEMOS NOS SITIOS ONDE FOMOS FELICES, ONDE FOMOS QUERIDOS»

Belém Tajes: «Escollería sen dubidar “Pájaro negro”, por ser a primeira canción que escribín en castelán e por estar ligada a moitas persoas que quero; foi o meu cambio de etapa.

Para o videoclip que fixemos deste tema impliquei a moitas persoas que, desinteresadamente, colaboraron e deixaron todo amor. “Pájaro negro” simboliza aquilo que queres acadar e non podes, todo ese absurdo perfeccionismo que nos impoñemos e que non serve para nada máis que sufrir. Así que chega un momento no que tes que pensar que xa basta de gastarse en plans, persoas e traballos que non che fan feliz... e seguir adiante».

 

 

 

 

MAGICAL COLORS

Entrevista en galiciantunes (3/10/22): «O QUE FACEMOS É MÚSICA ROCK SEN POÑERNOS FRONTEIRAS NIN LÍMITES»

Magical Colors: «Pois hai varias que representan moi ben o que somos e o que facemos. “Trippin’” podería ser a máis representativa, pero como o seu son non é tan bo como o deste traballo, quedámonos con “A procesión das bestas”, que tamén é un bo exemplo do que somos e o que facemos».

 

 

 

 

 

TRAC

Entrevista en galiciantunes (10/10/22): «O ROCK SEMPRE FOI O NOSO LUGAR COMÚN DE ENCONTRO»

TRAC: «“El hombre y la tierra” (a peza completa) deste álbum, Trac 3 (2022). Aínda que é unha versión e é puramente instrumental, mostra moitas características da esencia de TRAC».

 

 

 

 

DE NINGHURES

Entrevista en galiciantunes (31/10/22): «FACEMOS MÚSICA CON CONCIENCIA E CONSCIENCIA GALEGA, COS PÉS CHANTADOS NO PAÍS E OS BRAZOS ABERTOS AO QUE VEÑA»

Aldara Palmeiro: «Eu vou quedar precisamente coa máis recente, “Yalah”. Estou moi orgullosa de que fixésemos un tema que soe tradicional e actual á vez; unha cousa que valoro moito. E tamén porque son incapaz de escoitala sen emocionarme nalgún punto do tema: a letra, a forza do retrouso, a instrumentación medio onírica... Xa se me pasará a parvada».

 

 

 

 

CARLOS ARCAY

Entrevista en galiciantunes (7/11/22): «SEMPRE SUPÓN UN RETO CONTAR UNHA HISTORIA SEN DICIR NIN UNHA PALABRA»

Carlos Arcay: «Para os experimentados nestas músicas recomendaría o meu último tema, “The Legend of the First Three”, que é o máis recente e un dos máis completos; pero escollo “Inside of You (of Me)”, xa que é seguramente o tema máis accesible para todos os públicos. A verdade é que leva bastante sentimento e está dedicado á miña muller.

 

 

 

 

ANDREA GONZÁLEZ

Entrevista en galiciantunes (14/11/22): «O QUE PRETENDO É TRASCENDER AS FRONTEIRAS COA MÚSICA»

Andrea González: «“Salve Regina” de Rosendo Salvado (arranxo de Robert Nixon). Escólloa porque me conecta co pasado e o presente; é melancólica, pero ao mesmo tempo esperanzadora. Ademais de ser a canción favorita de Rosendo Salvado, que sempre cantou nos seus momentos de alegría e dificultade ata o derradeiro momento».

 

 

 

 

VISIONS OF JOHANNA

Entrevista en galiciantunes (21/11/22): «SOMOS UNHA BANDA DE ESCRAVOS DA MÚSICA AO SERVIZO DAS CANCIÓNS»

Mario: «A estas alturas xa escollería algunha nova que nin sequera está no álbum, pero das que están no disco, “I Can’t Pretend Anymore”».

Jorge: «Escollemos “I Can't Pretend Anymore”; en primeiro lugar porque nos encanta como quedou grabada, Paul fixo un traballo alucinante de produción e, de feito, en breve sacaremos un videoclip deste tema. E, en segundo lugar, é unha canción especial para a banda porque foi a primeira que compuxen especificamente para Visions of Johanna».

 

 

 

 

VEGA SCAN

Entrevista en galiciantunes (28/11/22): «A INSPIRACIÓN VÉN DA NOSTALXIA, DO QUERER VOLVER Á INOCENCIA DE DESCUBRIR NOVOS SONS»

Vega Scan: «Elixiría “Contando pasos”, por ser a única canción na que canto, aínda que con moito procesado. Non sei si cantarei outra, pero gustoume o resultado final; penso que é a que máis se aparta do que viña facendo, e esa ruptura gústame. É unha canción que me transporta a outra época da miña vida, a momentos de descubrimentos, de vivir sen temer as consecuencias, non mellores, pero si máis emocionantes onde todos, ou case todos, os misterios aínda estaban por desvelar».

 

 

 

 

VALENTÍN CAAMAÑO

Entrevista en galiciantunes (5/12/22): «OS TEMAS DUN TAMÉN SON FILLOS DOS MÚSICOS QUE ESCOITAS»

Valentín Caamaño: «E difícil elixir un tema propio, sempre é máis doado facelo na distancia, sobre todo emocional, pero se teño que escoller un, escollo “Un segundo de terror”, porque é a miña primeira composición. No seu momento foi interpretado por Clan Moriarty, despois por Francis Kaners. Agora rescatado para Stormy Trucks».

 

 

 

 

O CADELO LUNÁTICO

Entrevista en galiciantunes (12/12/22): «ROSALÍA DE CASTRO É UNHA DAS PRIMEIRAS "BLUSEIRAS" GALEGAS»

O Cadelo Lunático: «Escolleriamos do último disco “Home común”. Defínenos a todos como o que somos: homes comúns, tratando de contar historias comúns que lle pasan ao común da xente nas súas vidas comúns».

 

 

 

Segue esta ligazón para ler (e escoitar!) as respostas dos Grupos e Artistas da Semana que pasaron pola nosa cabeceira de xaneiro a maio de 2022.

 

  noticias