• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

QFB: «SABEMOS O QUE QUEREMOS FACER E SABEMOS COMO FACELO»

QFB: «SABEMOS O QUE QUEREMOS FACER E SABEMOS COMO FACELO»
30 XANEIRO 2023

Corrían os primeiros anos dos noventa. O rap metal estaba en pleno auxe e bandas como Anthrax ou Rage Against the Machine entraban na listas de vendas e, na Coruña, nacía QFB, pioneira do xénero na cidade. Case tres décadas despois, e logo dun paréntese de dous, o grupo está de regreso «máis vivo que nunca».

Toninho (voz), Darío (voz), David Acuña (baixo), David Rodríguez (guitarra) e Zalo (batería) volveron coller as rendas do proxecto con forza e ilusión renovadas. E para mostra, un disco; o primeiro. Trinta anos desde da súa creación e QFB debuta con Rexurdir (2022), un traballo que recupera os seis temas orixinais que gravaron para unha maqueta, alá polo 95, e as súas correspondentes versións actualizadas.

 

 

Foto © Sonia Navas Aranda 

 

O 8 de outubro de 1993 nacía QFB ao abrigo do Centro Social Sagrada Familia (A Coruña). Hoxe, case tres décadas despois, como lembrades aqueles inicios?

Toninho: «Lémbroos con algo de morriña: eran tempos nos que as nosas vidas eran máis doadas. Eramos uns nenos e todo era ilusionante. Non sabiamos o que nos viña enriba!».

Dary: «Eu con moito agarimo. Chegara recentemente á cidade e coñecín a estes personaxes. Despois de trinta anos somos como unha familia».

 

Que significa «QFB»?

Toninho: «En realidade non ten significado. É unha brincadeira xa de antes de ter a banda. Gústanos deixar que a xente empregue a imaxinación».

 

Fostes pioneiros do rap metal na cidade, un estilo que tivo a súa época dourada a mediados dos noventa, pero do que non había moitas bandas na escena galega (KannoN, Def Con Dos). Como vivistes aqueles tempos? Porque chegastes a compartir escenario con Elastica!

David A.: «Como calquera rapaz de 17-18 anos: música, amigos, estudos, festas e rapazas».

Toninho: «Foron uns anos moi intensos, con moitos concertos na cidade e na provincia, e moita relación con diferentes bandas locais. Os Def Con Dos xa eran habituais nas nosas escoitas, mentres que, cando KannoN comeza, nós xa estabamos comezando esa “retirada”.

A punta do iceberg foi, como dis, tocar con Elastica cando estaban no número un das listas británicas. Temos que agradecerllo a Nonito Pereira (fillo), que era quen levaba os concertos do Playa Club naquel momento e apostou por nós para ese evento».

Dary: «Con 18 anos e nunha banda... pois un pouco a tope».

 

Foto © Arquivo QFB 

 

Foi sempre este o voso xénero, digamos, de referencia, ou viñades doutros estilos orixinarios, como o hip-hop ou o heavy metal?

David A.: «A atmosfera underground foi moi importante, sempre estivo entre as nosas predileccións, aínda que somos unha cuadrilla bastante ecléctica no que á música se refire (heavy, rock, hip-hop, reggae, raggamuffin)».

Toninho: «A maioría escoitabamos o hip-hop que chegaba pola radio ou que ían traendo en Discos Portobello».

Dary: «Penso que fomos, e somos, consumidores de moitos estilos de música».

Zalo: «Jose (exguitarrista) máis eu viñamos de formar parte dunha banda de rock sen moito éxito, e como o noso era o heavy, fomos os que maiormente puxemos o noso granito metal á formación».

David R.: «Como guitarrista, desde os meus inicios teño influencias do rock en todas as súas vertentes: Deep Purple, Metallica, Iron Maiden, AC/DC... e moitos outros dos grandes do rock».

 

 

E, se falamos de influencias, a quen sinalariades? Quen diriades que tivo, ou segue a ter, un particular impacto no desenvolvemento do son de QFB?

David A.: «Influencias de Metallica, Anthrax, Cypress Hill, Beastie boys. Obviamente pola rama pura do hip-hop NWA, Randy Mc, e outros grupos que nos chegaban a través de amigos e que non se coñecían aínda».

Toninho: «A influencia máis directa é, sen dúbida, a colaboración de Anthrax no “Bring the Noise” de Public Enemy; os Beastie Boys e Rage Against the Machine son os que máis impacto teñen no noso son a día de hoxe».

 

Un par de anos despois da vosa creación, entrades en estudio para gravar unha maqueta de seis temas... que nunca viu a luz (ata, asumimos, agora? Pero diso falaremos máis adiante!). Por que non se chegou a publicar daquela?

David A.: «Penso que foi por falta de cartos e que ninguén chegou apostar forte por nós».

Toninho: «O motivo é do máis obvio: “non tiñamos nin para cervexas”».

Dary: «Si, foi principalmente a falta de cartos».

 

Foto © Arquivo QFB

 

Chega 1998, punto álxido, como diciamos, do xénero... e QFB sepárase. Que houbo detrás desta decisión?

Toninho: «Nese ano estabamos na transición de rapaces de instituto á vida laboral; uns marchaban para a mili, outros estaban a rematar os estudos e entrando a traballar... Sen perspectivas de poder vivir da música, o máis “doado” foi aparcar QFB».

Zalo: «A vida foi empurrando cara a esa separación. Como di Toninho, a mili, os estudos, o traballo... En definitiva, a transformación de mozos a homes foi o que obrigou esa decisión».

 

Máis de 20 anos despois, xuntádesvos de novo para ensaiar, revisar temas antigos e compoñer outros novos. Que propiciou o reencontro?

David A.: «Sempre quedou esa “envexa” sa ao ver concertos doutros grupos e, entre comidas e festas, acabamos falando do ben que o pasaramos. Isto, sumado a que unha gravación da maqueta do 95 foi escoitada por xente allea á banda e as reaccións foron boas, foi o detonante para retomalo».

Toninho: «Todos estabamos nun momento laboral e familiar máis estable, se é que iso existe. Tamén o sentimento de celos ao acudir aos concertos e non estar no escenario».

Zalo: «Había pouco tempo que eu rematara unha etapa cunha banda de rock de Narón; chegoume a proposta destes tolos, revivir QFB sen máis inquietude que xuntarnos e tocar eses temas que tiñamos na memoria. Así foi como comezou este “rexurdir”».

Dary: «Concordo no da envexa, pero tamén ganas de compartir novos grandes momentos con eles».

 

Foto © Sonia Navas Aranda 

 

Pouco tempo despois, coas forzas e ilusións renovadas (mesmo volverades aos escenarios!), chegaba a pandemia. Como afrontastes o tempo de incerteza, tendo en conta que, dalgún xeito, estabades en pleno «rexurdimento»?

David A.: «Foi un verdadeiro pau. Acababamos de presentar o primeiro concerto. Tiñamos cinco ou seis datas máis e, de súpeto, rematou todo. Ademais, o confinamento quitounos o poder ensaiar xuntos e houbo que reinventarse. As novas tecnoloxías e ter tempo para compoñer permitíronnos seguir medrando e madurando a idea de QFB, e usar esas tecnoloxías que nunca usaramos neste contexto foi toda unha aprendizaxe».

Toninho: «A pandemia nos primeiros momentos foi unha xerra de auga fría, mais somos teimudos e, aproveitando que hoxe temos a tecnoloxía do noso lado, decidimos aproveitar para compoñer novos temas e mellorar os que xa tiñamos».

 

 

“Doces Soños” e “Non é Non” foron dúas cancións compostas e lanzadas durante o confinamento; a primeira era para fomentar o movemento #EuFicoNaCasa, a segunda estaba dedicada á loita contra a violencia machista. Na vosa opinión, que papel pensades que xoga a música á hora de concienciar ou chamar a atención sobre un determinado tema?

David A.: «Ten gran relevancia; a música e o que expresa é unha influencia, aínda que involuntaria, na conciencia da xente. A mensaxe é clara; é unha visión e forma de contar unha historia, ou a realidade de quen a canta, e ser interiorizada por quen a escoita».

Toninho: «Eu sempre tiven a certeza de que a música ten un compoñente moi potente á hora de concienciar aos oíntes, e a proba a temos nos cantautores da ditadura e a transición.

David R.: «Para min a música é o medio de comunicación por excelencia».

 

Co gallo do Día das Letras Galegas 2021, publicabades “Compañeiro Daniel”, unha adaptación do poema de Darío Xohán Cabana dedicado a Castelao e que xa musicara Suso Vaamonde nos setenta. Que teñen de especial para vós estes versos para decidir adaptala?

Toninho: «Sempre sentín unha grande admiración por Castelao; tamén lera algúns libros de Darío Xohán Cabana, e Suso Vaamonde é o referente se pensas na música “protesta” da época. Ao ler e escoitar eses versos sempre imaxino estar no cadaleito de Castelao prometéndolle que imos manter vivo o seu anhelo».

 

 

 

 

Rematabades 2022 co lanzamento de Rexurdir (2022), disco para o que recuperades aqueles seis temas orixinais de 1995 coas súas correspondentes versións actualizadas. Como xorde a idea de presentalas deste xeito, como un recompilatorio do «antes»  e do «despois», nun mesmo disco?

David A.: «Queriamos darlle a relevancia a eses temas que son as nosas raíces e que estiveron nun caixón tanto tempo; por outra banda, tamén viámonos obrigados a actualizalos. O resultado: os temas do 95 quen eramos, e os temas de 2020 quen somos».

Toninho: «Inicialmente íamos incluír só os seis temas de 2022, mais un domingo pola mañá, a alguén se lle pasou pola cabeza a idea de amosarlle ao mundo de onde sae QFB, e así poñerlle un broche de ouro a esa etapa da que tantas boas lembranzas temos».

Dary: «Coido que era imprescindible que a xente que non nos coñecía soubese de onde vén QFB, e que visen canto maduramos musicalmente nestes anos».

 

Foto © Sonia Navas Aranda 

 

As letras do «antes» mantéñense, pero o son do «despois» está máis definido; escoitamos hip-hop sobre bases de metal rock, e mesmo introducides sons da música tradicional galega e, en xeral, máis samples. Como evolucionou ese son?

David A.: «Tanto Toninho como Zalo estaban en agrupacións folclóricas; xa en “Revolución” do 95 vese esa mestura, e agora coas novas tecnoloxías podemos facer a mestura perfecta».

Zalo: «Como di David A., vimos dunha agrupación folclórica na que aprendemos a importancia da nosa cultura e queremos seguir festexándoa en QFB. A introdución de gaitas, pandeiretas e ata de coplas do máis puro estilo tradicional tamén é un xeito de identificarnos».

Toninho: «As letras de “Revolución”, “Alkohóliko” e “Sabadete” mantéñense en esencia, pero “QFB”, “Dollar” e “Falsos” cambian moitísimo.

A decisión de introducir elementos da música tradicional é un xeito de dicirlle ao mundo que somos galegos, e que eses instrumentos non son só para empregar no eido tradicional, senón que tamén teñen cabida en xéneros como o rock, o pop e ata no rap metal».

 

 

Ao fío, que diferenzas e semellanzas sinalariades entre os orixinais dos noventa e as versións actuais?

David A.: «Vinte e pico anos, madurez, sabemos o que queremos facer e sabemos como facelo. Nos traballos do 95 hai certa frescura anárquica e algo de inxenuidade; nos do 2020 apostamos pola contundencia e a medida».

Toninho: «Nos 90 empregabamos o que tiñamos máis a man, por iso só había guitarra, baixo e batería. Agora, a tecnoloxía danos a oportunidade de incorporar samples e scratches, conseguindo que a parte hip-hop do son estea máis presente».

David R.: «Se antes os temas eran bos, agora creo que gañaron moito; tanto na música como nas letras pódese apreciar a madurez e a experiencia dos anos, que resultaron nuns temas máis sólidos».

 

Aínda que foron escritas hai anos, pensades que as letras desas cancións seguen a ser actuais?

Toninho: «E tan actuais... Semella que vivimos nun bucle e que nada cambia; “Doces Soños” foi escrita no 96 e, escoitando con atención a letra, poderías pensar que foi escrita hoxe».

Dary: «Si, isto é unha roda que non para de xirar e sempre volve ao inicio. As persoas sempre caemos nos mesmos erros unha e outra vez».

 

Foto © Sonia Navas Aranda 

 

Chegados a este punto, poderiamos dicir que, se hai un adxectivo que defina a carreira de QFB é «resiliente», non?

Toninho: «Máis que resilientes o que somos é teimudos!».

 

O sábado 21 de xaneiro subiades ao escenario de Pelirroja Merchi (A Coruña) para o concerto presentación de Rexurdir. Como foi a experiencia xa que, ademais, estabades a presentar o disco?

Toninho: «En dúas palabras bru-tal. En serio, non podiamos pedir mellor resposta da xente que veu a ateigar o Pelirroja Merchi. Desde a proba de son ata que rematamos de desmontar, houbo un clima de festa e de comuñón.

Moi contentos e con enerxías renovadas para as vindeiras datas».

David A.: «Foi abraiante! A xente respondeu moi ben; víase que se divertía e iso fixo que a posta no escenario fose o máis».

Dary: «Paseino en grande! Tocar no Pelirroja Merchi é como tocar na casa, e cando ves á xente moverse ao ritmo dos teus temas é unha gozada!».

David R.: «Foi fantástico. Sorprendeume gratamente a comunicación entre nós e o público, o que é moi gratificante».

Zalo: «Subir aos escenarios é a mellor droga que existe, e nós estamos enganchados. Na Pelirroja Merchi sentímonos na casa e cada vez que volvemos celebrámolo cunha boa festa, e así foi. A presentación do disco foi simplemente a escusa perfecta para festexar que este proxecto está máis vivo que nunca, que somos como unha familia que camiña unida.

Queremos dar as grazas a todos os que forman a Pelirroja, a David Rodríguez, o noso novo guitarrista, polo seu primeiro concerto, e a cada unha das persoas que nos acompañaron nesa noite tan especial».

 

 

Que poderá agardar o público dun concerto de QFB? Algunha vindeira data xa pechada que queirades compartir?

Dary: «Festa e letras que van facer que pensen un pouco».

Toninho: «A un concerto de QFB hai que vir con ganas de pasalo ben, saltar e berrar. Nós sempre imos dalo todo enriba do escenario».

Temos pechadas, polo de agora, seis datas máis. A máis próxima é o 10 de febreiro en La Disfrutona del Orzán con outras dúas bandas locais, Bola Rápida e Overlook 237».

 

Foto © Sonia Navas Aranda 

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Toninho: «Por suposto recomendamos 100% a QFB. Na escena galega hai moitísimas bandas con moita calidade, por exemplo Rebeliom do Inframundo, Crú, To-Xo, Arrhythmia, Lóstregho, e veteranos como Solrain».

 

Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergonza

Toninho: «Na miña conta de Spotify, podes atopar desde Beastie Boys, Rage Against The Machine, Silmarils, NAO, SonDaRúa, ata Xabier Díaz, Magín Blanco e Xoán Curiel».

Dary: «Uf, de todo: hip-hop, R&B, rock, reggae, soul...».

Zalo: «Eu son devoto do metal progresivo e do hardcore, pero tamén inclúo nas miñas listas os grupos da nosa terra con estilos completamente diferentes ao noso».

 

  noticias