TELMO FERNÁNDEZ: «TRATO DE IMPRIMIR NA GUITARRA UNHA CALIDADE VOCAL»
Os seus dedos levan décadas voando sobre as cordas da guitarra, un instrumento que comezou tocar, podería dicirse, case por casualidade. Telmo Fernández é guitarrista, se ben identifícase máis co termo songwriter que compositor —«para min esa palabra é moi grande»—, e arranxou unha morea de pezas. O seu traballo vai desde o clásico trío guitarra-órgano-batería ata ensembles máis numerosos, desde ritmos latinos ata R&B pasando por jazz, funk ou música afrocubana.
Logo dun parón de cinco anos, o músico volve a escena cun novo traballo discográfico, primeiro de tres que ten previsto lanzar nun futuro non moi afastado. El Maldecido (Color Red Music, 2022) é unha homenaxe á salsa brava e á música afrocubana dos anos setenta a través de 11 cortes orixinais, que Fernández interpreta xunto a The Latin Soul Beat, un conxunto formado por algúns dos músicos cubanos máis aclamados da escena española.
Telmo Fernández
Logo de décadas detrás da guitarra, lémbraste do teu primeiro contacto coa música? Foi sempre este o teu instrumento de referencia?
Telmo Fernández: «Por comezar cun pouco de humor, parafraseo a un mítico batería que sempre di: “Eu antes dos 40 non me lembro de nada!”.
Teño recordos de moi neno de escoitar a colección de vinilos dun dos meus tíos co que vivía; había música nas reunións familiares, frautas, percusión, guitarra, tiple canario... Comecei coa guitarra porque me gustaba unha moza á cal lle gustaba un tipo que, ao parecer, tocaba moi guay a guitarra; non conseguín a moza, mais quedei coa guitarra.
Toquei un pouco a trompeta, un pouco de percusión, piano... o típico».
Estudaches na Escola Estudio (Santiago de Compostela), pero tamén pasaches polo Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra, este último coñecido, entre outras calidades, polo seu modelo alternativo de ensino de jazz. Que destacarías do teu paso polo centro?
Telmo: «A verdade é que hai moitas cousas que, a día de hoxe, aínda estou a asimilar de cando estudei harmonía en Estudio. Falar de harmonía é fácil, tocala e soala é o difícil. O outro día tiven unha epifanía cunhadas primeiras leccións do programa de harmonía...».
Atopamos o teu nome entre unha destacada nova xeración de músicos de jazz galegos. Como describirías a escena jazzística galega? Por que pensas que é un estilo tan prolífico, sobre todo nos últimos tempos, na nosa terra?
Telmo: «Grazas polo de novo, pero de novo non teño nada :). Pois, sinceramente, eu penso que non hai unha escena de jazz en Galicia debido a distancia xeográfica entre as poboacións, o cal non quere dicir que non haxa grandes músicos, que iso é por todos sabido. A proba da calidade dos músicos galegos é cando son requiridos por outros artistas non galegos para traballar nos seus proxectos».
Telmo Fernández no NigranJazz. Foto © Di Pietro
Identifícaste cos sons dos anos setenta, aos que engades o teu propio sabor contemporáneo. Como definirías ti a música de Telmo Fernández? Malia a diversidade de estilos, que teñen en común as túas composicións?
Telmo: «Antes de nada, eu non son compositor, para min a palabra compositor é moi grande; eu identificaríame máis co termo anglosaxón songwriter e, aínda así, me queda grande. Sempre digo que escribo vibes (vibras), moods, que teñen en común a simpleza; unha simpleza a simple vista, xa que, por exemplo, en El Maldecido, debido a “simpleza” das composicións introducín algún elemento sofisticado, pero de xeito sutil. Polo que aqueles que teñan orellas se darán conta: algúns voicings nos ventos, algunha harmonía nunha corda, algún acorde final...».
Grant Green, Wes Montgomery, Albert King, James Brown, Elio Revé ou Pacho Alonso son algunhas das túas influencias, a quen máis sinalarías? Quen dirías que ten, ou tivo, especial impacto no teu xeito entender a música? E de tocala?
Telmo: «Ben, as miñas influencias na guitarra son evidentes para quen me escoite. Os tributos musicais páganse tocando, non falando; guitarristicamente é moi evidente de onde veño. Pero mira, sinceramente algo no que me fixo moito é nas vocalistas: trato de imprimir na guitarra unha calidade vocal, tocar as notas que están entre Si e Do ou entre Mi bemol e Mi natural. Aí é onde doe.
Artistas como Esther Phillips, Millie Jackson ou Erykah Badu son imprescindibles para min; de feito, agora estaba a escoitar a Esther Philips e saltou a Erykah».
Telmo Fernández Organ Trio
Lideras un trío clásico xunto ao hammondista Phil Wilkinson e Caspar St. Charles á batería, pola que antes pasou José Luis Gómez. Ademais dos seus instrumentos, que dirías que achegan eles ao proxecto?
Telmo: «Non exactamente, eu nunca liderei o grupo con Phil, a experiencia con Phil foi 50/50. Phil contactoume alá polo 2011 para facer algo xuntos; non nos coñeciamos persoalmente, pero eu si que coñecía o seu traballo; el contactoume tras ver un vídeo meu e, cando nos coñecemos, houbo unha química instantánea.
Cando un toca cun tipo que vén do mesmo lugar que ti (escoitou os mesmos discos), todo flúe. Esa foi a onda con el; e con Caspar, o mesmo rollo».
Con Telmo Fernández Organ Trio publicas The Soul Beat Vol. 1 (Free Code Jazz Records, 2014), un disco gravado ao estilo da vella escola no que escoitamos estándares de jazz mesturados con algunha peza orixinal. Como foi a selección do repertorio para este debut?
Telmo: «Pois mira, se fose por min ese disco non sairía. Pero Phil, como xa me coñecía, non me deixou escoitar nada e el mesmo mesturou e masterizou o disco, pois foi unha sesión ao estilo da vella escola.
Alberto Grandío, dono do Clavicémbalo, tivo a xentileza de prestarnos o club un domingo e pasamos aí o día. Gravamos máis de 20 temas (23?, 25?). O que pasa é que ao final decidimos darlle unha onda máis soul jazz ao disco e prescindimos dos temas máis swing, aínda que quixemos incluír algo de bop e un estándar como “Laura”, que é unha pequena reharmonización miña que Phil me oíu tocar e quixo gravar».
The Soul Beat Vol. 2 (Color Red Music, 2016) segue a mesma liña argumental que o primeiro: ondas de soul, jazz e groove asolagan a decena de pistas que o compoñen. E, de novo, combínanse temas orixinais e estándares. Este segundo volume foi consecuencia do primeiro ou foron planeados ao mesmo tempo como unha selección de temas que repartiches entre os dous discos? Como xurdiu este vol. 2?
Telmo: «Pois si, foi consecuencia do vol.1, pero quixemos darlle unha onda máis funk. Foi unha sesión moi estresante. Cando iamos comezar a gravar, o Leslie do B-3 comezou a botar fume. Tivemos que apagalo e poñernos a buscar un Leslie en Barcelona [risos]. Ao final gravamos 12 temas en tres horas... Nas primeiras tomas eu toquei fatal. Estaba súper estresado!».
Entre ambos volumes atopamos a publicación de Live! At Funkameba (Mocongo Records, 2015), un traballo que resulta dunha sesión improvisada gravada ao vivo en verán de 2015. O de recoller a actuación nun disco, xurdiu tamén de xeito espontáneo?
Telmo: «En realidade non foi unha actuación. The Soul Beat Vol. 2 foi editado orixinalmente polo selo madrileño Sweet Records que estaba especializado en soul con bandas como Freedonia e ese rollo. Santi Martín convidounos a facer unha sesión no estudio da discográfica aproveitando que estaba tocando en Madrid co organista Brian Charette. Chameille Live! polo carácter de jam session da gravación, nun día destes de onda de calor.
Ese disco nunca o quixen sacar, como todo o que fago [risos]. Orixinalmente graváronse uns vídeos grazas ao batería Noah Shaye, que tiña unha produtora audiovisual e agora rexenta Camaleon Music Studio en Madrid».
Durante 2022 e no que levamos de 2023 foron aparecendo novos temas do trío. Algúns orixinais (como “Lola’s Dream”, “Chocolatita” ou unha nova versión de “Pot Pie”) e outros obra de Grant Green e Frank Loesse. Podemos supoñer que serán parte dun inminente The Soul Beat Vol. 3?
Telmo: «Non, non haberá un volume 3 por diferentes motivos. O primeiro é que nin Phil nin eu estamos interesados en tocar máis juggah booggah. Agora en España xa hai outros grupos que fan esa música, non é un lenzo no cal me interese plasmar os meus sentimentos; estou noutro momento musical. Ademais, non quero que se me cualifique nun estilo».
Rompes un lustro de silencio discográfico con El Maldecido (Color Red Music, 2022), descrito como o teu disco máis persoal ata a data. Por que esta «etiqueta»? Que significa para ti este disco? Cal dirías que foi o xermolo de El Madecido, a idea trala súa concepción?
Telmo: «O disco máis persoal porque, dos 11 cortes do disco, nove son temas meus; os outros tres cortes son skits que serven como intro aos seguintes temas. Este disco ten as miñas letras, os meus arranxos; toco a guitarra, o tres [cubano], fago coros, participei na mestura, servín ron, cortei pizza... [risos].
Aínda que pareza outro estilo, é algo moi parecido ao que sempre fixen. Eu levo moitos anos dedicado á mesma música; son así de parvo; eu non vou coas correntes. O percusionista cubano Elvis Ferrera, co que tocaba cando moraba en Santiago de Compostela, foi quen me comezou para amosar a música cubana; despois a Fania, un pouco de congas, de bongó, de tres cubano...».
Sen presión, porque sabemos dos dous anos «maldicidos» pola pandemia, que propiciou esa paréntese de cinco anos entre Vol. 2 e o teu novo traballo? Ten a escolla do título algo que ver con esa época?
Telmo: «Pois ese parón foi debido a que me saquei un título superior de guitarra, ben, non sei se se chama así ou cal é o nome do título; simplemente, que un título leve o adxectivo de “superior” éche moi cómico a verdade.
Non, para nada. O título do disco é unha recreación dun disco do músico dominicano Bobby Quesada —e a portada tamén— que se chama El Duro (1968). De feito, o tema “El Maldecido” está baseado nunha versión de Bobby Quesada do clásico “Guajira, el son te llama”. Todo o disco está concibido como unha amálgama dos ritmos máis típicos daquela época; sabía que quería unha descarga, bolero, bembé, rumba...».
Neste traballo afondas na música afrocubana e a salsa brava do Nova York dos setenta. Aínda que sabemos da túa paixón pola sonoridade desta década, por que homenaxeas estes ritmos latinos tan específicos?
Telmo: «Os ritmos da música que se tocaba no Nova York dos setenta son cubanos e portorriqueños, a excepción do boogaloo ou o shinga lean que si que naceron na cidade, polo que, en realidade, non hai diferencia practicamente nos ritmos. Xa o dicía Celia Cruz nunha entrevista: que ela non encontraba ningunha diferenza na música que ela escoitaba de pequena cando vivía en Cuba coa de Nova York.
Si é certo que, xa desde os comezos do jazz, sempre houbo unha gran conexión entre a música cubana e o jazz, sobre todo na cidade de Nova Orleáns e máis tarde Nova York. De feito, a música de Nova Orleáns leva a clave do son».
The Latin Soul Beat no estudio: Juanito Viera (congas) e Angelito Herrera (bongo). Foto © Jaime Massieu
Para El Maldecido contas con The Latin Soul Beat, unha banda composta por algúns dos músicos cubanos máis aclamados da escena española actual (Yuvisney Aguilar, Jorge Vistel, Harold Rey, Yarel Hernández, Orisbely Laugart). Como naceu este ensemble? Como chegas a todos estes músicos?
Telmo: «Pois o de volver gravar xurdiu da proposición de Alfonso Muñoz, de FDS Producción, de gravar algo de música.
Na banda hai músicos que xa coñecía e outros non, pero o nexo común que buscaba era o interese e gusto polos temas que escribira. Uns músicos foron traendo a outros; de feito, había músicos cubanos que residen en Madrid que nin se coñecían, xa que polo menos hai tres xeracións nesa banda. Yuvisney Aguilar axudoume moito xa que trouxo parte da banda; el ten unha visión da música baseada tamén nos sons máis antigos, aínda que el tira máis aos anos cincuenta como demostra no seu proxecto The CUBintage».
Os 11 temas que recolle o longo son de composición propia, a diferenza dos traballos anteriores nos que mesturabas orixinais e versións. Que, ou quen, os inspirou? Foron compostos especialmente para este disco?
Telmo: «Si, a música foi toda escrita para este disco. Foi un proceso bastante orgánico e natural, xa que sabía o que quería, polo tanto, só necesitaba tirar desa idea.
Por exemplo, o primeiro tema quería que fose unha descarga con mambo e jazz. De feito, pensei ao cento por cento ese tema para un público anglosaxón, e sabía que quería que fose o primeiro tema; escribino moi rápido».
Ademais da composición, tamén fuches responsable de todos os arranxos; tendo en conta que fostes 17 músicos (contados no teu Bandcamp!), abofé que sinxelo non debeu ser este labor, non?
Telmo: «Foi laborioso porque é moito traballo. É dicir, a música estaba toda escrita en papel, todas as partes evidentemente (e descartei algún tema), entón, ao final tiña un taco dunhas 700? 800? páxinas. Claro, dependendo do arranxo igual eran tres ou catro páxinas por tema e instrumento, algúns máis... Si, si, foi traballo! Unha boa definición de amor ao arte [risos]».
The Latin Soul Beat no estudio. Foto © Jaime Massieu
Á hora de traballar, como foi pasar do trío clásico de guitarra-órgano-batería a xestionar máis dunha ducia de músicos no estudio?
Telmo: «É moi diferente; tes razón, nunca o pensara, a verdade [risos]. Neses discos de órgano non hai papel ningún e neste proxecto estaba toda a música escrita, menos os solos, evidentemente.
De todos xeitos, eu penso que nunha sesión de gravación un dos segredos para min é que haxa un ambiente distendido e relaxado, boa onda, uns tragos, uns descansos... e que se desfrute da música».
Ademais doutros instrumentos, como saxo, trompeta, vibráfono ou timbais, en El Maldecido escoitamos varios temas con voz. Para ti, de que depende que unha peza pida letra ou non? Como acadas ese equilibrio, que semella perfecto, entre voz e instrumento en cada unha destas cancións?
Telmo: «Pois non sei, a verdade. Por exemplo, o bolero ese saíume dunha tirada pola noite: toquei os acordes na guitarra e cantei a melodía por riba, graveime cantando a melodía e tocando os acordes; espertei ás catro da mañá, escribino e leveillo pola mañá ao meu profesor de piano para miralo co instrumento.
O de incluír unha letra foi lóxico; non hai instrumento máis expresivo que a voz. Uns acontecementos fixéronme escribir a letra, que orixinalmente era para home, pero despois tiven que adaptar a letra para unha voz de muller... E xa».
“Nereida, La Facultosa” e “Cuchifrito pa’ los pollos” foron os sinxelos escollidos como adianto e presentación deste álbum. Por que estes dous en concreto?
Telmo: «Eu non tiven nada que ver na selección dos sinxelos. A Eddie Roberts, o dono de Color Red, gustoulle moito o disco, pero quixo mandarllo a DJ Lubi (un experto en salsa dos setenta) para ver o que lle parecía; Lubi tocaba o baixo en bandas de salsa da escena londiniense dos oitenta, aínda que agora se dedica máis a DJ e promotor e esas cousas. A el gustoulle moito o disco e, ao final, Eddie contratouno para facer a promo.
Lubi é un auténtico scholar no que se refire a este estilo de música, de feito ten máis de 40 recompilatorios ao seu nome deste estilo de música, recompilatorios da Fania e esa onda. Analizoume o disco ao completo dando no cravo ao cento por cento [risos]. De feito, “Nereida, La Facultosa” era un tema descartado, pero Lubi dixo que o disco precisaba outro tema rápido; mandeille o cru e encantoulle. Entón incluímos un tema máis no disco».
Foto © Jaime Massieu
Cando poderemos desfrutar deste El Maldecido ao vivo? Que pode agardar o público dun concerto de Telmo Fernández?
Telmo: «Nun concerto meu? [Risos]. Pois depende do proxecto, a verdade. Agora en marzo precisamente estarei a tocar coa lendaria vocalista norteamericana Eve Cornelious, e temos algúns bolos con banda, pero outros a dúo; un repertorio baseado en clásicos do R&B e soul dos anos setenta, e blues».
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?
Telmo: «Pois mira, de lonxe, o mellor guitarrista que eu escoitei en Galicia é Chema de Cora; tremendo guitarrista, aínda que agora mesmo está máis dedicado á composición. É incrible a música que fai.
Sen dúbida Kiki Cortiñas é un xenio nado en Lugo que leva anos traballando en todo o mundo como cantaor de Tomatito, compositor, produtor, multinstrumentista.
Tamén destacaría, aínda que posiblemente sexan máis coñecidos na escena galega, ao saxofonista Toño Otero e ao batería Ro Muñoz, os cales teñen sacado disco dos seus proxectos recentemente e son moi moi interesantes».
Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña
Telmo: «[Risos] A ver, vou mirar. Mira, sonche moi novo nisto de Spotify. Vouche mandar a ligazón ás cancións que teño co “Gústame” e así ves. Ten en conta que hai moitas cousas que teñen intencións profesionais, pero ben, máis ou menos ves... Vouche mandar tamén dúas playlists que fixen fai tempo, unha de guitarristas e outra de organistas. Ah! Acabo de ver que non se pode compartir esa das cancións que me gustan... Ben, pásoche as dúas que teño públicas logo».