• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

EDICIÓN DE XUÑO DO VIDEOCLIP CLUB

Edición de xuño do Videoclip Club
21 XUÑO 2016


Edición de xuño do Videoclip Club, a cinemateca de GalicianTunes en YouTube, na que incorporamos cinco novos vídeos.

Castro. Kolo

De nenos todos soñamos algunha vez con ter superpoderes como voar, forza sobrehumana ou ser superveloces. E a Castro, o protagonista, pásalle o mesmo. O editor e director londinense Matthew Stuart Smith, quen colaborou noutros videoclips de coñecidos artistas como One Republic, Demi Lovato, Sam Smith ou Hearts Attack, crea unha bonita historia de superación e ilusión. O principal protagonista, Baxter Willoughby, que lle dá vida a Castro, busca insistentemente o seu poder especial coa axuda dunha nena, interpretada por Ellie Bindman. Ambos teñen xa experiencia como actores noutros videoclips e nalgunha que outra curtametraxe. O final desta historia é máis inesperado do que pode parecer.

 

Bad Boys. Ninjah Monkeys (Erin & Dj Mil de Comando Katana)

O dúo rapeiro Ninjah Monkeys, formado por Erin & Dj Mil de Comando Katana, dedica este videoclip aos rapaces malos, como ben dice o título da canción Bad Boys. Este clip está realizado por Diego López Curro de Puberty Love Production o cal gravou varios videoclips deste mesmo grupo como Gorilla Bangerz, Bad Times, El trapecista ou Menos de lo mismo. Aínda que van de rapaces malos, teñen claro que a amizade é o primeiro, nin o seu afán polos videoxogos impedirá ir ao rescate do seu amigo gorila. Un vídeo no que se mesturan os ingredientes perfectos para poñer unha festa patas arriba.

 

Visiones. Aries

Pompas de xabrón, bandadas de paxaros, bancos de peixes. Imaxes cheas de luz e de cor son elixidas por Darío Peña, director do vídeo, para a canción Visiones de Aries. Este realizador madrileño, dende a produtora Canada, dirixiu videoclips para outros grupos como Hidrogenesse, Christina Rosenvinge o Los Punsetes. Visiones encóntrase dentro do disco Mermelada dorada, onde destaca o pop soleado, optimista e psicodélico. A letra está chea de átomos que estalan, rocas e cristais, células que fallan e outras imaxes coas que Isabel Fernández, baixo o signo de Aries, ilustra o medo a perder a alguén. Deixádevos hipnotizar polas visións de Aries.

 

A los indecisosDisco Las Palmeras!

Turanga Films e Matapadre son os encargados de presentar este vídeo, que vai destinado a todos os indecisos. Ou esa é a intención do grupo Disco Las Palmeras! A dirección e a animación do clip corre a cargo de Jonathan Cremades, artista multidisciplinar, dedicado á música e a produción audiovisual. As ilustracións van da man de Carlos Pedrón e mostran un universo onírico que ten moito de pesadelo.

 

Evil Way. The Grave Dolls

O efecto espello mestúrase con estrambóticos debuxos e coa figura de Iris Puime, a bailarina que se move durante todo o vídeo ao ritmo dos acordes e da música. Gero Costas e Romina Doce de Producciones Mutantes son os encargados de dar animación e vida a Evil Way canción que pertence ao disco de The Grave Dolls Calypso (2013).

  noticias