• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

SABELA: «XOGAREI CON RESPECTO, PERO SEMPRE MANTENDO A ILUSIÓN NA PROCURA DE NOVOS SONS»

SABELA: «XOGAREI CON RESPECTO, PERO SEMPRE MANTENDO A ILUSIÓN NA PROCURA DE NOVOS SONS»
20 MARZO 2023

Sabela Ramil (Ourol, 1993) medrou rodeada de música. Os que a coñecen din que comezou cantar antes que a falar, así que non é de estrañar que fixese desta disciplina a súa forma de vida. Sabela formouse entre notas de clásica e música tradicional galega, logo comezou a exploración da súa faceta máis pop... e o resto é historia.

De Operación Triunfo a coproducir o seu último disco —Ceniza (PlayPlan, 2023)— non pasaron tantos anos, pero si moitas cousas. Sabela preséntase agora como artista independente e desvela o seu novo universo musical a través dun traballo persoal que recolle «unha parte da vida feita cancións», nostálxico e esperanzador a partes iguais.

 

 

Foto © AigiBoga 

 

Sabela, aínda que moita xente te coñece por Operación Triunfo, tamén hai moita outra que sabe que a túa paixón pola música vén desde ben pequeniña. Cal foi, e como lembras, o teu primeiro contacto con esta disciplina?

Sabela Ramil: «Todos os recordos que teño son con música arredor. Pero, se cadra, o primeiro contacto coa disciplina recórdoo en forma de sensación cando o meu tío Luis tocaba a tuba na súa casa e eu ía escoitalo. As miñas curmás e o meu tío eran os que tocaban instrumentos na miña familia e foron os meus referentes iniciais. De feito, eu toco o clarinete porque unha delas o facía e namoreime do instrumento.

De xeito máis consciente, lembro ir a clase de gaita e pandeireta antes de entrar no conservatorio. Como era moi pequena de idade non podía acceder de primeiras ao conservatorio, así que foi a opción que atopei que máis me entusiasmou nese momento».

 

Da gaita e do clarinete dos teus comezos pasas a formar parte de Muxarega, grupo de música tradicional, e logo, xa camiño do pop, es a metade de Bahut, dúo xunto ao guitarrista Mateo Bruquetas. De que xeito influíu esta bagaxe na túa música posterior?

Sabela: «Tanto os grupos que nomeas, como a banda de música das Pontes, foron moi importantes para min. Na banda, primeira formación na que entrei con 10 anos aproximadamente, aprendín a tocar en conxunto, a escoitar, a estudar e ser responsable para sumar ao traballo dos demais e ser unha gran piña. Aprendín tamén que o esforzo e a constancia é algo esencial neste oficio e, por suposto, aprendín de música, de arranxos musicais.

No caso de Muxarega, comecei esa andadura con 16 anos. Era unha meniña que medrou no escenario grazas a toda esa gran familia. Compartiamos escenarios con grandes grupos galegos como Ruxe Ruxe, Luar na Lubre, Os diplomáticos de Montealto, Os Cempés e moitos outros que non son galegos, como La Pegatina, curioso este caso coñecendo agora a todos eles e colaborando con eles nalgún festival. Aprendín de todos os músicos, técnicos e persoas coas que me crucei grazas a Muxarega, dentro e fóra das “fronteiras”. Ademais, foi nese grupo onde comezou realmente a miña andadura nos escenarios, con toda a parte técnica que iso supoñía; foi con eles con quen aprendín o que era un rider, o funcionamento dunha mesa de son, os monitores, e un longo etc. Foi unha época que recordo con moito agarimo porque realmente tocabamos diante de moita xente. Lembro que naquela época non me gustaba nada presentar, só quería cantar [risos]; agora non é que me encante, pero doulle outro sentido.

E finalmente chegou Bahut, aínda que primeiro chegou Mateo. Eu estaba a buscar unha persoa coa que poder explorar outros sons e outras formas de facer música, e coñecémonos a través dun amigo en común ao que lle estarei eternamente agradecida por xuntarnos. O primeiro día que nos xuntamos para tocar foi un frechazo musical e, desde entón, non nos separamos. Nesta etapa puiden explorar máis a parte pop e as inquietudes que tiña a nivel sonoro e estilístico. Eramos dous, Mateo xa tiña un pequeno estudio na súa casa e comecei a explorar moito máis toda esa parte de composición, arranxos musicais, etc.

Todas as etapas foron creando a persoa que son agora, musicalmente falando, volvería a vivilas todas e cada unha delas, sen pensalo».

 

 

Despois veu OT. Hai xa cinco anos que saíches da academia, como lembras a experiencia? Que che achegou persoal e musicalmente?

Sabela: «Persoalmente, penso que foi un gran impulso para arriscar en todos os sentidos. Antes de entrar a OT eu traballaba de terapeuta e estaba moi feliz co meu traballo, o vindeiro paso era intentar entrar nun grupo de investigación de musicoterapia da Universidade de Aalborg en Dinamarca, xa que despois da formación universitaria base estudei musicoterapia en Vitoria.

Pero a vida deu un xiro de 180º e, a verdade, non foi dun xeito totalmente consciente. Ao principio sentía medo e ilusión a partes iguais, pero se hai algo que me caracteriza é que son unha muller botada para diante e, aínda que a veces con inseguridade, eu vou cara a onde me pide o corpo.

No aspecto musical, fíxome vivir experiencias que xamais pensei vivir. Por un lado, estar illada do mundo a nivel tecnolóxico e físico foi unha cousa moi dura, pero que a día de hoxe é impensable poder facer. Polo outro, e unido ao anterior, estar tres meses nunha academia de alto rendemento con profesores excepcionais a nivel de canto, música, baile e interpretación é algo que seguramente tampouco podería facer. Outra das cousas que valoro moito é aprender a traballar en TV, en prime time, non é nada sinxelo; hai moitos inputs, pasan moitas máis cousas das que cremos detrás da imaxe que nos chega, e hai un equipo técnico excepcional que che ensina moitísimo.

Compartir tempo con profesionais excepcionais, gravar nun estudio todos os domingos, poder vivir isto con 15 persoas máis tendo que manexarnos coas emocións a flor de pel, acompañándonos, queréndonos, discutindo, etc. foi tamén unha grande aprendizaxe. E, por suposto, non esquecerei nunca a xira que nos permitiu facer o feito de participar neste programa; grazas a OT puidemos saber o que era unha gran produción en directo.

Sabemos que iso ten unha dobre cara, por suposto, sobre todo a nivel psicolóxico, pero eu toda a parte de directo véxoa como unha grande aprendizaxe para saber o que pasa no escenario, para saber como se traballa de xeito profesional. Sempre e cando unha teña claro que iso non é a realidade da que partes, penso que é algo positivo».

 

Foto © AigiBoga 

 

En OT eran os profesores os que elixían as cancións que ías cantar, pensas que esa variedade «imposta» axudouche a escoller o camiño que querías seguir dentro da industria musical?

Sabela: «Se me fas esta pregunta hai 4-5 anos, se cadra a miña resposta sería diferente. Pero agora, botando a vista atrás, máis que axudarme a escoller o camiño que quería seguir, penso que me abriu a porta a probar cousas novas. Antes, se cadra, tiña un concepto máis pechado de min mesma como artista e agora, co tempo —e grazas, en parte, a esa experiencia— atrévome máis e xogo máis con todo».

 

Se nós dicimos «Rosa Cedrón», ti dis...?

Sabela: «Mestra».

 

 

Quen máis, á parte de Rosa Cedrón, dirías que tivo particular impacto no teu xeito de ver, e comprender, a música?

Sabela: «Uf, iso sería unha resposta difícil e infinita. Influíron músicos e músicas, artistas de outras disciplinas, os meus propios usuarios e usuarias cando me dedicaba á terapia, escritoras e escritores, poetas... moitísima xente.

Na miña vida todo lígoo á música; é o meu proxecto principal, por iso é case inevitable trasladar o que aprendo do mundo a como a comprendo. Ao fin e ao cabo, a música é un arte e a arte serve para explicar o mundo, o interior e o exterior, desde a perspectiva de cada unha».

 

Foto © AigiBoga  

 

Temos entendido que coidas cada detalle dos teus traballos, ata que punto es perfeccionista? O proceso é en maior parte individual ou déixaste aconsellar por quen che rodea?

Sabela: «Son moi perfeccionista; gústame estar en cada parte do proceso, pero a realidade é que, se confío na outra persoa e no seu traballo, delego encantada. O proceso é parte individual e parte en equipo; penso que existen os dous tipos de momentos dentro das etapas creativas ou de execución. Gústame que me dean consellos e opinións, adoito pedilas e, por suposto, escoitalas. Iso non quita que unha siga o instinto propio. Son dúas cousas 100% complementarias, que nutren e fan medrar».

 

 

 

Menos dun ano despois de deixar a academia de OT, debutas con Despedida (Universal Music Spain, 2019), un álbum onde materializabas todo o aprendido alí e dabas a benvida «a este novo e marabilloso camiño». Como lembras eses momentos previos e inmediatamente posteriores ao lanzamento do disco?

Sabela: «Lembro que o día da saída do disco estaba na miña casa das Pontes coa miña parella daquela e cun par de amigas, pedimos unhas pizzas e celebramos. No momento pensaba que se cadra me gustaba máis facer unha festa ou algo, pero agora véndoo con perspectiva, penso que foi un momento precioso; compartilo coa miña xente, esa que sabía a intensidade, esforzo e, ás veces, dureza en moitas partes do proceso, pero que aínda así me apoiaba e admiraba.

Despois da saída houbo moitos momentos emocionantes, como todas as firmas que fixemos por España adiante xunto con Mateo; faciamos unha parte do disco en acústico e despois tiña a oportunidade de falar coa xente, e aí descubrín persoas que estaban a medrar comigo. É moi fermoso.

O máis duro, se cadra, foi a pandemia e saber que non iamos poder presentar o disco ao vivo. Foi un momento moi triste para min e para o proxecto en si, e foi aí cando tiven que reconsiderar todo».

 

 

É un pouco paradoxal o de debutar cun álbum con ese título, non? Por que «despedida» en lugar de, poñamos por caso, «benvida» ou «continuará»?

Sabela: «Decidín chamarlle así porque eu o vía como unha despedida a todo ese proceso, ás cancións, a todo o que tiña gardado en segredo.

Xa nunca ía vivir iso como o estaba vivindo naquel momento, nunca ía escoitar esas cancións do mesmo xeito nin traballar con elas como no estudio. Nunca as ía volver crear. Lembro o penúltimo día no estudio, en Lisboa, con esa sensación consciente de despedirme dese proceso, para nada nun xeito negativo, senón todo o contrario».

 

Para a composición de “El paso” contaches con Xoel López. Como xurdiu a colaboración? Que gardaches no peto da experiencia xunto a el?

Sabela: «Xoel é un artista ao que admiro e escoito desde que o descubrín, e faleille para ver se lle apetecía quedar para compoñer algo. A verdade é que foi un auténtico pracer e sentín moito agradecemento. Abriume as portas da súa casa e aínda a día de hoxe gardamos relación.

Aprendo a través das súas letras e fusións; el axudoume a poñerlle palabras a un momento de incerteza enorme. Entendía á perfección a miña situación e en todo momento sentinme arroupada, valorada e respectada por el, cousa que agradezo enormemente».

 

 

Dos sete temas que compoñen este disco, dous son en galego: “Despedida” e “Nai”. Que fai que compoñas nun idioma ou noutro? Existe algunha diferencia nas temáticas que tratas en castelán e as que tratas en galego?

Sabela: «O xeito de compoñer nun idioma ou noutra sáeme de xeito natural, non é algo que force nin para un lado nin para outro. Hai épocas nas que todo o que compoño é en galego e outras que é en castelán.

En canto ás temáticas, é indiferente. Eu son galegofalante desde que nacín, coa familia, con amigos e amigas, polo tanto é tamén o meu idioma para expresarme. Se cadra, o que vexo que cambia máis no aspecto compositivo é o son ou as melodías; aí si que noto unha diferenza entre unha lingua ou outra. É lóxico, porque cada idioma ten o seu propio son, entoación, formas de expresión e moitos factores ligados á idiosincrasia do pobo que o emprega».

 

«Compoño para recordar a historia da miña vida». Escoitando as túas cancións podemos coñecer o lado máis persoal de Sabela. Os teus temas baséanse só en vivencias propias ou te inspiran tamén historias alleas?

Sabela: «Se os temas son para min ou para o meu proxecto, a maioría deles están baseados en vivencias persoais, pero tamén fago outros inspirados en historias alleas.

O que ocorre é que, aínda que a inspiración veña doutras historias, sempre vai haber un compoñente emocional propio de como recibo esa historia. Outra cousa, se cadra, sería compoñer para unha serie, unha película, etc. que comporta unha inmersión nesa historia e na forma de vela».

 

 

 

Estás a presentar Ceniza (PlayPlan, 2023), o teu segundo álbum, un traballo duro moi marcado pola ausencia, pola lembranza do teu pai. Como enfrontaches á súa composición? Como musicoterapeuta que es, tomaches o proceso creativo do disco como ferramenta sandable?

Sabela: «A composición deste disco foi longa e, como ben apuntas, estivo en gran parte marcada pola perda do meu pai e pola enfermidade. Iso fixo que, en moitas ocasións, non tivese folgos para seguir, e levoume a un estado de enfermidade propio en termos mentais. Salvoume e, ao mesmo tempo, xeroume moita inquietude. Salvoume porque tiña unha áncora á que aferrarme. Con todo, o xeito de ter que comezar case de cero, a pandemia e montar o proxecto de forma independente sumouse a todas as demais casuísticas.

Pero aquí estamos, por iso resalto na descrición do disco a importancia de “poder decidir vivir”. O meu pai tiña moitas ganas de vivir e este é un xeito de que todo o mundo o recorde.

Nunca tomo algo como terapéutico en si, ou non emprego ese termo concreto, a terapia faise cun ou cunha terapeuta. Pero todo o que facemos no noso día a día serve para seguir a medrar, a sandar e a reconciliarse cunha mesma e co mundo, no caso de que sexa preciso, para poder vivir».

 

 

Aínda que ao longo do disco a morte está moi presente, tamén estao a vida «porque unha forma parte da outra», comentabas. Como navegaches estes dous conceptos contrarios, e á vez complementarios, durante o proceso compositivo?

Sabela: «Efectivamente, morte e vida van unidas. Unha non é sen a outra. Naveguei entre eses dous conceptos de xeito natural porque eu estaba a navegar entre eles. Investiguei sobre os procesos de duelo, non só derivados de xente que xa non está con nós, senón tamén doutras persoas que perdemos ao longo da vida e da nosa propia forma de vivir. Investiguei tamén con artistas que falaban e compoñían sobre iso de xeito concreto; lin e recordei tamén moitos testemuños de xente na súa última etapa vital sendo conscientes de que a era.

E, por suposto, tamén busquei dentro de min cando puiden facelo; falei e mantiven conversas coas miñas amizades e familia e conformei un camiño musical ligando todo o que fun recollendo».

 

Foto © AigiBoga  

 

Ademais da perda, houbo outras fontes de inspiración á hora de compoñer as letras das cancións?

Sabela: «Si, o amor propio, ligado sobre todo á aceptación, é tamén unha das partes importantes deste disco. Non sei se xa me tocaba ou se as casuísticas o forzaron, pero o meu proceso persoal tamén foi intenso. Agora son moito máis amable comigo mesma, coido como me falo e o que quero, os meus desexos. “Cidade desexo”, “Mucho Love” e “Lugar divino” son, se cadra, os temas máis representativos desta temática».

 

 

Mateo Bruquetas (co que xa compartiras Bahut) e Diogo Piçarra son dous nomes que aparecen tanto nos créditos de composición como de produción do disco. Por que eles? Que significan para ti e que significaron no desenvolvemento do disco?

Sabela: «Por que eles? Non o sei, pero intúo que porque tiven a sorte de que a vida nos xuntase e a intelixencia de mantelos ao meu carón.

Mateo é unha parte moi importante deste proxecto. Gústame traballar acompañada e, sobre todo, ter un compañeiro co que te entendes tan ben a nivel musical e laboral. É un luxo enorme para min. Compartimos moitas inquietudes e cremos o un no outro; admirámonos mutuamente e iso é algo esencial.

No caso de Diogo, xuntámonos por vez primeira para compoñer en 2019, grazas ao equipo de Universal, e conectamos moi ben. Diogo é unha persoa co mesmo corazón que talento, é dicir, enorme. Desde o primeiro momento, a pesar de que eu antes non producía, sempre escoitou a miña opinión en todo o que quería achegar nese aspecto. Apostou por min e estareille eternamente agradecida. Gustaríame pasar moito máis tempo con el aprendendo porque é unha persoa que facilita cada proceso que comezamos».

 

Foto © AigiBoga  

 

Neste álbum ti tamén traballaches como coprodutora. Como foi participar na produción de Ceniza? Como se ve o traballo desde esta outra (nova) perspectiva?

Sabela: «Tomar o papel de produtora musical no disco foi intenso e moi gratificante. Encantoume poder illarme e crear os arranxos, xogar con todos os medios que temos hoxe en día e aprender de xente tan incrible como Luis del Toro. Desenvolvín moito máis a parte técnica e, para unha persoa á que lle encanta indagar ata o final no que fai, isto é algo marabilloso. Ademais, se cadra pola miña formación en clásico, sempre me encantou descompoñer as voces e demais partes das obras».

 

En Ceniza escoitamos a unha Sabela como nunca antes; escoitamos un son máis maduro, resultado de explorar a fusión de electrónica, pop, jazz e hip-hop. Como describirías ti a evolución do teu son ata chegar ao actual?

Sabela: «A evolución do meu son foi ligada a tomar o control do proxecto. Penso que este son, como comentas, é máis maduro e iso é, en parte, por poder ter o tempo para buscalo e decidir non facer o primeiro que se me pasaba pola cabeza.

Fixen temas, deixeinos e volvinos a retomar. Se cadra, se os sacase nese momento, non estarían feitos deste xeito. Formeime e indaguei por outras vías e iso foi o que me levou a poder tomar decisións coas que estar conforme e que, ao mesmo tempo, me representen. Son moi consciente que isto é unha carreira de fondo, e para este disco non quería facer algo caduco, pola carga emocional e polo que supoñía a nivel de identidade artística».

 

Foto © AigiBoga  

 

O galego en Ceniza atopámolo en “Cidade Desexo”... podemos considerar que xa é unha tradición establecida o de incluír algún tema en galego nos teus traballos?

Sabela: «Si, seguramente, aínda que eu non descarto nada. Nese sentido, aínda que me costou chegar ata este punto, síntome libre de facer o que quero a nivel artístico. Se mañá me apetece e me sae compoñer un disco todo en galego, fareino, teno por seguro!

Eu compoño nas dúas linguas así que, sen dúbida, aínda que só sexa por estatística, algún sempre caerá [risos]».

 

 

O derradeiro adianto foi “La piedra”, o corte do disco onde exploras o teu lado máis electrónico. É cara a este son onde se dirixirá a túa sonoridade? Seguirás a cruzar fronteiras sonoras no futuro?

Sabela: «A onda electrónica gústame desde sempre. Eses bombos e baixos unidos cos sons máis suaves da miña voz, etc. parécenme unha boa mestura, pero tamén espero seguir cruzando liñas toda a vida, mantendo e conformando a miña identidade; a música é un continuo.

Non me gustan as fronteiras na arte; xogarei con respecto, pero sempre mantendo a ilusión na procura de novos sons».

 

Nos primeiros segundos desta canción escoitamos «es que en realidad la piedra es el corazón» seguido do coñecido «creo que no te entiendo» dos nosos móbiles. Logo da primeira escoita esas palabras cobran sentido. De onde vén esa metáfora?

Sabela: «A metáfora vén dunha historia que me contou alguén que tamén ten cabida neste disco e é a historia dos pingüíns, na que se conta que escollen a pedra máis fermosa de toda a praia para darlla á súa namorada e ver se hai química ou non [risos]. Gustoume a historia e pareceume curiosa para facer referencia a ela ligándoa á temática do tema».

 

 

 

Un interludio na ópera sitúase en metade dunha obra para avanzar accións do drama. Que buscabas co “Interludio” do teu disco?

Sabela: «Neste caso, o interludio é a peza central do disco sobre a que orbitan todas as demais temáticas. Quería deixar claro que todo o resto de temas, de experiencias e de vida, estivo en gran parte marcada por ese suceso, pero tamén por ese amor e cariño que ten alguén que nos quere. Así que, intúo que tamén actúa a modo de protección do resto de cancións».

 

Semella que non pasou tanto tempo, pero si moitas cousas, desde que te coñecemos. Que lle dirías hoxe a aquela Sabela que se presentou ao casting de OT?

Sabela: «Creo que lle daría un abrazo, miraríaa con cariño e diríalle que adiante, que vai custar, pero que chegue a onde desexe e poida e non a onde desexen os demais».

  

Vés de presentar Ceniza na Sala Capitol (Santiago de Compostela), como foi a noite e a resposta do público?

Sabela: «A noite foi moi especial, chea de amigos e amigas. O feedback ao baixar do escenario foi moi bo. Sempre están eses nervios concretos do primeiro show de presentación do disco, pero todo saíu xenial. Reencontreime tamén con moito público que me segue desde as primeiras firmas de OT e vellos amigos e amigas; fíxome moita ilusión ver que seguen o meu camiño.

Os concertos son un lugar estupendo para manter o contacto real e que non se perda a mensaxe e as miradas no medio das redes».

 

Foto © AigiBoga 

 

O vindeiro 3 de maio farás o propio na Carola Morena de Madrid. Que pode agardar o público dun concerto de Sabela?

Sabela: «Os meus concertos están cheos de contrastes e de emocións. Viaxamos por zonas sensibles e íntimas, pero tamén temos moitos momentos para brincar, saltar, berrar e soltar adrenalina. Os concertos están para sentirnos vivos, acariciando o bo e o malo do noso mundo, e iso facemos; collémolo todo e vivímolo ao 100%».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Sabela: «Descubrín hai pouquiño a LaMontagne & PicoAmperio e quedei namorada, así que vos recomendo a súa escoita!».

 

Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña

Sabela: «De todo [risos]. Pero entro e déixovos algúns nomes aleatorios: Olivia Dean, Aaron Parks, Crossfaith, The Blaze, Benny Goodman, Polo&Pan, Rosalía, Karol G, Foo Fighters, Hania Rani, Twenty One Pilots, Mercedes Sosa, Guadi Galego, Parkway Drive, Architects, Massive Attack, Iván Ferreiro, Portishead, Alanis Morissette, Baiuca, Carminho, Silvia Pérez Cruz, Max Ritcher, etc. A lista é tan infinita... Que cantidade de música escoitamos e que marabilla poder escoitala!».

 

  noticias