• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. MAIO 2023

NOVOS LANZAMENTOS. MAIO 2023
4 XUÑO 2023

 

 

Bordando el manto terrestre, trajedesaliva

«É unha viaxe musical arredor da figura de Remedios Varo, pintora nada en España en 1908, que viviu exiliada en México ata a súa morte, en 1963». Así define trajedesaliva o seu novo disco, Bordando el manto terrestre (Time Released Sound/Woodford Halse, 2023). O dúo galego formado por Mon Ninguén (sintetizadores) e unavena (spoken word) une forzas con Maud The Moth (voz, instrumentación, deseño de son) para crear un traballo que amosa unha musicalidade propia: un dark ambient elaborado sobre liñas de sintes murmuradoras e oscilantes ondas de capas infinitas. Os oito cortes que recolle o longo bailan entre o darkwave e melodías ambientais, arranxos vocais de natureza gótica e atmosfera desasosegante que contan unha historia e, ao mesmo tempo, calman os oídos; cóntana a través de poemas que narran a fuxida da pintora como un camiño de fantasía no que recuperar a harmonía perdida e situarse nun novo mundo. Ademais de poder desfrutalo nas principais plataformas dixitais, Bordando el manto terrestre está tamén dispoñible en cinco edicións físicas diferentes.

 

 

 

 

 

OS MORRISON, FØ Records

Tres anos despois do seu debut coa mixtape O Club do Pitillo (2020), o colectivo negreirés de trap volve con novos temas en galego autoproducidos e autoeditados, sen colaboracións, e co son e a idiosincrasia que os identifica. OS MORRISON (2023) busca transmitir bo rollo e apelar ao sentimento de pertenza a un grupo de amigos, a unha familia. O longo, para o que participaron tres dos rapeiros do colectivo, ofrece unha ampla variedade de sons e estilos: desde hip-hop vibrante e colorido ata funk brasileiro, pasando polo trap máis puro ou influencias pop e latinas.

 

 

 

 

  

Sansolimón, AILÁ

Lévano presentando desde finais de marzo, pero o pasado 26 de maio alzaron áncoras e deixaron que Sansolimón (2023) naveegase ao completo polas principais platoformas dixitais. AILÁ describe este novo traballo como «o que nós sentimos pola nosa tradición», xa que para o grupo compostelán as nosas músicas e bailes son protectores de quen os exerce. Sansolimón recolle unha colección de 11 cancións na que AILÁ ofrece a súa visión da música de transmisión oral cun repertorio que, aínda que manteñe a esencia do seu primeiro álbum, chega con arranxos coidados e convidades especiais.

 

 

 

 

 

When in Silence of the Soul, Paula Ríos

Fanny Mendelssohn, «irmá das musas», como a chamaba a súa nai, foi unha esposa, nai e coidadora do século XIX, pero tamén fixo o seu propio camiño musical e converteuse nunha das pianistas máis importantes da súa época, compoñendo máis de 400 pezas. Paula Ríos rescata agora un puñado delas —17 exactamente— en When in Silence of the Soul (2023), o seu novo álbum. Ríos embarcouse na gravación deste traballo discográfico tras estrear a obra en recitais de España e Portugal, hai xa uns anos, e sentir o entusiasmo do público. Como no seu día fixo con Chopin ou Bellini, a pianista galega achega a brillantez e sensibilidade necesarias para guiar ao oínte pola produción pianística de Mendelssohn, incluíndo dúas primeiras gravacións. O título fai referencia a un poema que Goethe lle encargou á compositora alemá para que lle puxese música, moi espontánea e experimental.

 

 

 

 

 

 

Ortiga e Pili Pampín, Ortiga & Pili Pampín

Logo de catro adiantos cos que non fixeron máis que cultivar éxitos, Ortiga & Pili Pampín publican o seu agardado disco. O dúo debuta con Ortiga e Pili Pampín (Ernie Records, 2023), un longo de oito cortes que ratifican a súa aposta pola dualidade tradición-modernidade, fío condutor do seu discurso artístico. Gravado por Hevi en Laboratorio Soyuz, baixo a dirección de Chicho (Ortiga) e Joâo Alberto Ferreira nos arranxos, este traballo recompila grandes éxitos de onte e de hoxe en clave de música urbana e ambiente de verbena; un repertorio clásico ateigado de costumismo, folclore e cultura popular galega que o dúo galego explora desde a absoluta liberdade creativa. Non coñece límites, nin marcos temporais nin estilísticos... Ortiga & Pili Pampín arríscanse con todo sen perder de vista o principal, que é a conexión co público.

 

 

 

 

 

 

O que nos queda por non dicir, Chicharrón

Chicharrón cumpre 10 anos de vida neste 2023 e, para celebralo, gravaron un disco de oito cancións cuxo nexo común é a felicidade. Foron dando pinceladas del nos últimos meses, polo que xa sabiamos que a portada era un cadro de Alberto Gende «que deixou definitivamente inacabado», que o título estaba inspirado nun verso de Ida Vitale... Pero non foi ata o pasado 17 de maio, Día das Letras Galegas, cando Chicharrón descubriu o conxunto ao completo. O que nos queda por non dicir (Ferror Records, 2023) é o seu disco máis lo-fi e luminoso, un traballo no que a banda carballesa reflexiona sobre a felicidade e todas as súas formas; por iso foi gravado no local de ensaio, para que o son expresase a felicidade e frescura dun novo comezo».

 

 

 

 

 

Lugar A Ponte, CALDO

Titulárono como o fogar que os viu nacer: Lugar A Ponte (Gondomar), onde Caldo arranxou, e ensaiou, todos os seus primeiros temas. O trío afincado no Val Miñor presenta o seu segundo álbum, Lugar A Ponte (2023), co que dan un paso máis na procura e exploración do seu imaxinario sonoro. No disco, producido e gravado man a man xunto a Alberto Cernadas (crnds), Caldo déixase levar pola experimentación para que as cancións tomen camiños imprevistos; nelas, introducen novas texturas e atmosferas sen renunciar á súa identidade, que agroma e bebe da tradición, incluíndo gravacións ao vivo como as dos seus inicios. Entre as novidades, destaca unha menor presenza da percusión, que escoitamos en forma de pandeireta en cortes como ‘Cáncaro d’abril’, ademais de temas de composición propia a maiores da intervención ou adaptación de letras tradicionais. Persoal e profundo, Lugar A Ponte é unha proposta moderna, íntima e potente coa que a banda define unha nova etapa, cargada de «honestidade e responsabilidade, tanto coa tradición como con eles mesmos».

 

 

 

 

 

 

Todo ou nada, Isidro Vidal

A finais de abril, e logo dun par de anos de silencio discográfico, Isidro Vidal volvía facer soar a súa gaita. Facíao con “Maxia”, unha canción que trata sobre enfrontarse a esa «mochila» que todos levamos ás costas e que nos acompaña día a día. Cunha melodía instrumental engaiolante, o tema era o preludio do seu novo traballo discográfico, Todo ou Nada (Edicións Bordón, 2023), publicado o 12 de maio. Envolto en deseño gráfico de Manel Calderón, o longo presenta 11 cancións daquel neno que, en setembro de 1993, collía a gaita por vez primeira e soñaba con ser gaiteiro; durante pouco máis de 40 minutos, Vidal é capaz de transmitir unha mensaxe positiva e motivadora, creando así unha conexión emocional única co oínte.

 

 

 

 

 

 

Sebo de Ghrilo, Mediarea

Mediarea nace apoiado polas aportacións particulares de cada un e un sentir común. Formado por Gael Pérez (gaita), Zé Pumar (acordeón), Luis Malvido (bombo) e Rodri Martínez (percusión), o cuarteto compón sobre dous piares, o seu amor pola música patrimonial galega e a responsabilidade de contribuír á súa saúde con afán creativo. Así constrúen un imaxinario sonoro cargado de personalidade, pero coa marca da terra que o veu nacer; unhas composicións que gañan co tempo, que maduran e adquiren matices, que asentan e deixan pouso. Recóllenas no seu primeiro disco, Sebo de Ghrilo (2023), publicado a principios de mes e no que, a través dos seus sete cortes, Mediarea intenta amosar a forza que caracteriza os seus enérxicos directos coa maior fidelidade posible.

 

 

 

 

 

Neon Freestyle Training BEATS Vol. 1, MisterMyr

O artista pontevedrés residente en Santiago arríscase con (case) todo: rock, metal, synthwave, rap, trap, ritmos latinos... MisterMyr, lonxe de ser un misterio no mundo da música, é un camaleón; á súa faceta de músico, hai que sumarlle ás de produtor e compositor de bandas sonoras. Entre a súa extensa discografía destaca a composición da música electrónica para o videoxogo Neon Flytron, co que conseguiu 2,5 millóns de escoitas, converténdose así no primeiro compositor galego en acadar este fito. A principios de mes, MisterMyr engadiu un título máis con Neon Freestyle Training BEATS Vol. 1 (2023), un álbum de oito cortes que, como o título indica, ofrecen ritmos de xéneros variados para practicar freestyle na casa.

 

 

  

 

🎧 Sigue a nosa lista de Singles 2023 en Spotify para estar ao día das novidades discográficas dos artistas e grupos de galiciantunes.com!

 

 

🎧 E se es dos maximalistas que o queren todo, tamén podes seguir a de Álbums 2023 cos discos completos!

 

 

  noticias