• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. SETEMBRO 2023

NOVOS LANZAMENTOS. SETEMBRO 2023
1 OUTUBRO 2023

 

Lady Life, Ferky RagzBundle

En xuño publicaba o videoclip dun tema pertencente a súa maqueta Mi quinta dimensión; nada facía pensar que, tres meses máis tarde, Ferky RagzBundle lanzaría o seu primeiro LP. Composta por unha decena de temas de estilos variados, Lady Life (2023) é o resultado dun longo período de traballo e moita ilusión, un proceso para o que contou con nomes como Ivory, quen colabora no tema ‘Prensando carbón’. O artista, que se autodefine como «poeta en días grises», fusiona rap, reggae, hip-hop ou pop sobre letras que contan historias coas que os oíntes se poidan sentir identificados. Aínda que polo de agora só está dispoñible en plataformas dixitais, Ferky tamén ten pensado sacalo pronto en formato físico.

 

 

 

 

I Swear, Cora Novoa

O ano pasado pechábao con Rituals (Second State Audio, 2022) e, aínda que soltou algún que outro sinxelo este 2023, tivemos que agardar ata o pasado 21 de setembro para escoitar o seu novo traballo. I Swear (Citizen Records, 2023) é un EP de catro cortes que atraparán a calquera amante do dark techno. Profundamente mental e dark, a artista e produtora galega lembra aos oíntes que a forza dunha canción non reside na súa velocidade; tres das pistas mantéñense en 130 BPM, encerrándonos nun túnel brutal onde só se escoitan texturas duras, orgánicas e ásperas. Con I Swear, Novoa transmite a enerxía de raves, big rooms, encontros prohibidos; ritmos fríos e espartanos aos que o noso cerebro se rende como prisioneiro voluntario. O artista francés Maelstrom é convidado a esta misa pagá para celebrar a unión entre electroclash e dark techno.

 

 

 

 

Aislamiento, Gume

Gume xoga con diferentes estilos musicais nunha fusión de pop clásico con toques electrónicos; unha mestura que verte con graza sobre cancións nas que fala dos seus medos e preocupacións universais, como o paso do tempo ou a ansiedade. O seu recentemente estreado primeiro EP, Aislamiento (2023), un traballo conceptual baseado nunha das dúas etapas da teoría psicolóxica de Erikson, o illamento. Deste xeito, cada un dos seis cortes que recolle o álbum alude, progresivamente, a unha fase das etapas do dó (negación, negociación, ira, ansiedade, illamento e aceptación), creando un paralelismo co proceso de crecemento do personaxe. Bebendo de referencias como Björk, Scott Walker, Caroline Polachek, Dusty Springfield ou Kacey Musgraves, o músico explora novas sonoridades entre sons acústicos e ecos sintéticos que deixaran os seus anteriores sinxelos.

 

 

 

 

As alegrías, Linho do Cuco

Hai dez anos que Linho do Cuco lanzaba o seu terceiro traballo discográfico, As alegrías(2013),un álbum co que a banda do Deza pretendía incitar o optimismo e reclama «a montesía» —o interior de Galicia— que, de feito, chegaba ata a portada, cos montes de Sabucedo (A Estrada) como protagonistas. Composto por nove cortes, enraizados na música tradicional pero con arranxos vangardistas, o longo rompía co pesimismo ao mesmo tempo que reivindicaba a música tradicional; ademais, e a diferenza dos seus predecesores, incluía instrumentos novos como o piano de xoguete, o corno inglés ou a guitarra eléctrica. Desde o pasado 20 de setembro, As alegrías xa se pode escoitar tamén en Spotify!

 

 

 

 

Del cielo a Marte, Arantxa Pérez

Hai case un ano que Arantxa Pérez comezaba a viaxe de emocións que sería o seu vindeiro álbum con ‘Mi Capitán’, canción dedicada ao seu pai que conmoveu a centos de seguidores e chegou a coarse en varias listaxes de Spotify. Logo de varios meses de agarda e adiantos, a cantautora catoirense publicaba o disco ao completo, Del cielo a Marte (2023), o pasado venres, dando así por pechados tres anos de intenso traballo. Producido por Bob Benozzo, este terceiro disco marca un antes e un despois para Arantxa, definindo a súa identidade non só como artista, senón tamén como persoa. ‘Entre más de un millón’, ‘Mi paracaídas’ ou ‘Estaré ahí’ son algunhas das cancións que recolle o longo, unhas pezas nas que escoitamos como nostalxia e melancolía emanan da súa voz e das melodías que a envolven. Con Del cielo a Marte, Arantxa Pérez despega e alza o voo cara a un destino onde atopará «todo aquilo que lle fai sentir e dar valor e sentido á súa vida, aínda que lle rompa o corazón».

 

 

 

 

Nite Versions, Ángel Novcad

Logo de publicar catro traballos en dous anos, Ángel Novcad decide dar un paso máis e colaborar con outros artistas. O compositor e produtor lucense lanza Nite Versions (Disctrl, 2023), longo composto por nove cortes nos que Novcad introduce a cantante Marta Darcos fronte ás voces. O LP, que supón un punto e seguido na súa prolífica carreira, presenta caricias melodiosas que levan os seus ritmos escuros e constantes a algo máis próximo á pista de baile, respectando, aínda así, as súas características atmosferas escuras. Nite Versions ten pouco máis dunha semana de vida, pero Ángel Novcad xa está a pensar no seguinte paso a dar: engadir elementos e compoñentes as súas composicións.

 

 

 

 

 

Vuela, Sr. Salvaje

De ‘Miss Fortuna’ a ‘Gasolina’ pasaron un par de anos durante os que Sr. Salvaje non fixo máis que poñernos a mel nos beizos (oídos, mellor dito), tanto desde as plataformas dixitais como desde os escenarios. A espera remataba o venres 15 de setembro, cando saía á venda Vuela (Beatclap, 2023), segunda referencia e primeiro longo do cuarteto galego. Os 11 cortes que o compoñen parten dunha base de rock clásico, sobre a que a banda engade matices de hard rock dos setenta, soul e mesmo country. Eléctricos e espontáneos, Sr. Salvaje entregan unha renovada dose de potencia, riffs, rock ‘n’ roll da vella escola e, como xa fixeran co seu predecesor, manteñen viva a chama do xénero coa mirada posta no máis alto.

 

 

 

 

II, Grande Amore

É cru, directo. Con letras e música afiadas e influencias que van desde o punk ata o black metal pasando por música industrial, todo iso adaptado ao seu formato electrónico. É II (Ernie Records, 2023), o segundo traballo e agardado traballo de Grande Amore, o proxecto de Nuno Pico xunto a Clara Redondo e mariagrep. Producido por Carlangas, o longo reforza os catro temas adianto e confirma o salto de Grande Amore como artista que, neste disco, é incomparable. O artista lucense xoga co rock, as caixas de ritmos, os sintes; fai que os riffs da guitarra bailen entre letras sobre a vida; que non é outra que no que se converteu o costumbrismo cotián, o fastío en xeral. Nuno expele toda esa rabia e ese malestar en cada un dos 10 cortes que recolle o álbum e, como se dunha semente se tratase, rebusca en nós... ata facer que nos redimamos. II é para gritalo, bailalo e quedarse a vivir nel.

 

 

 

 

 

Desde Galicia para el Inframundo, Petardo

Non deixara pasar nin un mes desde o seu último lanzamento, Sucedáneo de Petardo (2023), cando Petardo facía «explotar» un novo traballo en Spotify. Desde Galicia para el Inframundo (2023) é un EP de tres cancións nas que, unha vez máis, o artista pon a súa «orquestra marciana dos anos sesenta» a traballar. Como resultado, escoitamos como Petardo segue a estirar o termo de «música experimental» ata o infinito; o seu non ten límites... nin semella querer coñecelos!

 

 

 

 

Now Is a Wave, Alex Silva

Seis anos separan o seu debut discográfico, Mind Pattern Explorer (Canadian Ducktapes, 2017) do seu último longo; seis anos que Alex Silva converteu nunha aventura, traballando en nova música, aprendendo e medrando no proceso. O primeiro venres de setembro vía a luz Now Is a Wave (Canadian Ducktapes, 2023), un LP de oito cortes —dos que xa escoitaramos ‘Paralogize’ e ‘Dog’— gravados por Jose Gutiérrez en La Cortina Roja Estudios (A Coruña). Nos seus case 40 minutos de duración, o compositor e enxeñeiro de son coruñés amosa, unha vez máis, como a súa interpretación da electrónica vista, influenciada por aquelas bandas punk dos seus comezos, é o camiño a seguir na composición de pistas experimentais e alternativas. Ademais de poder desfrutalo nas principais plataformas dixitais, Now Is a Wave está tamén dispoñible en vinilo (negro ou morado) e casete.

 

 

 

 

Baby Light, Marem Ladson

Logo deses dous adiantos nos que exploraba a súa identidade desde unha perspectiva única en canto a composición lírica e introspectiva, con influencias folk e pop, Marem Ladson lanzaba o EP ao completo o venres pasado. Con letras tanto en inglés como en castelán, Baby Light (2023) amosa un folk-pop alimentado polas sensacións máis crúas e a dualidade da herdanza bicultural de Ladson; dor, ira, perda e esperanza escóitanse, brillantes, en medio do calidoscopio de emocións da vida. A través das cinco cancións  que o compoñen, a cantautora ourensá afincada agora en Nova York embárcase nunha viaxe de procura, confrontando o seu pasado; reconstruíndo a súa historia e expoñendo capas ocultas de tristeza que agochan unha ardente corrente de ira.

 

 

 

 

Contos, María Mendoza

María Mendoza poñía o broche de ouro ao verán 2023 co lanzamento dun novo traballo discográfico. Contos (2023) son 13 cortes instrumentais de composición propia que confirman aquilo de «o bo, se breve, dous veces bo», posto que a peza máis longa do álbum dura só 1:48. E, para ela, é suficiente. Nos pouco máis de 12 minutos de duración do EP, Mendoza confirma que tampouco necesita máis para amosar a súa faceta creativa e talento interpretativo fronte ás teclas.

 

 

 

 

Up2Down (BSO), María Mendoza

A pianista María Mendoza foi a encargada de poñerlle música a “Up2Down”, un espectáculo familiar de danza protagonizado por dous bailarinas e dous cables de funambulismo... dirixidos por un pallaso! Os acordes de Mendoza repártense en tres pezas que acompañan os personaxes, definidos polo seu status antagónico, e o espectador, levándoo por unha viaxe emocional a través dos seus desexos e aspiracións ata acadar un punto de encontro: o equilibrio.

 

 

 

Fremosas, Barahúnda

O quinto traballo de Barahúnda é máis que un libro-disco. Fremosas (Editorial Toxosoutos, 2023) é, segundo o dúo de músicos galegos, un «artefacto musical, literario e divulgativo»;é o resultado de miles de horas de traballo, dúbidas e incertezas que Barahúnda recolle nun libro e a colección de 12 cantigas galego-portuguesas musicadas e dispoñibles a través de códigos QR. Cada unha destas historias garda o seu amor á música, á poesía e á Historia, dando a coñecer a tradición cultural dos pobos, a máis popular, como os cantos arrieiros ou as cantigas de amigo; Fremosas é, ademais, unha reflexión sobre a pegada feminina na lírica medieval. Como álbum foi composto, arranxado e gravado por eles mesmos no seu estudio Abuin Road entre 2020 e 2022, coas excepcións propias do confinamento. Polo de agora, as cancións só están dispoñibles para súa escoita vía os QR que se atopan no interior do libro.

 

 

 

 

 

Literaria ao vivo, Miguel Alonso

A finais de 2019, Miguel Alonso gravou o concerto presentación Literaria (2018) no Auditorio de Negreira (A Coruña). O disco recollía once poemas de autores galegos contemporáneos musicados polo cantautor que, aínda que xa foran amplamente compartidos enriba dos escenarios, merecían ser plasmados nun disco; así nacía Literaria ao vivo (2020). Un ano despois daquel emotivo concerto, Miguel Alonso publicaba a actuación completa en YouTube, pero agora xa pode desfrutarse dela tamén en Spotify.

 

 

 

 

🎧 Sigue a nosa lista de Singles 2023 en Spotify para estar ao día das novidades discográficas dos artistas e grupos de galiciantunes.com!

 

 

🎧 E se es dos maximalistas que o queren todo, tamén podes seguir a de Álbums 2023 cos discos completos!

 

  noticias