• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

GRUPOS E ARTISTAS DA SEMANA 2023. VOL I

GRUPOS E ARTISTAS DA SEMANA 2023. VOL I
26 DECEMBRO 2023

Hoxe, derradeiro martes de 2023, comezamos repasar os Artistas e Grupos da Semana que pasaron pola nosa cabeceira. Agradecemos que compartiran o seu tempo con nós, non só a través dos acordes das súas composicións, senón tamén a través das teclas do ordenador, contestando a todas, e cada unha, das nosas preguntas.

Unha delas, —non sempre a máis fácil de contestar— era: «se tiveras que escoller só unha canción da túa discografía, cal elixirías e por que?». Coas respostas, fixemos esta listaxe na que, ademais, recordamos as súas palabras.

 

 

 

SAMUDRA TRIO

Entrevista en galiciantunes (2/1/23): «O QUE COMEZOU COMO TERAPIA TOCANDO XUNTAS ACABOU TRES ANOS MÁIS TARDE CUN MARTÍN CÓDAX»

Samudra Trio: «“L’aube enchantée sur le Raga Todi” de Ravi Shankar. Para nós significa a primeira apertura e saída de zona de confort do que viñamos traballando cada unha desde as súas vivencias. A procura e exploración de sonoridades non atribuídas aos instrumentos occidentais e a aparición dun mundo novo dentro da música de cámara significou un antes e un despois en Samudra Trio».

 

 

 

 

ROURA

Entrevista en galiciantunes (9/1/23): «A MÚSICA APARECEU EN MIN COMO FERRAMENTA COA QUE POTENCIAR A ACCIÓN DAS PALABRAS»

Roura: «Da miña discografía escollería “Caminaba por Gran Vía”. Gústame o resultado do estudio, mesmo a interpretación, e sinto que conecta coa xente e que o público desfruta con ela nos concertos; iso é algo que cada vez valoro máis».

 

 

 

 

 

SUPEROITO

Entrevista en galiciantunes (16/1/23): «SOMOS UNHA BANDA DE ROCK»

Iván: «Eu diría que “1936” de A mala vida, porque é a primeira que escribín deste disco. É a que rompeu o “síndrome de folla en branco”. Non é a mellor, nin a peor, pero é na que máis me mollei a título persoal. Ten un aire político que me parece necesario e xusto, moitas liñas de guitarra e estou especialmente contento coa letra e con como quedou!».

Glenn: «Para min “Ídolo mundial”, tamén de A mala vida, porque é a que máis se afasta do ritmo frenético e acelerado que temos por costume. E porque quedou moi guay o son que colleu no estudio; é a que ten o corte máis clásico e desfrútase moito tocándoa».

Diego: «Eu vou ir ao clásico! A min mólame moito “Animal” de A mala vida... Joder, todas as cancións que eliximos son do último disco, pero é que nos curramos moito estas cancións como para non escollelas todas. “Animal” é a máis salvaxe, ten poucos elementos pero están ben fiados e a voz é arriscada, pero saíu ben! É a miña favorita con diferencia!».

 

 

 

 

 

RAYOTASER

Entrevista en galiciantunes (23/1/23): «POUCAS COUSAS FÓRA DO AMOR OU A MÚSICA OFRÉCENME MOTIVACIÓN SUFICIENTE»

Rayotaser: «“Todo lo que pido”, porque é a canción que mellor foi recibida polo público e iso foi unha vibra única en todo este tempo».

 

 

 

 

 

QFB

Entrevista en galiciantunes (30/1/23): «SABEMOS O QUE QUEREMOS FACER E SABEMOS COMO FACELO»

QFB: «A decisión é difícil, máis imos quedarnos con “Revolución”, pois é o tema que marca o son que queremos. Mestura de metal e hip-hop con sons máis tradicionais galegos».

 

 

 

 

TELMO FERNÁNDEZ

Entrevista en galiciantunes (6/2/23): «TRATO DE IMPRIMIR NA GUITARRA UNHA CALIDADE VOCAL»

Telmo Fernández: «Buf, non sei... pois esta, “Lola’s Dream”; non por como a toquei, senón porque está dedicada á miña filla Lola Fernández».

 

 

 

 

 

MARYLAND

Entrevista en galiciantunes (13/2/23): «DESPOIS DE CINCO DISCOS, MARYLAND SOA A MARYLAND»

Rubi e Pablo: «Podría ser “Camino”... o título é un anagrama, pero “Volver a nacer” foi o primeiro single deste novo álbum e merece esa posición».

 

 

 

 

SINESTESIA

Entrevista en galiciantunes (20/2/23): «O ÚNICO FILTRO QUE EVITA QUE PUBLIQUES ALGO É A VERGOÑA»

Sinestesia: «“Parte una lanza”. Comezamos a ver que a xente a cantaba e que era moito máis escoitada que o resto das cancións nas plataformas de streaming. Adoitamos rematar os concertos con ela desde hai moitos anos e percibimos un feedback moi positivo. Persoalmente recordo o proceso de creación, a maqueta... todo. Non sei. Se foramos unha banda one hit wonder, "Parte una lanza" sería ese hit».

 

 

 

 

 

FANNY & ALEXANDER

Entrevista en galiciantunes (27/2/23): «QUERIAMOS FACER UN DISCO REPARADOR, QUE CADA CANCIÓN RECONFORTE AO OUVINTE»

Fanny & Alexander: «Seguramente “Amei-te tanto”, de cando en vez nos atopamos en Instagram con Stories random de amor con esa canción e, a verdade, é que enche o peito ser a banda sonora do amor entre dúas persoas; fai que todo pague a pena».

 

 

 

 

 

LAMONTAGNE & PICOAMPERIO

Entrevista en galiciantunes (6/3/23): «"ALGO QUE SINALAR" RESUME UNHA HISTORIA E CONSOLIDA UN CAMIÑO»

LaMontagne & PicoAmperio: «“Ondas do Mar de Vigo”. É a canción infinita, o auténtico loop do movemento das ondas do mar. Descarga unha emoción acumulada durante séculos. Para nós foi semente de moitas aventuras e moitas oportunidades».

 

 

 

 

 

MÅI

Entrevista en galiciantunes (13/3/23): «É MÚSICA QUE ARRAIGA EN RITMOS E SONORIDADES TRADICIONAIS, PORQUE SEN RAÍCES NON SE MEDRA ALTO»

Måi: «Penso que escollería “Big Bang” porque xustamente compendia a vida toda e a fai explotar de goce nuns poucos minutos nunha festa bailable. É unha descrición do big bang como un orgasmo cósmico e como, desde entón, absolutamente todo proceso vital reproduce ese mesmo mecanismo inicial. Viva o amor universal e o pracer expansivo!».

 

 

 

 

 

SABELA

Entrevista en galiciantunes (20/3/23): «XOGAREI CON RESPECTO, PERO SEMPRE MANTENDO A ILUSIÓN NA PROCURA DE NOVOS SONS»

Sabela: «“Mucho Love”, pola carga emocional que comporta, pola fusión que conseguimos facer e porque é un tema na que a maioría das partes son as primeiras tomas iniciais e naturais que gravamos, co compoñente de improvisación que iso ten; e porque me encanta! 😊»

 

 

 

 

 

SÉS

Entrevista en galiciantunes (27/3/23): «A MÚSICA NON É CAUSA, SENÓN CONSECUENCIA DOS CAMBIOS SOCIAIS»

Sés: «“A paz esquiva”. Porque esa canción saíu soa, sen eu querer e case sen permitirllo. Pariuse soa unha tarde moi fea que chovía moito. E non me gustaba nada ao principio, pareceume horrible. E ela medrou contra todo prognóstico até que me fixo estar comodísima cantándoa e sentirme moi orgullosa dela».

 

 

 

 

 

THE RAPANTS

Entrevista en galiciantunes (3/4/23): «O MELLOR DE DEDICARNOS Á MÚSICA É A SORTE DE IR APRENDENDO DA XENTE COA QUE TRABALLAMOS»

Matías, Xaquín: «“A Festa do meu enterro”»

Xaquín: «É a máis especial para min porque é a canción que fixemos cando volvín ao grupo. Foi unha autoprodución curradísima con videoclip incluído e fixémolo nun momento que tiñamos moitas ganas de música e non podiamos polos peches perimetrais. Aí foi onde deixamos entrever as influencias electrónicas que lle queriamos dar ao grupo ata o que facemos agora».

Matías: «Eu igual, porque me encanta; está feita sen axuda externa máis alá de Anxiño no videoclip... e o rodaxe do videoclip foi un festón [risos]».

Samuel: «6:00 AM, porque é a canción que máis desfrutamos en directo. É na que soltamos os nervios, empezamos a saltar e nos deixamos levar. Hai outras que se cadra teño un maior vínculo sentimental, pero esta en directo é terapéutica; non podemos deixar de tocala nunca».

Xanma: «Eu agora mesmo non podo desir outra que non sexa “O avión”. É unha loucura a conexión que se crea co público nese tema. Mesmo antes da quenda de tocala a corean. É un himno».

 

 

 

 

DARK EMBRACE

Entrevista en galiciantunes (10/4/23): «‘DARK HEAVY METAL’ É O MELLOR RESUMO DO QUE É DARK EMBRACE»

Dark Embrace: «Polo cariño que lle temos, escolleriamos “Bitter End”, pero penso que, se temos que elixir soamente unha que nos pode representar, sería “Never Seen The Sun”, xa que nese tema usamos todos os elementos que nos fan soar a Dark Embrace».

 

 

 

 

PABLO LEIRA

Entrevista en galiciantunes (17/4/23): «EN BERKLEE APRENDÍN OUTRO XEITO DE VER A MÚSICA, MOITO MÁIS ORGÁNICO E NATURAL»

Pablo Leira: «Quedaríame con “You’ve Been On My Mind”; tócame persoalmente, é un tema importante para min».

 

 

 

 

 

IGLOO

Entrevista en galiciantunes (24/4/23): «‘PLANES PARA DÍAS GRISES’ É UN BO EXEMPLO DO PROGRESO DE IGLOO»

Beni: «“Nuestro big bang” porque é un peche perfecto de disco, ademais de que ten similitudes cun tema do primeiro álbum titulado “El día que me quedé sólo”. Ten unha atmosfera inicial que me gusta moito e un final desgarrador, cousas que evocan a Igloo en calquera dos seus discos».

Juanma: «Eu escollería “G7” porque é miña [risos]... Non, en serio, resúltame moi complicado quedarme con unha soa, pero por dicir unha “Ausencia parcial”, penso que é unha canción moi Igloo».

Julián: «“El verano infinito”, porque é o noso seguinte single e o corpo xa pide veraniño. Non vos ides a poder sacar a melodía da cabeza. Xa veredes».

 

 

 

 

 

CARABELA

Entrevista en galiciantunes (1/5/23): «ÁS VECES NO SINXELO ESTÁ A BELEZA MÁIS SORPRENDENTE»

Carabela: «“Máscara Vella”. Cremos que é a que máis enerxía ten e, neste momento, como banda é coa que máis nos sentimos identificadas».

 

 

 

 

 

THE RIGGOS

Entrevista en galiciantunes (8/5/23): «EN ‘A RASTRAS’ FOMOS CAPACES DE PLASMAR O QUE NOS GUSTA FACER, O QUE QUERIAMOS»

The Riggos: «“Un paso más”. Sen un motivo concreto, porque é a que pecha o disco, é un tema que nos gusta especialmente como quedou despois da grabación e creemos que nos representa perfectamente».

 

 

 

 

 

MÚSCULO!

Entrevista en galiciantunes (15/5/23): «‘ULLA’ É O DISCO NO QUE NOS SENTIMOS MÁIS LIBRES Á HORA DE COMPOÑER»

Músculo!: «Cremos que “Ulla” é o corte que máis representa o disco. Ademáis, sacarémoslle un videoclip proximamente».

 

 

 

 

 

GHOST BEAST

Entrevista en galiciantunes (29/5/23): «FAGO O QUE A MIN ME GUSTARÍA ESCOITAR E PENSO QUE, NO TERREO DA CREACIÓN, TEN QUE SER ASÍ»

Pachu: «“The Other Side of Fear”. Porque penso que así é como debería soar o rock en 2023 se non estivese a dexenerar ou copiándose a si mesmo eternamente».

 

 

 

 

CALDO

Entrevista en galiciantunes (5/6/23): «O FOGAR É A IDEA QUE VERTEBRA ‘LUGAR A PONTE’»

Caldo: «Eliximos “Cinzas”».

Pedro Fariña: «É o tema máis persoal que fixemos ata o de agora. A letra que fixo Anaïs paréceme desgarradora; sempre que a escoito me toca algo dentro. Lembro cando Anaïs estaba a gravar a voz e na primeira toma cando cantou o de “vestirte, peitearte e saír beber”, de súpeto Cernadas e máis eu nos miramos e estabamos súperemocionados os dous. Pero quizais non é o mellor tema para meter nunha playlist [risos]».

 

 

 

 

 

ROBERT PIER

Entrevista en galiciantunes (12/6/23): «A MÚSICA INTERPRETADA DESDE A SACRALIDADE E A ALEGRÍA FAI ELEVAR FRECUENCIAS, ENERXÍAS E VIBRACIÓNS»

Robert Pier: «“Aire” do segundo disco, pola vixencia na temática e porque anima a empoderarse e abrir o noso corazón».

 

 

 

 

 

LA CASA DE LOS INGLESES

Entrevista en galiciantunes (19/6/23): «QUE FARÍAS SE SÓ QUEDASEN VINTE MINUTOS PARA A FIN DO MUNDO?»

La Casa de los Ingleses: «“Sensacional”. É unha canción que nos gustou dende o comezo. Traballamos moito nela e, como comentabamos antes, emociónanos moito cada vez que a tocamos. Isto pásanos con moitas cancións pero non con tal magnitude. É unha canción con moitos matices, cunha atmosfera moi intensa, pero que deixa oco a cada instrumento en cada momento».

 

 

 

 

 

ISIDRO VIDAL

Entrevista en galiciantunes (26/6/23): «HAI QUE OBSERVAR A CONVIVENCIA DE QUEN CONSERVA O QUE TEMOS E QUEN EXPERIMENTA CO QUE TEMOS»

Isidro Vidal: «Escollería “Maxia”, porque é a canción que representa o momento no que decidín que ía a loitar, pasara o que pasara, para que a música non se apagara no meu corazón e conseguir conquistar a felicidade».

 

 

 

Os 18 artistas e grupos correspondentes de xullo a decembro, publicaranse o vindeiro martes, 2 de xaneiro.

 

ETIQUETAS

  noticias