• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. XUÑO 2016

Novos lanzamentos. Xuño 2016
8 XULLO 2016

Ejército celeste. Carrero Bianco

A banda ferrolá volve ao ataque co seu terceiro álbum de estudio Ejército celeste, terceira referncia do novo selo Ferror Records. Un novo LP no que logran facer encaixar á perfección o techno pop, a nova ola alemá e a música disco. Como eles mesmos explican, os oito temas que compoñen o disco xiran entorno ás drogas e outras adicións. Coa música electrónica como protagonista, neste traballo hai temas pensados para queimar a pista de baile como este Ardiendo tu estéreo.

 

Second Split. Amoeba Split

Os coruñeses Amoeba Split contan cun estilo pouco cultivado na Península, un rock sinfónico e progresivo con claras influencias do son Canterbury e outras vertentes do jazz-rock dos 70. Estes veteráns da escena progresiva galega lanzaron o seu primeiro disco Dance of the Gooodbyes que foi destacado como Mellor Disco Debut de Rock Progresivo en 2010 pola web especializada ProgAwards. O grupo aumenta agora a súa discografía con Second Split, un novo traballo editado por Azafrán Media e que incide no seu característico son.

 

Canciones desde el viejo café. MCarballo

Canciones desde el viejo café é o cuarto traballo discográfico de MCarballo e contén sete cancións que naceron nun vello café. Sete historias que mesturan a melancolía e a forza da ilusión, sete historias diferentes, como Una chica de otoño que nos lembra a máis pura esencia e nostalxia desta estación tan melancólica. Donde nunca imaginé fainos soñar cunha historia de amor entre Florencia e calquera parte. Rompémonos por dentro con Juguetes rotos e atopámonos con Almas perdidas que nos suxiren o Tirarnos al mar. Letras que fan pensar, con significado, con sentimento e con tres palabras: “Es unha canción”.


 

Incondicional e imperfecto. Indomable

Incondicional e imperfecto é o primeiro traballo de Indomable, o proxecto one-man-band (voz, guitarra, bombo, harmónica e pandeireta) do ourensán Arturo Rodríguez. Un traballo complexo e non pouco arriscado xestado en sofás de Galicia, Madrid, Alemaña e Australia: «cada un escribe a súa propia historia dende onde lle toque escribila». Cunha produción coidada ata o detalle e un deseño a cargo do sempre eficaz Leo Sousa, os oito temas que compoñen o disco falan de exploracións e buscas, de encontros e desencontros. Este sorprendente Ignota abre o disco contando a peripecia da derradeira viaxe de Ludwig Leichhardt que no século XIX se adentrou na, entón, terra incógnita que hoxe coñecemos como Australia.


 

Camiño por ti. Zurrumalla

O segundo disco de Zurrumalla camiña con apego á tradición e ao seu son inconfundible que tomara forma no seu anterior traballo O que había... e o que hai. Camiño por ti (Inquedanzas Sonoras) está composto por dezasete pezas festeiras de moi variados estilos que percorren outros tantos puntos da xeografía galega. Este novo álbum é, ademais, un xeito de dar as grazas, con homenaxes sentidas dende o primeiro tema Pasodobre por ti, unha peza dos seus amigos da mariña guardesa, ata a última, Pousa en forma de bonus track, unha versión realizada polo grupo para o programa da Televisión de Galicia No bico un cantar.

 

Viva, Viva! Linho do Cuco

«Continuísta na liña que ten Linho que é rupturista» así describe Benxamín Otero (oboe e corno inglés) o último traballo de Linho do Cuco Viva, Viva! De feito, o grupo bebe da tradición galega pero sen afogar nela baixo o peso desta herdanza. O seu son sabe a verbena, a foguete de feira, a palco e a orquestra. E arrecende tamén a outras tradicións musicais europeas. Nesta ocasión, a principal novidade son tres temas cantados. O título Viva, Viva! (o segundo Viva e o nome dun can) inspírase nun relato do escritor Séchu Sende recollido no seu libro A República das Palavras.


 

Lights and Shadows. Grand Soul Band

Tras o éxito do seu álbum debut The Road, Grand Soul Band presenta agora Lights and Shadows, un LP de dez temas gravados no Porto de Santa María con Paco Loco como produtor. O disco representa un pouco a dualidade do mundo no que vivimos, ese día a día que se nos presenta sempre cheo de luces e sombras. Fieis ao seu son característico dos clásicos do rock americano, experimentan con novos instrumentos como o órgano Hammond, piano, diferentes tipos percusións como cadeas ou pandeireta e o Pedal Steel.

 

Bipolar. Andrés Penabad

Se Crossing (2014) era un disco cheo de colaboracións de luxo e apadriñado por Bieito Romero (Luar na Lubre), Bipolar é un traballo pensado máis en clave de concertos coa banda actual de Andrés Penabad e preparado para directos cheos de enerxía. Os temas que compoñen o álbum son composicións propias e de Fernando Barroso, tamén encargado da produción, con dúas pezas tradicionais. A paixón polo acordeón como instrumento solista déixase ver en todo o disco cun Andrés máis maduro, froito destes dous últimos anos xirando dentro e fóra da Península.

  noticias