• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

MALKEDA: «‘MALKEDA’ É UNHA PEQUENA HOMENAXE MOTIVADORA A NÓS MESMOS DESPOIS DE VINTE ANOS»

MALKEDA: «‘MALKEDA’ É UNHA PEQUENA HOMENAXE MOTIVADORA A NÓS MESMOS DESPOIS DE VINTE ANOS»
24 XUÑO 2024

Malkeda leva máis de vinte anos compartindo un metal alternativo baseado en afinacións graves, medios tempos, ritmos pesados e fortes contrastes entre estrofas e retrousos. As composicións da banda pontevedresa son coñecidas polas súas melodías esgazadas e emotivas, letras escuras e uns directos que prenden o escenario. A súa discografía recolle un EP en formato acústico e catro longos que amosan nunha banda en constante evolución; un proceso que semella culminar no seu último traballo, Malkeda (2024).

Producido por Iago Lorenzo en Planta Sónica (Vigo), Malkeda reafirma a identidade sonora do cuarteto cun son duro, sen ningún tipo de concesións, con matices máis hardcore e ecos de metal contemporáneo.

 

 

Foto © Carlos Meira & Ana Piñeiro

 

En decembro de 2002 comezan a escoitarse os primeiros bramidos de Malkeda pola Boa Vila, como xorde a banda hai máis de dúas décadas?

Guille Lavía: «Checho e máis eu xa viñamos de un proxecto conxunto e, con esa onda musical dos 2000, falamos de montar algo distinto en Pontevedra, novo e soando máis americano que o que se viña escoitando por Galiza. Davi era un amigo da música pola tenda Auditorium e compartiamos gustos musicais e os tres formamos Malkeda».

Checho C. Vázquez: «Pois nunha reunión vendo un concerto entre Guille e eu decidimos arrincar algo novo que non houbera por estes lares».

 

Ben sabemos que o voso xénero podería caer dentro do rock metal alternativo pero, sen etiquetas, como definiriades vós a música de Malkeda?

Guille: «Sempre nos encadraron co nu metal, o estilo odiado e a vez tan querido. Sempre quixemos fuxir das etiquetas, pero desde fai un tempo danos bastante igual; o importante é que quen nos escoite desfrute do momento».

Checho: Mmmm, inconformista, nada alegre, realidade das cabezas escuras, nu metal raro... [risos]».

 

Korn, Rage Against the Machine, Alice in Chains son algúns dos nomes que se nos veñen á cabeza cando vos escoitamos, pero a quen sinalariades vós como principais influencias?

Guille: «Sen dúbida todas esas mencionadas e moitas máis. Toda a onda dos 90 e do 2000 americana enriqueceu as influencias da banda, pero tamén moitas bandas de funk, pop e heavy metal».

Checho: «Persoalmente estoupoume a cachola con Korn».

 

 

 

Uns anos despois de publicar a vosa primeira maqueta, debutades con Momentos Impuntuales (2008), un álbum de corte rock metal e nu metal ao que incorporabades elementos que, en principio, ían máis aló do xénero como guitarras clásicas, percusións, scratches, loops electrónicos... Por que esa mestura?

Guille: «Rafa de la Rosa produciunos Momentos Impuntuales e deunos a idea de incorporar esas guitarras flamencas, aínda que non era nada novo, véxase como III Niño xa o usaba e gustabamos diso, así como a percusión; a verdade que aínda nos encanta escoitar as guitarras de Mobilla nesas cancións. O guapo do noso estilo é que é moi orgánico e moi agradecido para mesturar todo tipo de estilos e instrumentos».

Checho: «Gustounos sempre experimentar con todo o que puidese achegar para ben, e mal non lle quedou, non. Agora facemos máis iso; máis loops, máis efectos... mesmo algunha voz».

 

 

Con este disco xirades por Galicia e o resto da Península durante case tres anos! Sendo o voso primeiro traballo, como lembrades tremenda acollida, sobre todo enriba dos escenarios?

Guille: «Para min eran momentos máxicos; ilusión continua, era xenial ser un vintelo e saír de aventura pola estrada para actuar nas salas. Vivíase moi intenso o underground en salas, era unha boa época en canto á cultura de actuacións en salas, aínda que agora está a esvaecerse lamentablemente».

Checho: «Buf, foi moi boa acollida por todos lados, tremenda. O mellor disco no que se refire a xira. Tamén sei que era novidade e a xente estaba expectante, pero desde arriba do escenario foi vibrante sempre».

 

 

 

En acústico (2011) é, como ben di o seu título, un EP de tres cancións gravadas en formato acústico. Por que recollelas, e publicalas, deste xeito?

Checho: «Pois a verdade non me lembro moi ben! Supoño que sería para facer como un single de tres ou... non sei. Só sei que nese concerto saía a xente pola porta da Karma... nunca tanta xente se arremuiñou alí!».

Guille: «A banda decidiu probar a facer un concerto en acústico e aproveitamos toda a adaptación do directo para gravar tres cancións».

 

 

 

Tan só un ano despois lanzabades Un día sin ayer (2012), segundo longo no que consolidabades o voso estilo, acadando un son contundente e directo, máis maduro. Como describiriades esta evolución do voso son?

Checho: «Bueno, aí entrou como produtor Pablo Iglesias de Mondo e fíxonos currar; máis simpleza, máis contundencia... e ese mes de produción foi moito curre. A min persoalmente é un traballo que me encanta e a evolución é total: de como sonabamos a como quedou foi moi flipante».

Guille: «Traballamos moi a reo nese álbum, sobre todo antes de contactar con Pablo Iglesias para a produción. Penso que, sen sabelo, definimos e asentamos o noso estilo como banda, xa cun toque máis noso. Con cada traballo que gravas tes a sensación de que saes aprendendo un montón de cousas novas que no pasado serían perfectas sabelas».

 

 

En 2014 publicabades Nadie queda atrás”, un tema composto para a III European Rescue Swimmers Meeting e un videoclip realizado con fragmentos reais de Salvamento Marítimo. Como se produce esta curiosa colaboración?

Checho: «Iso foi polo traballo de Guille, que traballa como rescatador e el vos contará ben [risos]».

Guille: «O presidente daquela de EURORSA contactou comigo, xa que compartimos a mesma profesión, e pediunos unha canción para ese congreso internacional a modo de himno. Bautizámolo co lema da asociación, “Nobody gets left behind”, pero en castelán».

 

 

 

 

Cumulonimbo (2016) é o voso terceiro longo, un traballo no que tirastes de extraordinarias (e amigas) colaboracións como a de Alberto Cereijo (Los Suaves, N.E.O), Loko 23 (Delahoja), Peter Parcero, Adrián González (Nihil) e mesmo o ex-Malkeda David Parcero. Ademais do obvio, que diriades que achegaron ás pezas?

Guille: «Foi unha pasada con todos eles!

Cada un era perfecto para os temas que os necesitabamos; que mellor que SoulMacklein (Loko 23) rapeando? Ademais compañeiro de fatigas como banda local na loita. Alberto, un dios da guitarra que, grazas ao noso produtor Ángel Acuña que tocan xuntos en proxectos, puido deixarnos a súa sinatura con dous solos que eran necesarios co seu estilo. Davi, que xa por fin está de volta na banda, nunca deixou de traballar con nós, e Adrián deu os seus guturais infernais».

Checho: «Pois foi unha aposta; por que non facemos colaboracións para darlle vida á gravación? E que poida chegar a máis público, claro está. E fáltache Javier Gómez Noya! Que puxo uns toques de guitarra.

Pois iso, facer unha festa do noso traballo e invitar a amigos, basicamente».

 

Outra desas colabos é a do triatleta (e guitarrista!) Javier Gómez Noya quen, de feito, tamén subiu con vós ao escenario durante o ciclo Barullada de Rock de 2020. A curiosidade pode con nós e precisamos explicacións: como o coñecestes... e como se deu esta colaboración?

Checho: «Aquí esta! [Risos]. Bueno, Guille adestrou con el e coñéceo ben, por iso manexamos esa opción do campión do mundo [risos]. É un crack e un bo tío.

Lembro que estaba cagadete antes de subir a tocar na Praza de España en Pontevedra... unhas risas nos botamos con el!».

Guille: «Javi é o noso amigo e un amante do rock de sempre, é una das súas paixóns. Xa conectamos antes no mundillo deportivo que, aínda que sexamos metaleiros, Davi, Checho e máis eu vimos do mundo do deporte e aínda o mantemos. Ademais, Javi era seguidor da banda de antes, sempre que podemos tratamos de tocar xuntos ou ir a vernos actuando.

El ten a súa propia banda, LIORTA, na que militan algúns amigos tamén».

 

Foto © Carlos Meira & Ana Piñeiro

 

Segundo a RAG, un cumulonimbo é unha «nube baixa e grosa [...] que adoita producir precipitacións intensas e tormentas eléctricas». É así como considerades a atmosfera xeral deste traballo, como un conxunto de emocións agoniantes que, en calquera momento, pode chegar a estalar?

Guille: «Podería dicir que na pregunta tendes a resposta. Mellor definido non podería estar!».

Checho: «Tal cal; sempre nos caracterizamos por esas letras agoniantes e agónicas, e este traballo xuntou todo o mal e as penas do ser humano en moitos aspectos e xurdiu Cumulonimbo.

Á parte que “Cumulonimbo” está dedicada ao meu pai falecido e esa tormenta que che xera a falta do teu ser querido».

 

 

O último que escoitabamos de vós era Este rincón”, un sinxelo que chegaba en pleno estado de alarma e que marcaba un antes e un despois na vosa traxectoria; unha canción diferente, distinta ao que levabades facendo ata a data. Que propiciou este xiro cara a un son máis escuro?

Guille: «Adri, que xa estaba en Cumulonimbo, era un xenio; era un chico súper dark e posiblemente grazas a el estamos na actual versión da banda. Trouxo o seu estilo de compoñer cancións, fusionámolo co noso e aquí está o seu legado».

Checho: «Si, foi unha aposta de facer algo novo e tamén presentar algo, xa que estabamos algo parados e non tiñamos nada por facer. Pero si, foi un punto de inflexión cara ao que sería o noso cuarto disco; penso que desde aquí cambiou a cousa en Malkeda».

 

Foto © Carlos Meira & Ana Piñeiro

 

Con todo, Este rincón” non foi incluído no voso novo disco, do que falaremos agora. Por que?

Guille: «Este disco novo é una retroliberación, non había cabida para un single máis antigo. Tanto a edición como a mestura son diferentes; non encaixaría en Malkeda, son escenarios diferentes».

Checho: «Pois porque é distinto aos temas finais deste disco e, ao lanzarse tanto tempo antes, decidimos que tiña que quedar aí como single».

 

 

 

 

Vides de publicar Malkeda (2024), un longo que chega... oito anos despois do anterior. Aínda que nos atopamos cos anos pandémicos por medio, por que a demora?

Guille: «Non é doado para as bandas pequenas de baixo, ou nulo, orzamento poder manter un ritmo de gravacións moi frecuente debido aos costes que ten un disco de estudio, tratando de empregar os mellores medios para poder ofrecer un traballo e unha sonoridade de calidade.

Isto non vai de gravar nunha casa con plugins e a correr; iso para nós é o que lle chamamos facer a maqueta previa ou preprodución, pero nós non lle chamariamos nunca disco. O cal nos fai estendernos no tempo, tocar e ir facendo peto e, aínda así, nunca é suficiente.

O tema da pandemia tamén nos paralizou. Ademais, houbo que sumarlle una crisis de desgaste dalgúns membros da banda e unha re-actualización da formación... e despois outros dous anos máis traballando con Iago ata poder lanzar o pasado mes de maio».

Checho: «Porque se estivo traballando en Cumulonimbo, veu a pandemia, e a min persoalmente veume unha seca mental que me deixou en branco; non me saía nada, pero nada de nada. Hai que darlle un abrazo os meus compis pola paciencia! Despois foi o proceso creativo deste disco e o proceso da produción con todo o que iso supón... Traballar cun produtor non ten horas, ten meses! [Risos]».

 

Foto © Carlos Meira & Ana Piñeiro

 

Para a súa publicación volvestes contar cunha abrir unha campaña de micromecenado vía Verkami que, por segunda vez, acadastes con éxito. Esperabádelo? Porque o panorama cambiara moito, a todos os niveis, desde a vosa primeira campaña en 2015 a esta, en 2022...

Guille: Foi unha aposta importante e a nosa xentiña foi implacable e dérono todo por nós!

Sempre hai que pensar que se vai conseguir, do contrario mellor non meterse. Hai que facer un cálculo previo no estudio e ver canto se precisa, canto se pode poñer e canto nos falta para completar».

Checho: «Pois tiñamos moitas dúbidas xa que estaba moi raro todo. De feito, íase pedir máis cartos, pero nos cagamos e baixamos. Foi toda unha sorpresa para ben e para mal; nestes momentos sabes quen está e quen non».

 

 

É curioso como chegados a este punto, con 22 anos de traxectoria e varios discos ás vosas costas, este é o primeiro que leva o voso nome como título. Por que este e por que agora?

Guille: «É un reinicio da banda; Davi está de volta, que mellor que un reset? Unha volta a nós mesmos en canto a existencias e, a maiores, unha pequena homenaxe motivadora a nós mesmos logo de vinte anos, ou máis, loitando e crendo no noso proxecto. As pequenas bandas sofren un montón».

Checho: «Xa era hora de facer algo así. É un reset da banda como tal; unha volta ao comezo e cun disco potente debaixo do brazo da man de Iago Lorenzo, que este si que nos fixo resetear!».

 

Foto © Carlos Meira & Ana Piñeiro

 

Os nove cortes que recolle o LP aproxímanse a terreos bastante escuros, sobre todo nas letras, que potencian a súa mensaxe grazas á contundencia do son no que veñen envoltas. Que, ou quen, as inspiran?

Guille: «As letras son unha gran putada; son o día a día das persoas, do pobo e da clase obreira. Falan deles, de nós, da realidade da vida e non das mentiras que nos venden as redes sociais e toda a ralea que se lucra. Estamos nunha época horrible, son tempos moi escuros como para facer como se nada pasara».

Checho: «As letras practicamente fágoas eu. Neste, agás “Ya nada vale” que as estrofas son de Guille (sempre fai algunha el), o resto fíxeno eu.

E unha vez saíron foi todo escuro como o que sentía nese momento: frustración, desacougo, mal humor, falta de inspiración... Pero é que o mundo é así, penso que a maior parte do tempo o humano se sente así. Esas mensaxes de positivismo de agora son para encher ximnasios e vender bicis [risos], o mundo é escuro!!!».

 

 

Sendo catro no grupo, como traballades os temas? Hai reparto de tarefas?

Guille: «Cada un achega a súa idea. Se algún de nós ten a idea enteira, tráena completa e, se non, pois vamos completando ou adaptando entre todos. De como comeza ao resultado final é un proceso máxico e evolutivo á vez».

Checho: «Practicamente cada un amosamos a música. O gordo fabrícao Guille e Davi, eu encárgome de letras e melodías... repartimos o chollo [risos]».

 

Foto © Carlos Meira & Ana Piñeiro

 

En Sin Futuro” escoitamos o baixo de Ra Díaz, baixista da banda californiana Korn, quen participou tanto na creación como na gravación das liñas de baixo do tema. Como xurdiu a colaboración e como se desenvolveu o traballo conxunto?

Checho: «Pois Guille contactou con el vía Instagram e Ra decidiu colaborar, de puta madre, pero a explicación seguro que a dá Guille mellor xa que levou el o peso do tema».

Guille: «Contactamos con el (somos fans de Korn e de Suicidal Tendencies) presentámoslle a preproducción, lle gustou e accedeu a colaborar nun tema. E vía telemática fomos traballando os baixos con el; foi todo un privilexio para nós, Ra é una persoa excepcional e súper próximo, e como músico non precisa de presentación».

 

 

Para Malkeda contastes con Iago Lorenzo, recoñecido produtor do país que estivo detrás de gravacións de diversos estilos (Presumido, Seso Durán, Rheia Gorecki, Agoraphobia, Furious Monkey House...). Como foi traballar con el? Que pensades que achega ao son do disco?

Guille: «Coñecemos a Iago desde os inicios da banda, ensaiabamos en salas contiguas; era un monstro como músico e compositor e vimos a súa evolución, que foi impresionante. Sentiamos grande admiración por el e os seus traballos, e sempre falamos de como sería poder traballar con el ata que o final demos o paso; propuxémoslle se aceptaría traballar con nós e así foi.

Iago soubo ver máis aló e tivo claro dende o principio que era o que quería. Nós deixamos todo o material nas súas mans e que el fixese todo o que considerase axeitado, confianza cega nel... e deu co son que tantos anos levabamos procurando.

Foi duro, moi duro o traballo, pero máxico á vez».

Checho: «Duro, moi duro. Iago Lorenzo soubo desde o primeiro día o que queriamos e sacóunolo a hostias! É un tío moi esixente, se algo non lle gusta bórrao directamente, pero foi brutal o trato e traballar con alguén que o ve desde fóra. Este disco é del, este disco é o que buscabamos! Gustaríame volver gravar con el nun futuro».

 

Á parte de ser finalistas no concurso de bandas do Resurrection Fest, como tedes a axenda estival? Cando, e onde, poderemos desfrutar de Malkeda ao vivo?

Checho: «Pois este verán non se nos verá moito, xa que o disco chegou con retraso e estragounos o traballar con el, pero estamos pechando datas cara ao inverno e estamos preparando ir a Madrid, Extremadura... E en novembro, o 23, estaremos na Filomatic (A Coruña), o 30 no Pub Gatos (Melide), o 23 de febreiro no Liceum (O Porriño), etc. e traballando para algún festi tamén».

 

Foto © Carlos Meira & Ana Piñeiro

 

Dezaseis anos separan o voso primeiro traballo deste último; que diferencias, ou similitudes, atopades entre ambos? Botando a vista atrás, cambiariades algo daquel debut?

Guille: «Eu non cambiaría nada, eran os tempos que nos tocaron vivir, para min foron máxicos».

Checho: «Diferencias todas, ata a voz! [risos], pero é unha evolución constante. Cada disco, cada letra, cada acorde... penso que foi a mellor cousa; as críticas así o din. Eu estou moi contento coa evolución e non cambiaría nada, a verdade.

Se iso quizais ser un pouco máis ambiciosos, porque algunhas veces nos faltou iso para poder estar máis alto do que estamos; tocar algún pau para axudarnos... Do resto está todo ben!».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Checho: «Malkeda, por suposto! [Risos]. Hai moitas bandas emerxentes de metal, non me vou mollar cunha, todas teñen algo».

 

Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña

Guille: «Non uso Spotify, quedo libre de pecado. Si son oínte de toda a vida de Radio 3 sexa a hora que sexa».

Checho: «Pois Korn, IDLES, Iván Ferreiro, Arde Bogotá, la Pantoja...[risos] esta é broma! Sepultura, Inflames, etc., sonche de gustos variados».

 

  noticias