• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

AAMIGAFEA: «SOMOS MOI ECLÉCTICAS E SEN PREXUÍZOS; SE MOLA, MOLA»

AAMIGAFEA: «SOMOS MOI ECLÉCTICAS E SEN PREXUÍZOS; SE MOLA, MOLA»
8 XULLO 2024

De Teis a Colonia (Alemaña) pasando por Copenhague (Dinamarca), aamigafea canta ao seu barrio vigués na diáspora... tamén a Kanye West e Kim Kardashian, ao tenebrismo español ou aos amoríos de verán, mesmo arríscanse a facer unha versión de, nada máis e nada menos, que Bom Bom Chip. As irmás Estefa e Vanesa Cortés, fillas do seu tempo (e de Teis!), están detrás deste dúo de pop electrónico e bailable, salpicado por cumbia, reguetón, valse ou rancheira (e o que xurda), que presentan con moita performance. Nas súas composicións, estás dúas «enxeñeiras acústicas» reflexionan sobre as vicisitudes da vida posmoderna desde a perspectiva do outsider, levando a retranca á súa máxima expresión.

Pasáronse anos anos lanzando singles, con cadanseus videoclips, xerando expectativas cada vez máis altas que se cumpren agora —e con creces— no seu primero álbum, el punch (2024), e o seu primeiro EP, más punch (2024); dúas referencias que recollen o seu repertorio remasterizado «para que soe con máis punch».

 

 

 

Sodes irmás, así que a pregunta de como vos coñecestes imos obviala, pero como xorde o de crear aamigafea entre as dúas?

Vanesa Cortés: «Penso que desde pequenas xa temos unha certa pulsión “artística” e sempre nos apaixonou a música.

Na adolescencia eu comecei a aprender a tocar a guitarra e a facer cancións moi simples coas cousas que ía aprendendo; Estefa escribíalles as letras e gravabámolas moi humildemente co micro do ordenador (esas cancións aínda existen). Esa foi a época na que se materializou o proxecto por primeira vez, uns anos despois deixamos de vivir na mesma cidade e quedou un pouco aparcado ata que nos volvemos reunir en 2010».

Estefa Cortés: «Como dixo Vane, ela facía unha melodía na guitarra e despois eu pensaba unha letra; gravabamos a pista da voz, xuntabamos as dúas cousas e saía unha canción. Daquela aínda non tiñamos un nome como tal, pero o xerme de aamigafea xa estaba aí».

 

E o de facervos chamar «aamigafea», por que... ou por quen?

Estefa: «O nome de aamigafea xurdiu cando decidimos presentar a versión primixenia de “amorío no estío” ao concurso A polo Ghit de 2010, que organizaban Vieiros, no que se buscaba a canción do verán; para participar necesitabamos un nome e ocorréusenos aamigafea. aamigafea describe literalmente a esa rapaza no grupo de amigas que non é lida como guapa hexemónica e metaforicamente é un concepto que engloba todo aquilo que se sae da norma e do establecido como estándar».

Vanesa: «aamigafea non vai por ninguén en concreto —aínda que se inspira nas nosas experiencias— e vai por todas as persoas que senten que non encaixan e que son raras ou diferentes».

 

A vosa primeira referencia en YouTube data de principios de febreiro de 2017, pero descubrimos nunha entrevista en Radio 5 (min. 13.45) que o dúo como tal xorde anos antes, en 2010. Cal foi o momento no que decidides, digamos, profesionalizar o proxecto?

Vanesa: «O detonante para decidir poñernos máis en serio foi o de participar no concurso de A polo Ghit. Nesa época comecei a facer música co ordenador e facilitounos moito o proceso creativo. De aí saíu a primeira versión de “amorío no estío”».

Estefa: «A publicación dese primeiro vídeo que se chama “kanye y kim (quien roba a un ladrón tiene cien años de perdón)” en 2017 foi unha especie de acto psicomáxico que levamos a cabo para comezar a publicar o que faciamos».

 

 

Nacidas e criadas en Teis (Vigo), actualmente residides en Colonia. Alemaña é un país cunha longa e fonda tradición na música electrónica. Inflúe dalgún xeito esta atmosfera alemá na vosa música?

Vanesa: «Non diría que directamente, pero por exemplo “retiro postsoviet” ten unha onda gabber moi da escena techno berlinesa e un resaibillo a Rammstein. Penso que comprender a cultura e o idioma axúdanos a conectar dunha forma máis profunda con estes estilos».

Estefa: «Malia vivir en Alemaña penso que creativamente estou na miña burbulla. Sempre me gustou a música electrónica, fose en versión pop ou en modo máis techno ou experimental, que é co que se identifica a Alemaña. O que me gusta de vivir aquí é a cantidade de festas ás que puiden ir e vou para bailar techno».

 

Vemos que tocades con certa frecuencia no país xermano. Como é a recepción alí da vosa música tendo en conta a barreira idiomática?

Estefa: «Súper boa, alucinamos coa reacción da xente despois de que nos escoitan aínda que non entendan as letras».

Vanesa: «Pois sorprendentemente a acollida é espectacular!

É complicado, pero temos ao noso favor que a atmosfera musical de cada canción xa transporta moi ben a idea, que intentamos remarcala cunha posta en escena e escenificación acordes; tamén introducimos cada canción cunha frase curta en alemán para preparar o terreo. Parece que funciona, xa que ao acabar os concertos moita xente vénnos comentar precisamente isto e quedan con ganas de ler as traducións das letras na casa».

 

 

Presentádesvos como «o grupo que aínda non coñeces e que che vai flipar», pero, musicalmente falando, como definiriades aamigafea?

Vanesa: «Eu diría que o corazón de aamigafea é electropop un pouco arty. Partindo de aí xa mesturamos con outros estilos segundo nos apeteza ou resoe co tema que tratamos».

Estefa: aamigafea reflicte toda a trash que consumimos ao longo das nosas vidas e os nosos intereses culturais».

 

Canto ás influencias, quen diriades que ten, ou tivo, particular impacto na vosa música?

Vanesa: «Na orixe moito electroclash dos 2000s, o pop mainstream, Chicks on Speed, Stromae, Chico y Chica, Hidrogenesse... se me preguntas hoxe en concreto diríache que estou moito na onda K-Pop e volvendo ao eurodance e ao gabber techno.

Mirando cara ao pasado xa veredes que tivemos fases de ranchera, cumbia, merengue... Somos moi eclécticas e sen prexuízos: se mola, mola».

Estefa: «Con respecto ás letras teño debilidade por grupos como Astrud, Stromae, Chico y Chica, Bonaparte ou Rammstein».

 

 

 

Despois de múltiples singles publicades álbum (e por partida dobre!): un LP, el punch (2024), e un EP, más punch (2024), que recollen, precisamente, a vosa discografía remasterizada, desde os hits ata as «non menos magníficas caras B». Que vos fixo recompilalos agora? Que razón hai detrás de dividir o recompilatorio en dous?

Vanesa: «Principalmente por dous motivos: as cancións novas que estamos facendo neste momento pertencen a outra etapa e, co tempo, as nosas producións foron gañando en calidade. Por iso consideramos necesario unificar o que fixemos ata agora remasterizando todas as cancións para que soen con máis punch e compilándoas tematicamente en dous álbums separados».

 

Aínda que xa se podía apreciar nos temas por separado, agora, ao escoitalos todos xuntos, nótase aínda máis o voso estilo ecléctico; ritmos latinos como a cumbia, o reguetón ou a rancheira entrelázanse con pop, músicas urbanas e, sobre todo, electrónica. A que se debe ese cóctel de estilos?

Estefa: «Débese a que temos moita curiosidade e múltiples intereses musicais, e a que cada canción ten un concepto e a cada concepto vaille mellor un certo estilo».

Vanesa: Como dixen antes, somos moi eclécticas e desprexuizadas; estamos abertas a todo».

 

 

 

“Amorío no estío” foi a vosa primeira canción en galego, na que, ata escoitamos... unha gaita! O de mesturar música tradicional con electrónica (e outros estilos) é unha tendencia que, desde hai xa uns anos, está en alza. Por que credes que se está a producir este incremento? E que vos fixo a vós chegar a esa mestura neste tema concreto?

Vanesa: «Penso que por fin chegou o momento no que o “tradicional” xa non se considera pasado de moda ou kitsch e reivindicalo xa non ten tanto estigma social. Hoxe en día abrazar a cultura propia —cada unha coa súa idiosincrasia— é un orgullo.

Por outra parte, xa mirando nun contexto máis amplo, hai un maior respecto e interese polas culturas alleas, o que propicia precisamente a reivindicación da propia».

Estefa: «A mestura neste tema deuse porque a idea de “amorío no estío” era a de que fose un tema estival en galego. Partindo de aí fixemos unha letra chea de clixés e lugares comúns sobre Galicia e na música pintounos un reguetón ao que lle metemos a “Muiñeira de Lugo” tocada polo artesán e gaiteiro Alberto Pires».

Vanesa: «“Amorío no estío” foi o noso intento de facer unha canción divertida de verán usando un hipotético amorío entre unha persoa estranxeira e unha de Galicia. Quixemos levar a retranca ao máximo tanto na letra como na música e loxicamente tiramos de estereotipos... e de aí a gaita».

 

 

«Se digo Teis...»... A canción “Teis manda” é unha oda ao barrio vigués onde medrastes. Levando tantos anos vivindo fóra de aquí, como levades a morriña? Diriades que este sentimento idiosincrático dos galegos afecta á vosa creatividade? De ser así, de que xeito?

Estefa: «Despois de tantos anos vivindo fóra a morriña lévase como se pode. Paréceme que acabas disociando para non deixar que o botar de menos te leve por diante. Por suposto a tristeza increméntase cando imos a Galicia de visita e logo temos que regresar aquí, pero por agora pódennos as ganas de estar lonxe da nosa zona de confort; gústanos experimentar sensacións que nos poñen incómodas e de aí sacamos moita inspiración.

Este sentimento de non pertencer de todo ó lugar no que te atopas (en Galicia porque xa non é o contexto no que nos criamos e en Alemaña por razóns obvias) dáche unha perspectiva de antropóloga facendo traballo de campo moi chula».

Vanesa: «A morriña no meu caso dáse sobre todo cando penso en que non podo ser parte da vida diaria das miñas persoas queridas, dalgún xeito é un sentimento de perda e de desarraigo tamén. Penso que a morriña non é o que me afecta creativamente, máis ben o sentimento de vivir como en dúas realidades paralelas, pero nunca ao 100 % en ningunha delas. De aí que na nosa definición incluamos a “perspectiva do outsider».

 

 

 

 

En “Aventura interestelar” versionades, facéndoa aínda máis bailable, a uns miúdos pero grandes do pop español dos 90: Bom Bom Chip. Que vos levou a tomar esta decisión? Canto tivo que ver a nostalxia? Por que este tema en concreto e non un dos seus grandes éxitos, como “Multiplícate por cero” ou “Toma mucha fruta”?

Estefa: «Bom Bom Chip! é o noso grupo favorito da infancia e “Aventura interestelar” un dos nosos temas preferidos. A min encántame porque ten algo de perturbador e misterioso.

Vanesa: «Penso que Bom Bom Chip! marcou sen dúbida as nosas infancias (grupo de culto!) e No somos renacuajos (1993) foi unha das primeiras cintas de casete que tivemos e que escoitamos e bailamos sen parar».

Aínda que hai outras cancións más populares, sempre sentimos unha conexión especial con “Aventura interestelar”. Penso que ten toda a esencia de aamigafea; tanto a letra como a música son unha fantasía, é unha canción que está moi ben construída».

 

 

Para nós, todos os vosos vídeos teñen algo de performativo cun aire de DIY underground que co tempo se foi estilizando sen perder un chisco da súa esencia e frescura. Como adoitades abordalos?

Estefa: «Igual que coas cancións, os vídeos tamén teñen en maior ou menor medida un compoñente conceptual detrás. Dentro das nosas posibilidades intentamos plasmar os estilismos e a historia que queremos transmitir».

Vanesa: «En xeral sempre temos unha idea global de como queremos que sexa a estética, pero a verdade é que ten moito de improvisado e de usar os recursos que temos a man. E por suposto a maxia que lle dan as persoas coas que tivemos o pracer de facer os vídeos».

 

 

 

Para “destino Dalí” semella que musicastes unha selección de comentarios (que tamén ten algo de surrealista) atopados en calquera rede social... Como naceu esta peza?

Estefa: «Na concepción da peza “destino Dalí” influíron dous factores: o primeiro foi que descubrimos que Dalí fixera unha curta con Disney chamada “Destino”, e o segundo foi que nos atopabamos nunha fase na que sentiamos que tiñamos que saír da cabeza e levar as nosas ideas á realidade, aínda que o resultado non nos parecera axeitado aos nosos estándares.

Isto último ten moito de síndrome da impostora, que se engana a si mesma dicindo que só se pode facer, ou mellor dito presentar ao público, unha obra cando esta sexa perfecta. Entón decidimos saír deste estado mental facendo unha sorte de cadáver exquisito no que Vane fixo a parte musical da peza e eu escollín comentarios ao vídeo da curta... e creamos “destino Dalí”».

 

 

Nas vosas letras hai certa perspectiva, poñamos, culta. Nun momento en que a cultura case se ve máis coma unha eiva que coma unha virtude, credes que iso vos converte tamén en outsiders? É hoxe contracultural ser culto?

Vanesa: «Moitas gracias por velo así, oxalá poder denominar a nosa perspectiva como culta! Penso que pode parecelo se as comparas coas letras de pop que falan dos temas habituais (amor, desamor e todo arredor), pero ao fin e ao cabo tratamos temas do máis mundano e experiencias vitais universais.

Tendo isto en conta, creo que escribir este tipo de cancións si pode ter algo de contracultural e de outsider, xa que intentamos reflexionar sobre temas menos habituais».

Estefa: «Pois non me gustaría ser outsider por ese motivo. Paréceme que o interese pola cultura e a curiosidade por coñecer axudan a formar un pensamento máis crítico e reflexivo, que á súa vez expande as miras e fainos mellores como individuos e como parte da sociedade».

 

 

 

«Todo parecía muy importante antes de empezar a parecer irrelevante». En “Artista revelación (de tu clase)”, aínda que non digades nomes..., tiñades a alguén na cabeza á hora de escribila? Contádenos sobre a xénese deste tema.

Estefa: «Como xa comentaba anteriormente, sentímonos impostoras durante moito tempo e “artista revelación (de tu clase)” fala de nós mesmas, aínda que é unha sensación universal coa que lamentablemente demasiada xente conecta. Somos as nosas maiores críticas pero tamén temos moito sentido do humor, que é o que nos rescata e o que nos fai saber que todo parecía moi importante ata que empeza a parecer irrelevante».

Vanesa: «“Artista revelación (de tu clase)” é “aamigafea” que ten moitas ideas xeniais, pero que sempre procrastina levalas a cabo... Somos nós as dúas e seguro moitas persoas máis, pero ninguén en concreto».

 

 

 

 

Volvendo aos vídeos, a finais de marzo, o videoclip de “Retiro Postsoviet” dirixido por Toño Chouza recibiu unha mención honorífica nos Berlin Music Video Awards. Como lembrades a súa gravación? Porque o vídeo remata cuns outtakes dunha sesión de tarot con Vanesa Cortés de pitonisa que...

Estefa: «Coñeciamos a Toño de falar polas redes sociais e a gravación do vídeo foi a escusa para invitalo a unha “residencia artística” connosco en Colonia. Tiñamos un par de ideas previas sobre o que queriamos facer pero logo houbo moitísima improvisación, como nos gusta a nós: unha mestura caótica entre o control extremo e o deixar que flúa».

Vanesa: «Recordo a experiencia como divertidísima, máxica, espontánea e, sobre todo, moi moi intensa! Facer este vídeo con Toño Chouza foi o mellor regalo: é unha persoa extremadamente creativa e xenerosa, pero sobre todo xa un grande amigo. A mención honorífica nos Berlin Music Awards é a mellor recompensa a todo o esforzo.

O tarot acompañounos en moitos momentos do proceso, sempre hai que engadirlle un pouco de maxia ás cousas :)».

 

 

Por certo... por que non incluír “Retiro Postsoviet” no LP (ou no EP)?!

Vanesa: «É unha das cancións da nova etapa que che comentabamos nunha pregunta anterior. Imos publicala xunto con “la de la internet” e outras cancións que xa estamos tocando ao vivo e rematando de producir no vindeiro EP».

 

Todas as vosas composicións zumegan retranca nivel experto... por que compoñer sempre desde esta perspectiva?

Vanesa: «Acaso existe outra? (unha resposta ben galega :P) Eu considérome unha persoa principalmente humanista e, inconscientemente, adoito buscar formas de cambiar as cousas cara ao positivo socialmente. E para poder cambiar algo primeiro hai que detectar o que se podería cambiar... E esas cousas, que habitualmente son os temas das cancións, creo que tendemos a empaquetalas cun pouco de retranca para que dean que pensar.

Moitas veces nin sequera son cousas profundas, simplemente nos fan gracia ou nos molestan e intentamos tratalas con humor».

 

 

A temática é variada pero se hai un nexo común é a crítica. Esas grandes doses de retranca e humor semellan agochar unha visión da actualidade e da condición humana bastante pesimista; é así? Parafraseando a Umberto Eco, vivimos nun mundo sen rumbo, que vai da estupidez cara á loucura?

Estefa: «Eu teño facilidade para atopar o “mal moral”, o que non funciona ou o que se podería optimizar segundo a miña perspectiva. De aí que os temas que me interesa analizar vaian nesa dirección. Con todo, aínda que ás veces me poña pesimista teño confianza na posibilidade de mellora do ser humano e vivo polo trash e a ironía».

Vanesa: «Totalmente certo, a nosa visión pode parecer pesimista porque tendemos a tratar principalmente temas en ton de crítica. Penso que calquera tempo é convulso e marabillosamente positivo ao mesmo tempo, pero as cousas “marabillosamente positivas” por agora non nos removen tanto artisticamente. Quen sabe se no futuro trataremos temas desde unha perspectiva diferente!».

 

 

E máis en xeral, onde atopades a inspiración? En quen ou que se inspiran as vosas cancións?

Estefa: «Nós as dúas temos moitas conversas sobre as cousas que nos pasan na vida diaria, do que lemos, vemos ou oímos e que nos chama a atención. A partir deses intercambios temos momentos eureka nos que dicimos: “isto é tema para unha canción”, anotámolo e despois nalgún momento toma forma musical ou non; hai moitas ideas anotadas e pouco tempo para materializalas».

Vanesa: «Principalmente nas nosas propias experiencias vitais, pero tamén nas experiencias doutras persoas, en películas ou documentais, en libros, en series, nas cousas máis trash... un pouco de todo».

 

Sodes dous, hai algún tipo de reparto de tarefas en canto ao proxecto? Como é o proceso creativo, como xorden e ides desenvolvendo os temas?

Estefa: «Eu fago principalmente a parte dos textos, pero as dúas achegamos a nosa opinión en todos os procesos. As ideas xorden como expliquei antes, cun convencemento de que un estímulo externo encaixa con algo que nos apetece tratar. Cando ese concepto do que queremos falar está claro, ás veces paso a investigar e a recompilar para crear unha letra e noutras ocasións xa teño frases apuntadas e xúntoas ata que me teñan sentido».

Vanesa: «Eu ocúpome sobre todo da idea musical, da produción e de aquelar a música coas letras que escribe Estefa».

 

 

Nos vosos directos, a posta en escena parece ter case o mesmo peso que a música, sobre todo no vestiario. De que xeito se retroalimentan estes dous aspectos, o musical e o performativo (que tamén viamos nos vídeos)?

Estefa: «Para cada directo pensamos que cancións imos tocar e en que orde segundo en que lugar se faga, en que horario e que atmosfera haberá. Así pensamos que tipo de personaxe queremos representar e eliximos o vestiario de forma acorde».

Vanesa: «O musical sempre vén primeiro, intentamos que a parte performativa reforce a musical e o tema da canción. O que máis nos axuda no sentido da retroalimentación é ver a reacción do público, xa que podemos cambiar cousas musical ou performativamente segundo vexamos como funciona con eles».

 

 

Ao fío, como describiriades os vosos directos a toda esa xente que aínda non vos coñece e que van flipar?

Estefa: «Os nosos directos teñen moito xorne teatral e performativo que engancha. A min encantaríame ser espectadora de aamigafea, pero é fisicamente imposible».

Vanesa: «Só vos vou dicir unha cousa: independentemente do estilo de música que vos guste, non ides ter gana de mirar ó móbil, ides quedar hipnotizadas e hipnotizados».

 

Comezastes 2024 tocando na casa (na de Vigo), cando e onde poderemos desfrutar de aamigafea de novo?

Vanesa: «Seguro nos próximos concertos en Alemaña e intentaremos que pronto, no verán, en Galicia».

Estefa: «Como nos custa dicir que non a ofertas interesantes, aceptamos “propostas indecentes” para actuar Galicia».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Estefa e Vanesa: «Moitas artistas galegas que nos molan: ELBA, BABYKATZE, Projecto Mourente, More Amore, Nueva Apostol, Russ, Terror Erótico, Xackal, Zeita, Torso, Fábrica de Espejos, Pladür, Ángel NovCad, El Flop, Planeta Fugaz and many more!».

 

Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña

Estefa: «Vou listar as dez últimas artistas musicais que escoitei: Loco Mía, Noga Erez, Baby Lasagna, Nemo, Bonaparte, Os Resentidos, Charli XCX, Rammstein, Auto Sacramental con ELBA e Xuxa».

Vanesa: «Na miña conta, ademais de podcasts de todo tipo, teño unha listaxe de guilty pleasures con fantasías pop dos 80 ata hoxe en día (as últimas cancións engadidas foron de Noga Erez, Rick Astley e Danii Minogue), e logo listas de música ravera, turca, cumbias, K-Pop, voguing, dancehall, musicais...».

 

  noticias