HELENA EGEA: «‘FLARES OF LIFE’ NACE DESAS FAÍSCAS DE LUZ, DOS EVENTOS QUE NOS PASAN E OS SENTIMENTOS QUE NOS ATRAVESAN CON ELES»
Cantante, compositora e multinstrumentista (violín, piano, guitarra), Helena Egea bebe do soul, jazz, rock e blues con pezas inspiradas en grandes artistas como Aretha Franklin, Ella Fitzgerald, Carole King ou Janis Joplin. O proxecto vén marcado polo seu gusto ecléctico e a súa experiencia previa en distintas bandas, formatos e estilos, ofrecendo un repertorio propio e versións en galego, castelán e inglés.
Despois de varios adiantos, a finais de novembre saía por fin Flares of Life (2024), o seu primeiro traballo discográfico, un álbum de cinco cortes nos que a artista pontevedresa canta a temáticas variadas cun nexo común: «eses pequenos brotes de vida que van saíndo e dos que quixen recoller algunhas emocións concretas e situacións e facelas canción».
Foto © Cristina Padín
Cal foi, e como lembra, Helena Egea o seu primeiro contacto coa música? Que fixo que apostases por esta disciplina artística xa desde pequena... e que che fixo continuar nela?
Helena Egea: «Na miña familia sempre houbo gusto pola música, sobre todo por parte dos meus pais, e desde pequena a min me gustaba a música que me poñían, bailar e cantar; entón decidiron que fose a unha escola e sempre seguín a aprender e desfrutar dela en todas as versións.
Tamén na escola de primaria, grazas a un profesor de inglés onde tiñamos que facer unha actividade cunha canción e eu, en lugar de coller unha feita, decidín compoñela e foi a miña primeira canción en inglés. Estiven sempre rodeada de música dun xeito ou doutro e sempre resoou en min. Para bailar tamén, sempre me gustou.
Seguir nela non é, case, nin unha elección, é parte de quen son. Só muda a túa relación coa música ou os ámbitos nos que te acompaña, e eu decidín apostar polo meu proxecto propio porque de compoñer non ía parar».
Estudaches violín no conservatorio, pero agora podemos verte, e escoitarte, detrás do piano ou da guitarra, instrumentos que aprendiches a tocar de xeito autodidacta. Por que estes instrumentos en particular?
Helena: «O piano xa é algo co que comezas na escola de música antes de elixir o instrumento, no meu caso o violín, simplemente seguino desenvolvendo pola miña conta para tocar cancións que me gustaban, para compoñer cousas instrumentais... A guitarra si foi totalmente autodidacta.
Ambos instrumentos tomeinos como unha ferramenta para poder compoñer eu. Comecei compoñendo co piano e seguín coa guitarra; esta última tamén debido aos referentes musicais ou cantautores de rock e blues que tiñan sempre unha guitarra eléctrica».
Foto © Miguel Gomar
Aínda que destacamos a túa destreza con estes instrumentos, non podemos esquecernos do teu instrumento principal: a túa voz, poderosa e versátil na súa maior expresión. Dáslle moitas voltas á hora de definir como interpretarás cada un dos teus temas?
Helena: «A verdade é que tento cada vez, e co que vou aprendendo, achegar máis da técnica que sei non só para coidar a voz, senón para o que serve como instrumento, que é dar máis matices e expresións ás cancións.
Pero tamén intento non darlle demasiadas voltas; penso o que vou cantar, a intención que quero que teña e vai saíndo libre. E despois, xa se pode matizar máis algunhas intencións ou efectos».
A miúdo lemos o teu nome acompañado doutros como Aretha Franklin, Ella Fitzgerald, Nina Simone ou Janis Joplin. Son estas as túas principais referentes? Quen máis dirías que influíu no teu xeito de entender a música?
Helena: «Si, si que o son. A min gustoume sempre o jazz porque xa mo poñían na casa e as voces das músicas ás que fago referencia me marcaron sempre, ademais de acrecentar a miña paixón pola música.
Eu tiña un cedé de Janis Joplin e outro de Ella Fitzgerald con Louis Armstrong que raiei de tanto poñelos; así como outras referencias do jazz e da bossa nova como Astrud Gilberto e Stan Getz e João Gilberto. Outro dos discos que soou moito no meu cuarto foi un variado de Tracy Chapman que desde logo me influenciou á hora de compoñer e contar miñas historias.
Tamén Amaral foi unha influencia forte na miña adolescencia, aínda que se saía dos estilos que me gustaban máis, pero as letras e o xeito de contar as cousas si me inspiraron moito.
A música francesa, como Edith Piaf e máis tarde descubrindo Zaz, tamén foi referente.
E a primeira vez que escoitei un blues en galego, por SÉS, tamén me marcou e escoitei moito a súa música nesa época».
Jazz, soul, blues ou rock son algúns dos xéneros baixo os que podemos atoparte pero, deixando de lado as etiquetas, como describirías ti a túa música?
Helena: «Describiría a miña música coma unha viaxe no tempo chea de paixón, forza e sensibilidade».
Foto © Estudios Mans
Actualmente rodéaste dunha banda composta por Manuel Gómez (teclados), Nicolás Rodríguez (batería), Kike Romay (baixo) e Jorge Álvarez (guitarra). Por que eles? Ademais dos seus instrumentos, que dirías ti que achegan ao proxecto?
Helena: «Case todos eles son músicos cos que xa tocara noutros proxectos, de versións principalmente, e cos que me entendín moi ben a nivel musical ademais de persoal; aí xa comezas a compartir a música que fas e a todos lles interesou o proxecto tamén. Para min foi unha sorte, porque todos son músicos con moita experiencia e calidade e cada un achega algo distinto e singular ao proxecto.
É importante cando estás comezando rodearte de xente que queira estar implicada e que saiba tamén o que significa comezar nisto e queiran estar apoiando, non só participando; estou moi agradecida de que sigan a querer formar parte. Achegan toda a bagaxe musical, ideas novas, estilos persoais, experiencia e tamén humor e amizade, que é importante».
En 2023 fuches parte da primeira edición do SONEMERXENTE, a aceleradora musical da Xunta de Galicia e a Fundación Paideia. Que ensinanzas levaches no peto? Que supuxo esta experiencia para os inicios, e posterior desenvolvemento, do teu proxecto?
Helena: «De Sonemerxente lévome sobre todo os compañeiros dos outros proxectos, facer piña e coñecer a profesionais do sector, como Juan de Dios co que xa continuei despois da aceleradora como produtor. Levo ensinanzas de como funciona a industria, tamén do complexo que é, e de que, moitas veces, por desgraza, o menos importante semella ser a música. Non porque me ensinaran iso directamente alí, senón porque a industria implica moitas cousas detrás ás que ás veces é difícil ter acceso e que requiren moito esforzo e traballo... e nin sequera iso pode garantir nada.
Coñecer o traballo de comunicación, a través de “La Trinchera”, o labor de discográficas, experiencias de grupos agora de éxito como Rodrigo Cuevas... danche en xeral unha visión de toda a engrenaxe da industria musical e como funciona».
En “Glass” cantas ás diferentes versións de nós mesmas, vistas en anacos de espellos rotos, a través dunha historia de amor e desamor. Como chegaches a esta metáfora e de que xeito acadaches «traducila» a canción?
Helena: «A idea de “Glass” naceu próxima á pandemia, primeiro foi o instrumental coa guitarra, para o que non tiña letra, e despois a historia.
Partiu de reflexionar sobre unha historia de “desamor” que eu estaba a observar e pensei o irónico que era que sexamos capaces de ver esas cousas ao velas desde fóra e non cando nos pasa con nós mesmas. Así que dixen, pois podo contala como historia entre tres persoas, unha observadora, como era eu, e as dúas implicadas e que ela mesma tivese o dobre sentido; pensando que o normal é que de primeiras se identifique como unha canción de desamor e que o videoclip acompañase esa outra visión. Así como xogar nas estrofas coa persoa que está a contar cada cousa: en primeira, segunda ou terceira persoa.
Nós tiñamos un espello no salón e unhas xanelas que daban a un balcón e creaban nos marcos da xanela distorsións, así que pensei como se observaría desde fóra do balcón, na distorsión da xanela e no espello. E de aí se creou unha imaxe mental da que desenvolver a letra».
Este tema materializábase nun videoclip dirixido por Xaime Miranda, como lembras esta experiencia de traballar xunto a el?
Helena: «A experiencia do videoclip foi xenial, algo apurada polas circunstancias, pero xenial. A parte de Xaime, con quen traballar é un gusto pola calidade humana que acompaña á xa recoñecida calidade do seu traballo, todo o equipo que reunín de xente que eu xa coñecía e traballara encaixou moi ben con el.
Eu tiña unha idea na cabeza máis ou menos do que quería do videoclip e o que quería contar e Xaime acabou de completala e materializala da mellor maneira. Estou moi contenta do proceso e do resultado e moi orgullosa e agradecida de todo o equipo de persoas que reunín e que me acompañaron na aventura».
Meses despois, esta canción pasaba a formar parte de Flares of Life (2024), o teu primeiro traballo discográfico. Como naceu, e se desenvolveu, a idea deste álbum? Porque xa o viñas adiantando desde había meses!
Helena: «Moitas cancións xa estaban en proceso; a idea do EP era presentar aquelas nas que levaba traballando que tiñan unha cohesión de vivencias propias e sentimentos concretos.
Así que a idea se foi desenvolvendo mentres ían nacendo as cancións, que cando saíu “Glass” xa existían a maioría. Quería sacalas xuntas porque implicaban o comezo do meu proxecto e quería que fosen diversas porque así son tamén eu; penso que é un bo reflexo de como entendo a música. Tamén é un acto para poder seguir con novos rumbos e músicas, unha vez xa mostrado o anterior».
O título, «Flares of Life», poderíase traducir ao galego como «chispas de vida» ou «brotes de vida». É así como consideras este traballo, ou a música en xeral, como un alento de vida?
Helena: «Non o lera así, a verdade, pero si, tamén o é, un alento de vida. O título viña a contar como o traballo nacía desas faíscas de luz, de vida, que son os eventos que nos pasan e os sentimentos que nos atravesan con eles. Eses pequenos brotes de vida que van saíndo e dos que quixen recoller algunhas emocións concretas e situacións e facelas canción».
Foto © Miguel Gomar (Feito a Man)
Entre os cinco temas que compoñen o EP escoitamos “It Just Happened Again”, un corte no que sorprendes cun funk de case tres minutos de duración. Aínda que este estilo está, como quen di, irmandado cos teus xéneros de referencia (R&B, soul, jazz) é un estilo moito máis bailable. Que propiciou que experimentases co funk nesta peza?
Helena: «“It Just Happened Again” naceu sendo máis rock e foi un dos temas que medrou coa banda. Eu tiña unha demo que presentei para tocar, pero había algo que non nos funcionaba.
En canto ao estilo, a min sempre me encantou o funk e facer algo máis bailable, sempre cantei e bailei funk pero non compuxen. Mais neste caso, foi o batería (Nico) quen, coa demo que tiñamos, propuxo un ritmo diferente —máis disco case, máis que funk diría eu— e que de repente deu vida á canción. Así que con esa idea e traballando co produtor quedou algo que se asemellaba máis á enerxía que eu buscaba no tema e que non acababa de atopar, sen saber moi ben por que.
Para min era importante diferenciar as dúas partes que tiña sen que se descompuxera de todo o sentido da canción; o ritmo unificaba isto sen deixar de mostrar as diferenzas entre as partes».
Xa que falamos de experimentar, como traballastes os temas de Flares of Life? Como foi o seu proceso creativo? É dicir, naceron primeiro as letras ás que logo lle puxeches música, viñeron primeiro as melodías, depende...?
Helena: «As cancións, cada unha dun ano distinto, tiveron un proceso moi diferente.
“Arrolo” naceu soa case, música e letra á vez collendo unha guitarra pensando en cantar á miña irmá. “Glass” foi primeiro a guitarra e a melodía e logo a letra. Esta si que tivo moito máis traballo a posterior! En Estudios Mans chegamos a gravar ata tres versións distintas en meses distintos e con formacións distintas e mudou moito en estrutura e en arranxos. “It Just Happened Again” foi bastante á par tamén cando fixen a demo na pandemia, pero a idea era da letra e da historia primeiro e o riff de guitarra despois. “The Forgotten” foi primeiro música e despois letra, é das composicións que xa viñan do 2017, e “What Can I Do” naceu cunha letra e unha melodía que despois pasei á guitarra, e ao final de todo cambiei totalmente a letra (salvo o “what can I do”) e pasou a tratar doutra cousa.
O meu proceso creativo sempre parte de “vomitar” unha idea que teño, que normalmente nace dunha imaxe ou algunha metáfora que imaxino. Como materializo iso vén desde melodías que gardo en notas de voz e tento harmonizar despois, a riffs de guitarra, a acordes de piano que me gustan... Non teño nunca un patrón definido. E despois, claro, revisar estruturas e arranxos coa banda e produtor».
O derradeiro adianto que escoitabamos de Flares of Life era “Arrolo”, unha nana dedicada á túa irmá pequena quen, por certo, é a autora da portada do single. Como nace esta canción tan especial?
Helena: «Nace desde un sentimento de tenrura e amor que sempre sentía en especial ao deitar a miña irmá e despedirme dela. E desa imaxe de min sentada dando as boas noites, e o sentimento ao ir durmir ela e, moitas veces ter que marchar eu, naceu a canción. Quería que soubese que, aínda que marchase, sempre estaría».
Foto © Román Sanín
“Arrolo” é, ademais, a única canción en galego do disco. Por que este xiro no idioma? Poderemos volver escoitarche cantar en galego de novo?
Helena: «O galego é miña lingua materna e para unha canción como esa, tan persoal, para expresar algo tan puro que me nacía desde o lado do fogar e máis infantil, só tiña sentido na lingua na que me eduquei e na que me expreso.
Quero seguir a compoñer en galego; non todo, quizais, pero desde logo volverei facelo. Os estilos que teño de referencia sempre foron e son maioritariamente anglófonos, polo que tamén, de todo o que escoitas o primeiro que sae é do que tes referencia.
Tamén ten un compoñente máis de vulnerabilidade compoñer no idioma que entende todo o mundo, aínda que é o que ten sentido tamén para chegar ao público. Pero hai algo sempre de barreira de protección en que a letra non sexa entendible 100% de primeiras; algo de oculto no que me resgardei sempre compoñendo, sendo eu tímida e abríndome nas cancións —parece así, se cadra, máis alleo— algo que quero ir derrubando».
Damos por feito que a túa irmá foi a fonte de inspiración de “Arrolo”, pero quen inspirou as demais? Canto teñen de autobiográfico?
Helena: «A maioría teñen un compoñente algo autobiográfico e outras de reflexión e imaxinarios, como “Glass” e “The Forgotten”. Nacen dun sentimento concreto pero non falan dunha experiencia miña específica, outras si. Sempre se mestura algo de ficción co autobiográfico, pero as cancións sempre saen do que eu vivo, sinto e vexo e experimento ao meu redor».
Foto © Román Sanín
Antes falabamos da túa voz... cal dirías que foi o tema ao que máis che custou darlle forma desde o punto de vista vocal? E o máis complicado á hora de interpretalo? Nós, así en abstracto, estariamos entre “Glass” e “What Can I Do” en ambos os dous casos...
Helena: «Diría que darlle forma como tal, matices e máis dinámicas, “The Forgotten”, porque era unha canción que eu facía soa en acústico durante moito tempo e o cambio coa produción trouxo moitos elementos que fixeron reformular tamén a voz e como se entendía co resto.
De dificultade, de ter que elixir unha sería “What Can I Do” sen dúbida. Cada parte da canción é moi distinta a nivel intención, os agudos do retrouso e ver canto de resgado pode haber ou non son o máis complexo, sobre todo de facelo sen danarse».
En “What Can I Do” achégaste ao country nun tema desgarrado, por que elixilo para pechar o disco?
Helena: «Quería comezar o disco con algo con intensidade, con potencia, como “It Just Happened Again”, e quería pechalo tamén así, con moita enerxía, aínda que neste caso de desgarro. Penso que é algo que me define moito e o que me marcou tamén das miñas referentes e penso que, como peche e última sensación do que é miña voz e miña música, ten moita forza».
Gravado en Estudios Mans (A Coruña), da produción de Flares of Life encargouse o recoñecido produtor Juan de Dios Martín. Como foi traballar con el? Que pensas que achega ao son do disco?
Helena: «Traballar con el sempre é un gusto. No musical entendémonos moi rápido, ademais de no trato persoal, e iso é o máis importante. E ademais é sinxelo traballar con el e sentir a proximidade malia toda a experiencia e o recoñecido do seu traballo.
Sempre está para apoiarnos, sobre todo, sentir como ten a ilusión por traballar coa música, con todo o que temos que achegar, e por entenderse cos artistas e chegar a un punto que esteamos todos contentos e cómodos. Penso que, para min, a liberdade de traballar cun son que aínda estou a atopar e estar aberta a moitas posibilidades das que ir descartando é algo que el tamén aprecia, e que fai todo o traballo máis ameno e un xogo de nenos; non por sinxelo senón por divertido e ilusionante».
Á esquerda Juan de Dios Martín. Foto © Román Sanín
«Refúxiome nos clásicos, pero sempre está ben abrir novas miras», dicías nunha entrevista en Radio Galega. Seguirás a experimentar co teu son? Hai algunha fronteira sonora que non estarías disposta a cruzar?
Helena: «Sempre estou disposta a experimentar co son, os límites que hai son os que vou vendo mentres trato de atopar onde eu estea cómoda. Todo vai na liña das referencias que teño, pero tamén de mesturar e poder crear cousas novas e novas influencias. Así que nunca digo nunca, en xeral, pero sempre vou vendo onde me sinto cómoda».
Como tes pensado levar Flares of Life aos escenarios? Que podemos agardar dun concerto de Helena Egea?
Helena: «O disco foi gravado con nós tocando ao vivo e engadindo o necesario, así que así será o directo tamén; o formato coa banda, eu coa voz e o violín e con moita enerxía e forza.
É un concerto para abrazar a intensidade en todos os sentidos, falando de sentimento e partes máis sensibles, pero tamén para bailar. Pódese agardar moita garra para desfrutar con nós e pasalo igual de ben que o pasamos nós no escenario; é algo que sempre se nota e que xa nos teñen dito.
Para min un concerto noso é un espazo para conectar cun mesmo e coa contorna e os músicos a través da música».
Cando, e onde, poderemos desfrutar proximamente da túa música ao vivo?
Helena: «A próxima data será o 14 de febreiro na Sala Riquela en Santiago de Compostela, onde se estreará o EP con novas sorpresas».
Foto © Laura Iturralde
Xa que es a primeira Artista da Semana do ano, imos rematar cun clásico destas datas: musicalmente, cal é a túa lista de propósitos para este 2025?
Helena: «Non adoito facer listas de propósitos concretas, pero si teño metas claras na cabeza. No musical teño moito traballo que facer para poder mover o disco, que non está a ser nada fácil. E como propósitos máis concretos quero poder ter algo de equipo e non seguir soa; conseguir estar nalgunha produtora ou que me escoiten, polo menos, e conseguir delegar máis das partes menos agradables de mover o meu proxecto, como management, booking, etc. Teño como propósito claro xirar co EP e poder presentalo en Galiza nas distintas salas e festivais que así o queiran, e probar tamén fóra.
E, finalmente, seguir creando máis música co obxectivo doutro EP ou álbum completo. Tamén engadiría descubrir máis música e estudar máis».
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?
Helena: «É difícil elixir favoritos, eu nunca sei elixir favoritos, nin cancións, nin artistas, nin comida favorita... Pero vou recomendar a compañeiras que xa son ben coñecidas e non serán sorpresa de ninguén: De Ninghures».
Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña
Helena: «Escoitaríase moito ABBA, é o que me acompaña en tarefas do fogar e derivados e sempre me anima. Tamén listas de rock dos 60, 70, e moitos clásicos que sempre me acompañan nas listas de Spotify para bailar. Así como os programas gardados de “El Sótano” e, principalmente, listas que son para estudiar as cancións que vou cantar.
Tamén bossa nova para momentos máis de relax, por exemplo, e jazz instrumental».