SEIXO: «SOMOS GALEGOS E A NOSA ESPIRITUALIDADE ESTÁ LIGADA Á PEDRA»

Diego Salgado e Roberto Ferradáns (Bazait) son Seixo, un novo proxecto musical que nace da necesidade de explorar novas sonoridades fóra da música que adoitaban facer; saíndo da música urbana no caso de Salgado e do minimal no de Bazait, ambos deciden xogar nun campo común para dar vida ao son de Seixo. Ritmos sincopados e complexos fusiónanse con ambientes amplos e melodías vocais, líricas que falan de dilemas humanos, un estilo simbolista cheo de metáforas arrevesadas... O dúo desmárcase cun son profundo, escuro e adulto, do que fan gala en Coda (2025), o seu disco debut.
Foto © Lucas Terceiro (Tres Insuas Audiovisuais)
«Despois dun ano de latexar baixo o chan», Diego Salgado e Roberto Ferradáns conformades Seixo hai cousa dun ano. Como xorde o proxecto? Con que obxectivo?
Seixo: «Coñecémonos por persoas en común e os dous tiñamos gana de probar cousas novas con respecto ao que foran as nosas carreiras musicais ata o momento. Despois de probar a facer algunha cousa xuntos, vimos que pagaba a pena seguir a facer música, o que levou a consolidar o proxecto ata que adquiriu unha entidade propia».
Segundo a RAG, un seixo é un «tipo de rocha xeralmente branca e moi dura», mais tamén «unha pedra de pequeno tamaño que a erosión tornou lisa e arredondada». Por que elixir esta pedra específica, o seixo, para nomear o proxecto?
Seixo: «O seixo é tamén en moitas ocasións sinónimo do cuarzo, un material duro e case transparente, dúas características que se reflicten nas nosas letras e no noso son.
Ademais, hai un compoñente espiritual asociado a esta pedra, non desde o punto de vista da espiritualidade new age, senón desde outro moito máis antigo e atávico. Tendo en conta a segunda acepción da RAG, esas mesmas letras reflicten o paso do tempo sobre nós con esas aprendizaxes vitais que nos alisan e erosionan».
Diego, ademais dun proxecto en solitario no que afondas en moitas das músicas que che influíron de pequeno, tamén escoitámoste en formacións como Mojo Experience ou Udra. Roberto, pola túa parte, asinas composicións centradas na música underground en Bazait, abranguendo o minimal máis puro e vangardista ata sons house. De que xeito inflúen, e conflúen, estas experiencias previas á hora de conformar Seixo?
Seixo: «Pensamos que foi unha cousa moi natural na que fomos fundindo os nosos coñecementos previos e adquirindo unha linguaxe común dentro do laboratorio que foi o noso estudio.
Diego ten pericia na composición e no arranxo e Roberto pola súa banda achega a parte de produción musical e composición rítmica e atmosférica. Desde as voces e as letras ata os ambientes e as polirritmias das percusións, é un traballo conxunto no que ambos poñemos en común as nosas propostas, veñan de onde veñan».
Foto © Lucas Terceiro (Tres Insuas Audiovisuais)
Roberto, comentas que o minimal che hipnotiza polo seu ritmo constante e repetitivo, unha das características que che atrae deste xénero musical. Dirías que este gusto pola rutina se reflicte no teu día a día ou, en cambio, prefires evitar a repetición fóra da música?
Roberto Ferrandáns: «Totalmente. Son unha persoa de rutinas e isto o aprendín da miña avoa cunha frase que se me quedou gravada e que non procede repetir».
Diego Salgado: «Dou fe».
Aínda que, aparentemente, os vosos proxectos por separado difiran bastante canto a xéneros, en Seixo engárzanse á perfección, creando así un son homoxéneo e cohesionado. Como acadades este equilibrio?
Seixo: «A verdade é que non nos esforzamos, foi unha cousa orgánica na que fomos autocompletándonos. Foi moi importante manter a mente despexada de prexuízos e non aferrarse ás necesidades do ego, senón construír as cancións por completo ao servizo da música».
Xa que deixamos caer algún que outro xénero, na vosa bio podemos ler outros, como o trip-hop ou o UK garage pero, sen etiquetas, como describiriades a vosa música? A que soa Seixo?
Seixo: «Soa a verdade. O son é profundo, complexo, honesto, denso e vibrante. A escolla dos sons é unha das partes importantes do noso proceso, o que reflicte o agarimo que lle aplicamos a cada tema, así como a falta de prexuízos xenéricos, resultando en cancións moi diferentes con influencias moi dispares».
Foto © Lucas Terceiro (Tres Insuas Audiovisuais)
Canto ás vosas influencias, quen diriades que ten, ou tivo, particular impacto no voso xeito de facer música?
Roberto: «Pola miña parte hai nomes obvios como Ricardo Villalobos, Petre Inspirescu e Rhadoo, polo seu xeito de traballar os ambientes inmersivos e introspectivos».
Diego: «Eu non podo non nomear ás artistas do son Bristol como Massive Attack, Portishead ou Thievery Corporation, pero tamén o drum and bass de Goldie ou a electrónica experimental de Björk».
Ademais da túa faceta musical, Diego, tamén tes formación en artes escénicas. Retroaliméntanse ambas? Inflúe esta disciplina en Seixo?
Diego: «Si, sobre todo nas letras e na interpretación vocal, que intento adaptar á lírica e á atmosfera de cada un dos temas».
Roberto: «Eu penso que sobre todo no xeito que ten de expresarse e de contar».
O primeiro que escoitabamos de vós era Présa (2024), un sinxelo que, dalgún xeito, predicía a temática do disco que publicariades meses máis tarde. Foi composto con este propósito? Como naceu este tema en concreto e por que finalmente non formou parte do disco?
Seixo: «“Présa” era un aperitivo, un achegamento amable para os nosos públicos, que de súpeto íanse atopar cun Bazait e un Diego Salgado moi diferentes ao que estaban afeitas. Para nós reflicte dun xeito moito máis evidente os mundos dos que vimos, mesturados neste house con moito groove e moito funk.
Naceu da diversión máis espontánea, así que era apropiado para ser lanzado en verán. Non formou parte do disco porque, aínda que fale da extinción humana, é un tema moi alegre e o disco ten un pouso e unha gravidade da que carece este tema».
Coda (2025) é o voso primeiro álbum, un EP de sete cortes que vía a luz a principios de febreiro como resultado dun ano de traballo. Cal é a idea tras el?
Seixo: «Aínda que o poida parecer, Coda non é un álbum conceptual, é unha declaración de intencións do concepto de Seixo. Un laboratorio de alquimia no que mesturamos cousas que en principio non pegan, pero que engarzamos buscando puntos de apoio. Se debera haber un concepto detrás disto é a honestidade e a transparencia, que son dúas palabras moi importantes nos nosos dicionarios».
Adiantabades o disco con “Ansiedade”, un canto a este estado de angustia que tan ben queda reflectido no videoclip. Por que escoller este tema en particular como sinxelo adianto?
Roberto: «Porque nos representa».
Diego: «Si somos».
Roberto: «Pensamos que era o tema que máis atención atraería».
Diego: «Ademais, foi o primeiro tema que fixemos e o videoclip está protagonizado por Antía Vidal, actriz e bailarina, que foi a persoa responsable de ternos xuntado en primeiro lugar».
Roberto: «E o vídeo é unha marabilla, ideado, dirixido e gravado por Paula Cereixo e Lucas Terceiro de Tres Insuas Audiovisuais en Subterránea Espazo Creativo».
Da súa man vén “Meditación”, unha presa de mantras bañados nun «groove que se che mete no corpo para facerte respirar». Este tema é o contrapunto de “Ansiedade”?
Seixo: «Si. Seguinte pregunta».
Ao fío, que papel pensades que pode ter a música á hora de dar a coñecer a importancia de coidar a saúde mental?
Seixo: «Un papel fundamental. A música é unha das expresións culturais máis consumidas e influentes na vida da xente, e é necesario falar destes temas para que unha circunstancia que afecta de xeito tan xeral non sexa un tabú. Levamos uns aniños nese camiño e pensamos que é o adecuado».
Foto © Lucas Terceiro (Tres Insuas Audiovisuais)
“A cegas” segue coa temática da saúde mental, desta volta a ritmo de breakbeat, latin jazz e cun verso en... portugués? Ansiedade, depresión... como foi o proceso de traducir estas sensacións a cancións?
Diego: «Ás veces duro, pero sobre todo liberador. Moitas desas sensacións non son facilmente expresables e fai falta atopar a maneira de dicilas. Construír esa linguaxe poética arredor deses temas é coma facer un esconxuro co que exorcizalas. Escribir e cantar sobre elas é terapéutico.
E si, é portugués, co pouco que sei de cando viña a miña familia de aló. Co perdón da lusofonía, espero non ter dado moita patada á nosa lingua».
En “Matcha” e “Tormenta” escóitanse ritmos inusuais, con intrincados compases de 5/4 e 7/8, con que intención?
Seixo: «É divertido. Saír do 4/4 é un reto nestas músicas e o pequeno trasno que temos dentro desfruta de causar confusión».
Como foi o proceso creativo de Coda? É dicir, como chegou a converterse na colección de sete cancións que agora escoitamos?
Seixo: «Por descarte. Temos outras tantas cancións e cando decidimos sacar o disco fixemos unha selección das que tiñamos e respiraban parecido».
Seguindo co desenvolvemento do álbum, repartides tarefas á hora de traballar os temas?
Seixo: «Traballamos xuntos e á vez. Si é verdade que Roberto soe dedicarse máis á rítmica e ás atmosferas e Diego máis ás melodías e harmonías, ademais da letra, pero non son traballos asignados e non somos exclusivos á hora de asumir estas tarefas. A permeabilidade é importante á hora de traballar en equipo».
Foto © Lucas Terceiro (Tres Insuas Audiovisuais)
Na vosa entrevista en Frecuencia Electrónica, escoitamos como Diego dicía que quería pasar a cantar en galego, despois de compoñer en inglés. A que se debe este xiro de idioma? Porque o 99,9% das letras de Coda están en galego... obxectivo acadado?
Roberto: «Non, queremos chegar ao 100% [risos]».
Diego: «Para min é unha teima de hai anos. Cando tiña Udra foi unha transformación paulatina e necesaria que non se chegou a acadar por cuestión da superviviencia do proxecto, pero formaba parte da idea orixinal de Seixo.
Non descarto explorar outras opcións lingüísticas no futuro (spoiler alert), pero si me parece que é unhas das características idiosincráticas de Seixo».
Despois de momentos de escuridade, desesperación ou mesmo rabia, chega preto do final “Seixo branco”, un tema que semella concibido coma unha oración, un rezo (mesmo formalmente). É así?
Seixo: «Si. Se queredes saber máis, acudide ás pedras».
Precisamente, comezabades a destapar o EP cunha serie de citas —«saber volver á pedra», «ás veces é cousa de pechar os ollos e confiar na pedra», «a sarabia só é auga querendo facerse pedra»— que, xunto, co voso nome... Que significado ten a pedra, metaforicamente falando, neste disco?
Seixo: «Non é só polo disco. Seixo é un proxecto moi espiritual. Somos galegos e a nosa espiritualidade, igual que a maior parte da nosa vida, está ligada á pedra. Será polo radon?».
Foto © Lucas Terceiro (Tres Insuas Audiovisuais)
Pecha o disco “Coda”. Di a RAG, «Coda: Parte conclusiva que serve de remate ou final a unha composición musical e na que se repiten algúns dos motivos máis sobresaíntes dela». O tema non é precisamente iso, unha reflexión final de aceptación sobre os temas que trata o disco a modo de epílogo?
Seixo: «Totalmente, despois das dificultades pasadas durante a Odisea do disco vén esa Ítaca que é “Coda”. E a chorare».
Este tema, “Coda”, dálle título ao álbum. Non é un pouco paradoxal escoller algo que remite a un final para titular un primeiro disco?
Seixo: «É como nunha partitura, empézase co título. A derradeira frase do tema di “vai á Coda”, que, neste caso, está o principio, no título. Vése o bucle?».
A portada de Coda é deseño de Diego Salgado sobre foto de Lucas Terceiro; unha ilustración chea de matices, texturas diferentes, unha cor común (azulada) e unha runa viquinga. Que simboliza a runa? Que significado agocha o deseño e de que xeito se conecta coas cancións do álbum?
Diego: «Esa “runa viquinga” é o logo de Seixo. Si é verdade que o logo está, dalgún xeito, inspirado nalgunhas inscricións da Idade de Bronce. O feito de que as letras do nome de Seixo conformen ese símbolo pode lembrar ás bindrunes viquingas, pero nada que ver directamente.
O deseño está en gris e azul porque cheiran igual que as cancións do álbum. Supoño».
Polo de agora, non tivemos a oportunidade de escoitar a Seixo ao vivo, como tedes pensado levar Coda aos escenarios?
Roberto: «No coche e coa maleta chea de máquinas. Un formato en directo no que estarei soltando clips a tempo real e teremos o sintetizador Moog Little Phatty facendo os baixos e dúas caixas de ritmos (a Roland TR8S e a Yamaha RM1X) traballando xuntas para cubrir todas as capas rítmicas que teñen os nosos temas.
Ademais estará Diego berreando e dando chimpos polo escenario mentres lle solto os efectos de voz».
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?
Seixo: «Garza, como relixión. Sheila Patricia, Laura LaMontagne, Músculo!, Bigornia, IlMarto... iso dentro do que nos toca. Narf é unha referencia histórica e eternamente reivindicable».
Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña
Roberto: «Joy Division, Zenet, Ricardo Villalobos, 2Pac e Silverlining».
Diego: «And So I Watch You From Afar, The Goat Rodeo Sessions (Yo-Yo Ma, Stuart Duncan, Edgar Meyers e Chris Thile), Norman Sann, Snow Tha Product e Tinariwen».
Roberto, Diego: «Wtf».