MIGUEL SEOANE: «INTENTO QUE A MIÑA MÚSICA TEÑA IDENTIDADE, QUE CANDO A XENTE A ESCOITE PENSE “AH! ESE É MIGUEL”»

De neno, miraba o saxo a través do escaparate dunha tenda de música próxima á súa casa. Agora, de adulto, Miguel Seoane (A Coruña, 1996) é unha figura destacada na escena musical de Ámsterdam, onde se lle recoñece polo seu son fresco e distintivo co saxofón alto. O músico coruñés reside na capital dos Países Baixos desde hai case unha década, cando decidiu trasladarse para especializarse en jazz.
Seoane lidera un trío xunto a Mauro Cottone (contrabaixo) e Giacomo Camilletti (batería) no que, aínda influenciados pola tradición do xénero, os tres comparten a visión de desafiar os límites do jazz con improvisacións e composicións orixinais, como ben se poden escoitar na súa referencia máis recente, Volume 1 (2025).
Foto © Teresa Costa
Miguel, na túa bio lemos como o teu interese pola música vénche desde pequeno. Cal foi, e como lembras, o teu primeiro contacto coa música? Como medrou a túa afección por esta disciplina ata converterse na túa profesión?
Miguel Seoane: «Foi todo un pouco fortuíto, vivía fronte a unha tenda de música e estaba sempre a mirar os instrumentos ata que, cando tiña 8 anos, os meus pais me apuntaron no conservatorio da Coruña. Aos poucos, a miña afección medrou, especialmente cando comecei a tocar en bandas; era moi divertido cando es neno estar rodeado de xente tocando e desfrutando a música».
Como describirías o saxofón? Sempre tiveches preferencia por este instrumento ou tocaches antes outras teclas... cordas quizais? (Temos proba audiovisual de que tamén tocas a frauta!)
Miguel: «Penso que o describiría como un instrumento bastante divertido, pero con as súas limitacións. Si, desde pequeniño sempre tiven preferencia polo saxo. Cóntanme os meus pais que sempre me paraba fronte ao escaparate desa tenda de música que comentaba e sinalaba o saxo.
Cando comecei a entrar no mundo do jazz hai moitas situacións; por exemplo, nas big bands, como saxofonista, tocar outros instrumentos te abre moito as portas, e estes son frauta e clarinete. Entón, tocalos sempre dá máis oportunidades de tocar e traballar, aínda que teño bastante máis preferencia pola frauta, o clarinete aínda se resiste un pouco».
Foto © André Rueda
Seguindo cos teus inicios, de que xeito influíron os teus comezos sendo parte da banda xuvenil Rúa Pum no teu desenvolvemento musical posterior?
Miguel: «Rúa Pum foi un proxecto que cambiou radicalmente a miña visión sobre a música e fixo que me namorase do jazz e da improvisación e a partir de esta banda, máis ou menos, decidín continuar con a música de xeito profesional.
A miña educación musical comeza no conservatorio da Coruña, onde só se ensina saxofón clásico, e penso que na Coruña é un pouco difícil achegarse ao jazz e á música improvisada —en comparación con cidades como Barcelona, Porto ou Lisboa— entón, o feito de saír a tocar na rúa cos meus amigos fixo que comezase a desfrutar da música dun xeito no que no conservatorio non se concibía, e comezar a investigar máis e máis na improvisación e no jazz.
Ao mesmo tempo, o conservatorio tamén me deu unhas bases e unha rutina sólida co meu instrumento, entón creou un equilibrio musical bastante bo que me permitiu máis adiante saír a Ámsterdam a estudar».
Aínda que comezas a túa formación no CMUS Profesional da Coruña, complétala no Conservatorio de Ámsterdam, recoñecido por ter unha destacada relación co jazz. Por que elixir esta institución en particular? Ademais do título, que aprendizaxes levas no peto desa época?
Miguel: «Despois da miña primeira visita a Porto e unha visita curta a Holanda, deime de conta que, se pretendía estudar e medrar neste xénero, a única opción era saír a unha cidade grande, xa que, na miña opinión, no jazz máis que estudar cunha persoa específica, o máis importante é estar preto dunha escena grande e ver e tocar a xente moito mellor que ti.
Tendo dito isto, considerei cidades como París ou Berlín, pero daquela tamén tiven en conta outros factores, e por sorte acabei en Ámsterdam.
Aquí tiven a sorte de que o departamento de saxofón é incrible e estudei con Jasper Blom e con Ben van Gelder, músicos que admiraba moitísimo, e tamén tiven un par de encontros con Dick Oatts. O máis inspirador, máis que estudar, era tocar con eles e encontralos tocando en diferentes sitios da cidade».
En 2022 fuches convidado a participar no ciclo Novos Talentos do Jazz, tocando como solista coa Orquestra Jazz de Matosinhos. Que significou para ti este convite? Como lembras a experiencia?
Miguel: «Para min, o convite foi un soño feito realidade; a experiencia foi unha das mellores que xa tiven como músico.
O convite foi feito por João Pedro Coelho, músico que admiro moitísimo e quen foi o director artístico do programa. Xunto a el escollemos o repertorio do concerto, composto todo por arranxos orixinais para orquestra dos diferentes álbums da súa discografía —algúns destes xa os sabía de tanto escoitar algúns discos [risos]— e á parte disto, tamén arranxaron dúas composicións miñas ex profeso para a ocasión.
Ademais de todo o musical, que foi xenial, o equipo e toda a produción da orquestra fixeron que me sentise na casa e puidese aproveitar ao máximo esta oportunidade».
A música de Miguel Seoane caería dentro do jazz contemporáneo, pero como a describirías ti?
Miguel: «É un pouco complicado a verdade. Non me gusta etiquetar a miña música dentro unha categoría; o único que tento é que a miña música teña identidade e que cando a xente a escoite pense: “Ah! Ese é Miguel”. Penso que non hai maior afago que este na música».
Como comentabamos, Ámsterdam é coñecida por ser unha das capitais do jazz europeo contemporáneo, como describirías a súa escena jazz? De que xeito dirías que che está a moldear, profesional e persoalmente?
Miguel: «Penso que a mellor forma de describir a escena é a variedade. É un sitio que destaca pola cantidade de músicos que hai para o tamaño da cidade e, a nivel musical, hai moita competencia (sa por suposto), pero especialmente ensínache a estar preparado para calquera cousa, tanto persoal como profesionalmente.
Penso que, profesionalmente, estame a dar moitas táboas. Hai bastantes tipos diferentes de concertos e cada un precisa de cousas distintas, pero tamén o feito de estar a tocar concertos regularmente, especialmente con xente que toca moitísimo mellor ca ti, fai que crezas musicalmente dez veces máis rápido; aquí é onde realmente aprendes, non nas clases.
Persoalmente, como todas a cidades grandes e capitais, é un desafío, pero ten as súas cousas positivas. Unha delas é que é unha cidade cunha diversidade cultural xigante, o que fai que as túas perspectivas cambien; algo que tamén se reflicte na miña personalidade e na miña música».
Foto © Melle Meivogel
Desde hai un par de anos lideras o teu propio trío xunto a Mauro Cottone (contrabaixo) e Giacomo Camilletti (batería). Como xorde o proxecto? Ademais de cadanseus instrumentos, que dirías que achegan Mauro e Giacomo ao trío?
Miguel: «Mauro e Giacomo son uns grandes amigos desde hai bastante tempo. Temos coincidido tocando xuntos antes e sempre encantoume tocar con eles, síntome súper cómodo e fanme soar incrible. Hai como tres ou catro anos xa tiña algo de música escrita e falei con eles para “formalizar” o proxecto; a partir deste momento comezamos a tocar case exclusivamente música orixinal nosa.
Nos ensaios, ou cando traio un tema novo para ensaiar, sempre é como si fose un bosquexo; xuntos os tres decidimos como imos arranxar a forma, cambiar a melodía, os solos, etc. Entón, en cada unha das cancións, aínda que sexa eu quen a escribiu, o que se escoita é o resultado das opinións e ideas dos tres».
Ademais de influencias como as de Sonny Rollins, Lee Konitz ou Joe Lovano, quen máis dirías que tivo particular impacto no teu xeito de compoñer?
Miguel: «Máis que na forma de compoñer, na forma de tocar e, especialmente, na forma de tocar nun trío sen instrumento harmónico; eles son referentes bastante grandes por utilizar este formato.
Á parte disto, como saxofonista, o nome de Charlie Parker non pode faltar, pero outros como Paul Desmond ou Jackie McLean foron bastante importantes para min. Na composición teño un pouco a referentes como Ornette Coleman ou Kurt Rosenwinkel, pero tamén inspírame bastante música de xente como Edu Lobo e Chico Buarque, entre outros».
Live at Bimhuis (2024) foi o voso primeiro traballo discográfico, un disco que, como ben di o título, foi gravado ao vivo en Bimhuis, mítico club de jazz de Ámsterdam. Por que escoller precisamente este local para gravar este álbum?
Miguel: «En realidade non foi unha escolla activa a de gravar aí, fomos seleccionados para participar nun pequeno festival que organizan na Bimhuis e, uns días antes, falamos cos técnicos de son e organizadores do evento sobre a posibilidade de gravar o concerto.
Penso que cada concerto co trío é superdiferente e, na miña cabeza, sempre estivo a idea de que gravar o trío en directo podería compararse con sacar unha fotografía, de como a música é ese dia. Unhas semanas máis tarde recibimos as gravacións do concerto e pensei que esta podería ser unha grande oportunidade para publicalo, pedimos permiso a Bimhuis e déronnos luz verde».
O tema “Zeeman G” cóllelle prestado o nome a un cráter lunar, chamado así en honra ao físico neerlandés (e Premio Nobel de Física en 1902) Pieter Zeeman. Foi este cráter a inspiración desta peza en concreto?
Miguel: «En realidade, é unha historia bastante máis simple. Zeeman significa “mariñeiro” en holandés, e o tema está inspirado e dedicado a un colega saxofonista que comprou un barquiño para navegar polos canais e andar de aventuras; levábame sempre de paseo e ás veces eu o collía prestado. Chámese Gideon, por iso o “G” do título».
A quinta pista é unha versión de “Laughing on the Outside (Crying on the Inside)”, cuxa música foi orixinalmente asinada por Bernie Wayne e a letra por Ben Raleigh. Por que interpretar esta peza en particular?
Miguel: «Tanto esta como “I Keep Going Back to Joe’s” aparecen no mesmo álbum de Nat King Cole, Where Did Everyone Go (1963). Cheguei a este disco porque durante un tempo me obsesionei con Gordon Jenkins, arranxista doutros discos de Nat King Cole e de Sinatra.
Entre outras cosas, penso que hai tantas baladas tan bonitas escritas, que creo que pagan máis a pena que as que eu escribo. Como moitos artistas durante a historia do jazz, quería encontrar unha balada que fose un pouco como a miña marca —como “My Funny Valentine” e Chet Baker, por exemplo— e decidín utilizar as cancións de este álbum, xa que me encanta o disco, non é moi coñecido e a maioría dos temas só foron cantados por Nat King Cole.
Todas as baladas teñen algunha característica especial, como unha harmonía distintiva ou unha forma pouco común, e o plan é continuar a tocar máis baladas deste álbum no futuro».
Estades a presentar a vosa última referencia, Volume 1 (2025), unha colección de cancións que mestura composicións orixinais cun par de versións. Como foi a selección do repertorio para este álbum?
Miguel: «A selección non foi unha escolla activa, senón que é o resultado dun ano e medio de concertos e tours co trío nos que tocamos máis cancións que as que chegaron ao final ao disco.
Polo camiño quedaron algunhas que aínda tocamos nos concertos... E quizais son gravadas e editadas máis adiante, pero tiñamos unha pequena idea de como queriamos que fose o álbum e estou moi contento co equilibrio das cancións que están neste primeiro disco».
Algunhas das cancións deste Volume 1 estaban compostas xa a finais de 2023, mesmo incluídas no disco anterior, por que (re)publicalas agora?
Miguel: «Unha das calidades das miñas composicións é que son relativamente simples e todos na banda as sabemos de memoria logo de tocalas un par de veces.
Cando estás neste punto no que traballas e tocas regularmente coas mesmas persoas e sabes a música de memoria, nos desafiamos con que cada vez que as tocamos sexa distinto, o que fai que cada composición estea “viva”, xa que vai medrando e cambiando ao longo do tempo.
“Crow’s Dispute” é o exemplo mais claro disto e por iso decidín republicala e facela a primeira canción do novo álbum».
Agás “G Major”, composta por Mauro Cottone, e un par de versións, as pezas do LP asínalas ti. Como foi o seu proceso creativo? Como o abordas, es dos que sentan a escribir cun concepto claro ou dos que deixan que o instrumento os leve?
Miguel: «Son unha persoa bastante pouco organizada á hora de escribir música. O único que intento é escribir bastantes temas, pero poucas cancións chegan a ser seleccionadas para tocalas.
O meu proceso varía bastante; ás veces teño unha idea e nun par de horas teño un tema feito e, outras, ocórreseme unha pequena idea que, ou deixo en barbeito durante bastante tempo e volvo collela máis adiante, ou coa mesma idea vou tentando un par de camiños distintos ao mesmo tempo.
O piano é onde escribo case o 90% do tempo, porque me dá unha perspectiva mellor do son total do tema, aínda que teño un par de cancións que escribín co saxo e penso que teñen un son distintivo, e iso fai que queira escribir máis co saxo».
Desta volta, interpretades “De Sprong O Romantiek Der Hazen”, orixinal do pianista e compositor neerlandés Misha Mengelberg (1935-2017). Como foi o seu proceso de arranxo? Na túa experiencia, que che resulta máis complicado: arranxar un tema alleo ou compoñer un desde cero?
Miguel: «Esta toma en concreto non foi arranxada, é todo improvisado! Sobrábanos tempo no estudio e suxerín a Giacomo improvisar xuntos e levaba uns días con esta canción na cabeza, comezaron a gravar e empezamos a tocar.
Na miña experiencia, é moitísimo máis doado arranxar un tema, tanto alleo como meu, que compoñelo desde cero (cando compoño non teño en conta como vai ser o arranxo final da música e cambia durante o tempo como arranxamos os meus temas). Estamos bastante habituados no jazz a “arranxar” cancións no momento cando tocamos, entón, sen dúbida, arranxar e moitísimo máis doado para min».
Foto © Teresa Costa
Tamén tocades a vosa versión de “I Keep Going Back to Joe’s”, composta por Marvin Fisher e Jack Segal, coñecida por ser interpretada por Nat King Cole. Que vos levou a incluíla no voso repertorio?
Miguel: «Esta respondina xunto coa outra balada, porque están conectadas, pero se queres podo deixarte a anécdota de onde vén o nome do meu tema “Crow’s Dispute”.
Unha amiga aquí en Ámsterdam quedou sen neveira durante tres ou catro meses do inverno e, como durante eses meses do ano, a temperatura é parecida á da neveira, utilizou o seu pequeno balcón como “neveira” improvisada.
Pasado algún tempo, comezou a decatarse en que lle faltaban algunhas cousas de vez en cando, ata que reparou que era un corvo que paraba alí regularmente a lle roubar comida ou tirala para abrir os botes. A miña colega tentou por todos os medios paralo —metendo cousas pesadas por enriba, tapando as cousas, pero nada— ao final, o corvo gañou e foi ela quen comprou unha neveira... e de aquí vén o nome “Disputa co Corvo”!».
«Zoinks!» é unha interxeción que se fixo famosa por Shaggy, personaxe da serie animada Scooby-Doo, que adoitaba usala para expresar sorpresa ou asombro. Algún vínculo co voso tema “Zoink”?
Miguel: «Na miña experiencia, escribir música é un desafío, pero aínda máis é darlle nomes a algunhas composicións.
Teño unha pequena lista no móbil con posibles títulos divertidos que se me van ocorrendo. Neste caso, “zoink” estaba aí, foi unha resposta dun amigo que me fixo bastante gracia e a anotei. Non tiña nin idea que viña de aquí, pero probablemente o colega a quen llo escoitei dicilo o sacou de aí!».
Tanto o álbum como os sinxelos veñen envoltos nunha ilustración, obra de Richy Veiga, na que se aprecia como a sombra do saxo é tan alongada... que remata por converterse nunha bota de vaqueiro! Décheslle algunha pauta a seguir, tivo total liberdade...?
Miguel: «Coñecín a Richy hai uns anos e fixémonos bastante bos amigos. Á parte disto, sempre encantoume o seu estilo, entón, cando comecei a planear o álbum xa tiña a Richy na cabeza.
Cando falei con el sobre isto só lle din dúas pautas: tiña total liberdade, pero tiña que ser algo seguindo o seu estilo; quería que cando a xente o vise recoñecese que era del, e penso que a bota de vaqueiro é un dos elementos máis característicos do seu estilo. A segunda era que quería que o fixese nun lenzo, así cando a xente comprase un vinilo podería levar un “mini” Richy Veiga a súa casa».
Podemos agardar un Volume 2 nun futuro non moi afastado?
Miguel: «Está nos meus planes de futuro facer o Volume 2, pero existen algunhas variables no camiño. Idealmente gustaríame gravar a principios do ano que vén, e publicalo a finais de 2026».
Como un (dos tantos) músicos galegos na diáspora, dirías que hai algo galego na túa forma de facer jazz? Inflúe esa morriña que tanto nos caracteriza nas túas composicións?
Miguel: «Non diría necesariamente no xeito de facer música, pero si no estilo de vida que teño. Aínda que estou en Ámsterdam, intento continuar con algúns hábitos como en Galiza, como cociñar receitas da miña nai ou avoas e convidar a meus amigos a comer e quedar na sobremesa ata as 8 da tarde.
Este estilo de vida é o que me motiva e inspira a tocar música, que se reflicte na música. Así que, para responder a túa pregunta, si, probablemente a morriña inflúe bastante na miña música».
Nunha época de cultura do breve e atención divididacomo describirías o contexto perfecto para desfrutar da túa música? En que tipo de ambiente, momento ou estado de ánimo cres que se pode conectar máis coas túas cancións?
Miguel: «Hmmm... penso que o contexto ideal sen dúbida sería ao vivo nalgún concerto, especialmente se é nun club, non nun festival ou nun teatro grande.
Pero se falamos do disco, penso que calquera momento é bo para escoitalo, sempre que quen o estea a escoitar o desfrute, eu xa desfrutei a miña parte que foi facelo!».
Foto © Thomas Huisman
Estes dous traballos están feitos, como xa comentamos, xunto a Mauro e Giacomo, pero enriba dos escenarios tamén podemos escoitarte acompañado por João Guerra e Francisco Nogueira ou David Regueiro e Antón Quintela. Sabemos que as variacións nas formacións de jazz son bastante habituais, pero por que eles e, especialmente, para os directos?
Miguel: «No jazz as variacións na formación son bastante habituais. Antes de ter comezado o trío con Giacomo e Mauro, xa me gustaba tocar en trío, pero non tocaba música orixinal, só estándares ou outras cancións que se tocan habitualmente no jazz.
Desde que formalicei o trío con Mauro e Giacomo, só toco o repertorio orixinal se é con eles os dous, e creo que vou intentar que isto continúe sendo así. Temos unha conexión moi forte e non é nin necesario ensaiar; isto marca a diferencia no directo».
Falando de formacións, es parte de Valvetronic, unha banda de vento-metal cun espectáculo arriscado, ruidoso e enérxico que, ademais, está a presentar tamén o seu novo disco, Beyond Our Shores (2025). Debe ser moi diferente liderar un trío de jazz que ser parte dunha big band, non?
Miguel: «Tocar nunha banda como Valvetronic é unha sorte e é moi divertido. Xustamente porque é o oposto a liderar un trío de jazz que o desfruto moitísimo máis.
Sempre son concertos con moitísima xente bailando e saltando e á hora de tocar é súper divertido tamén. Sabemos a música de memoria e é moi divertido compartir escenario con tanta xente».
Rematamos enriba dos escenarios, como son os concertos de Miguel Seoane Trío? Cando, e onde, poderemos desfrutar da túa música ao vivo (e se é en terras galegas aínda mellor!)?
Miguel: «Estou traballando niso agora mesmo, aínda non teño datas confirmadas, pero estou intentando organizar un pequeno tour en Italia en setembro, pero gustaríame traer ao trío a Galicia e Portugal antes de que acabe o ano para presentar ben o disco... estou apuntando para novembro ou decembro para traelos!».
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?
Miguel: «Xa que estamos no ámbito do jazz, penso que o nome de Iago Fernández non pode faltar, pero entre a xeración máis nova están nomes como Sunil López ou Eloi Pascual, dos que paga a pena escoitar os seus novos traballos».
Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña
Miguel: «Uf! Pois creo que un pouco de todo, segurísimo que moitííííísimo jazz, desde Ellington, Sinatra, Nat King Cole ata Kurt Rosenwinkel e David Binney pero á parte diso, estou namorado da música brasileira; nomes como Chico Buarque, Edu Lobo, Tom Jobim... Tamén escoito bastantes bandas como Mild High Club, Mac DeMarco, Daniel Romano, Strokes... Intento que a música que escoito sexa variada; só escoitar jazz pecha un pouco a miña orella e escoitar músicas diferentes é moi refrescante e fai que desfrute máis da música que toco».