NOVOS LANZAMENTOS. SETEMBRO 2025

"Así es la vida amor", Arantxa Pérez
Un par de anos daquel Del Cielo a Marte (2023) co que Arantxa Pérez marcaba un antes e un despois tanto profesional como persoalmente, a nova artista galega lanza agora Así es la vida amor (2025), o longo presenta 14 cortes de pop melódico que conforman «unha historia completa feita canción». En pouco máis de 50 minutos, o oínte terá a oportunidade de experimentar «amores, despedidas, cicatrices e renaceres» en temas como “Tiempo imperfecto”, “A la deriva” ou “Aún así”. Nostalxia e melancolía a partes iguais asolagan este cuarto traballo que, ademais, tamén está dispoñible en formato físico na súa páxina web.
"Antithesis", Window Pane
Window Pane celebra o seu trinta aniversario enriba dos escenarios coa publicación dun novo traballo discográfico. Oito anos pasaron desde aquel dobre vinilo, 4 (2017), intenso e visceral, cargado de emotividade, de experimentacións escuras e cambios de ritmos salvaxes. Agora, con Antithesis (2025), o cuarteto ferrolán presenta o reverso conceptual de 4; lonxe da complicidade e a experimentación daquel traballo, este novo EP aposta pola inmediatez: temas curtos e directos, gravados con espontaneidade, nunha volta á formación clásica de guitarra, baixo, batería e voz. Malia a súa brevedade, apenas dez minutos de duración, Antithesis condensa a esencia do grupo con retazos de punk rock, hardcore, noise, pop e unha enerxía crúa, pero sen perder o seu espírito innovador, que desta volta se reflicte coa inclusión de letras en castelán por vez primeira na súa discografía.
"El último chance", Diego Flâneur & ünder
Non hai tanto que escoitamos novos traballos deles, si, pero en solitario; agora, Diego Flâneur & ünder presentan un novo álbum conxunto, dous anos despois do anterior. Dispoñible desde o venres 19 de setembro, El último chance (2025) recolle nove cortes —entre os que destacan as colaboracións de 9Louro e Jade4 e as coproducións de Yuly nalgúns temas— que apostan tanto polo íntimo como polo festivo e reflicten esa identidade auténtica e visión artística libre que caracteriza ao dúo. Letras en galego e castelán entrelázanse con beats atmosféricos e samples nostálxicos sobre unha base de hip-hop, electrónica e ritmos urbanos. Con este disco, Diego Flâneur e ünder volven deixar claro que se lanzan a explorar novos territorios sonoros... sen medo ningún.
"Caras no lume", Lontras
Tres adiantos despois, por fin podemos desfrutar do álbum debut de Lontras ao completo. Caras no lume (Raso Estudio, 2025), composto por nove cortes, fusiona indie-folk, psicodelia minimalista, indietrónica e canción experimental de autor, construíndo deste xeito unha proposta sonora que vai desde o setenteiro ao futurista. Con letra e música orixinal firmada por Juan Arca —agás “Cinco fiestras”, na que comparte autoría con Álvaro Cunqueiro— cada canción do longo se presenta cargada de texturas impredicibles, espertando diversas sensacións e creando unha atmosfera única que transita entre o delicado e o amplificado. Con influencias que abranguen desde Radiohead ata Caetano Veloso, pasando por Devendra Banhart e Juana Molina, Caras no lume tamén se fai eco da escena de artistas galegos que redefinen o son alternativo, como Néboa ou Faia Díaz.
"Outras trece cancións bonitas", Germán Díaz & Benxamín Otero
O novo disco de Germán Díaz e Benxamín Otero continúa a aventura sonora que ambos comenzaron en 2018 coa publicación de Trece canción bonitas (2018). O dúo formado por Díaz e Otero lanzan agora Outras trece cancións bonitas (2025), unha obra delicada e profundamente evocadora que fusiona tradición e modernidade cunha sensibilidade única. Gravado na capela de Santa María (Lugo), o álbum ofrece un repertorio que abrangue melodías tradicionais galegas, composicións porpias e versións de autores como Egberto Gismonti, todo interpretado con instrumentos como a zanfona, o oboe ou o corno inglés. A participación de artistas convidados do talle de Vidya Shah, Noemí Basanta ou Pablo Pascual, xunto á coidada produción de cada un dos temas, fan que este traballo reconstrúa o pasado e o faga resoar no presente.
"O Xardín", Sangre de Muérdago
O venres 12 vía a luz O Xardín (2025), o novo álbum de Sangre de Muérdago. A banda galega de dark folk presenta un longo presenta un longo profundamente arraigado na terra, a memoria e o ancestral. Gravados integramente en Galicia durante catro días do setembro pasado, os dez cortes que recolle o disco destacan pola súa rica instrumentación (zanfona, clarinete, violoncello, nyckelharpa...) e produción delicada, conformando deste xeito unha atmosferas íntimas e rituais sonoros arredor da natureza. Con letras introspectivas, arranxos coidados e unha estrutura que alterna entre a calma e o crescendo emocional, “O Xardín” marca a décima longa duración de Sangre de Muérdago, e tamén unha das súas propostas máis maduras ata a data; temas como “O que mora no lume”, “O transo” ou “O abismo”, elixido como single adianto, sintetizan a serenidade e intensidade emocional do álbum.
"Sigue mi voz (BSO)", Nico Casal
As composicións de Nico Casal volven soar na gran pantalla. Esta vez, o músico e compositor galego está detrás da banda sonora de Sigue mi voz (Inés Pintor, Pablo Santidrián, 2025), comedia romántica estreada a principios de mes. Nos pouco máis de 40 minutos repartidos en 21 cortes, Casal asina composicións emotivas que combinan orquestracións delicadas con momentos de grande intensidade dramática que resaltan as emocións e conflitos da trama adolescente. A habilidade do pianista para mesturar música clásica e contemporánea, con toques minimalistas, permite que as cancións non só acompañen a historia, senón que funcionen individualmente, por si mesmas.
"The Healing Wars Vol. 2: Programmer is Dead", Digital Mother
The Healing Wars Vol. 2: Programmer is Dead (Orphan Records, 2025) é a continuación da serie que Digital Mother lanzaba hai un par de anos. Nesta segunda entrega, o dúo de electrónica experimental, formado por Manu G Sanz (Selvática) e o escritor e músico Luis Boullosa, crea unha atmosfera densa e emocionalmente fonda, cargada de elementos do folk industrial e texturas sonoras complexas e inquietantes. Os nove cortes do álbum exploran distopías, mundos alterados e paisaxes emocionais construídos sobre letras que se moven entre o poético e o evocador. No seu conxunto, The Healing Wars Vol. 2: Programmer is Dead é unha obra desafiante que non só convida á escoita repetida, senón tamén para que o oínte desfrute dunha viaxe introspectiva.
🎧 Sigue a nosa lista de Singles en Spotify para estar ao día das novidades discográficas dos artistas e grupos de galiciantunes.com!
🎧 E se es dos maximalistas que o queren todo, tamén podes seguir a de Álbums cos discos completos!