• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias dch

WINDOW PANE:

WINDOW PANE:
6 OUTUBRO 2015

Ao longo de case tres décadas, Window Pane non deixou de ser unha das constantes da escena underground galega. Desde a súa creación en Ferrol no verán do 95 ata a publicación do seu EP máis recente, Antithesis (2025), para conmemorar os seus 30 anos, a banda permaneceu fiel á súa esencia: un cóctel contundente de hardcore, metal e rock levado con honestidade e liberdade creativa.

 

 

Foto © Federico González Camargo

 

En 1995 nace Window Pane en Ferrol, trinta anos desde que Jorge, Marcos, Willi e Mito deciden formar unha banda con Black Sabbath, Alice in Chains, Misfits, Ramones e Faith No More na cabeza. Cales foron, e como lembrades, os inicios de Window Pane?

Mito: «Ao principio tampouco había moitas aspiracións; simplemente queriamos facer un grupo cos amigos, gravar temas propios e tocar en directo, pasalo ben e xa está. Cando comezamos de adolescentes iso era o que buscabamos... e agora é basicamente o mesmo!».

 

«Windowpane» é o termo utilizado para designar os cristais das ventás... por que escollelo como nome do grupo?

Willi: «Non queriamos un nome que fose moi indicativo dun estilo concreto, que dixese “esta xente fai este estilo de música” só con ver o nome. Nese sentido buscabamos algo máis difícil de catalogar, que valese para calquera estilo».

Mito: «Se queremos filosofar un pouco co nome en concreto, pódese ver como unha especie de metáfora: a ventá é o que comunica o interior co exterior dunha casa, entón o grupo é o modo que temos de comunicarnos có mundo exterior, de expresarnos cara á sociedade; é o noso “cristal da ventá”.

Pero isto dígoo a posteriori para buscarlle un sentido e xogar có nome, pero ao principio simplemente o puxemos porque nos soaba ben!».

 

Foto © Iván Rouco

 

Un par de anos despois da vosa creación houbo cambios no banco, con Chechu entrando como baixista e Lorena á batería. Afectaron estas variacións ao desenvolvemento da banda? De ser así, de que xeito?

Mito: «Ao principio o grupo o fixemos con Marcos e Jorge, que eran moi amigos pero que musicalmente non estabamos ao 100% de acordo en canto a gustos, así que foi algo normal que o deixasen pronto, por motivos estritamente musicais.

Entón coñecemos a Chechu, que si estaba na mesma páxina que nós musicalmente, e el xa tocaba con Lorena, que entrou un pouco despois. Desde entón todo encaixou musicalmente e, de feito, seguimos xuntos porque nos entendemos moi ben nese sentido».

 

Antes xa nomeabamos algunhas bandas que inspiraron a creación de Window Pane, pero a quen máis sinalariades como principais referentes? Quen ten, ou tivo, particular impacto no voso xeito de facer música?

Chechu: «Cando estabamos comezando, a nivel español houbo unha especie de “escena” que nos molaba moito e nos sentiamos, ata certo punto, identificados con grupos como Psilicon Flesh, Afraid to Speak in Public ou B-Violet, que facían tamén unha especie de “metal alternativo” en inglés, mesturando estilos e demais...

Agora visto co tempo, durou moi pouco esa escena, pero nese momento de mediados dos 90 parecía que había grupos similares ao noso no estado español».

 

Mito. Ilustración © Alberto Amigo

 

Desde os vosos inicios sodes coñecidos pola vosa combinación de hardcore, metal, grunge e rock, pero, sen etiquetas, como describiriades vós a vosa música? A que soa Window Pane?

Mito: «Desde o principio sempre tivemos a mesma idea, facer música con caña, con melodía e que fose orixinal, non intentar soar demasiado a ninguén. A primeira maqueta do 95 chámase Hellzapoppin e xa era ese concepto: hell (inferno), mesturado con pop, nunha palabra orixinal —aínda que fose o título dunha película— era unha palabra “nova”».

Willi: «Nós somos moi fans da música, gústannos moitos estilos diferentes e non queremos pecharnos a nada. Queremos facer calquera cousa que nos guste sen considerar o estilo, se nos gusta, o tocamos».

 

 

 

 

Con tan só un par de maquetas na vosa discografía, Hellzapoppin (1995) (gravada en casete!) e Cubic (1998), a vosa sombra foi o suficientemente longa como para acadar un oco no disco tributo a Faith No More, Tribute Of The Year: A Tribute To Faith No More (2002), sendo, de feito, o único grupo español. Como acabastes formando parte deste recompilatorio tributo?

Mito: «Foi bastante simple! Vemos en Internet que se estaba a facer o recompilatorio, escribimos e aceptaron a nosa proposta; gravámola, mandámola... tampouco tivo unha enorme repercusión, pero no momento foi bastante emocionante para nós participar nese disco con moitos grupos a nivel internacional».

 

 

 

 

O voso primeiro longa duración, Window Pane (2002), establece un son marcado polo grunge, post-rock ou o shoegaze, de atmosferas densas, que despregades en nove cortes. Como lembrades o proceso de creación deste primeiro álbum?

Chechu: «A gravación foi un pouco rara porque comezamos a gravar en Ferrol e, por motivos alleos ao grupo, quedou a cosa a medias e tivemos que rematar a gravación en Lugo. Foi un pouco problemática nese sentido».

Willi: «Á parte diso, quedamos contentos co resultado. Era a primeira vez que logramos un son máis profesional; as gravacións anteriores eran máis “maqueteiras”, e esta xa soa máis a disco “de verdade”».

 

Escoitamos temas de grande carga emocional (“Days gone”, “Dreaming with Games”...), especialmente nas súas paisaxes instrumentais. De que xeito equilibrades letra e melodía neste tipo de composicións?

Chechu: «A música normalmente vai primeiro, facemos a base instrumental e as melodías e logo engadimos a letra ao final».

 

 

 

 

En Compositum (2007), a vosa segunda referencia, adoptades unha sonoridade máis madura, abranguendo «un rango cada vez máis amplo de emocións e sensacións». Con que obxectivo? Que pretendiades espertar no oínte?

Willi: «Non hai ningún obxectivo concreto, as cancións saen de maneira natural e nunca consideramos nada conscientemente nese sentido. Sempre esperas que a música provoque emocións no oínte, pero é moi subxectivo, non sabemos como vai reaccionar a xente; iso é o bonito tamén, que aínda que ti escribas algo cunha intención, cada un a escoita de diferente maneira e pode evocar distintas sensacións en cada persoa».

 

Notamos un maior peso das partes instrumentais, con texturas e capas sobrepostas que conforman un son moito máis elaborado, algo que tamén se aprecia na produción. Como describiriades esta evolución respecto ao traballo anterior?

Mito: «O maior cambio nese sentido foi que Willi comezou a tocar a guitarra, polo que hai más matices nese sentido, e Chechu e Lorena comezaron a cantar de modo solista nalgúns temas. Isto fixo que o grupo medrase e fose máis amplo que antes, agora podiamos facer cousas que antes no».

 

 

 

 

4 (2017) é o voso anterior disco, un dobre vinilo de 15 cortes nos que seguides a xogar coa intensidade do voso son. Dicides que «no grupo compoñemos os catro, así que adoitan saír cousas moi distintas». É este traballo en grupo, nunca mellor dito, o «culpable» de que 4 sexa tan diverso, tan ecléctico?

Chechu: «Si, para ese disco tivemos moito tempo e todos fixemos moitas cancións por separado, por iso é tan longo e variado; reflicte máis que ningún a variedade na nosa música».

Lorena: «Bueno, a verdade é que este disco é, poderíamos dicir, o máis completo de todos, tanto polas composicións en si, como polo traballo posto nel. Á parte aparecen temas que xa tiñamos, como “Vision”, que nunca gravaramos antes e sabiamos que tiñan que estar en 4, onde conseguimos facela soar como queriamos.

É un disco moi completo, moi variado de estilos, con moita instrumentación e sobre todo emotivo e persoal».

 

 

Ao fío, como afrontades á composición dos temas? Partides dunha idea, unha estrofa, uns acordes... e como medran despois ata chegar a converterse en canción?

Willi: «Depende, cada canción é un mundo... Normalmente comeza coa música, uns acordes, unha melodía ou o que sexa; logo entre todos dáselle forma ao tema con arranxos e demais... Pero depende, hai temas que chegan ao local practicamente rematados e outros que son feitos máis entre todos. Non hai unha regra para iso, varía moito».

Lorena: «A verdade é que non temos sempre a mesma forma de compoñer e somos moi diferentes á hora de expoñer ideas, pero o proceso acaba sendo xenial e sempre aprendemos moito.

Eu, por exemplo, escribo bastante e teño bastantes letras, para cando me xorde ou nos xorde algunha idea, normalmente compoño no piano e, ás veces, só coa batería imaxinándome melodías. Adoitamos gravar as nosas ideas, escoitalas xuntos e, desde aí, comezar a elaborar os temas».

 

Willy. Ilustración © Alberto Amigo

 

Temas como “Vision” ou “Fireblood” fan de 4 un álbum intenso e visceral, cargado de paisaxes enérxicas e evocadoras con cambios de ritmo salvaxes e melodías cálidas e brillantes. Como traballastes esa combinación de forza e delicadeza para construír unha experiencia sonora tan xenuína?

Mito: «Non hai nada forzado, non hai regras, todo sae de xeito natural. Imos xuntando os temas que temos, que cada uno compón, e ao final hai un pouco de todo. Como dicía antes, intentamos que haxa caña e melodía en xeral, pero é que sae de forma natural, probablemente pola música que escoitamos, que é así en certa medida».

 

 

Para 4 contastes coas colaboracións de Álvaro Lamas (steel guitar), Marcos Sánchez (vibráfono), Reich González Churchs (saxo) e Johnny Fingers (teclados). Por que eles? Que diriades que achegaron ao disco, ademais dos seus instrumentos?

Chechu: «Vemos que tiñamos moitas cancións, moi diferentes, e queriamos acentuar iso con máis sonoridades que desen máis variedade ao conxunto; como nós non tocamos eses instrumentos, chamamos a amigos para que nos botasen unha man. Por sorte coñecemos a xente moi talentosa e xenerosa que nos axudou nesa gravación!».

Lorena: «A verdade é que as catro colaboracións foron moi especiais para nós, achegando moito nos temas elixidos para eles».

Álvaro Lamas achegou moita personalidade e un son único, só el é capaz de facer soar así de brutal a steel guitar; ten moito gusto tocando, somos moi fans! Marcos acercou sensibilidade e melodía, todo o que pedía o tema; Reich aportou algunha das loucuras sonoras que mostra o saxo e que quedan ben nese momento puntual; e Johnny é un mago dos sons retro cos órganos, engadindo moito corpo e amplitude melódica».

 

Lorena. Ilustración © Alberto Amigo

 

Este ano celebrades o voso trinta aniversario como banda. Parabéns á parte, lemos como dicides que «o noso momento máis especial vivímolo agora». Por que?

Mito: «Porque é un éxito seguir despois de 30 anos facendo música, con ilusión e ganas de facer cousas novas, de seguir innovando dentro do posible. É un gran logro a nivel persoal seguir adiante co grupo despois de tantos anos».

 

E, nestes 30 anos, cal credes que foi o peor momento?

Willi: «Non houbo ningún momento “horrible”, en plan que morrese alguén da banda ou algo así... En todo caso, os momentos de parón, que sempre hai por diferentes motivos, ás veces é difícil estar parados unha temporada, pero é o que hai; é normal que haxa momentos nos que alguén non pode e o grupo se para unha temporada».

Lorena: «Non creo que tivéramos un peor momento como banda, simplemente tivemos anos e momentos nos que podíamos estar máis activos e outros nos que non se podía estar tanto, pero sempre o levamos ben; aprendendo tamén doutros momentos e experiencias que te dá a vida, que iso ao final sempre te está nutrindo».

 

 

 

Entre os festexos do aniversario, estades a presentar o voso novo disco, Antithesis (2025), un álbum que se presenta como unha resposta completamente oposta ao voso anterior traballo, 4. En que aspectos concretos diriades que se pode ver esta oposición?

Chechu: «O disco anterior tiña temas moi longos, o disco era moi longo tamén, dobre vinilo, tardamos moito en gravalo, etc. e neste quixemos facer totalmente o contrario: un disco curto (dez minutos), temas curtos tamén, gravalo todo rapidamente... Tamén unha volta á sinxeleza instrumental, que sexa como nos inicios: unha guitarra, un baixo, unha batería e unha voz solista».

 

Confirmades que, normalmente, non adoitades ter regras á hora de compoñer, pero para este EP decidistes «compoñer temas curtos, simples, gravalo rápido e de xeito espontáneo...». Como foi traballar con, digamos, estas regras autoimpostas? Tomástelo como un reto creativo ou, paradoxalmente, como algo liberador?

Mito: «Si, ao final o de “non ter regras” convértese nunha regra en si, así que estivo ben por vez primeira adoptar outro enfoque e marcarnos o reto de facer cancións curtas, rápidas e simples, a ver que pasaba».

Willi: «Todo vale na arte e na creatividade, está ben autoimpoñerse cousas novas, para variar, e probar a ver que sae!».

 

 

Escoitamos seis temas en apenas dez minutos, pero malia a súa brevidade, o EP mantén a vosa particular variedade de estilos: punk rock, hardcore, melodías pop, noise rock, experimentación... Como acadastes encaixar toda esa diversidade sonora nun formato tan curto sen perder coherencia?

Mito: «Como sempre, iso sae de maneira natural; valoramos facer temas curtos e rápidos, pero nada máis. Para os temas en si cada un fixo o que quixo e o que se pode oír en Antithesis foi o resultado, pero non houbo premeditación en canto a que estilos íamos tocar neste disco».

 

En Antithesis escoitámosvos cantar en castelán por vez primeira na vosa discografía... a que se debe este xiro no idioma? Por que xusto agora?

Chechu: «Non houbo ningunha razón en concreto, simplemente se fixeron as letras así, probamos a cantalas, gustounos o resultado e así quedaron. Pero o mesmo, saíu de maneira natural, non forzamos nada nin hai un motivo concreto para facelo agora, simplemente xurdiu así!».

Willi: «Quedou guay e así o deixamos. Para nós foi algo novo, un xeito de innovar e facer cousas novas nos nosos temas, sempre nos mola facer cousas distintas e sorprendernos a nós mesmos».

 

Sobre o proceso creativo de Antithesis dicides que «é un pouco volta ás orixes do grupo, cando todo era máis simple e directo». Sodes dos que pensa, pois, que ás veces a evolución dun grupo pasa por volver atrás, por recuperar a esencia do comezo?

Lorena: «Eu non penso que a evolución dun grupo sexa pensar en volver atrás, polo menos en Window Pane. Non o penso, pois creo que cada etapa é diferente e a evolución dun grupo ten que ver máis coas ganas, a motivación e por suposto co tempo que se lle poda dedicar á banda. Pero si que é verdade que o novo disco recorda aos comezos, sobre todo pola instrumentación».

Mito: «Nós neste momento era o que queriamos facer por cambiar con respecto ao disco anterior, pero non foi a idea principal “recuperar a esencia do comezo”, iso xurdiu despois ao ver o que estabamos a facer, pero non foi a motivación principal.

De feito, comezamos o proxecto con dúas guitarras, máis voces solistas, etc. e logo decidimos que era mellor simplificar todo, de aí que fose máis parecido ó que faciamos nos inicios, pero non foi esa a idea principal deste proxecto».

 

 

Chechu. Ilustración © Alberto Amigo

 

Polo de agora, Antithesis está dispoñible nunha edición en vinilo de 7” limitada a 200 copias. Aínda que ultimamente o consumo de música en formato físico, especialmente en vinilo, está en aumento, non podemos obviar o peso que teñen as plataformas dixitais. Por que seguir, pois, apostando polo formato físico?

Lorena: «Nós medramos nunha época na que mercabamos a música en tendas físicas e sempre nos gusta escoitala en formato físico, independentemente de que o mundo das plataformas dixitais estea evidentemente levando o peso de todo. Nós somos moi nostálxicos nese sentido e os catro sentímonos moi próximos ao formato físico, especialmente ao vinilo, parécenos moi especial publicalo así».

Chechu: «Nós, como fans da música, seguimos a comprar discos, entón como artistas queremos sacar a nosa música en físico. Para nós non ten moita gracia gravar un disco e simplemente subilo a Internet, somos tan vellos que necesitamos telo nas nosas mans para saber que existe de verdade ese disco!».

 

De feito, para a (non)-portada do EP decidistes apostar polo DIY... pero o DIY dos vosos seguidores! Cada vinilo acompáñase dunhas instrucións e set de adhesivos para que cada un poida personalizar a súa copia ao seu gusto: «debuxa, pinta, colorea, recorta, pega...». Como xurdiu esta idea tan orixinal?

Mito: «Como compradores de discos que somos, mola que as edicións estean curradas, que sexan algo único polo que pague a pena pagar os cartos. Entón queriamos facer algo especial, que cada copia fose única... e pensamos que sería boa idea que a propia xente fixese a súa portada.

Pero sería moi cutre darlles o disco en branco e dicir “faino ti todo”, así que tivemos a sorte de que varios artistas amigos fixesen uns adhesivos para que cada un teña un lote diferente que poida usalos para facer a súa propia portada».

Willi: «Ademáis, o disco trae dous libretos de oito páxinas (un de letras e outro de fotos), cada galleta está feita a man e son todas diferentes, polo que non hai dous discos iguais, cada copia é totalmente única!».

Lorena: «Tivemos a idea de facer algo simple e creativo ao mesmo tempo, o que máis nos moló da idea é que cada persoa tivese unha copia completamente diferente ás demais; ou sexa, ter a túa propia portada tuneada de forma persoal, é unha idea brutal».

Chechu: «Quedamos encantados de como quedou todo finalmente».

 

Ilustración © Alberto Amigo

 

Agás as dúas primeiras referencias, as dúas máis recentes foron publicadas con bastante dilación no tempo; entre Compositum e 4 tivemos que agardar unha década, e entre 4 e esta última non dez... pero case! A que se debe a demora entre lanzamentos?

Lorena: «Eu penso que estas dilacións no tempo son debidas á vida mesma... Antes da gravación do Compositum, eu xa tomara a decisión de marchar de Ferrol a Londres para poder estudar e coñecer máis o meu instrumento, e a min mesma, tiña a necesidade de dar ese paso tan importante na miña vida. Máis adiante pasou algo parecido con Willi, el marchou tamén, no seu caso a Australia. Eu estiven 11 anos vivindo en Londres, entón, aínda que a banda sempre estivo unida e seguimos tocando de vez en cando, mentres eu estaba alí non foi posible, evidentemente, seguir a mesma actividade como banda.

A segunda dilación no tempo desde 2017 con 4 ata agora foi debido a outras circunstancias; eu en concreto xa de volta a Galiza, comezo a intentar dedicarme á música como principal modo de vida (un soño para min), pero iso implica moita dedicación e menos tempo para outros proxectos, polo menos nos primeiros anos, ata ter máis estabilidade e organización».

Willi: «Tamén pasou a pandemia, que parou bastante todo en xeral, e cousas persoais como paternidades, traballos e demais que quitan tempo ao grupo».

Mito: «Nós non vivimos do grupo, así que é normal que haxa temporadas que por motivos vitais (viaxes, cambios familiares, etc.) alguén do grupo non teña tanta dispoñibilidade e pasemos unha temporada parados, e canto máis maiores somos, máis pasa isto, por iso tamén en certo modo ten máis mérito seguir xuntos agora que cando tiñamos 20 anos».

 

Durante tres décadas, Window Pane mantívose como unha constante no underground ferrolán. Na vosa opinión, como vedes a escena local alternativa actualmente?

Chechu: «Todo vai por ciclos. Por exemplo, canto a salas onde tocar, unhas pechan, outras abren... Agora quizais haxa más festivais que cando empezamos...».

Willi: «En canto á música, sempre hai xente facendo música nova e boa; iso é o máis importante e o que mantén viva a escena!».

 

Agora, con trinta anos ás vosas costas... que poderemos agardar de Window Pane nos vindeiros trinta?

Lorena: «Pois seguir divertíndonos coa nosa música, tanto ensaiando coma nos directos!».

Mito: «Pois o mesmo, intentar seguir facendo música xuntos e pasándoo ben, que ao final é o máis importante!».

 

Foto © Federico González Camargo

 

Vides de presentar Antithesis no derradeiro Solpores de Canido, ciclo de concertos organizado por Ferror Records. Como foi a súa acollida ao vivo? Cando, e onde, poderemos desfrutar de novo dun concerto de Window Pane?

Willi: «Estivo moi ben, con moitos amigo e xente coñecida. Desde aquí agradecer á xente de Ferror Records por convidarnos a ese evento!».

Mito: «Estamos pechando máis datas para tocar en directo, en concreto para Halloween e Nadal, que pronto anunciaremos. E para o ano que vén, intentar seguir tocando en salas e a ver se podemos coarnos nalgún festival!».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Lorena: «Eu recomendo a Mondra e como artista favorita galega a A Pedreira».

Mito: «Eu, por mencionar un par de grupos de Ferrol, recomendo a Mentah e Feed the Pet, ambos son bos amigos e fan moi boa música».

 

Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0%Vergoña

Mito: «Eu non uso Spotify, pero na miña colección de discos hai de todo, vergoña ningunha! É verdade que predomina o rock, claro (clásico, punk, metal, pop, hard rock, etc) pero tamén hai espazo para o dub, reggae, electrónica, cantautores, jazz, flamenco... un pouco de todo!

Lorena: «Eu agora mesmo tampouco teño conta en Spotify, pero sigo escoitando música en outras plataformas dixitais e, sobre todo, en formato físico, que é como máis me gusta escoitar música, case sempre en vinilo e no coche con cedés».

Escoito todo tipo de música, son moi aberta para os estilos. É complicado poñer só uns poucos artistas e bandas, pero algúns serían: Portishead, PJ Harvey, The Breeders, Patti Smith, Tom Waits, Neil Young, Björk, Thin Lizzy, Def Leppard, Radiohead, Manic Street Preachers, Hüsker Dü, Big Black, Can, Hella, Beastie Boys, Black Sabbath, Faith No More, Kraftwerk, Dut, Zaho de Sagazan, La Femme, Billie Holiday, Stevie Wonder, Redd Kross, Tame Impala, The Melvins, Hot Snakes, Sunny Day Real State, Jeff Buckley, Pink Floyd, Nina Nastasia, Mercedes Peón, etc.».

 

 

  noticias dch