• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
izq noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. DECEMBRO 2025

NOVOS LANZAMENTOS. DECEMBRO 2025
10 XANEIRO 2026

"Ao Vivo no Auditorio Fuxan os Ventos", Fuxan os Ventos

Xa pode volver sentirse a intensidade daqueles días de verán co lanzamento do álbum Ao Vivo no Auditorio Fuxan vos Ventos de Lugo (2025), unha publicación que reúne o material sonoro e audiovisual dos concertos celebrados a principios do pasado mes de xuño. O lugar escollido para a gravación tivo un valor especialmente simbólico: o novo espazo cultural da cidade, nomeado oficialmente por decisión popular como Auditorio Municipal Fuxan vos Ventos. Alí, ante un auditorio completamente cheo, membros como Carmen Vázquez, Xoán Luis Fortes ou Antón Castro ofreceron un repertorio cargado de emoción acompañados por artistas da nova escena galega, conformando así un diálogo interxeracional que evidencia a vitalidade actual do folk. Faia e De Ninghures asinan algúns dos momentos máis destacados, achegando perspectivas contemporáneas a temas clásicos como “A costureira”,” ou “Brazos para a seitura”.

 

 

 

 

 

Respirar”, Valró

Logo dun período afastado da música, Valró retomou a composición grazas ás ferramentas dixitais, coas que realizou os seus primeiros traballos instrumentais. En 2022 decidiu volver apostar seriamente polo seu proxecto artístico e, coa colaboración do técnico de son Andrés Teijeiro, publicou o seu primeiro disco, Pálida estrella (2023), ao que lle seguiron media ducia máis. O artista galego asina integramente a composición, produción e arranxos, interpretando de forma natural voces e guitarras e empregando instrumentos virtuais mediante teclado MIDI. Este ano, e seis meses despois de publicar Fémina (2025), Valró volve ao mercado discográfico con outro álbum, Respirar (2025); once cortes orixinais que combinan folk, pop, rock e música instrumental.

 

 

 

 

"Epifanía", Sheila Patricia

Sheila Patricia publica Epifanía (2025), un novo traballo discográfico, dispoñible en todas as plataformas dixitais e presentado o 16 de decembro nun concerto no que volvía ás súas orixes, a guitarra e voz, na Casa do Taberneiro (Santiago de Compostela). O álbum estrutúrase como un viaxe emocional e visual en cinco capas —Inicio, A Marcha, Acorazada, Epifanía e Nai da Terra— que simbolizan as distintas fases da súa transformación artística e van dun impulso inicial cara á plenitude e a revelación. En total, escoitamos dezaseis composicións íntimas, simbólicas e profundamente enraizadas coa terra; algunhas inéditas, outras de periodos anteriores como “Camiño branco” ou “Canto do Moscoso”. Musicalmente, Epifanía mestura sonoridades tradicionais e contemporáneas, mantendo o compromiso coa lingua, a experimentación e identidade musical, e consolidando a Sheila Patricia como unha das voces máis significativas da música galega actual ao mesmo tempo que abre unha nova etapa na súa carreira.

 

 

 

 

"H.E.I.: Hacia el espacio interior" , Grandío

Grandío nace en 2024 como a aposta musical de Roi Grandío, compositor, vocalista e guitarrista, quen inicia esta etapa gravando o seu primeiro single xunto aos recoñecidos produtores Santos & Fluren. Deste traballo xorde “Los días felices”, carta de presentación dun proxecto que medra rapidamente e evoluciona cara a unha proposta colectiva. Aos poucos, Grandío medra coa incorporación de Adrián Collazo (teclados), Breixo Maciel (guitarra) e María Varela (batería), consolidando a formación como banda. A finais de 2024 publican “El azul del fuego” e, xa en 2025, “Tu luz”. A estes tres sinxelos únense dous cancións máis para conformar H.E.I. (2025), o seu primeiro EP. No seu conxunto, escoitamos unha proposta sonora que afonda aínda máis no son e na identidade de Grandío como banda, nesa mestura, mesmo adictiva, de indie e pop rock.

 

 

 

 

 

"XIRO", Xiro

Xiro, o proxecto composto por Icía Kirk (voz, percusións), Andrés Pérez (saxo) e Xan Pampín (acordeón), vén de presentar o seu primeiro disco, homónimo. XIRO(2025) materializa a proposta sonora do trío, que mestura arranxos modernos con instrumentación tradicional e influencias de diversos estilos, en unha presa de cortes que repasan algunhas das nosas composicións máis tradicionais: pasodobre, maneo, rumba, xota e muiñeira. As sesións de gravación do EP repartíronse en dous estudios: os acordeóns foron rexistrados por Roberto Ledesma en Santiago de Compostela mentres que o resto de instrumentos e voces se encargou Pedro Pascual en Beograd, quen tamén estivo a cargo da produción, e da mestura xunto a José “Triki” Trincado. Con este traballo, XIRO non só interpreta a nosa música, senón que a reinventa, levando as melodías a un terreo sonoro actual e vibrante.

 

 

 

 

 

"Oráculo Silvestre", Manu G. Sanz

O último disco de Manu G. Sanz, Oráculo Silvestre (Orphan Records, 2025), é unha proposta que explora a conexión entre o humano e a natureza a través de cancións poéticas e simbólicas. A natureza, representada por libélulas, flores e referencias mitolóxicas, acompaña as emocións do álbum, guiando o oínte nun camiño de introspección e intuición. Cunha base acústica cálida e sincera, a voz de Sanz xunto a guitarras eléctricas e influencias mediterráneas e aflamencadas crean unha sonoridade envolvente que mestura tradición e frescura contemporánea. No seu conxunto, Oráculo Silvestre é un disco para escoitar sen présa, que convida á reflexión, á transformación persoal e á conexión coa contorna natural como espello e brúxula.

 

 

 

 

 

“Cura mi corazón: Tributo a Triángulo de Amor Bizarro”, Triángulo de Amor Bizarro

Con Cura mi corazón: Tributo a Triángulo de Amor Bizarro (2025), a escena independente española rende homenaxe a unha das súas bandas máis influentes das últimas dúas décadas. O disco reúne un amplo abano de artistas, desde nomes consolidados ata proxectos emerxentes, que revisitan o repertorio da banda galega desde perspectivas moi diversas. Lonxe de limitarse a reproducións fieis, as versións apostan pola reinterpretación creativa, movendo as cancións orixinais cara a territorios que van do indie pop e o shoegaze ao pospunk, a electrónica ou o rock máis contundente. Cada un dos cortes deste longa duración achega unha nova lectura e amplía o universo sonoro de Triángulo de Amor Bizarro, conformando así, no seu conxunto, un tributo variado que celebra a traxectoria da banda e confirma a vixencia e versatilidade da súa discografía, capaz de inspirar a varias xeracións de músicos.

 

 

 

🎧 Sigue a nosa lista de Singles en Spotify para estar ao día das novidades discográficas dos artistas e grupos de galiciantunes.com!

 

 

🎧 E se es dos maximalistas que o queren todo, tamén podes seguir a de Álbums cos discos completos!

 

izq noticias