NOVOS LANZAMENTOS. XANEIRO 2026

"El propio funcionamiento de las cosas", Fernando Tato
Co seu cuarto traballo discográfico, El propio funcionamiento de las cosas (2026), Fernando Tato está de volta como un creador versátil capaz de traducir emocións humanas complexas a cancións que combinan sensibilidade narrativa e sonoridades directas. O seu novo EP, composto por tres temas producidos por Manuel Cabezalí e masterizado por Dany Richter, explora as distintas facetas do amor e outras vivencias persoais con melodías cativadoras e un enfoque fresco que desemboca nunha escoita íntima e envolvente. Esta entrega sitúase como unha etapa madura dentro da traxectoria do músico galego —que xa publicara outros traballos como El animal en mí (2015) ou Flores Raras (2017), e que mantén un estilo que oscila entre o rock sentimental e a canción de autor —, ofrecendo un pequeno pero contundente fío sonoro que recompensa a escoita atenta e reforza a súa identidade artística propia.

"Comeza o Xogo", Vimbio
Comeza o Xogo (2026) supón o salto discográfico de Vimbio e confirma á banda galega como unha das propostas máis sólidas do rap metal estatal. Liderados por Álex Arnoso, o grupo lanza un disco intenso e combativo no que riffs contundentes, bases urbanas e flows afiados conviven cun discurso crítico e xeracional, afastado de poses e cheo de intención. Os temas, xa adiantados ao longo do último ano, amosan unha produción coidada e unha clara vontade de trascender a mestura de estilos para crear un son propio, tan herdeiro do metal e do hip-hop clásico como pendente das sonoridades actuais. Comeza o Xogo é unha declaración de forza, unha carta de presentación madura que cobra todo o seu sentido no directo, onde Vimbio atopa o seu hábitat natural.

"Barullo Remixes", BAIUCA
O universo sonoro de Barullo (Raso Estudio, 2024), co que Baiuca consolidou a súa posición na electrónica contemporánea e na revisión da música tradicional desde novos códigos, amplíase agora con Barullo Remixes (Raso Estudio, 2026), un proxecto que despraza ese imaxinario cara a un enfoque claramente orientado ao club. Coincidindo co inicio da xira Fin do Barullo, esta colección recompila remesturas asinadas por produtores como DJ Raff, PANASOMA, Ale Acosta ou Fernanda Arrau, ás que se suman achegas de Bawrut, DALILA, crnds & Juait, Cain, Alvva ou Glow, dando lugar a un percorrido sonoro que transita do dub máis cósmico ao tech-house, o trance, á electrónica experimental e ao clubbing máis directo.

"Innato", Nico Casal
O último que escoitabamos del tamén era unha banda sonora e diso non hai nin seis meses! Nico Casal publica Innato (2026), a banda sonora da serie serie de intriga estreada en Netflix e dirixida por Lino Escalera e Inma Torrente. Máis de trinta composicións orixinais acompañan o relato de Sara, unha psicóloga marcada por ser filla dun asasino múltiple coñecido como “o asasino do gasóleo”, cuxa saída do cárcere coincide cunha nova vaga de crimes que reabre feridas do pasado. Xa dispoñible para a súa descarga dixital e escoita en plataformas como Spotify, Apple Music out Amazon, en Innato, Casal constrúe un discurso sonoro tenso e contido, no que se combinan electrónica sutil, texturas atmosféricas e pasaxes de gran carga emocional.
🎧 Sigue a nosa lista de Singles en Spotify para estar ao día das novidades discográficas dos artistas e grupos de galiciantunes.com!
🎧 E se es dos maximalistas que o queren todo, tamén podes seguir a de Álbums cos discos completos!

