• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

DIOIVO: «TEMOS MOITAS GANAS DE VOLVER SUBIRNOS ÁS TÁBOAS, AÍNDA QUE ESTAMOS MENTALIZADOS DE QUE VAI SER MOI DIFERENTE»

DIOIVO: «TEMOS MOITAS GANAS DE VOLVER SUBIRNOS ÁS TÁBOAS, AÍNDA QUE ESTAMOS MENTALIZADOS DE QUE VAI SER MOI DIFERENTE»
26 ABRIL 2021

Que o que uniu Rosalía [de Castro]… Aínda que Dani (batería) e Jacobo (guitarra, voz), xa xuntaran acordes en Rust in Peace, banda viguesa de thrash metal, non foi ata participar nun concurso local que conmemoraba o aniversario da poeta, co poema musicado “Sempre pola morte esperas”, cando se establecen como dúo. E así «comeza a caer» Dioivo, coa idea de mesturar influencias do black metal melódico e o thrash, servíndose de batería, guitarra, voz e letras en galego.

Logo de publicar o primeiro e segundo volume, o dúo vigués lanza agora Dioivo III (Darkwoods, 2021), unha nova entrega composta por seis cortes onde Dioivo define o seu son, moito máis cru e orgánico, e mesmo arrisca e inclúe novidades como voces máis limpas ou elementos máis propios do folk e do punk.

 

 

 

Dani e Jacobo… o metaleiro nace ou faise? A vosa paixón pola música, comeza xa na infancia ou pasou un tempo ata que Cupido chantou a frecha?

Jacobo Mouriño: «Faise, e calquera pode apreciar o metal se lle dá a oportunidade. No meu caso, sempre me gustou a música porque os meus pais sempre ma inculcaron moito e fun a clases desde cativo. Pero non foi ata que tiven sobre 10 anos que comecei a ir a concertos de rock e metal e descubrín que era a miña paixón. En concreto, grazas a ter ido co meu pai a Francia a ver a última xira de Genesis, unha das nosas bandas favoritas, en 2007, e dous anos despois co meu padriño ao festival Alternavigo, xa na nosa cidade natal. É unha mágoa que xa non haxa festivais así aquí, porque viñeran Paradise Lost, Dark Tranquility, Destruction, Amon Amarth, Dragonforce, UDO, Los Suaves, Stravaganzza, Angelus Apatrida… Unha pasada.

A partir de aí, ademais dos deberes da escola de música, que non deixaban de ser unha obrigación, foi cando comecei paseniñamente a tocar pola miña conta a música que me gustaba e a coleccionar discos, sobre todo a partir da adolescencia».

Daniel Valladares: «Oxalá o metaleiro nacese, iso querería dicir que habería máis xente frecuentando os concertos! A miña entrada por estes carreiros precipítase na preadolescencia debido á influencia do meu pai. Achégome aos clásicos do rock grazas á súa colección de música (en formato casete en moitos casos) e aos concertos que de cando en vez iamos ver.

Por aqueles anos acudía con el moitísimas fins de semana aos ensaios da banda viguesa The Mirage, o cal me acaba animando a comezar no mundo da batería. De feito, é o seu batería, Suso Valcárcel, quen me regala a súa batería para ensaiar eu pola miña conta. Aos poucos viñeron colegas que tocaban e con ganas de montar grupiños e tocar xuntos, os traballiños para aforrar e pagar as primeiras clases, a batería electrónica, o primeiro grupo estable e os primeiros concertos».

 

Poderíase dicir que o voso nacemento como banda foi do máis poético, e case de casualidade, coa versión metal dos versos de Rosalía de Castro “Sempre pola morte esperas” para un concurso local. Que veu despois que vos fixo tomar a decisión de continuar xuntos?

Dani: «Despois do concurso puxémonos a ensaiar e a preparar uns temas que Jacobo compuxera e que posteriormente formarían parte do noso primeiro EP, Dioivo I (2016). Daquela acabábase de separar o grupo de thrash metal no que tocabamos os dous, Rust In Peace, así que tiñamos local de ensaio, o hábito de xuntarnos as fins de semana e, sobre todo, ganas de tocar cousas novas. Aos poucos meses xa estabamos dando concertos e fomos vendo que a cousa funcionaba».

Jacobo: «Xa levabamos un tempo no que Rust in Peace non estaba a funcionar tan ben como antes, sobre todo a partir da marcha da nosa baixista Darcy uns meses antes. Entón, como quedaramos moi contentos co resultado do tema do concurso, foi o paso natural a seguir. E a dicir verdade, o feito de ser só dous simplifica moito as cousas».

 

 

Que credes que pensaría Rosalía se escoitase a vosa versión black metal destes versos?

Jacobo: «Supoño que lle tería sonado raro, pero igual que unha versión en calquera outro estilo musical nacido un século despois da súa morte! En todo caso, ela era unha muller totalmente avanzada ao seu tempo, así que quen sabe…».

Dani: «En calquera caso seguro que valoraría esta versión e todas as musicalizacións dos seus poemas, que son moitos e moi variados».

 

Segundo a RAG, o «dioivo» é unha «chuvia moi abundante e corrente que orixina», por que escolledes este nome para o grupo? Cal é o seu significado para vós?

Dani: «É unha das máis de cen palabras que existen no galego para referirse á choiva, polo tanto ten un compoñente de arraigo á cultura do país. Ademais, posúe unha forte sonoridade —aínda que hai xente á que lle custe pronunciar o tritongo— e era un nome inédito para un grupo de metal».

Jacobo: «Exacto, queriamos buscar unha palabra que fose característica. Realmente poñerlle un nome a un grupo é dificilísimo, porque case todo o que se che ocorre está xa collido. Esa é unha das moitas vantaxes do galego na música, está moito menos explorado. Aínda quedan moitísimas palabras fermosas e representativas da nosa lingua por roubar para nomear a un grupo».

 

 

En outubro de 2016 lanzades o voso primeiro traballo, Dioivo I (2016). Nel xa escoitamos un black metal innovador, posto que incorporades interludios de guitarra clásica. Que significou para vós? Ter que estar presentes en todo o proceso fíxoo máis especial?

Dani: «Nós xa entraramos previamente nun estudio de gravación con Rust In Peace, así que non eramos novos niso, pero si que era a primeira vez que nos involucrabamos tanto nos arranxos e a mestura, e que completabamos todo o proceso ata sacar á rúa o disco.

Ademais, debido á escaseza de recursos que tiñamos, fixémolo dun xeito totalmente caseiro, mercando os cedés gravables e as portadas, imprimindo as portadas e contraportadas e gravando cada disco un por un. Foi un gran progreso para nós toda esta etapa do it yourself. Evidentemente, é moi satisfactorio e emocionante botar a rodar un proxecto novo, comezar a tocar e distribuír o EP e que a xente o valore, máis se cabe ao agochar arduas horas de chollo».

Jacobo: «Sobre o tema dos interludios, é algo que no metal aínda se ten feito bastante, e en certos estilos de black metal especialmente. Nese aspecto foi moi clara a influencia dun dos meus discos favoritos, Bergtatt (1995) da banda norueguesa Ulver, que tamén mestura o black metal con interludios fermosos de guitarra clásica. Así que innovador non é, pero si un dos nosos selos de identidade, claro».

 

 

Desde este primeiro momento, a guitarra clásica é un dos vosos trazos característicos. De que xeito encaixades este instrumento, no tan común dentro do xénero metal, nas vosas creacións?

Jacobo: «Foi algo que nos veu natural, porque eu aprendín tocar a clásica antes que a eléctrica. De feito, hai xente que me ten dito que é algo que se nota ata no meu xeito de tocar a propia eléctrica, aínda que se me mira tocar o meu profesor da escola de música ao mellor leva as mans a cabeza de como teño de descoidada a miña técnica daquela…

Como o encaixamos? Pois principalmente como elemento de contraste, de xeito que a música pasa nun intre de intensa e agresiva a tranquila, e viceversa. Ao ser só dous músicos, tampouco dá pé a transicións moito máis elaboradas. De todos xeitos si que temos probado facer cousas máis intermedias, como podería ser a transición entre a introdución acústica e o riff principal de “O Derradeiro Voo”, o tema que abre Dioivo II (2019)».

 

 

Black metal, unha pizca de thrash… e todo iso en galego! Cales foron as influencias que vos levaron a acabar elaborando tan curiosa receita?

Jacobo: «A influencia thrash vén sobre todo do anterior grupo que tiñamos xuntos. Logo, por parte do black metal, nun primeiro momento influíron especialmente bandas suecas de black metal melódico como Dawn, Sacramentum, Dissection, Vinterland, Necrophobic, Unanimated… E, especialmente, bandas galegas de black que viñeron antes que nós, como Xerión, Dantalion, Balmog, Noitébrega, Barbarian Prophecies, Heilnoz… Moitas delas empregan ou empregaron nalgún momento o galego nas súas letras».

Dani: «Ao falar de influencias baterísticas véñenseme á cabeza nomes como Pete Sandoval, Dave Lombardo, Pete Webber, Nicko McBrain, Vinny Appice, Tommy Albridge, Ian Paice, Ian Haugland, Cozy Powell... xente da que un aprendeu moito escoitándoos e véndoos, e que me animaron a mercar unha batería e meterme neste mundiño».

 

Usades a nosa lingua nas vosas letras, algo que no black metal se estila máis ben pouco. Cal é a razón pola que decidides escoller o galego?

Dani: «É unha cousa natural. O galego é a nosa lingua e empregámola no noso día a día e, por suposto, para comunicarnos entre nós desde hai unha chea de anos. Ao final iso é “normalizar” a lingua, usala de xeito cotián e sen escusarnos. Ademais, no país existe unha boa escena de bandas de metal extremo con moitas e moi boas bandas que son referencia a nivel estatal e que, como xa comentamos, tamén cantan en galego. Non tería sentido cambiar de idioma nas cancións».

Jacobo: «Ao final é certo que acaba cobrando ese elemento reivindicativo, da necesidade de empregar a nosa lingua en calquera ámbito da nosa vida, o cal inclúe a música de calquera estilo.

Por desgracia, é normal que, sendo un idioma minoritario e atacado, resulte rechamante que un grupo de música calquera o empregue. Pero ante todo é iso, o idioma no que falamos e que é tan válido para calquera cousa coma calquera outro, polo que non ten sentido empregar un distinto. E realmente isto é algo frecuente no black metal de todo o mundo: é máis doado atopar idiomas distintos ao inglés no black metal que noutros subxéneros».

 

 

En 2019, descargabades outra chuvia torrencial de black metal co voso segundo disco Dioivo II. Desta volta tiñades un selo discográfico apoiándovos, Darkwoods. Como foi esa primeira experiencia co selo? Pasar ao seguinte nivel supón perder algo de control sobre o voso traballo ou máis ben vos liberou para poder poñer o foco nos puntos clave?

Dani: «Máis ben o segundo. Efectivamente, axudáronos na edición do cedé, a aumentar a tirada das copias, puxemos por vez primeira a discografía de Dioivo en plataformas dixitais como iTunes ou Spotify... Supuxo un paso adiante, abofé.

Ademais, a convivencia e a nosa relación con eles é moi boa; estamos moi agradecidos ao selo, a Dani Kavanagh e a Dios Perezoso por apoiarnos e por todo o traballo investido en nós».

Jacobo: «Para nós, en efecto, foi algo totalmente novo e non puidemos quedar máis contentos co resultado da nosa colaboración. Agardamos que continúe moito tempo máis!».

 

Vides de lanzar Dioivo III (Darkwoods, 2021), o voso novo EP, que viu a luz logo de, digamos, sangue, suor e bágoas. Como foi gravar, producir e distribuír un disco en plena pandemia? Porque pasastes por todas as fases...

Dani: «Foi duro porque é un pouco desesperante ter que ir retrasando todos os plans que tiñamos planificados sobre a marcha, pero non quedou outra que adaptarse.

A gravación comezou en xaneiro do 2020, antes da irrupción da COVID-19, e o confinamento de marzo pillounos en pleno proceso de mestura, así que tivemos que reprogramar o noso planning á nova situación. Rematámolo en verán e tivemos que batallar con todas as limitacións das medidas sanitarias e as súas modificacións, que afectaron ao noso traballo e ao da discográfica. Ao final, cun ano de demora… pero xa está na rúa e nas plataformas dixitais, que é o importante».

Jacobo: «Unha das peores cousas sen dúbida foi a incerteza, non saber cando poderiamos rematar de gravalo, nin editalo, nin presentalo en directo… Finalmente, por sorte, todo saíu relativamente ben, aínda que máis tarde do que agardabamos».

 

No tema que abre este novo disco, “Ferro e Xenreira”, colaborades coa banda de folk metal Mileth, da que ti formas parte, Jacobo. Conseguides crear un son pagán, que funciona de marabilla, vestindo a tradición galega coas roupas do black metal. Como xurdiu este traballo conxunto?

Jacobo: «Levabamos tempo xa coa idea de facer temas que incluísen voces limpas, e tamén pensando na posibilidade de facer colaboracións en estudio alén das que xa tiñamos feito en directo.

E claro, decidimos matar dous paxaros dun tiro cunha colaboración con Dana e Marcos de Mileth, que xa que me quedan tan a man non podía desaproveitar a oportunidade. Sobre todo tendo en conta iso, o toque folk que xa de por si ten o tema, pero ben, desde que nos coñecemos e eu me unín a eles alá polo 2017, sempre colaboramos moito entre as dúas bandas; era algo que tiña que pasar máis cedo que tarde!».

Dani: «Lembro que ao pouco de sacar nosa primeira maqueta intercambiamos mensaxes por redes sociais. En principio, queriamos mover o cedé e entaboar relación con bandas da escena de metal extremo do país coas que non tiñamos contacto antes e Jacobo, como dis, acabou enrolado con eles.

A verdade é que son unha xente caralluda! Compartimos escenario en varias ocasións e Marcos, o seu cantante, colaborou connosco no concerto de presentación do Dioivo II no Transylvania. Non foi difícil convencelos, sempre se amosaron predispostos a colaborar no que se fixese, o cal lles agradecemos moitísimo».

 

 

Desta volta arriscades introducindo elementos máis propios do folk e do punk... (é un banxo eso que escoitamos?), que perseguiades con isto?

Jacobo: «Ante todo simplemente probar cousas novas, introducir na nosa música elementos que non tivésemos explorado antes. Tamén veu dado en parte polas circunstancias, nos estudios Namek gravan especialmente punk e iso deixou un sinal xeral característico no EP. Co da colaboración de Mileth, o mesmo, iso xa lle dá de seu un toque folk. E o banxo foi un regalo de cumpre que me fixeron os meus amigos en 2018, así que había que estrealo en estudio si ou si!

Hai diferentes opinións sobre estes elementos novos, a algúns gustáronlle moito, outros atopáronos algo chocantes, pero ao final o importante é non repetirse, tanto para a xente que nos escoite como para nós mesmos».

 

 

Dioivo III preséntase con deseños de Dios Perezoso e unha portada que ten reminiscencias ao construtivismo ruso ou á Liberdade guiando ao pobo de Delacroix, pero á galega. Que representa?

Jacobo: «Oxalá chegase a tanto! A idea principal era que tivese unha continuidade coas portadas de Dioivo e Dioivo II. Nas tres aparece a paisaxe natural da ría de Vigo vista desde Cangas do Morrazo, e unha silueta que destaca sobre a paisaxe a modo de contraste.

Nesas liñas xerais, inspirámonos sobre todo en portadas clásicas do black metal de corte máis folk e atmosférico, onde adoitan estar representadas paisaxes naturais nunha gama pequena de cores, creando unha estética bastante característica. E, como elemento diferenciable, pensamos na bandeira, que si que lle dá ese toque reivindicativo que ten na súa máxima expresión o cadro de Delacroix. A nosa idea inicial era que non se adiviñase sequera que bandeira é a que ondea… Por iso quedou ao revés! Pero finalmente Deus Perezoso optou por ese deseño final, e quedamos moi contentos igualmente co resultado».

 

 

A nivel compositivo, onde rabuña Dioivo a inspiración para as súas letras? Ficción ou realidade?

Jacobo: «Polo xeral da realidade, ben sexa de cuestións sociais ou de temas máis persoais. Pero en todo caso, facer letras non é precisamente o noso forte, para nós a música en si é con diferencia o primordial, e logo a partir dela facemos unha letra que se axuste á mesma. Con que estean en galego e teñan unha mensaxe que nos represente é abondo».

 

As vosas cancións rompen, en moitos sentidos, cos estereotipos atribuídos ao black metal. Un deles derrubádelo coas temáticas que tratades nas letras, que falan sobre cuestións sociais como a situación da lingua galega ou mesmo a natureza. Como xorden estas letras? Cando vos iniciastes neste mundo xa tiñades claro que queriades usar parte da vosa música de xeito reivindicativo?

Dani: «Ambos os dous procuramos estar ao día das problemáticas sociais e colaborar en todo o que poidamos para palialas, como calquera que nos siga en redes poderá comprobar. Así que, máis que por unha planificación previa, reflíctense nas letras ao ser parte da vida, é inevitable».

Jacobo: «Nese sentido, é outro dos aspectos que nos achega a estilos coma o thrash, onde ese tipo de temáticas é máis frecuentes que no black».

 

 

Ao fío, é un estilo musical minoritario, relaciónase moito con motivos satánicos, cores escuras… Pero vós optades por unha estética máis casual, tomades o xénero doutra forma. Credes que estes tópicos xa non se corresponden coa realidade actual?

Dani: «Na escena hai bastantes grupos que seguen a tirar deles. Non é difícil atopar bandas que suben ao escenario maquillados, con botas, con caparucha... É formidable que á xente lle gusten eses motivos estéticos, pero a nós nunca nos foi moito o de disfrazarnos para saír ao escenario; optamos por darlle normalidade e dar concertos co estilo co que facemos o noso día a día, pois é o máis natural e co que estamos máis cómodos.

Ora ben, non quita que de cando en vez vaia a concertos con camisetas dalgúns dos nosos grupos favoritos, cousa que nos gusta a todos».

Jacobo: «O tema do satanismo e a estética escura no metal en xeral é algo que tivo unha serie de motivos no seu momento. O rexeitamento ao establecido en forma de provocación, o sentimento de pertenza a un grupo en boa parte incomprendido polo resto da sociedade… En boa parte é algo que xa non é necesario hoxe en día, pero é normal que por influencia das bandas anteriores moitas o sigan mantendo, e mola moito, para que mentir.

Pero é algo que depende do estilo de cada quen e de cada banda, e para nós o natural é amosarnos tal como somos en realidade. De todos xeitos, na nosa experiencia, a xente que ten unha presencia máis escura musicalmente logo ao baixar do escenario son un amor igual!».

 

Dioivo, Dioivo II, Dioivo III… ese patrón tras os nomes dos vosos traballos semella evocar a Led Zeppelin. É unha especie de homenaxe ou non ten nada que ver e simplemente xurdiu así? Podemos esperar entón un IV?

Jacobo: «E non só Led Zeppelin, fixérono moitas bandas de diferentes épocas. Non deixa de ser un xeito de dar un nome unificado aos diferentes discos á vez que non comes moito a cabeza; polo menos para nós foi así! Iso si, quen sabe se seguiremos con isto para o seguinte disco ou non… porque ten o inconveniente de que a xente se lea bastante entre os discos ao chamarse tan parecido, a pesar de que algúns son EPs e outro un álbum enteiro».

Dani: «Oxalá poidamos seguir dando concertos e gravando novas cancións. Se todo vai ben seguiremos activos, así que seguro que no futuro poderemos seguir publicando traballos, pero de momento, imos tratar de desfrutar do Dioivo III e presentalo por onde poidamos aínda que as condicións non sexan as mellores».

 

 

A volta aos escenarios de xeito «regular» está a ser complexa aínda con restricións de aforo, máscara, protocolos… Como o estades a levar? Que poderemos esperar dun directo de Dioivo?

Dani: «De momento só puidemos desfrutar de concertos adaptados á nova realidade como espectadores, sobre todo o verán pasado, que houbo bastante actividade ao poder organizar eventos ao aire libre.

Temos moitas ganas de volver subirnos ás táboas aínda que estamos mentalizados de que vai ser moi diferente dar un concerto ante unha sala media baleira debido á distancia de seguridade e cos espectadores sentados. De feito, tiñamos un concerto na Sala Rebullón de Mos canda Broa para finais de xaneiro pero colleunos a terceira onda e tivemos que adialo ata o 8 de maio.

Nun concerto noso pódese ver a dous amigos que desfrutan do seu pasatempo sobre o escenario, onde tentamos que a nosa xente o pase igual de ben que nós, ou mellor!».

 

Xa que estamos enriba das táboas, lembramos que hai dúas salas míticas viguesas que son case como a vosa segunda casa, o Transylvania e o Frenopátiko, este último xa pechado permanentemente. Como vedes a escena «subterránea» local nestes tempos de postapocalipse?

Dani: «Desgraciadamente, está todo parado. Como ben dis, están pechados o Transylvania e, este xa definitivamente, o Frenopátiko, que son dous lugares moi especiais para nós, pois son os espazos nos que comezamos e nos que presentamos o noso segundo e primeiro disco, respectivamente, pero tamén o resto de salas de Vigo nas que tocabamos as bandas locais da cidade.

Afortunadamente, hai moitos grupos que seguen activos a pesar da falta de concertos. Desde o comezo da pandemia moitas bandas da escena metaleira galega e similar publicaron traballos, como Xerión, Atreides, Corteza Inhumana, Balmog, Tenue… ou van facelo nas vindeiras semanas, como Lóstregos ou Barbarian Prophecies, o cal é motivo de ledicia!».

Jacobo: «Falando en concreto da escena subterránea viguesa e dos arredores, a verdade é que sempre contou cun numero afortunadamente elevado de grupos; non moitas cidades do Estado poden dicir o mesmo. E todo isto a pesar dun apoio institucional extremadamente mellorable, por así dicilo. Pero causa bastante incerteza o tema da pandemia… a ver que queda cando isto remate. Nós agardamos que Vigo siga sendo o referente que é, e a ver se comeza a ter o apoio institucional que merece».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Dani: «Depende do que busque cada quen. Dentro de grupos galegos de metal actuais hai moito onde recomendar, algúns xa os nomeamos antes: Mileth, Lóstregos, Tenue, Barbarian Prophecies, Corteza Inhumana, Balmog, Atreides, Xerión, Dantalion, Sul-ätar…

Logo, pois para saír de festa hai grupos moi divertidos que me gustan como Ortiga, Verto ou Boyanka Kostova».

Jacobo: «Falando en concreto de grupos de metal e rock duro en galego, non podemos esquecernos de Broa, que vai presentar o seu discazo Cucú (2021) xunto a nós o 8 de maio en Mos. Tamén Gravesen, Os John Deeres, Amhra, Sartegos… E, noutros estilos, a banda de funk jazz Trampulleiro ou a banda de rock Ith».

 

Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade – 0% Vergoña.

Dani: «Eu abrín unha conta de Spotify hai uns días que non lle dou moito uso, pero o último que escoitei foi un recompilatorio de Ana Kiro que atopei por Facebook. Xa botei a vergoña fóra!».

Jacobo: «Pola miña banda, en Spotify non sei se habería moita sorpresa porque en casa escoito sobre todo metal, rock progresivo, algo de jazz, rap ou soul. Pero cando volva a festa non vos estrañedes se me atopades bailando reggaeton! Iso si, vergoña ningunha…».

 

 

  noticias