• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

GRUPOS E ARTISTAS DA SEMANA 2023. VOL II

GRUPOS E ARTISTAS DA SEMANA 2023. VOL II
2 XANEIRO 2024

Hoxe, 2 de xaneiro, e primeiro martes do ano; e hoxe, damos a benvida o «noso» 2024 cos Grupos e Artistas da Semana 2023 correspondentes de xullo a decembro. Completamos así o repaso anual, agradecendo aos artistas e grupos que nos dedicaron a súa música, as súas verbas... e a «súa» canción. Preguntámoslle, a todos e cada un deles, que canción escollerían da súa discografía e por que... e aquí descubrimos as súas respostas!

De hoxe nun ano! 🥂

 

 

 

PAULA RÍOS

Entrevista en galiciantunes (10/7/23): «O ESTILO DE FANNY MENDELSSOHN É MOI EXPERIMENTAL E ARRISCADO, FORMAL E HARMONICAMENTE»

Paula Ríos: «“Villa Medicis” de Fanny Mendelssohn, do meu último disco When in Silence of the Soul (Eudora Records, 2023). Cando a toquei na casa por primeira vez non a coñecía e cando ía escoitando como comeza tranquilamente e de súpeto se converte nunha peza apaixonadamente salvaxe, chea de riscos e harmonías sorprendentes, levei unha impresión moi forte. Ademais, a peza é unha homenaxe de Fanny a un dos momentos máis felices da súa vida: os días na Villa Medicis de Roma durante a súa soñada viaxe a Italia, onde, lonxe de obrigas e limitacións sociais, foi recoñecida como artista».

 

 

 

 

 

BOROA

Entrevista en galiciantunes (24/7/23): «MIRAMOS LA GAITA SIN FILTROS CULTURALES, CENTRÁNDONOS EN SUS POSIBILIDADES SONORAS E INTERPRETATIVAS»

Boroa: «Imos a escoller “Naos” do disco O’ clásico fol (2023). Malia ser unha das últimas composicións, “Naos” representa esa conexión entre A Companhia [do Ruído] e a nova criatura, quizais por esa idea que nos acompaña sempre de mesturar as nosas raíces con todo o que atopamos polo camiño».

 

 

 

 

 

SOYLENT GREEN PROJECT

Entrevista en galiciantunes (7/8/23): «A IDEA FOI SEMPRE FACER MÚSICA QUE INTRODUCIRA O OÍNTE NUN PLANO IMAXINARIO»

Pablo: «“Horizonte de sucesos”. É un tema con moita forza, con dinámicas variadas, que ten unha simbiose co sentido do tema. O escoitas e comezas observando o final dunha estrela para rematar realmente atrapado nun campo magnético gravitatorio».

 

 

 

 

 

MEDIAREA

Entrevista en galiciantunes (21/8/23): «TEMOS O PRIVILEXIO DE CONTAR CUNHA MÚSICA TRADICIONAL QUE ESTÁ VIVA EN TODAS AS SÚAS DIMENSIÓNS»

Mediarea: «“Na casa de Tía Adela”, porque foi a primeira canción composta pensando en Mediarea e porque nos divertimos moito tocándoa».

 

 

 

 

 

HYDN

Entrevista en galiciantunes (4/9/23): «HYDN PODE SER A TÚA VILÁ OU HEROÍNA FAVORITA, TODO DEPENDE DOS OLLOS COS QUE A MIRES»

hydn: «“BaddeR, wicKed” de cabeza. Seguramente chegará un momento no que isto deixe de ser así; de feito se non chegase sería unha mala sinal, pero a día de hoxe sinto que é a canción que mellor representa a hydn, tanto en son como en imaxe como en temática... É hydn en estado puro e tamén é unha canción que me liberou de moitísimo peso, porque pode non parecelo, pero é moi moi persoal».

 

 

 

 

 

SANDFORD MUSIC FACTORY

Entrevista en galiciantunes (11/9/23): «ARTISTICAMENTE, FACER O QUE QUEIRAS SEN TER EN CONTA O ANTERIOR É SUMAMENTE SATISFACTORIO»

Sandford Music Factory: «“Into the Sound”, porque pertence a Altospeaker (Radix Records, 2023), o que consideramos o noso mellor traballo ata a data. Reúne a calma e a forza que podemos ter tocando ao vivo, suavidade e rabia ben fusionadas».

 

 

 

 

 

TODO EL LARGO VERANO

Entrevista en galiciantunes (18/9/23): «‘ESPERANDO’ PECHA UNHA TRILOXÍA E ABRE UNHA NOVA ETAPA QUE SEMELLA UN NOVO COMEZO»

Todo el Largo Verano: «“Eu fico en Ferrol” é unha canción do noso último disco Esperando (Ferror Records, 2023). Soa a tópico (e o é), pero sempre o último disco é do que máis orgullosos estamos. Penso que esta canción a nivel de son e produción define bastante ben o que somos e o que sempre quixemos ser. Comeza como unha bossa nova para narrar unha historia baseada en feitos reais. A fin de contas, tres minutos de pop tropical de guitarras con arranxos vocais, coros femininos e ata un saxo».

 

 

 

 

 

PRINCIPIA

Entrevista en galiciantunes (25/9/23): «OS SINTETIZADORES CONVERTÉRONSE EN ALGO MOI IMPORTANTE NA NOSA MÚSICA»

Principia: «Escolleriamos “Héroes que nadie ve”, porque marca a transición entre un disco e o outro. É unha canción que reafirma o estilo que fumos creando».

 

 

 

 

 

NAITINAIN

Entrevista en galiciantunes (2/10/23): «ESTAMOS A EXPLORAR NOVAS FORMAS DE FACER MÚSICA»

Naitinain: «O novo [risos], pero como non podemos dicir nada pois seguramente diriamos “Antes era guapo”, que é unha canción que reflicte moi ben a personalidade do grupo. Ademais, desfrutámola moito nos directos».

 

 

 

 

 

ARANTXA PÉREZ

Entrevista en galiciantunes (9/10/23): «A MIÑA MÚSICA NACE DESDE ESE XEITO APAIXONADO QUE TEÑO DE FACER AS COUSAS»

Arantxa Pérez: «Escollería e escollerei sempre “Mi Capitán”, porque aínda que me sentín mesmo culpable e triste por sacar esta canción, quizais papá estaría feliz e orgulloso. Tamén porque nela sempre vivirán, non só o meu pai, senón todos aqueles que os queriamos e que atopan a palabra “identidade” ao escoitala. E, por suposto, todos os pais e fillos do planeta que se conectan e abrazan a través desta historia de “Mi Capitán” e “Su Cenicienta”. É máxico».

 

 

 

 

 

ALEX SILVA

Entrevista en galiciantunes (16/10/23): «TEÑO UNHAS CANTAS REGRAS QUE ÁS VECES TAMÉN PROCURO ROMPER»

Alex Silva: «“Montealto” é o meu primeiro single, Mind Pattern Explorer (Canadian Duck Tapes, 2017) e penso que é unha das mellores pezas que teño ou a que máis sorprende sonicamente».

 

 

 

 

 

SR. SALVAJE

Entrevista en galiciantunes (6/11/23): «SR. SALVAJE É UN EXERCICIO DE CANALLISMO, ROCK ‘N’ ROLL E IMPROVISACIÓN A PARTES IGUAIS»

Sr. Salvaje: «Escolleríamos “Miss Fortuna” porque foi a que deu pé ao novo disco e ao cambio de rumbo respecto ao son, ademais de ser a que máis rápido conecta coa xente».

 

 

 

 

 

LOIROS

Entrevista en galiciantunes (13/11/23): «NO PROCESO CREATIVO, O QUE PERFILA O PRODUTO FINAL SON AS RENUNCIAS OU AS ESCOLLAS»

Loiros: «“How Does it Feel”; escollémola porque cremos que reflicte o momento persoal e musical da banda. É a canción máis directa do disco e tamén a máis curta. Unha pildoriña do que é Loiros».

 

 

 

 

 

CAAMAÑO&AMEIXEIRAS

Entrevista en galiciantunes (20/11/23): «O FEITO DE TER A RITOLOXÍA POPULAR COMO LEITMOTIV RESULTOUNOS TREMENDAMENTE INSPIRADOR»

Antía, Sabela: «“Quitar o aire”. É o tema que lle dá nome ao noso segundo traballo e está inspirado no rito que foi a orixe de todo o disco. Está baseado nun pasodobre tradicional que aprendemos da Escola do Alprende no Entroido pasado en Carballo. Estabamos tomando o vermú na rúa, escoitámolo e namorounos completamente. Gravámolo co móbil, falamos con eles e nunha tarde fixemos o arranxo. Normalmente somos de procesos lentos, pero nesta ocasión todo foi rápido e fácil, como se o tema nos escollese a nós».

 

 

 

 

 

GUME

Entrevista en galiciantunes (27/11/23): «O PASO Á IDADE ADULTA É UN PERÍODO MOI CREATIVO E MOI INSPIRADOR»

Gume: «Nuevo Año - O.J.C Remix porque creo que define ben o rumbo da miña nova música!».

 

 

 

 

 

GOLD & COLT

Entrevista en galiciantunes (4/12/23): «EN “OLD FASHIONED” INTENTAMOS APOIARNOS MÁIS EN ESTRUTURAS CLÁSICAS DE COUNTRY E BLUES, IRNOS MÁIS ÁS RAÍCES»

Gold & Colt: «Porque é de xustiza, e como pequena homenaxe, decidímonos por unha canción na que Dany está na voz: “Lead My Way”. É importante que o mundo da música galega se lembre sempre da súa labor cultural e desa característica, profunda, e irrepetible voz».

 

 

 

 

 

FRANCISCO CASTRO

Entrevista en galiciantunes (11/12/23): «A MÚSICA É UNHA FACETA MÁIS DA MIÑA CONDICIÓN DE CREADOR»

Francisco Castro: «Quedaría con “Ireite buscar”. Trepidante. Cunha letra festiva e profunda que di moitas cousas».

 

 

 

 

 

ZÅLOMON GRASS

Entrevista en galiciantunes (18/12/23): «ESTAMOS A APURAR OS DERRADEIROS DETALLES E A QUENTAR OS MOTORES DA NOSA MAQUINARIA CÓSMICA»

Zålomon Grass: «“Don't Let Me Go Down” do disco Space Opera (2023). Tema que pecha o disco e que resume á perfección todo o que levamos aprendido xuntos como músicos. Os riffs poderosos, o emprego da dinámica e as pausas, as harmonías vocais e os solos de guitarra espaciais e melódicos que tocan algo moi dentro do corpo».

 

 

 

 

Segue esta ligazón para ler (e escoitar!) as respostas dos Grupos e Artistas da Semana que pasaron pola nosa cabeceira de xaneiro a xuño de 2023.

 

 

ETIQUETAS

  noticias