• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. XUÑO 2024

NOVOS LANZAMENTOS. XUÑO 2024
6 XULLO 2024

La pecera, Búfalo Vil

Hai agora un par de anos daquel Renacer (2022), un EP que Búfalo Vil presentaba como un ataque de rock, indie rock, psicodelia e «ecos de moderneces varias». O músico e compositor galego lanza La pecera (2024), o seu sexto traballo discográfico; un EP de catro novos temas (dous en galego e outros dos en castelán) de rock sen complexos nos que os Ramones, Sonic Youth e Velvet «se van de festa nocturna sen hora de regreso». Gravado durante uns días do pasado mes de xuño, o álbum representa o noso estilo de vida actual, vivindo dentro dun «acuario» desde onde podemos observar «as marabillas dun mundo que moi poucos imos poder desfrutar».

 

 

 

 

 

Pausa, Hilario Rodeiro

Hilario Rodeiro compartiu o escenario con infinidade de artistas internacionais, creou paisaxes sonoras e música para espectáculos de danza contemporánea, ademais de producir música para artes escénicas... e agora lánzase ao mercado discográfico. O artista galego (batería, composición) presenta as súas últimas creacións para quinteto —Juan de Diego (trompeta), Eneko Diéguez (saxo alto), Julen Izarra (saxo tenor) e Kike Arza (contrabaixo)— no seu primeiro álbum de jazz en solitario, Pausa (Errabal Jazz, 2024). As composicións do longo veñen unidas polo concepto do tempo, unha fixación na obra de Rodeiro, especialmente no relativo á súa percepción e ao modo no que se manifesta. Así, a decena de cortes que o compoñen están inspirados nas pausas do día a día, esas interseccións entre momentos distintos que preceden e anuncian o que está por vir, que conclúen, repousan... ou que simplemente suceden. Musicalmente, Pausa móvese entre o pop rock instrumental, a música de cámara e o jazz experimental.

 

 

 

 

Todo va a ir bien, Erin (Comando Katana)

Logo dun parón obligado que o tivo afastado da música durante algúns meses de 2023, Erin El Trapicista (Comando Katana) volveu pola porta grande. O Mc e produtor compostelán presenta Todo va bien (2024), un longo, o terceiro xa, composto por oito cortes con base de rap e influencias de estilos como o raggamuffin ou o dancehall. Con produción de Noize Burner, e gravación, mix e master de d3prods, no disco escoitamos un par de colaboracións, as de Soulmacklein e Solohmateo, que xunto a Erin convida ao oínte a desfrutar, esquecer pero, por enriba de todo, a sentir.

 

 

 

 

A noite, Carabela

O seu EP debut, (2023), naceu da «necesidade que temos de facer música que nos motive» e o segundo xorde «pola de ter un directo». Carabela, trío convertido agora en cuarteto, vén de presentar A noite (2024), un traballo que recolle seis novos cortes cos que os galegos pretenden «debuxar os pensamentos que nos asolan na escuridade». Aínda que a banda segue a navegar as augas do pop e a electrónica experimental, neste disco os sons sintéticos semellan coller máis peso, algo que, xunto coa calidez da voz, constrúe unha atmosfera onírica. Ademais de ‘Arrolo’, que marcaba o single adianto, cabe destacar ‘Ao raiar’, composta a partir dun valse de Lousame recollido en 1986 pertencente ao arquivo de Montse Rivera e Felisa Segade, e ‘O soño’, peza na que Carabela contou coa colaboración de Brais Sánchez (Momboi).

 

 

 

 

 

La terminal, Conde Varo

O derradeiro adianto foi o que, por fin, deu nome ao EP. Conde Varo lanza La Terminal (2024), un disco de tres pistas que o músico e compositor compostelán levaba insinuando desde o pasado mes de marzo. O álbum, que chega dous anos despois do seu debut discográfico, abre co tema homónimo, composto en 2020 e cun videoclip que fai gala do título; séguelle ‘El bueno de Tom’, unha canción sobre como escoitar música pode lembrarche á persoa da que che estás a namorar; e pecha propiamente con ‘Catarsis’ e o seu vídeo animado. E seica La Terminal só é o comezo da viaxe, xa que Conde Varo deixou caer que está a traballar no seu vindeiro longo...

 

 

 

 

 

Diversos Funcionales (MIP: Música Inclusiva y Participativa), Robert Pier

Hai anos que Robert Pier lidera un proxecto moi especial, o MIP (Músicas Inclusivas e Participativas) xunto a Asociación Tres Por Cuatro, no que rapaces e rapazas de varias entidades sociais conforman un coro. Diversos funcionales, el disco más inclusivo de la historia (2019) foi a súa primeira entrega discográfica conxunta e, agora, o músico e compositor arroupado de novo pola Banda Municipal da Coruña, presenta Diversos Funcionales (MIP: Música Inclusiva y Participativa) (2024). Durante os case 50 minutos que dura o álbum, Pier céntrase no poder curativo dos mantras centrándose en nove, entre os cinco elementos da natureza e as catro estacións.

 

 

 

 

Portfolium Vitae I (Original Videogame Soundtrack), MisterMyr

O artista pontevedrés residente en Santiago arríscase con (case) todo: rock, metal, synthwave, rap, trap, ritmos latinos... MisterMyr, lonxe de ser un misterio no mundo da música, é un camaleón. A súa faceta de músico, hai que sumarlle ás de produtor e compositor de bandas sonoras; de feito, o seu lanzamento máis recente cae dentro desta última categoría. Portfolium Vitae I (Original Videogame Soundtrack) (2024) é o longo que pon música a un videoxogo e para o que MisterMyr uniu forzas co produtor musical Qervo (Yago Pazos). Os 13 cortes que recolle o disco mesturan ritmos urbanos con outros más clásicos sobre unha base de electrónica que será capaz de potenciar, e manter, a concentración do usuario.

 

 

 

 

 

Tourís, Nico Casal

Había tempo que non o escoitabamos, un feito do que el mesmo era consciente e así cando comezaba o ano anunciando nova música. Nico Casal vén de estrear Tourís (2024), un EP de seis cortes que leva por título o nome da aldea galega onde está a casa dos seus avós, e na que o pianista pasou gran parte da súa infancia. Aí, en Tourís, coa natureza como fiel testemuña, é onde naceu este traballo. En pouco máis de vinte minutos, as mans de Casal son capaces de converter acordes de piano en paisaxes; uns acordes que, desta volta, se entrelazan con percusión e electrónica. O resultado é unha aliaxe épica que cruza horizontes e transmite emocións que as palabras non alcanzan a dicir.

 

 

 

 

Malkeda, Malkeda

Malkeda pechaba o mes de maio co lanzamento do seu novo traballo discográfico, hómonimo, un álbum que chega tras oito longos anos de agarda. En Malkeda (2024), a banda pontevedresa combina intensidade e emoción en cada unha das nove pistas que o conforman; de produción impecable, asinada por Iago Lorenzo en Estudio Planta Sónica (Vigo) e enerxía arrasadora, este longo reafirma a identidade sonora do grupo cun son duro, sen ningún tipo de concesións. Con letras escuras envoltas en acordes contundentes, as cancións de Malkeda evocan hardcore dos noventa, facendo gala dese rock duro que a banda leva perfilando durante máis e dúas décadas. Entre os singles adianto do LP escoitabamos ‘Sin futuro’, corte para o que contaron coa colaboración de Ra Díaz, baixista de de Korn.

 

 

 

 

 

el punch e más punch, aamigafea

Hai sete anos que comezaron a publicar sinxelos e, con cada lanzamento, medraban as ganas de ter un disco completo do que poder desfrutar en bucle. O venres pasado, aamigafea debutaba discograficamente (ao fin!) e facíao por partida dobre, polo que, como elas mesmas afirman, «a espera pagou a pena». O dúo vigués presenta el punch (2024) e más punch (2024), un álbum e un EP que recollen todos os seus temas remasterizados; desde os hits ata as «non menos magníficas caras B». Este dobre lanzamento serve pop eléctrico como base, ao que aamigafea engade estilos como a cumbia, o reguetón ou a rancheira, para cantar temas que, sendo aparentemente mundanos, revelan o universal co que calquera oínte podería identificarse.

 

 

 

 

🎧 Sigue a nosa lista de Singles 2024 en Spotify para estar ao día das novidades discográficas dos artistas e grupos de galiciantunes.com!

 

 

🎧 E se es dos maximalistas que o queren todo, tamén podes seguir a de Álbums 2024 cos discos completos!

 

  noticias