GRUPOS E ARTISTAS DA SEMANA 2024. VOL II
Hoxe, 30 de decembro e derradeiro luns do ano, despedimos o «noso» 2024 cos Grupos e Artistas da Semana 2024 correspondentes de xuño a decembro. Completamos así o repaso anual, agradecendo aos artistas e grupos que nos dedicaron a súa música, as súas verbas... e a «súa» canción. Preguntámoslle, a todos e cada un deles, que canción escollerían da súa discografía e por que... e aquí descubrimos as súas respostas!
De hoxe nun ano! 🥂
Milesios
Entrevista en galiciantunes (3/6/24): «ÁS VECES BUSCAMOS MELODÍAS QUE TEÑAN UNHA SONORIDADE MÁIS SIMILAR Á TRADICIÓN; OUTRAS, EXPERIMENTAMOS»
Milesios: «“Karnag” (pista 7 de Cartografías) porque ten unha melodía bretoa, unha irlandesa e unha galega, e exemplifica a viaxe dos Milesios».
Terror Erótico
Entrevista en galiciantunes (10/6/24): «A RETRANCA É O MELLOR INVENTO GALEGO DA HISTORIA»
Terror Erótico: «Tras un durísimo debate, o primeiro corte “Arte”, define moi ben o noso universo e a evolución do noso son».
Grampoder
Entrevista en galiciantunes (17/6/24): «NÓS SAÍMOS DO UNDERGROUND DO PUNK E DO GARAGE E AÍ SEGUIMOS»
Grampoder (Roi): «Eu digo que, con total certeza, “4AM: penso en ti” é a mellor canción que fixemos os Grampoder ata a data. Non sabería dicir por que e mañá probablemente opinarei distinto».
Malkeda
Entrevista en galiciantunes (24/6/24): «‘MALKEDA’ É UNHA PEQUENA HOMENAXE MOTIVADORA A NÓS MESMOS DESPOIS DE VINTE ANOS»
Guille Lavía: «Que pregunta máis difícil! “Despiértame”, persoalmente ten un pouco de todo o que foi evolucionando a banda; ten matices que nos fan ir ata os inicios de Malkeda nas pontes, así como do segundo disco nos preretrousos e unha súper melodía comercial moi do noso estilo. Pode que non sexa a máis profunda, pero musicalmente ten todo o percorrido da banda».
aamigafea
Entrevista en galiciantunes (8/7/24): «SOMOS MOI ECLÉCTICAS E SEN PREXUÍZOS; SE MOLA, MOLA»
Estefa e Vanesa: «“artista revelación (de tu clase)” porque é a nosa primeira xoia».
Nico Casal
Entrevista en galiciantunes (22/7/24): «ÁS VECES PENSO QUE EU NON ESCOLLÍN O PIANO, EL ME ESCOLLEU A MIN»
Nico Casal: «Difícil pregunta, pero creo que escollería “neve”, do meu EP Tourís (2024).Ten un significado moi forte a nivel persoal e creo que, musicalmente, é unha porta aberta a unha nova etapa moito máis arriscada».
Hilario Rodeiro
Entrevista en galiciantunes (5/8/24): «INTENTO NON POÑERME LÍMITES, PERO QUIZAIS É INEVITABLE NON TELOS»
Hilario Rodeiro: «Sen dúbida “Pausa para un paseo pola tarde”. Penso que con esta peza foi a primeira vez que vin que o público saía do meu concerto cantando unha melodía propia. Sendo música instrumental, foi unha sensación realmente novedosa para min. É unha peza á que lle teño moito cariño; escribina como bandeira dun cambio de opción de vida polo que sigo traballando».
Manu G. Sanz
Entrevista en galiciantunes (19/8/24): «O QUE MÁIS ME DEFINE É UN DESEXO PATOLÓGICO DE INVESTIGAR E DESCUBRIR COUSAS NOVAS»
Manu G. Sanz: «Elixiría “La lluvia de abril" porque representa a quintaesencia do meu disco actual e creo que é unha canción que combina ben a melodía principal cos arranxos».
MisterMyr
Entrevista en galiciantunes (2/9/24): «EU FAGO MÚSICA; A QUE SEXA, A QUE FAGA FALTA, A QUE ME BOTEN»
MisterMyr: «“Robotics”, tema principal do Neon Flytron (2020). Aínda que pasou todo o que pasou co xogo, sigo a consideralo o meu maior éxito. É un tema que me gusta moito escoitar, versionar na casa coa guitarra eléctrica... ten un leitmotiv e estrutura moi interesantes que imaxino volverei a visitar nun futuro para algún outro tema».
elsis
Entrevista en galiciantunes (16/9/24): «‘THE FREAK SHOW’ FOI UN PROCESO DE APRENDIZAXE, TANTO Á HORA DE PRODUCILO COMO DE COMPOÑELO»
elsis: «Dos temas que van publicados no meu primeiro EP non podo escoller outro que non sexa “Stupid Thing”. É un tema que leva conmigo moito tempo, evolucionou no tempo e gardo con moito agarimo o traballo feito coa produción do tema».
Mundo Prestigio
Entrevista en galiciantunes (23/9/24): «FAREMOS MÚSICA IGUALMENTE, VIVINDO NUN PALACIO OU DEBAIXO DUNHA PONTE»
Mundo Prestigio: «Pois “Hay cosas que se echan de menos”, co Kiliki. Flípanos o dub, flípanos Kiliki e fliparíanos ver algunha cabeza que outra rodar».
Froján
Entrevista en galiciantunes (30/9/24): «A MIÑA FORMA DE TRATAR AS LETRAS SEMPRE É UNHA VÍA DE ESCAPE OU UN GOLPE DE REALIDADE»
Froján: «Polo significado que ten, eliximos “Rosas rojas”».
Juan Castro
Entrevista en galiciantunes (7/10/24): «PARA MIN ESTE DÍSCO É UN SALTO SEN REDE, UN SALTO SEN ESPERAR NADA»
Juan Castro: «“Cuando ya no queda nada de lo que huir”, do meu disco, porque me gusta mucho y me parece una muy buena canción, me parece muy redonda».
Diego Flâneur & ünder
Entrevista en galiciantunes (14/10/24): «TODA A NOSA MÚSICA TEN IMPLÍCITA A NOSTALXIA»
Diego, Ander: «“Todo lo que me sana”. Escollemos esta canción xa que é unha das últimas que fixemos xuntos este ano. Gústanos pola letra e porque foi moi divertido facer desde cero unha bachata, un xénero pouco habitual en nós pero que nos gusta e nos parece entretido. A canción fala do difícil que é a vida e do brillo que desprende a xente que nos rodea».
Diego Mar
Entrevista en galiciantunes (21/10/24): «A DÉCADA DOS OITENTA TEN UN AURA MOI ESPECIAL»
Diego: «“Verano infinito”, por ser unha canción moi especial; ten para min moito valor sentimental».
Pablo del Valle
Entrevista en galiciantunes (28/10/24): «A MÚSICA, COMO CALQUERA OUTRA ARTE, DEBERÍA SER UNHA FONTE INESGOTABLE DE CREATIVIDADE»
Pablo: «“Ondas do Mar”, é o tema que mellor reflicte todo o proceso creativo da miña música. Hai moita experimentación nesta peza, pero tamén moito simbolismo. Poucas cousas quedan ao azar, ao empregar cada un dos elementos de maneira moi estudada. A cantiga de amigo de Martín Códax representa a nosa cultura, trasladándoa a unha estética actual con influencias minimalistas».
STONED AT POMPEII
Entrevista en galiciantunes (4/11/24): «EN ‘BLISSPHONY’ TODO ESTÁ AO SERVIZO DA MELODÍA»
Stoned at Pompeii: «Isto é como escoller a un fillo e desterrar ao resto, pero “On Your Side”, porque é o noso último single e ten elementos que describen moi ben á banda; enerxía, riffs de rock, moita melodía... e ese elemento de sorpresa que dan os coros de gospel e os arranxos de trompetas e sección de metais ao máis puro estilo dos setenta».
BREO
Entrevista en galiciantunes (11/11/24): «‘MÁIS ALÁ’ TEN UNHA IMPORTANTE PARTE DE ESTUDO, NON FOI SÓ TOCAR»
BREO: «Escollemos “Limiar” basicamente a través dunha votación. Gústanos moito tamén “Alumea-lo pan”, de feito estivo a punto de gañar esa, mais “Limiar” é unha canción moi especial; a que abre o disco, unha peza que parte da máis pura música tradicional e da que estamos especialmente contentos co resultado. Ademais, é a canción na que estamos todos facendo o noso papel principal. É unha peza cantada, e iso adoita gustar máis, xa que as letras son pegadizas».
El Último Ciclista
Entrevista en galiciantunes (18/11/24): «PARA ‘TOMANDO ESTE CAMINO’ FUN TRABALLANDO AOS POUCOS NOS MEUS MONSTROS ATA CONVERTELOS EN AMIGOS»
Gabrulo García: «“Empecinado”, penso que é unha canción que camiña ben nos tempos que corren, e me segue a interpelar a letra en cuestión. Ademais, ten moito aire, que axuda a dixerir».
Superblack
Entrevista en galiciantunes (25/11/24): «SOMOS GALEGOS, ZUMEGAMOS AUGA POR TODAS PARTES»
Superblack: «Escolleríamos “Vértigo”. É o tema que eliximos para abrir o disco, xa explicamos os motivos, por iso nos parece a canción correcta para empezar a escoitar a Superblack».
Habitación Vudú
Entrevista en galiciantunes (2/12/24): «ENRIBA DUN ESCENARIO OFRECEMOS AO NOSO PÚBLICO O QUE NOS GUSTARÍA VER A NÓS MESMOS»
Habitación Vudú: «Difícil dicir que fillo teu é o máis guapo ou a cal lle queres máis, pero o que é seguro é que neste último EP todos estamos moi contentos tocando “A puerta cerrada”. Pero o dito, todas nos gustan pois as fixemos nós e se lles quere por igual».
Os Liantes
Entrevista en galiciantunes (9/12/24): «NON NOS PARA A CABEZA EN ARGALLAR COUSAS ARREDOR DA MÚSICA, DA FESTA»
Os Liantes: «Escollemos “De repente, un burato”. É o primeiro tema propio do grupo, orixinal; un pasodobre moi característico e moi bonito, tanto ao tocalo como ao escoitalo. Moita xente nos di que lle gusta moito».
silee
Entrevista en galiciantunes (16/12/24): «SÓ FAN FALTA UNS OLLOS PARA PODER APRECIAR ALGO ARTÍSTICO E PODEN SER OS TEUS PROPIOS»
silee: «“Mamaia”, penso que encaixa moito coa entrevista, graciñas por todo <3».