MICRO MOON: «BUSCAMOS ESE EFECTO DE SENSACIÓNS DE INQUIETUDE CAUSADAS POR UN LUGAR QUE PODE SER MENTAL OU FÍSICO»

A pianista e científica galega Isabel Pérez Castro e o músico inglés Stephen Holbrook son os responsables dunha electrónica escura, crúa. Micro Moon é o seu proxecto, completamente caseiro, no que combinan sons atopados e texturas creadas coa electrónica máis tradicional; sobre os sintetizadores, teclas e cordas bailan movidas de xeito orgánico, mesturas de capas e paisaxes sonoras lembran futuros perdidos.
Logo de publicar un par de singles e outro par de EP, o dúo está agora a presentar Figure in a Landscape (2025), o seu traballo máis recente; unha viaxe sonora a través de seis temas marabillosamente elaborados, inspirado nas «moitas camiñadas tanto en Inglaterra como en Galicia, algunhas a sitios bastante remotos».
Isabel Pérez Castro, pianista (e científica) galega, e o músico inglés Stephen Holbrook son os responsables da electrónica crúa de Micro Moon. Como xorde o proxecto hai xa uns cinco anos?
Isabel Pérez, Stephen Holbrook: «Pois os dous tocabamos con frecuencia por separado na casa, cada un a súa música, pero levabamos moito tempo a falar de facer algo xuntos aínda que nunca nos puxeramos en serio. Ata que collemos o COVID ao principio de todo da pandemia, mandáronnos aos dous para casa quince días e aí empezamos a facer algo, en principio porque tiñamos tempo.
Había días que nos atopabamos fatal e non tocabamos nada, pero ese tempo tamén deu para moito intercambio de ideas».
Unha microlúa (micromoon) é unha lúa chea ou nova próxima ao apoxeo, o punto máis afastado da Terra. Por que Micro Moon para designar o dúo?
Isabel, Stephen: «Porque ao principio faciamos a maioría da música de noite ao volver de traballar —e, no caso de Stephen, tamén durante o tempo libre das quendas de noite nos que ás veces lle toca traballar— en habitacións escuras, só coa luz de lámpadas non moi potentes e da pantalla dun portátil, era moi segredo todo!».
Isabel, ti es pianista de formación clásica, trasladas dalgún xeito esta faceta máis, digamos, académica ao proxecto?
Isabel: «Pois supoño que si, sigo a tocar moita música clásica na casa e iso inflúe moito tanto no xeito de tocar como no tipo de composicións e de melodías que che saen da cabeza, seguramente máis do que me parece a min».
Pola súa banda, Stephen é máis de cordas que de teclas, formando parte de bandas como guitarrista ou baixista (Cop on the Edge, They Explode) onde tocabas rock, indie, post punk... Vaites, xéneros afastados ao que facedes en Micro Moon. Cres que afecta dalgún modo a túa experiencia musical previa ao son de Micro Moon? De ser así, como?
Stephen: «Todas as experiencias que vas tendo inflúen no que fas a nivel artístico, pero canto, a verdade é que é difícil de medir.
Eu levo anos tocando e gravando música ambient coa guitarra, non continuamente pero con frecuencia, así que este proxecto tampouco é territorio completamente descoñecido. Pero bueno, tamén toco algo os teclados en Micro Moon, porque a nosa música está moi baseada nos sintetizadores. En realidade usamos todo o que temos a man se dá a textura que buscamos ou simplemente para experimentar».
Aínda que estades baseados en Londres, visitades Galicia con frecuencia. Isabel, como galega na diáspora, e Stephen como admirador do noso Entroido, inflúe a conexión galega nas vosas composicións?
Stephen: «Pois para min comezou tendo moito de emoción por un sitio novo con novas experiencias que me intrigaban, pero obviamente para Isabel é distinto [risos]. En canto á música, pois é un intento de canalizar o que sentes cando estás nunha paisaxe diferente. Eu penso que iso lles pasa a moitos compositores, escritores...».
Isabel: «Para min ser galega é o estado “por defecto”, así que penso que non me inflúe, pero en realidade, visto desde fóra está claro que si que o fai. O certo é que agora que vou e veño con frecuencia, fíxome moito nas diferencias, pero sobre todo nas similitudes entre ambos países; é un tema do que falamos moi a miúdo e que ás veces intentamos reflectir na música».
Na revista Electronic Sound describíasevos como un dúo que crea sons inspirados no drone celta e o ambient dreampop. Sentídesvos reflectidos nesa definición?
Stephen: «Cando alguén fala do teu traballo sempre é interesante porque cando estás dentro é moi difícil definilo e velo obxectivamente. Se iso é o que alguén oe cando nos escoita, é perfectamente válido. Unha vez que a música está rematada e o público a pode escoitar, xa non te pertence e quen escoita pode decidir».
Isabel: «Eu estou a topísimo con esas definicións; pero tamén houbo por aí quen dixo que facemos “drone eclesiástico” e case que é a miña favorita [risos]».
Ao fío, se foses vós os que tivésedes que describir a vosa música, como o fariades? A que soa Micro Moon?
Isabel, Stephen: «A un universo pequeniño cheo de momentos alegres e de felices coincidencias pero tamén con bastante escuridade».
As vosas influencias van desde bandas sonoras de películas de terror ata a música clásica, pasando polo Radiophonic Workshop da BBC; pero afinando aínda máis, a quen sinalariades como principais influencias?
Isabel, Stephen: «Pois non sabemos moi ben como afinar aínda máis… Ademáis da música que acabades de mencionar (que inclúe a Goblin, Daphne Oram, etc) tamén están Roger Eno e Eliane Radigue, que son marabillosos os dous».
Apropiadamente titulada, Public Health (2020) é a vosa primeira referencia discográfica, un álbum de cinco cortes publicado a finais daquel verán marcado pola «desescalada». Canto de inspiración tivo a situación que estabamos a vivir no desenvolvemento deste disco? É dicir, de non ser pola pandemia, existiría?
Isabel, Stephen: «Pois si, pero seguramente soaría diferente e tería saído despois. Nós xa tiñamos a idea de usar ese título desde que viramos unha exposición sobre o tema o ano anterior, pero en 2020 a vida comezou a imitar á arte, supoñemos! [Risos].
Estabamos en Inglaterra, onde a situación non foi exactamente igual que a de España. Collemos o COVID antes dos confinamentos e mesmo antes de que se coñeceran todos os síntomas —a primeira noticia que tivemos, por exemplo, sobre a perda de olfacto, foi cando o perdemos nós— e cando nos recuperamos, os dous seguimos a traballar porque nin a ciencia nin a tele podían parar. Así que a nosa situación foi algo diferente da do resto da xente.
O que si foi común para todo o mundo é que había moito caos no sentido de que ninguén sabía moi ben como reaccionar ou que facer, así que nos inspiramos tamén bastante nestes ideais “utópicos” de saúde e arquitectura».
Ademais de dar título á cuarta pista do disco, Paimio é unha cidade de Finlandia na que se atopa un célebre sanatorio antituberculoso, obra do arquitecto finlandés Alvar Aalto. Tendo en conta que Isabel traballou no desenvolvemento de fármacos contra a tuberculose (e nós non cremos nas casualidades), existe realmente a relación entre o voso “Paimio” e ese edificio deseñado por Aalto?
Isabel, Stephen: «Si, de feito por iso a titulamos así [risos]. Nese EP tamén se pode escoitar un baixo tratando de imitar o son dunha respiración dificultosa como a que terían os pacientes dese sanatorio finlandés... e que tamén tivemos nós ás veces co COVID cando comezamos a traballar no proxecto».
As «casualidades» arquitectónicas e sanitarias non rematan aquí, senón que, en Public Health utilizades extractos de Living with Buildings and Walking with Ghosts (Iain Sinclair, 2018) —libro que aborda a relación entre a saúde e a arquitectura— e The Centre (JB Holmes, 1948), documental sobre o experimento Peckham centrado na medicina social preventiva a mediados do século XX. Por que escoller estas dúas obras en particular para «ser parte» deste álbum?
Stephen: «Porque eu vivín en Peckham (un barrio do sur de Londres) hai anos, así que me interesaba desde un punto de vista histórico, e ademais os dous traballos estaban relacionados co que queriamos facer no EP».
Sinclair é coñecido polo seu estudo da psicoxeografía, unha proposta que explora como o ambiente xeográfico afecta ás emocións e ao comportamento das persoas. Que vos levou a compoñer sobre este tema en especial?
Stephen: «Aos dous sempre nos fascinaron bastante os sitios “baleiros”, estraños e “no medio da nada”, que fan sentir a un raro e fóra de lugar. E no meu caso, desde que comecei a escribir cancións na adolescencia me dei de conta de que moitas falan de lugares e do efecto que eses lugares teñen nas persoas, non sei por que. Xa de maior descubrín os termos “psicoxeografía” e “espazo liminal” e todo encaixou. Eu non tiña nin idea de que eses termos existían desde os anos 50. “Ah, así que era iso! Hai máis xente rara aí fóra!” [Risos]. E despois descubrín o traballo de escritores como Iain Sinclair».
Isabel: «Eu non escribo letras, só música, pero busco moito ese efecto de sensacións de inquietude causadas por un lugar que pode ser mental pero tamén físico, como en Figure in a Landscape. Non é algo buscado conscientemente nin a propósito, pero ao final é o que acaba saíndo».
O título do voso seguinte EP, The Fear Frequency (2023), fai referencia á chamada «frecuencia do medo», un son que está por debaixo do límite de audición humana (20 Hz) e que, disque, afecta ao corpo humano de distintos xeitos. Que reaccións procurabades espertar no oínte con esta presa de cancións?
Isabel, Stephen: «Medo paralizante, dor de barriga e malestar xeneral [risos]! Non, en serio, tiñamos varias pezas que soaban moito a banda sonora de peli de terror e decidimos combinar varias nunha, puír un pouco as demais e sacalas para Halloween/Defuntos daquel ano, un pouco de broma.
Pero a ciencia detrás diso é moi interesante. A frecuencia “do medo” está por debaixo dos sons audibles, pero si que xera vibracións que poden resoar co corpo humano e fan sentir a un incómodo ou como que “hai algo na habitación”. De feito as pelis de medo usan moito este recurso; aínda que non se escoite, si que hai sintetizadores que a poden xerar.
O que si, non usamos a frecuencia esa en todos os temas, a dúbida é se alguén notaría a diferencia!».
Vides de lanzar o voso último traballo, Figure in a Landscape (2025), con seis cortes inspirados en lugares do mundo real. Cal é a idea tras el?
Isabel, Stephen: «Pois despois de moitas camiñadas tanto en Inglaterra como en Galicia, algunhas a sitios bastante remotos, sentímonos inspirados. Xa tiñamos algunhas ideas gravadas ou a medio gravar e decidimos combinalo todo.
A idea é a da intervención humana en paisaxes naturais, como pode ser un faro, o Mars Rover ou unha fronteira».
“Mirror Marsh” fai referencia aos espellos acústicos de Romney Marsh e “Fábrica de Luz” ás primeiras infraestruturas hidroeléctricas de Galicia. Que vos chamaron a atención destes espazos en particular?
Isabel, Stephen: «Que son estruturas de aparencia case brutalista e moi pouco natural en espazos naturais ou rurais que, de non ser por elas, seguen a estar moi pouco modificados. É un contraste tremendo».
Mentres esas dúas pezas estaban inspiradas en lugares concretos, con «nome propio» poderíase dicir, “Desire Lines” e “Radiofaro” son máis xerais... pero que seguen a ser referencias topográficas. Espazos, lugares e saúde parecen ser constantes do voso traballo, non?
Stephen: «Eu penso que si, ao final parece que é o que nos acaba saíndo cando improvisamos. Pero tampouco tratamos de que a música sexa descritiva, ao final iso decídeo quen a escoita».
Vós mesmos percorredes a pé os lugares sobre os que despois compoñedes. Como é o proceso de transformar unha experiencia física, como camiñar por un lugar, nunha peza sonora? Hai un momento concreto no que decidides que ese lugar se vai converter nun tema? Ten que ver máis coas sensacións que vos transmite ou inflúen tamén os sons que se escoitan nese lugar?
Stephen: «Bueno, non é unha ciencia exacta, é algo bastante abstracto sobre todo ao principio. Pode ser o lugar en si, os sons e tamén as sensacións que che causa. Supoño que unha combinación de todo, a “pegada mental” que lle chaman».
Isabel: «A verdade é que nunca estamos nun sitio e decidimos que imos facer música sobre el, o proceso é máis o de estar a facer música na casa e pensar “oh pois mira, isto soa a aquel sitio onde fomos o outro día”».
Nos créditos, ademais deses instrumentos e sintes que comentabamos, tamén hai «sons encontrados», de onde saen e como decidides integralos nas cancións? Algúns deles son gravacións de campo recollidas nos lugares aos que fan referencia os títulos dos temas?
Isabel, Stephen: «Ui, todo pode ser unha fonte de son para nós! Algúns son sons que facemos nós con obxectos que temos a man, pero outras veces si que teñen que ver cos lugares dos títulos; por exemplo os paxaros que se escoitan en “Border” gravámolos na fronteira entre Inglaterra e Escocia. Depende un pouco da cor ou textura que esteamos a buscar».
Aínda que desde os vosos inicios seguides a ser fieis aos vosos instrumentos «acústicos», o peso nas composicións de Micro Moon lévaa os sintetizadores. Con todo, notamos como neste EP semella haber máis equilibrio entre os sintes e os demais instrumentos, non? Que propiciou este pequeno cambio?
Isabel: «Pois eu tiña varias pezas co piano que gravara sen intención de nada; aí quedaron nunha carpeta no portátil e un día escoitándoas pensamos que igual era boa idea usalas como base para cancións de Micro Moon. E unha vez que nos puxemos a traballar nelas tamén nos pareceu boa idea usar unha guitarra acústica noutras. Pero bueno, tampouco foi nada proxectado, foi o que nos apetecía facer no momento».
A portada deste disco plasma parte dos «oídos de escoita» de Greatstone (Kent) que, curiosamente, tamén utilizades como a vosa foto de perfil. Que significan para vós estes espellos acústicos como para dedicarlles, ademais dunha canción, o protagonismo da portada (ademais de empregalos, desde antes, como imaxe de perfil en diferentes redes)?
Isabel, Stephen: «Pois, ademais de por ser aparellos de son (non hai nada que nos guste máis que un aparello de son vello), o que máis nos chama a atención é o fóra de lugar que se ven no sitio no que están, que é un pouco como nós nos sentiamos cando empezamos co proxecto este. E ademais marcan o momento no que comezamos co grupo, xa que foi a derradeira excursión que fixemos antes do primeiro confinamento».
Para a publicación do álbum contastes coa discográfica Clay Pipe Music, que tamén distribúe o formato físico do mini-CD. Logo de varias autoedicións, que vos fixo optar por unha discográfica desta volta? Como está a ser a experiencia xunto a eles?
Isabel, Stephen: «Levabamos un tempo seguindo a Clay Pipe en redes e comprando algún dos seus discos porque nos gustaba moito non só a música que ten no catálogo, senón a súa filosofía, e nos parecía que podería ser a discográfica perfecta para nós. E despois, o destino (a través dunha feira de discos no noso barrio) xuntounos.
É fantástico traballar con eles. Frances, que é a directora, tamén é ilustradora e fai as portadas. Danlle tanta importancia ás ilustracións como á música que acompañan e, máis que traballando cunha discográfica, é como se fose unha colaboración entre dous grupos de artistas».
A vosa música ten unha calidade cinematográfica moi marcada: texturas atmosféricas, capas sonoras que avanzan lentamente, e un sentido moi forte do espazo e do tempo. Se Micro Moon fose a banda sonora dunha película, de cal sería?
Stephen: «Pois... a típica película escura que non coñece nin Dios e que non hai maneira de atopar unha copia, pero que hai quen conta que a viu nun cineclub ás doce da noite, e que é a única que fixo o director antes de volverse tolo».
Isabel: «Non sei, a min gústame pensar que soamos a A Ghost Story (David Lowery, 2017)».
A vosa música aínda non foi presentada ao vivo, pero lemos que sería algo que vos gustaría facer. Como imaxinades, pois, que sería un concerto de Micro Moon?
Isabel, Stephen: «Boísimo! [Risos]. Non, en serio, temos falado algo sobre o tema ultimamente e o único que temos claro é que, como traballamos a escala pequena, en lugares pequenos e o proceso ten moito de “artesán”, gustaríanos transmitir iso ao tocar en directo».
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?
Isabel, Stephen: «Hai moitísimas cousas interesantes e que nos encantan, pero os nosos favoritos son Chicharrón, Grampoder, Mercedes Peón, Carme López... Tamén somos moi fans de música máis old school como a que fan Samesugas e Espiño».
Isabel: «Hai pouco vin a Xabier Díaz en Ourense e, aínda que non o tiña escoitado moito ata entón, encantoume o que fai».
Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña
Stephen: «Un montón de doom metal, folk inglés e disco».
Isabel: «Pois eu non teño Spotify e dáme pena que a frase “o teu spotify” hai xa anos que pasara a significar “a música que escoitas ou que che gusta”... Obviamente isto non é unha crítica cara a vós, eh? Só estades a usar a expresión que usa todo o mundo e que, gústenos ou non, vén dunha realidade.
En canto á música que teño e que escoito, pois un pouco de todo porque xa non me queda criterio ningún, todo me interesa: moita música clásica, bandas sonoras, un montón de cousas de Brian Eno, garage, psicodelia e rock dos 60, northern soul, cousas coma Vainica Doble... e tamén doom metal, folk e disco igual que Stephen, música experimental de todas as épocas... Pero bueno, sempre volvo aos Beatles que son zona de confort (e un dos meus discos favoritos da vida segue a ser de George Michael)».