• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
izq noticias  

LELLI KELLY’S: «CHEGAR ATA AQUÍ XUNTOS E SEGUIR SENDO IGUAL DE AMIGOS É PRACTICAMENTE UN MILAGRE»

LELLI KELLY’S: «CHEGAR ATA AQUÍ XUNTOS E SEGUIR SENDO IGUAL DE AMIGOS É PRACTICAMENTE UN MILAGRE»
9 NOVEMBRO 2026

De tocar versións nos chiringuitos do Morrazo a publicar o seu primeiro LP pasaron dez anos, varios cambios de formación e unha boa colección de historias. Lelli Kelly's, integrados actualmente por Tono (voz), Berto e Juanma (guitarras), Dani (baixo) e Rubén (batería), chegan a esta primeira década cun son que foi evolucionando sen perder o rock and roll, o humor e a retranca que os acompañan desde os comezos. E, polo que contan, seguir xuntos e conservar a amizade xa é todo un logro.

En outubro de 2026 publicaron Perdón, o seu primeiro longa duración, acompañado de Fálame Sempre, un EP gravado en directo no estudio. O lanzamento reúne dúas maneiras de entender a gravación e reflicte unha etapa de cambios na que a banda decidiu explorar novas posibilidades musicais sen renunciar á súa identidade. Case dous anos de traballo, colaboracións con artistas como Anxo Lorenzo, Nuno Pico, Pladür e Asintomáticas e unha campaña de micromecenado para financiar a edición en vinilo dan forma a un proxecto que marca un novo capítulo na traxectoria dos Lelli Kelly's.

 

Foto: Andrés Hermelo

 

O grupo naceu en 2016 cunha idea bastante diferente á que coñecemos hoxe: tocar versións en terrazas e chiringuitos de praia. Que vos reuniu arredor daquela proposta e que buscabades cando decidistes formar a banda?

Tonho: Eu levaba bastante tempo intentando montar unha banda, pero no 2016 xa tirara practicamente a toalla. Lembro que estaba no meu bar de confianza, sentado só nunha mesa, bebéndome o fracaso de non ser capaz de montar unha banda de rock. E apareceron Berto e Charlie (o primeiro batería da banda) para ofrecerme a posibilidade de tocar con eles e buscar un cuarto integrante. A cousa foi bastante rápida: en apenas un mes xa tiñamos programado o noso primeiro concerto.

 

E como acabastes escollendo un nome tan particular como The Lelli Kelly’s?

Berto: Pois primeiro foi o de tocar e despois o de poñerlle nome á banda. De feito, nos primeiros concertos pediámoslles aos organizadores que escollesen eles o nome por nós. Nun dos primeiros puxéronnos "El tocador de Lolita" e foi aí cando asumimos que tiñamos que buscar un nome en condicións, porque a xente está fatal da cabeza.

Agora estamos intentando prescindir do "The" e quedar simplemente con Lelli Kelly’s, confiando en que ningunha empresa italiana de calzado infantil teña nada que obxectar.

 

Aquel grupo de versións comezou a compoñer as súas propias cancións en 2017. Como foi pasar de tocar temas alleos a defender os propios?

Tonho: A idea de empezar a compoñer cancións propias e ir meténdoas no repertorio mentres aínda faciamos versións foi miña. A primeira que fixemos foi "Non che dan as pernas", un rock’n’roll pensado para bailar que falaba, en ton bastante burlesco, do público das orquestras en Galiza.

Hai que ter en conta que daquela case todo o mundo da nosa xeración que tocaba algún instrumento acababa pasando por unha orquestra. Quizais eu era unha das excepcións. A canción funcionaba perfectamente ao lado das versións que faciamos, así que empezamos a ver que tiña sentido que Lelli Kelly’s fose tamén unha banda de temas propios. Ademais, nos festivais galegos xa había exemplos de que apostar por ese camiño non era ningunha loucura. E, simplemente, as cousas fóronse dando.

 

Foto: Andrés Hermelo

 

A creación e consolidación da banda definístela en Sabrosura Fest, da TVG, como unha «montaña rusa de emocións». Por que? Que momentos marcaron especialmente ese percorrido ata chegar á formación actual?

Tonho: Primeiro de todo, para quen non o saiba, montar unha banda implica xuntar varias persoas nunha habitación durante moito tempo e intentar poñer de acordo todas as ideas e puntos de vista para facer cancións coas que todo o mundo estea convencido. A ese cóctel hai que engadirlle cartos, festas, viaxes, egos, obxectivos e un longo etcétera.

Eu penso que se lle preguntas a cen bandas que leven máis de cinco anos tocando, polo menos un 75 % chegaron ás mans nalgún momento. E a todo iso hai que sumarlle acontecementos históricos como unha pandemia polo medio... Pois iso. Chegar ata aquí xuntos e seguir sendo igual de amigos é practicamente un milagre.

 

En 2018 gañastes o certame Novos Valores do Festigal, cando apenas levabades dous anos de actividade. Cambiou algo na banda despois daquel recoñecemento? Que repercusión concreta tivo?

Berto: Para nós non cambiou tanto o conto. Ou iso penso agora, visto con perspectiva. Pero si que é certo que a partir de tocar no Festigal empezaron a interesarse por nós outros festivais e comezamos a facernos un oco no circuíto. O 2019 foi un ano con moitos festivais e bastantes datas, e desde o Festigal ata febreiro de 2020 parecía que non nos paraba ninguén. A día de hoxe penso que estamos outra vez nesa dinámica de estar máis presentes no circuíto. Quizais agora pensando en invadir outros.

 

 

 

En 2020 publicastes Congamonga, o voso primeiro EP gravado en estudio. Ata entón, a banda medrara principalmente arredor dos concertos e dos ensaios. Como afrontastes aquela primeira experiencia de gravación e que decisións tomastes para trasladar o voso son ao disco?

Kurt: Agora temos máis experiencia en gravacións e a banda tamén foi incorporando novas influencias á hora de compoñer. Se queremos gravar, sabemos a onde ir, a quen chamar e entendemos moito mellor todo o proceso de facer un disco. Daquela, simplemente aparecemos no estudio de Marco Lima, en Caminha, e puxémonos nas súas mans para que el fixese e desfixese. Eramos bastante inxenuos naquel momento e tivemos a sorte de atoparnos con Marco.

 

 

 

 

Dous anos despois publicastes A chorar a Cangas, un EP no que o humor e a retranca xa tiñan bastante protagonismo. Desde fóra pode confundirse o humor coa falta de seriedade. Como levades a relación entre a broma e o traballo musical que hai detrás?

Dani: É certo que ás veces parece que a xente nos ve como unha banda para bailar, desfasar e botar unhas risas. Pero utilizar frases que poden soar graciosas non significa que esteamos dicindo as cousas por dicir. O humor e a retranca forman parte da nosa maneira de expresarnos, pero detrás hai sempre unha intención. Penso que o novo disco é un bo exemplo de como podemos tratar temas máis profundos ou serios sen renunciar á nosa propia linguaxe.

 

 

 

 

Dez anos despois da formación da banda, en outubro de 2026, publicades Perdón, o voso primeiro LP. No Sabrosura Fest contabades que levabades case dous anos traballando para poder sacalo adiante. Que foi o máis complicado de facer realidade este disco?

Berto: Non imos mentir: o máis difícil foi financiar todo o proxecto. Viñamos de dous anos nos que tocaramos menos e decidimos centrarnos en compoñer. Pero cando te centras en compoñer, tocas menos e, polo tanto, tamén entran menos cartos.

Ademais, tiñamos claro que había que redirixir o proxecto e cambiar o estilo da banda, porque xa non eramos os mesmos que cando publicamos Congamonga ou A chorar a Cangas. Tampouco tiña sentido facer ese cambio a medias ou limitarse a publicar un novo EP. Queriamos levar esa decisión ata as últimas consecuencias.

Foi un reto afrontar un proceso de gravación por pistas, algo ao que non estabamos afeitos, e conseguir financiar todo o que implicaba o disco: as horas de estudo, o novo merchandising, os videoclips...

E aquí temos que agradecerllo á xente que nos apoia, porque, aínda que soe a tópico, sen ese apoio non teriamos conseguido reunir todo o necesario para dar este paso.

 

De onde sae un título como Perdón? A quen llo pedides?

Juanma: Somos xente caótica. Levamos anos indo tocar, facendo bromas, chegando tarde á casa e vivindo nesa dinámica de "de almorzo, punk; de xantar garaxe e, de cear, rock". Somos xente da noite e hai moitos motivos para pedirlle perdón ás nosas familias, amizades e seguidores.

Pero tamén é unha declaración de intencións. Pedimos perdón por adiantado porque nos coñecemos e sabemos que podemos meter a zoca. Así que este disco vai dedicado a todas as persoas ás que Lelli Kelly’s lles fallou dunha maneira ou doutra, e tamén a todas aquelas que aínda non nos viron vir.

 

Foto: Andrés Hermelo

 

O lanzamento ten dúas partes: Perdón, o LP propiamente dito, con sete cancións de estudio, e Fálame Sempre, un EP con catro temas gravados tamén en estudio pero desta volta en directo. Como xurdiu a idea de lanzar ambas as gravacións ao mesmo tempo e reunilas nunha mesma edición en vinilo como cara A e cara B?

Kurt: Entendemos todas estas cancións como parte dun mesmo proceso. No propio disco hai temas que recordan máis aos vellos Lellis e outros que supoñen algo bastante novo para a xente que nos escoita. Ao final, o disco recolle todo ese camiño e pensamos que non tiña sentido contar esa historia por partes. Quixemos publicalo todo de golpe e que as dúas caras formasen parte dunha mesma edición.

 

O primeiro adianto do disco foi «Muay Thai». Na letra aparecen esas «linguas de serpe» que falan ás costas e, en Sabrosura Fest, Juanma facía unha chanza con que a vosa música son mensaxes encriptadas que só entende o público. Que hai detrás desta canción e por que vos gusta deixar espazo a diferentes interpretacións?

Tonho: Concretamente, "Muay Thai" empezámola Dani e mais eu unha tarde na praia. Tiñamos as guitarras e tal, pero a conversa daquela tarde xiraba arredor de como a xente xulga os demais sen coñecelos. Parece que, pola túa maneira de expresarte, de moverte ou de vestir, a sociedade xa ten unha descrición predefinida de quen es. Moitas veces, mesmo se fala mal doutras persoas sen molestarse en coñecelas. De aí veñen as "linguas de serpe", que sempre aparecen pola túa espalda. Hai cancións que son máis literais ca outras, pero gústanos que a xente entenda o que queira.

 

 

En «A.N.A.H.Í.», unha canción dedicada a unha amiga vosa á que considerades membro honorífico da banda, contades coa colaboración do gaiteiro Anxo Lorenzo. Estaba a gaita na canción desde o principio ou foi unha idea que chegou no estudio?

Dani: O riff de guitarra vén dunha idea que tiñamos descartada para outra canción. Nós queriamos facer algo con Anxo Lorenzo. Non se trataba tanto de facer unha canción con gaita como de facer unha canción con Anxo Lorenzo. Ese era o obxectivo. Xa tiñamos o riff, xurdiu a idea da letra de "A.N.A.H.Í." e Anxo Lorenzo aceptou colaborar. Ao final, encaixaron todas as pezas ao mesmo tempo.

 

 

As coordenadas de Gaza dan título a «31º30’27’’N 34º27’35’’E». Nun momento no que se debate se os artistas deben pronunciarse ante determinadas cuestións sociais e políticas, que importancia ten para vós posicionarvos a través da música con frases como «escupimos propaganda, e tapamos os oídos para non sentir o ruído, así non cambia nada»?

Kurt: A cousa está tensa. Nótase no ambiente. Ás veces tocamos en sitios nos que a xente non sabe moi ben o que vai ver e escoitar. Non ten sentido poñerse politicamente correctos nesas situacións. Estamos en contra do fascismo, do machismo, dos xenocidios, do racismo e dos discursos de odio. Se temos que explicar todo iso, perdemos tempo de berrar e facer ruído. Así que aproveitamos os concertos para berrar que estamos en contra dos fascistas e dos oligarcas. Hai que optimizar.

 

 

 

Foto: Andrés Hermelo

 

En «Superpunk» contades coa participación de Nuno Pico, de Grande Amore. O título leva a preguntarse que significa ser punk hoxe. Que idea queriades transmitir coa canción e por que tiña sentido contar precisamente con Nuno?

Berto: Ben, por casualidades da vida, ultimamente estivemos en contacto con Nuno. Xa coñeciamos a Grande Amore en directo e tiñamos esta canción, que fala un pouco das contradicións da vida: traballar ata a extenuación para pagar un sitio no que caer exhausto. Pareceunos que Nuno encaixaba perfectamente cantando iso con nós e propuxémosllo.

En realidade, as colaboracións deste disco foron xurdindo así, de maneira bastante natural e sen rompernos demasiado a cabeza. Aproveitamos para darlles as grazas a todas as persoas que participaron neste traballo.

 

 

 

 

Fálame Sempre reúne a Pladür en «San Andrés de Teixido» e a Asintomáticas no tema que dá título ao EP. Como encaixaron esas colaboracións ao gravar en directo no estudio?

Juanma: Esta quizais foi a colaboración máis natural de todas. O EP gravámolo en Escusalla Sonora, o estudo de Javier Vicalo, nunha aldea bastante afastada. É a típica historia dunha banda de rock que marcha a unha casa perdida na montaña durante meses para buscar un son novo... Ben, neste caso hai que cambiar os meses por unha fin de semana e as movidas paranormais por Santi e Lúa, de Pladür, que apareceron no estudo de madrugada e quedaron con nós traballando e gravando.

Ademais, Javier e Mónica Flint son Asintomáticas e as persoas que levan o estudo. Así que durante aquela fin de semana acabamos metidos no proceso creativo os Lellis, Pladür e Asintomáticas, aproveitando tamén as noites para traballar xuntos. Foi unha experiencia moi guai.

 

 

Tonho explicaba en Rodando 73 que adoita levar aos ensaios unha primeira idea de letra e melodía que despois desenvolvedes entre todos. Como se transforma esa idea ao pasar polas mans dos cinco?

Dani: Algo que dicimos sempre é que sen estribillo non hai canción. Non ten por que ser necesariamente así, pero é unha maneira de facer que as ideas avancen. Tonho adoita traer unha primeira idea de letra e melodía, pero despois entre todos imos buscando por onde pode tirar a canción. Ás veces custa que unha idea pase o filtro de Tonho. E creo que iso tamén fai que, cando escoitas Lelli Kelly’s, saibas que son os Lelli Kelly’s.

Cando temos unha boa idea para un estribillo, empezamos a buscar as estrofas e outras partes que poidan encaixar. E intentamos que as cancións falen de algo que teña sentido para nós. Pode ser unha coña ou unha anécdota, pero tamén un pensamento serio ou unha reflexión algo máis profunda.

 

Na gravación de Perdón traballastes con Anxo Soage en The Monolith Room, mentres que Fálame Sempre foi gravado en directo nos estudios de Escusalla Sonora. Que diferenzas atopastes entre ambas as experiencias e como influíron no resultado musical?

Juanma: Son dous procesos moi distintos. A Anxo Soage transmitímoslle desde o principio que queriamos tomar unha dirección un pouco distinta á que viñamos seguindo. O que non esperabamos era que gravar por pistas, seguindo os métodos profesionais deste tipo de gravacións, fose un reto tan grande.

Unha vez rematada esa parte, quixemos volver ao noso hábitat natural e gravar as cancións todos xuntos, en directo. Tivemos a sorte de poder experimentar as dúas formas de traballar e de que o disco recollese ambas as experiencias.

 

Foto: Andrés Hermelo

 

A edición en vinilo, que reúne Perdón e Fálame Sempre, saíu adiante grazas a unha campaña de micromecenado en Verkami. Que dificultades implica publicar un disco de maneira independente e que vos revelou a resposta do público?

Kurt: Aínda estamos no proceso de dar a coñecer este traballo, pero a resposta está sendo moi boa. Están medrando as reproducións e as visitas, e mesmo nos concertos xa hai xente que coñece e canta as letras. Iso demóstranos que pouco a pouco estamos chegando ao público.

Cando puxemos en marcha o Verkami tiñamos certo medo a que a xente non se animase a participar. Non acadar o obxectivo tería sido un golpe duro para nós, así que conseguir sacalo adiante foi unha satisfacción enorme. Sobre todo, revelounos que hai xente que confía no que facemos e que está disposta a implicarse para que este proxecto siga medrando.

Agora tócanos aproveitar ese impulso e conseguir que o noso traballo chegue tamén a produtoras e festivais.

 

Paulo Bouzas dirixiu o videoclip de «Muay Thai», con Andrés Hermelo na cámara, mentres que este último se encargou da dirección de «A.N.A.H.Í.». Como nacen as ideas dos vosos videoclips e que liberdade creativa lles dades aos colaboradores?

Tonho: Cada videoclip é diferente. A min, por exemplo, gústame a idea de recrear escenas de películas ou introducir referencias cinematográficas, mentres que Dani adoita tirar por conceptos máis visuais. Ao final, é importante poñerse en mans de xente que sabe o que fai e que pode axudarnos a levar esas ideas a bo porto.

Porque, se nos deixan a nós, escribimos o guión de Interstellar e pretendemos facer o videoclip cun orzamento de 700 euros. Tanto Paulo como Andrés teñen experiencia, escoitan as nosas propostas e tamén saben baixarnos un pouco á terra cando fai falta. Deixámoslles liberdade para desenvolver as ideas e creo que o resultado final, nos dous casos, é top.

 

Foto: Andrés Hermelo

 

E para quen aínda non vos viu en directo, como o convenceriades de que fose ao voso próximo concerto? Que vai atopar enriba do escenario?

Juanma: Penso que agora mesmo non hai moitos directos coma o noso, polo menos en Galiza. É certo que hai grupos con directos moi potentes que fan rock, garaxe ou punk, pero creo que a nosa proposta é difícil de comparar. Para esta nova xira collemos o mellor do que xa tiñamos e sumámoslle as novas cancións e ideas. Creo que conseguimos un equilibrio entre todas esas pezas. A xente que estivo nos concertos de presentación de Perdón seguro que pode corroborar o que digo.

En calquera caso, creo que a mellor maneira de saber o que ofrecemos enriba dun escenario é vir a un concerto. Poderiamos explicalo nós, pero seguramente a experiencia de vivilo en primeira persoa sexa moito máis convincente.

 


 

Despois de todo o percorrido como banda, por que cousa non pedirían perdón nunca os Lelli Kelly’s?

Berto: Iso haberá que comprobalo nesta nova xira. O que temos claro é que non imos renunciar á nosa maneira de entender Lelli Kelly’s. Sempre hai xente disposta a dicirche como deberías facer as cousas, que cambiar ou por onde tirar, pero a nosa experiencia dinos que o que realmente importa é o traballo e a actitude. É o que fai que este proxecto siga sendo algo que desfrutamos nós enriba do escenario e que tamén desfruta o público.

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Kurt: Eu persoalmente recomendaría Derrota Federica. Teño que dicir que son os meus favoritos. Tamén, por suposto, Pladür, Grande Amore, Portosanto, Treintañeras Cañeras, Anxo Lorenzo, Youcanthide, Samesugas, Thee Blind Crows, Mascada, Lorahacepam, Pretty Shirts, Pink Porris, Gallego Común, The Broke, Martelo… O certo é que hai moita xente facendo cousas que paga a pena escoitar. Podería pasarme o día dicindo bandas.

O que lle recomendamos á xente é que vaia aos concertos. Para que un concerto mole de verdade necesitamos o público. Non é un simple espectador: forma parte do que acontece enriba e diante do escenario. Esa loucura colectiva é, probablemente, o máis divertido de todo.

 

Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100 % sinceridade, 0 % vergoña.

Dani: Agora píllasnos a case toda a banda preparando as cancións para un concerto que imos dar polas festas de San Martiño, en Moaña. Xuntámonos varios colegas de diferentes bandas para tocar un pouco de todo, así que as nosas escoitas destas dúas últimas semanas están sendo bastante peculiares: Bisbal e Chenoa, Daddy Yankee, Take That, Mala Gestión, Mariah Carey, Rosalía, Metallica, Maná, Slipknot, DLG, Estopa, IDLES, Earth, Wind & Fire… Estamos rebentando os nosos propios algoritmos de Spotify.

izq noticias