🅝🅞🅒🅣🅤🅡🅝🅐 é unha banda de dark/postpunk/noise que xurdiu en Pontevedra en 2022 das cinzas de MASCARA, un efémero proxecto de stoner/punk. Logo deste renacemento o grupo consolídase con “Viejo” (voz/guitarra, exPassadenas, exChingo Mongol), Charlie Swamp (baixo, exPantano), “Crazy” Rober (guitarra, Gold&Colt, exTractor Troy) e Jorge Cabaleiro (batería).Despois desta metamorfose non tardan en deixar atrás a vea stoner inicial e, aos poucos, van puíndo e sintetizando o seu propio son a partir de furiosas liñas de baixo e baterías devastadoras ás que se engaden unhas guitarras afiadas e elegantes, moito noise e unha voz que, como un instrumento máis, xorde cargada de delay e reverb para murmurar por momentos, e cuspir noutros, letras velenosas sobre a noite, as malas compañías e a reinvención persoal. Un intenso muro de son influenciado polo post punk de finais dos 70, o shoegaze dos 90 e os ritmos e cadencias propias do kraut e o space rock no que teñen cabida Soft Moon, The Cure, Sonic Youth, Parálisis Permanente, The Sisters of Mercy, The Cult ou The Black Angels.Entre maio e xuño de 2023 gravan e mesturan 3 temas en Estudios Bonobo (Pontevedra). ‘Tormento’, ‘Prometeo’ e ‘Puñal’ son a constatación da gama sonora do grupo; desde certa introspección en ‘Prometeo’ ata a violencia punk desatada de ‘Puñal’, pasando polo underground berlinés de ‘Tormento’.En 2024 volverán ao estudio para deixar fe da súa constante evolución cara a sons cada vez máis escuros e underground e, ao mesmo tempo, máis bailables.
Contratación
Carlos López (Charlie Swamp) 616 544 748 carloslr1978@gmail.com