Se a corredoira que aparece debuxada na portada do Nosequé-nosécuántos de Sr. Chinarro unise dúas cidades, non sería raro que foran Lugo e Valencia, ou así pareceu confirmalo A Veces Ciclón co seu debut homónimo en 2013. Tenues e enigmáticos, sería reduccionista quedarse espetado na metáfora, sobre todo ó abrente do seu segundo disco, Cumbayá, cruce comarcal de sentires e influencias no que plantan 8 cancións densas, agrestes e estrañamente adictivas.Medio en coma medio chocando, Cumbayá avanza alimentándose do nihilismo costumbrista dunhas letras cheas de pausas, puntos suspensivos e silencios, frases como os últimos foguetes dunha festa de aldea na que a xente marchou ó rematar a música, pero eles seguiron bailando. Cadernos de campo nos que a paisaxe é algo máis ca un pano de fondo ("yo prefiero a los árboles/ellos nunca me hacen sufrir", canta Óscar en "Silencio") e que acaban dando forma a unha especia de Philophobia un pouco máis recatado e norteño.Capaces de unir a Codeine e La Jr, Tortoise e Golpes Bajos, Marcos Junquera, Óscar Vilariño e Xavi Muñoz van atando os cabos dun slowcore de corte, instintivo e da terra en 8 temas medio espidos ou medio vestidos dependendo da hora ou o humor.Gravado, mesturado e masterizado por Rafael Martínez del Pozo no seu estudio de Castro de Cepeda (León), tamén colaboraron Elle Belga, Rubén Abad, Marc Clos, Ibán Pérez e Fernando "Negro"Junquera.O músico e ilustrador californiano Dorian Wood é o responsable da impresionante ilustración de portada.