• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. XULLO 2016

Novos lanzamentos. Xullo 2016
5 AGOSTO 2016

Ruta 120Blues do País

Arrancamos motores cos novos lanzamentos do mes de xullo e en primeiro lugar atopámonos con Blues do País. Despois de dous anos de traxecto a través da nacional e “dando voltas nas rotondas”, o grupo vólvese a lanzar á estrada e publican Ruta 120, esa nacional que une ou separa, segundo se mire, as cidades dos nosos dous conductores do blues: Vigo e Ourense. No camiño se lle sumaron Sindicato da Verbena, unha banda que sabe o que fai e que lle acompañará nas paradas que realicen polo camiño. Tamén coincidiron con varias estrelas que fixeron brillar aínda máis esta ruta, como Bouba Pandeireteiras dándolle a pandeiros e bombos e Guillermo Alzugaray no violoncello. Disfrutaremos no camiño do blues que se fai no país!

 

CinematojazzíaNani García Trío

Este mes de xullo o festival ImaxinaSons foi testemuña da presentación de Cinematojazzía, o novo traballo de Nani García Trío. Un álbum que crea unha atmosfera diferente e que evoca a improvisación grazas as súas estructuras melódicas e arranxos de cordas. Esta vez traballan xuntos Nani García (piano), Miguel Cabana (batería), Simón García (contrabaixo), Eduardo Coma (violín), Lázaro Wilman González (violín), Raymond Arteaga (viola) e Luis Enrique Caballero (violonchelo). Como resultado dun grupo no que prima a multiculturalidade, este LP céntrase no melting pot (asimilación cultural) con melodías pensadas orixinalmente para o teatro, cine ou televisión.

 

Xingra coma a areaKin García Trío

Kin García Trío atópase activo dende 2006, cando publican o seu primeiro traballo O lobo morde a man. Agora, dez anos máis tarde, acaba de sacar o seu novo proxecto discográfico Xingra coma a area xunto con dous artistas que xa lle acompañaron no seu anterior LP: Jacobo de Miguel ao piano e Noli Torres á batería. Este álbum discorre na mesma liña cos anteriores cun estilo fluído e moderno (European Jazz Concept), que en ocasións recorda a Dave Holland e Mingus, e componse de sete intensos temas que fan referencia a momentos e lugares que marcaron a infancia de Kin García.

 

Big Crunch EPBig Crunch

Roma DoVal, Mel O’Jorg e Gonza Fernández xuntáronse para saciar o seu lado máis curioso coa idea de facer a súa propia música, empezar a compoñer e disfrutar facéndoo. Aínda que a súa base sexa o rock alternativo, eles defínense como un grupo sen etiquetas, que fai música de diversos estilos e canta á intimidade e á crítica social Este verán publicaron o seu primeiro traballo, Big Crunch EP (Big Crunch, 2016), totalmente autoproducido e autoeditado en formato CD, no que inclúen temas como Trayecto sin rumbo, Deferro e Kenophobia. Foron algunhas destas cancións as que conseguiron que este trío gañase o I Concurso de maquetas Cultura Quente e o terceiro premio da Batalla de Bandas Sada Rock.

 

Milladoiro en OrtigueiraMilladoiro

O grupo folk por excelencia en Galicia leva 35 anos percorrendo o mundo dando a coñecer a música galega ou, segundo as súas palabras, “poñen banda sonora a un país en perpetua construción imperfecta, somos fillos seus”. Milladoiro continúa a súa traxectoria en busca da beleza e harmonía da Galicia que os viu nacer, levando ás súas costas máis de vinte discos nos que transmiten a súa terra e miles de concertos e festivais que pisaron nos que mostran a súa gran paixón: o folk galego. Milladoiro en Ortigueira é un CD+DVD gravado en directo por Casa de Tolos en 2014 no XXX Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira e editado por Discmedi.


  noticias