11 PARA OS MÁIS SERIÉFILOS
Como non queremos que vos quededes obsoletos como aquela televisión de tubo catódico (aínda a recordades?) este mes traémosvos a lista de once máis innovadora: 11 das series máis auténticas que pasaron pola TV ligadas aos nosos artistas. Dende as que veías mentres chamabas co teu Nokia 3310 ata as que ves agora mentres sobes a Instagram unha foto do bocadillo de luras que comiches.
Queremos facer unha homenaxe á televisión; a esa gran compañeira de mañás, tardes e noites, a grande amiga que nunca te abandona e que sempre chega a tempo. As maiores protagonistas televisivas son as series, aquelas que semana tras semana se meten nas nosas salas para facernos compañía, manternos no aire e facernos rir ou chorar coa mesma facilidade que a música. E como en GalicianTunes somos amantes de ambos xéneros, preparamos a lista que aínda non sabedes que precisades pero da que vos namoraredes. Aquí traemos as series máis recomendadas e os artistas que, dunha forma ou doutra, reflicten o seu espírito. Botádelle un ollo e aventurádevos na primeira temporada do noso quen é quen seriéfilo.
1. The Simpsons - Furious Monkey House
Un só capítulo abonda para decatarse de que pouco ten de infantil o humor da familia máis revolucionaria de Springfield, o mesmo ocorre coa música deste grupo tan desenfadado de rock integrado por nenos.
2. Mad Men - Javier Marcos
Este dandi do século XXI nada tería que envidiarlle ao publicista máis cotizado de todo Nova York, Don Draper.
3. Embruxada - Nastasia Zürcher
Con tanto encanto coma a protagonista da xa mítica serie que deu paso a moitas outras imitacións, Nastasia Zürcher ten feitizos de sobra cos que cativar.
4. South Park - Heredeiros da Crus
Sen dúbida, os catro irreverentes amigos de Colorado farían moi boas migas cos descarados integrantes do noso grupo.
5. Como coñecín á vosa nai - Escuchando Elefantes
Quen non lembra aquel omnipresente paraugas amarelo que tantos quebradeiros de cabeza nos deu na serie? Seica Escuchando Elefantes está a procurar o seu particular Ted Mosby co famoso abrigo amarelo de Silvia.
6. American Horror Story – Agoraphobia
Estas cinco mozas recrean no seu último videoclip a cidade de Alexandria, un lugar inquietante e inhóspito do que poderían xurdir algúns dos aterradores personaxes de American Horror Story.
7. O Príncipe de Bel-Air - Comando Katana
“Agora escoita a historia da súa vida, e de como o destino cambiou a súa movida, sen comerlo nin beberlo chegaron a ser os chuletas dun barrio santiagués”. En Pontepedriña, non en Bel-Air, viven estes catro ambiciosos rapeiros galegos.
8. Dragon Ball - Carlos Arcay
Carlos Arcay é o guerreiro saiyajin do panorama metal, o Goku das notas imposibles coa guitarra que non cesa na súa busca das bólas de dragón… desvelaranos cales son os seus tres desexos?
9. Fama - Grace Rodson
Grace Rodson comparte a mesma filosofía que Fama: a música como linguaxe universal. Con moitos soños, Rodson sabe que a fama costa e por iso sempre o dá todo no escenario. No seu repertorio poderedes atopar todo tipo de estilos musicais e na súa vestimenta ata os quentadores!
10. Kung-Fu - Rodrigo Rodríguez
Pequenos saltóns, velaquí o son máis zen desde Xapón ata Arxentina, pasando por Galicia da man do noso abandeirado do shakuhachi. Rodrigo Rodríguez comparte con Kwai Chang Caine a súa paixón pola frauta e a súa habilidade coas mans, armas mortais no caso do chinés-americano; aínda que ambos mestres teñen xeitos un pouco diferentes de acadar o nirvana.
11. Narcos - Eladio y los Seres Queridos
Disque son santos inocentes pero estes galegos trafican con música e dominan o territorio case tanto como Pablo Escobar.