VIDEOCLIP CLUB. EDICIÓN DE OUTUBRO
Cinco nuevos vídeos para el Videoclip Club la cinemateca de GalicianTunes en YouTube
Lela. Amesmalúa
Unha canción tan coñecida na nosa tradición como é Lela, escrita por Castelao na súa obra Os vellos non deben de namorarse ten moitas adaptacións musicais feitas por diferentes intérpretes, pero para esta selección decantámonos pola versión audiovisual de Amesmalúa. Este clip rodado entre Madrid y Vigo, dirixido e montado por Juan Laguna, gañador de numerosos premios internacionais pola súa produción cinematográfica Princesa de África (2008), amosa unha tímida moza agochada entre unhas cortinas, que resulta ser a cantante do grupo, entoando a doce melodía de Castelao e que vai evolucionando cara ritmos totalmente diferentes.
Meniña de Auga. Lulavai
Lulavai preséntanos un vídeo onde a letra da súa canción Meniña de Auga, incluída no seu disco Lémbrame un soño (Sul Producciones, 2014), pódese entoar ao ritmo das arpas que tocan as compoñentes do grupo. A delicada danza e o baile son os principais protagonistas manifestándose a través dunha moza vestida de vermello que destaca en cada unhas das escenas, xa que o clip xoga continuamente cos fondos sinxelos e iluminados. Busca un recuncho cómodo e cheo de tranquilidade para desfrutar deste doce videoclip.
Ready. Nastasia Zürcher
Preparádevos para o que vén, xa que o enmeigamento que trae consigo este videoclip deixaravos encandeados. Nastasia Zürcher amósanos un dos seus temas máis máxicos, Ready, do seu traballo My Flight (2015). Os movementos sedutores, que se complementan cunha mirada fixa na cámara, fan que nos metamos na pel da artista en cada paso de baile que fai coas súas acompañantes. Quizais nos lembre a unha escena musical dunha película de Bollywood polo aire oriental do estilo e da vestimenta. Aínda vos quedan flocos de millo?
Ingrávida. Mercedes Peón
Un vídeo animado mesturado con imaxes reais que contan como é a vida baixo a auga. Mercedes Peón é a encargada de pórlle voz a esta historia co seu tema Ingrávida, do seu terceiro álbum Sihá (DiscMedi, 2007). Os peixes, as algas e todo tipo de fauna e flora mariñas axudan a unha figura humana sen extremidades a rexurdir do fondo do mar, para poder así nadar libremente, sen nada que llo impida, ata a superficie. Conseguirá chegar?
Entropía. Xan Campos Trío
En que entropía nos aventura Xan Campos Trío neste videoclip? Luces de carreteira desenfocadas que semellan moléculas desordenas movéndose polo noso entorno pero que, en realidade, é o camiño cara algunha parte. Xunto coa música do tema Entropía, do traballo Ectropía (Free Code Jazz Records, 2014), e grazas a realización de María Vence, xérase un ambiente misterioso típico dun film dramático, onde continuamente vivimos coa intriga de que sucederá ao final da escena e que normalmente tende a ser algo inesperado.
O Videoclip Club completo poderás atopalo aquí: https://goo.gl/xhy3rf