NOVOS LANZAMENTOS. OUTUBRO 2016
Indomables (Maldito Records, 2016) é o quinto disco da banda viguesa Aphonnic un álbum que foi financiado a través de Verkami e que, xa dende a súa concepción pre-crowdfunding, estaba destinado a eclipsar ao seu predecesor, Héroes (2013), en canto ao nivel do equipo técnico que fixo posible as once cancións desta superprodución do death metal melódico, xa que a Vasco Ramos e Estudios Mafia se lles sumou Fredrik Nordström (responsable do son de grupos como Bring Me The Horizon ou Arch Enemy) na mestura e o mastering. O resultado é un disco cargado de ilusión, ganas e novos clásicos.
"OS AMIGOS DOS MÚSICOS" · OS AMIGOS DOS MÚSICOS
Os Amigos dos Músicos volven á carga da man de Gran Derby Records cun álbum homónimo, gravado en Estudios A Ponte (Santiago de Compostela), de pop-folk alternativo arraigado na poética da música tradicional galega. O disco, que sucede ao sinxelo A banda (Gran Derby Records, 2016), reivindica unha vez máis a sua faceta como melodistas e creadores de sonoridades en xeral que toman a determinación de fuxir do exceso de estructuralismo musical cara a formas máis sinxelas de escoitar.
"XOEL LÓPEZ EN DIRECTO EN JOY ESLAVA" · XOEL LÓPEZ
Era tal o éxito da xira Paramales que Xoel López decidiu inmortalizar unha das súas actuacións máis emblemáticas. Así nace Xoel López en directo en Joy Eslava (Esmerarte, 2016), un disco publicado exclusivamente en formato dixital, só podedes escoitalo en Spotify, composto por 9 temas pertencentes aos seus dous álbums anteriores e gravados en directo na Joy Eslava de Madrid. Entre as súas cualidades destaca, en particular, a súa eufonía, como ben o amosa un auditorio cheo, entregado e ao que López consegue “levalo a bailar”.
Once (Nuba Records, 2016) non é o undécimo senón o decimosexto álbum de Abe Rábade Trío e, por decimosexta vez, un disco deste trío amósanos quen é o sheriff do condado de Ximonde no mundo do jazz instrumental galego. A súa música conta coa precisión métrica dun reloxo suízo sen perder a fluidez e o preciosismo que adornan as pinceladas sonoras que compoñen o seu microcosmos de poética pintada.