VIDEOCLIP CLUB. EDICIÓN DE NOVEMBRO
Nadie queda atrás. Malkeda
E o premio para un dos videoclips máis significativos de Galician Tunes é para Nadie queda atrás de Cumulonimbo (2016), co que Malkeda homenaxea a heroes coma Guillermo, guitarrista da banda, e aos seus compañeiros de Sasemar nunha canción que comeza co ruido do Helimer 401, a radiofrecuencia de Salvamento Marítimo, e o canto das sereas, para rematar espertando o instinto de supervivencia de náufragos deixados da man de Deus. Definitivamente a realidade destas gravacións inéditas supera á ficción de películas coma a célebre The Guardian (2006) e quizáis esta sexa a clave dos pontevedreses Guillermo Lavia, Jose R. Corredoira "Checho", Isidro Otero e Adrián Costal, quen levan movendo masas dende o seu primeiro concerto do ano 814 CE na antiga cidade hindú de Malkheda cando xa a audiencia coreaba aquilo de:
“Mal keda mal keda mal keda,
mal keda mal keda mal keda mal,
mal keda mal keda mal keda mal,
mal keda mal… ”
Agardamos que con Cumulonimbo lles sigan chovendo éxitos!
A cidade. Uxía & Magín Blanco
Os nenos todo o ven con bos ollos, e así de bonita quedou a cidade de Ourense con eles como protagonistas. O entrañable videoclip acompaña á canción A cidade, poema de Manuel María cantado por Uxía e Magín Blanco e incluído no libro-cd Canta o cuco (Editorial Galaxia, 2015), unha obra adicada ao poeta galego que mestura música e literatura para os máis pequenos. Esta peza en concreto foi parte da programación das Letras Galegas 2016 e, meses despois, estreouse o traballo audiovisual baixo a dirección de Otto Roca e Marcos Nine, a produción de Colectivo Re-Creo y a postprodución de Fran X. Rodríguez. E globos de cores, moitos globos que van poñendo cor a cada recuncho dunha cidade en branco e negro.
Buscando a superfama. Heredeiros da Crus
Heredeiros da Crus seguen Buscando a superfama (2015) das orquestas galegas ainda que hai anos que conquistaron a aldea global proxectando o seu gran éxito Qué jallo é dende o Xabarín Club a Portugal, Nova York, Londres… Está claro que vaian onde vaian estes “suavecitos” co seu carisma ilimitado saben como gañarse unha e outra vez aos seus incondicionais. Neste videoclip podemos ver a mellor mostra da retranca galega nun camerino que nos recorda ao garaxe de Moncho en Era visto! Longa vida a Tonhito de Poi, Tuchiño, O Jran Fran e Jarfuxo!
December's Descent. Colectivo Oruga
Antes da temida costa de xaneiro vén a baixada de decembro, ou December’s Descend segundo Colectivo Oruga. A banda viguesa coñecida por mesturar música, deseño e aspectos audivisuais presenta este tema, un dos nove que compoñen o seu álbum debut Too Many Knobs (Matapadre, 2010), cun videoclip que logrou ser portada de MySpace o mesmo día do seu lanzamento. Esta eiruga móvese entre o pop e o rock electrónico e é a voz solista de Iago Martínez, que destaca entre guitarras e sintetizadores, a que nos guía coma as lembranzas da nenez guían aos adultos ata unha praia de despreocupacións onde soa un electro-rock contaxioso.
Dispara. Sleeping cat
O centro de Vigo é o escenario que Jerry Noia, AKA Sleeping Cat, escolleu para cantar ao desamor. Con Dispara (2016), single-adianto do que será o seu primeiro LP que publicarase en 2017, Sleeping Cat volve ao mercado musical e o fai por partida doble, xa que o tema foi editado en galego e español. A melodía ten suficientes aires do oeste americano como para que nos imaxinemos o clásico duelo entre pistoleiros fronte á vella taberna en medio do deserto. Pero tal como reflictiron os alumnos do IES Audiovisual de Vigo, este duelo por amor acontece no medio da cidade, o único de vaqueiros que teñen os protagonistas son os que levan postos e, desafortunadamente, só hai unha pistola. Quen disparará primeiro en nome do despecho?
O Vídeoclip Club completo podes atopalo en YouTube.