• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. NOVEMBRO 2016

Novos lanzamentos. Novembro 2016
3 DECEMBRO 2016

 


"FAKE"
 · TALABARTE

O trío formado por Quim Farinha, Kin García e Pedro Pascual volve aos escenarios para presentar Fake (Fol Música, 2016), un álbum moi real que xa fora anticipado polo single “Kuun Laulu”. Neste novo disco reencontrámonos co eclecticismo ao que Talabarte nos teñe acostumados reinterpretando, neste caso, as tradicións musicais de latitudes tan distantes como a de Finlandia, Rusia, Escocia, Bélxica, Polonia, China e, como non, aínda que non tan lonxana, Galicia.

  

 

 

 


"GUERRERA"
 · GUERRERA

#Stoner #Psicodelia e #70s son só tres dos hashtags cos que poderíamos describir a música de Guerrera, pero o certo é que dentro da escena internacional de música experimental buscan un son máis accesible ao público xeral e mesmo bailable, converténdose isto no seu principal feito diferencial. Con este tercer álbum, Guerrera (Matapadre, 2016), a banda parte do seu xa mítico blues-rock e, a maiores, arríscase coa combinación de free-jazz con riffs cortos e kraut-rock, ademais de engadir cordas e melancolía que chocan coa enerxía da psicodelia electrónica. A espera pagou a pena!

 


 

 

 


"EN TIERRA DE NADIE"
 · RAY PORTO & LAS CRUCES

Ray Porto & Las Cruces sitúase En tierra de nadie (Santo Grial Producciones, 2016) cun novo álbum que se balancea entre o rockabilly, o rock & roll e o glam con algunhas reminiscencias da música de Loquillo. As súas letras narran breves historias que destacan pola súa dureza fronte á desesperación, como adoita ocorrer na música country e quizais na nova canción, se o extrapolamos ao ámbito peninsular dos anos 70.

 


 

 

 


"SONGS IN THE STORM"
 · ONION SMILE

Songs in the Storm (2016) é a resposta de Onion Smile á crecente e intensa demanda dos seus fans. Neste segundo traballo, a banda mestura dous elementos con un estilo alternativo: o vocal, döppelganger de Red Hot Chili Peppers, e o instrumental de Foo Fighters. Esta mestura latente no trío de Roberto Benavides, Jaime López e Goyo Velasco ten, ademais do funk-rock e o grunge, outras influencias coma as do rock alternativo, o britpop, o indie-rock e o pop-rock que fan deste grupo pontevedrés unha orixinal proposta dentro da escena musical.

 


 

 

 


"THE CLUTCH"
· PÁLIDA

The Clutch (2016), o novo traballo de Pálida supón unha nova era para Nelo, que ten como desencadeante un cambio nos instrumentos que este músico viña utilizando, electribes, por outros novos, elektrons. Este cambio supón unha brisa de aire fresco nun submarino de alucinacións acústicas que buscan transportar á súa audiencia “lonxe do mundanal ruido”, amosando os conceptos que a día de hoxe a técnica lle permite levar a cabo na aprendizaxe constante da súa arte e a súa vida.

 


 

 

 


"DREAM FOR WINTER"
 · KOZMIC BLUES

Se o cliché de atravesar o deserto de Nevada ao volante dun descapotable vermello se materializara nunha película, esta sería Fear and Loathing in Las Vegas, pero que pasaría se pola contra se transmutase nun álbum? Entón quizais sería Dream for Winter (2016), segundo traballo dos ferroláns Kozmic Blues. Gravado en Abrigueiro Estudios logo dunha exitosa campaña de crowdfunding, este disco ten un aire introspectivo, con temas acústicos e melancólicos que nos transportan nunha viaxe íntima ao folk-rock americano.

 


 

 

 


"VOL 3"
 · CINTAADHESIVA

Sempre sobre o fío condutor da música, as palabras van dotando de significado ás melodias e aos ritmos neste proxecto literario-musical de Jesús Andrés Tejada e Silvia Penas, que florece cun VOL 3 (2016) no cal cintaadhesiva segue a explorar un estilo que os fai únicos onde o texto e música se funden e confunden nunha totalidade orgánica convertendo, eventualmente, o recitado en canción.

 


 

 

 


"ORIGEN"
 · DANIEL MINIMALIA

Os acordes de rock sinfónico, clásico, flamenco e folk fusiónanse en Origen (Zouma Records, 2016). Un álbum que contén xoias coma “Épika”, “Auira” ou “Mariposa de menta”, na que colaborou Kepa Junkera, e que foi presentado en directo o 1 de demcembro na Sala Galileo Galilei de Madrid acompañado por unha banda de sete músicos, como non podería ser menos para o Mike Oldfield español e gañador dun Hollywood Music Award, Daniel Minimalia.

 


 

 

 


"TÁLESIEN"
 · TÁLESIEN

Tálesien (Suspiria Records, 2016), o sexto disco de Tálesien, é unha mostra do mellor power metal progresivo made in Galicia, acadando un son próximo ao de Symphony X. Riffs rápidos, agudos imposibles, shreds complexos… atributos que converten a esta banda coruñesa no sinónimo absoluto de “brutal”.

 


 

 

 


"O MUNDO ESTÁ PARADO"
 · GUADI GALEGO

O mundo está parado (Fol Música, 2016) supón unha evolución dentro da carreira musical de Guadi Galego cara a un pop de instrumentación máis sofisticada onde corda e vento conforman un “muro de son” como diría o músico e produtor estadounidense Phil Spector. Ademais, os vídeos que acompañan algúns dos termas son máis conceptuais, alonxándose do videoclip tradicional e neles podemos observar a confrontación do eu vs. a comunidade.

 


 

 

 


"SOBRE EXCUSAS Y FRAGMENTOS"
 · THE TRUNKS

Despois de ser asasinados a mans de Célula e resucitados coas bolas de dragón grazas á axuda dos seus colegas, The Trunks publica o seu segundo álbum, Sobre excusas y fragmentos (2016), que contén, entre outros, os seus propios “Manuales de supervivencia”; temas máis crus e potentes, aínda que seguiredes sentindo os contrastes do indie ao pop-rock imperceptiblemente, chegando a converterse, nun futuro alternativo, nos únicos sayajin da terra e os únicos en triunfar no mundo do indie-rock.

 


  noticias