SALVE, TRIÁNGULO DE AMOR BIZARRO!
Votou o público, votou o xurado e onte, na gala celebrada no Teatro Nuevo Apolo de Madrid, por fin puidemos coñecer aos ganadores da IX edición dos Premios MIN.
Con catro galardóns, dos sete aos que estaban nomeados, os coruñeses Triángulo de Amor Bizarro foron os triunfadores da noite, alzándose co Premio Radio 3 ao Mellor Artista, Premio Flooxer ao Álbum do Ano por Salve discordia (Mushroom Pillow, 2016), Premio Gibson ao Mellor Álbum de Rock por Salve discordia e Premio SAE Institute á Mellor Produción a Carlos Hernández por “Baila Sumeria”.
As inconfundibles melodías psicodélicas de Triángulo de Amor Bizarro proveñen da mestura entre música alternativa, indie e rock. En Salve discordia, o seu cuarto LP, podemos escoitar unhas enigmáticas letras cargadas de crítica social ao ritmo do son atronador e extravagante propio da banda. “Baila Sumeria” é o tema máis directo e o que tiña todas as bazas de converterse en hit, polo seu pop crú, as súas melodías de influencia exclusivamente europea de mediados dos 80 e, por suposto, New Order. E así naceu “Baila Sumeria”, número 1 nunha chea de listas, canción pop accesible, romántica e animada.
A vitoria segue a saber a galego con Eladio y Los Seres Queridos, quen se levaron o premio ao Mellor Álbum en Galego por Cantares (Esmerarte, 2016), traballo co que saldan unha débeda que tiñan coas cancións da súa infancia, esas cancións tradicionais galegas que escoitaban os seus pais, escoitaron eles de nenos e queren que escoiten os seus fillos. Unha humilde e emotiva homenaxe composta por 11 versións das nosas cancións de sempre, desde “Quen puidera namorala” de Luis Emilio Batallán ata “Camariñas” de Anta Seoane, que gravaron ao longo de 2016, sen présa, nin obxectivos, nin orzamentos no seu estudio caseiro ou gravadora en man.
A música clásica tamén se tingue de branco e azul e os rapaces de Natalia Ensemble alzáronse co galardón ao Mellor Álbum de Música Clásica por Mahler V (2016). A Quinta Sinfonía de Gustav Mahler foi orixinalmente composta para unha orquestra de máis de 100 músicos; os mozos de Natalia Ensemble, maxicamente, arranxárona para 17. No primeiro movemento destaca a delicadeza das cordas, mentres que os protagonistas no segundo son os solos de violonchelo, encargados de transmitir forza e enerxía. O CD, un traballo transgresor e renovador da orixinal de Mahler grazas ao balance entre corda e vento, vén acompañado por un pequeno libro con fotografías dos músicos participantes do ensemble envoltos nuncha estética retro, xunto con textos explicativos sobre o proxecto, o disco e as versións de cámara de Mahler.
Compartir é vivir, así que aquí vos deixamos a lista completa de ganadores, e ata o ano que ven!
Premio Flooxer ao Álbum do Ano – Triángulo de Amor Bizarro por Salve Discordia
Premio Altafonte ao Mellor Artista Emerxente – Gata Cattana
Premio Radio 3 ao Mellor Artista – Triángulo de Amor Bizarro
Premio Fundación SGAE á Canción do Ano – Viva Suecia por “Bien por ti”
Mellor Álbum de Pop – The New Raemon & McEnroe por Lluvia y truenos
Premio Gibson ao Mellor Álbum de Rock – Triángulo de Amor Bizarro por Salve Discordia
Mellor Álbum de Músicas do Mundo – Anaut por Times Goes On
Mellor Álbum de Jazz – Zenet por Si Sucede, Conviene
Mellor Álbum de Hip Hop e Músicas Urbanas – Kase.O por El círculo
Mellor Álbum de Flamenco – Jorge Pardo por Djinn Metaflamenco
Mellor Gravación de Electrónica – El Guincho por Hiperasia
Mellor Álbum de Música Clásica – Natalia Ensemble por Mahler V
Mellor Álbum en Catalán – Joan Colomo por Sistema
Premio Etxepare ao Mellor Álbum en Euskera – Niña Coyote eta Chico Tornado por Eate
Mellor Álbum en Galego – Eladio y Los Seres Queridos por Cantares
Premio Sol Música ao Mellor Videoclip – Las Bistecs por "Señoras Bien"
Premio ticketea ao Mellor Directo – Belako
Premio SAE Institute á Mellor Produción – Carlos Hernández por “Baila Sumeria” de Triángulo de Amor Bizarro
Mellor Deseño Gráfico – Jordi Santos por Sagrado Corazón de La Habitación Roja
Mellor Fotografía Promocional – Gustaff Choos por la fotografía de Kase.O
Premio Spotify ao Mellor Artista Internacional – Nick Cave & The Bad Seeds
Premio Honorífico Mario Pacheco – Paloma Chamorro