• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. MARZO 2017

Novos lanzamentos. Marzo 2017
1 ABRIL 2017

 

Xardín interiorEsposa

O seu EP Señor de (2016) foi o EP máis valorado de 2016 pola revista Mondosonoro (Galicia, Castilla-León). Os Esposa tomaron carreira e veñen de publicar o seu primeiro LP, Xardín interior (Prenom, 2017), producido por Bobby Perú e gravado en Estudio Terraforma de Ibán Pérez. Composto por 12 temas que cabalgan entre o son británico do C86 ou Sarah Records e o garage minimalista de Beat Happening ou Parquet Courts, o álbum está cheo de contrastes e melodías contaxiosas, arranxos imaxinativos, guitarras, baterías, sintetizadores, voces femininas e masculinas que cantan en galego a personaxes con identidades en conflito e dudas xeracionais.

 

 

 

 

Muy PostreTractor Troy

Logo de tres «marzos» e servido en bandexa, por fin, podemos degustar o novo traballo de Tractor Troy, Muy Postre (2017), que saiu do forno ás plataformas dixitais a finais de marzo. O segundo LP da banda pontevedresa foi gravado e mesturado por Jota Gutiérrez e Fernando Mejuto en La Cortina Roja (A Coruña) o pasado febreiro, e masterizado por Víctor García en Ultramarinos Mastering (Barcelona). Dez cancións que mesturan Delta blues, rock alternativo e grunge para non deixar de bailar e saltar, de rir e chorar... Como quedades? Nós, moi postre.

 


 

 

 

Low Cost Lovers!Mr. Magoo

Din que os bos costumes non deberían cambiar e, por terceiro ano consecutivo, Mr. Magoo déixanos un novo disco, autoeditado e gravado en directo en Abrigueiro Estudios (Lugo) baixo os mandos de Arturo Vaquero. En formato EP, Low Cost Lovers! (2017) está composto por catro coplillas nas que estilos como o power-pop, pub-rock ou a new wave dos 70-80 fannos viaxar no tempo, revivindo ese momento no que predominaba a cultura underground. No seu primeiro single, “Jack of All Trades”, a banda pontevedresa mestura sons americanos con beat británico e, a golpe de guitarra, conquista a todos os amantes do rock and roll con eses acordes sensuais, evocando os grandes clásicos e deixando claro que eles non son aprendices, senón mestres.

 

 

 

 

HopeEscuchando Elefantes

O primeiro adianto, “Anyway”, chegaba a mediados de outono e, dous singles máis tarde, Escuchando Elefantes estrea a primavera co seu terceiro álbum, Hope (2017). O dúo reparte esperanza en 10 temas que pasan da tristeza á alegría, da batería á guitarra, acadando un son fresco e enérxico, eléctrico, máis propio do rock que do folk, que reflicte a potencia que teñen os seus directos. O seu último single, “Burning Inside”, é unha peza de gran carga emocional que esperta a nosa mente e o noso corazón e, probablemente, o tema que máis lembre aos seus traballos anteriores.

 

 

 

 

del paraísoEstrambote

De parte de Estrambote, Papá Noel deixábanos La Gitana (2016) baixo a árbore, unha canción descartada para o novo álbum que soaba a rumba, flamenco e pop instrumental. A mediados de marzo, son os propios Estrambote quen nos deixan Del paraíso (Discos de Kirlian, 2017), catro cancións en formato vinilo 7” máis dous bonus track na versión dixital, entre eles, "La gitana". Gravado durante o mes de maio de 2016 en Estudio Terraforma e producido e mesturado por Manu G. Sanz, o novo EP está cheo de sorpresas new wave dos oitenta que ofrecen algunha que outra volta de porca ao seu particular son; unha maior pulsión rítmica e un aumento dos sintetizadores que, xunto coas súas características melodías, coros surrealistas e letras que evocan imaxes cargadas de simbolismo, nos farán voar como “Aves del paraíso”.

 


 

 

  

Ai, que lío! - IGMIG

IGMIG, trío inclasificable vigués parte da Metamovida, presentan o seu novo «retoño», Ai que lío (2017), ao mundo; un novo disco cargado de sorpresas, sentido do humor e as inimaxinables combinacións sonoras tan características da banda. O segundo traballo discográfico de IGMIG está composto por 15 temas multiculturais, eclécticos, mesturando estilos pero sempre mantendo a liña festiva pola que son recoñecidos. Escoitamos rock psicodélico, electrónica, funky-rock-progresivo, folk... e non só pola súa parte, xa que en Ai que lío! colaboraron María de Mallou, Elena Vázquez (Trilitrate), Macarena Montesinos, Carlos Castro, Olalla Vidal López, Gonzalo Castro, Iago Carballo Alonso, José Antonio López López, Mercedes Peón, Lúa Gándara e João Paulo.

 


 

 

 

Múdanse os ventos - Barahúnda

Case unha década logo da publicación do seu último álbum, Una hora en la ventana (Musikarte, 2007), Barahúnda presentaba o seu terceiro traballo discográfico, Múdanse os ventos (2015), que agora publica integramente en formato dixital, e para o que contou coas colaboracións de José Luis do Pico Orjais, Jose Climent, Xurxo Varela, Jose Luis Sanz García-Ochoa, Txema Mawenya, Aida Saco Beiroa e Daniel Romo. O dúo formado por Helena de Alfonso e Jose Lara Gruñeiro sorprende cunha ducia de pezas intimistas, afastadas do folk e máis próximas á canción de autor e á poesía. Entre as cancións de composición propia, onde destacan os acordes da guitarra de Gruñeiro, Barahúnda inclúe unha cantiga do século XIII, unha canción sefardí e dúas versións: Lela, de Matos e Castelao, e Pequeño Vals Vienés, poema de García Lorca musicado por Leonard Cohen. Múdanse os ventos ule a Atlántico, a chuvia e a vento... a banda sonora do seu presente.

 

 

 

 

Nunca choveu que non escamparaEsquíos

«Nunca choveu que non escapara!», diría a túa avoa, o slogan de Gadis... e o novo disco de Esquíos. A banda estradense presentou o pasado 4 de marzo o seu noveno traballo discográfico, Nunca choveu que non escampara (2017), unha «arma» para combater as inxustizas do panorama actual comprometéndose coas causas sociais e políticas. Aínda que a crítica do sistema sempre foi un tema recurrente para Esquíos, neste álbum toma protagonismo xunto con pequenos retallos esperanzadores de que a situación mellore, de aí o seu título. Gravado ao vivo en Bonham Studios (A Coruña), o LP caracterízase pola súa variedade lírica e diversidade sonora, máis melódica, psicodélica e bailable; dez temas orixinais, un cover de Pixies e dous novos integrantes: Adán Fernández (voz) e Andrés Reices (baixo). Albiscades xa a luz ao final do túnel?

 

 

 

 

LumeBALA

Rock crú baseado en guitarra, batería e voz para estrear marzo co nome propio e en maiúsucula. Dous anos despois do seu debut discográfico con Human Flesh (Matapadre, 2015), BALA destapa o seu lado máis intenso, visceral e potente en Lume (Matapadre, 2017), segundo LP, gravado por Santi García en Ultramarinos Costa Brava. Nove temazos hardcore máis macarras, máis sucios, cubertos de (aínda máis) berros onde mesturan grunge, punk e metal.... e inglés, galego e español. Unha vez máis, BALA consegue levarnos ao nirvana coa súa metralla e, desta vez, non só a nós, xa que teñen planeada unha xira internacional que as levará ata Xapón e Australia. Lume!

 

 

 

 

GalaxiaSubmarino

Un cóctel inspirado no cosmos. A refrescante composición de estrelas e materia interestelar que nos prepara Submarino despois do seu primeiro álbum, Viaxe (2017), é Galaxia (2017) un proxecto no que ata o de agora incorpora algúns dos planetas do sistema solar, “Mercurio”, “Venus” e “Marte”, despegando nunha viaxe interplanetaria na que fusiona a música de sintetizador dos 70, o pop dos 80 e o dance da década do 2010. A banda galega integrada polo artista británico Gavin Matthews fainos flotar polo espazo a través desta explosión electrónica.


 

  noticias