• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

COÑECE OS FINALISTAS DA CUARTA EDICIÓN DOS PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA. PARTE 3

Coñece os finalistas da cuarta edición dos Premios Martín Códax da Música. Parte 3
21 ABRIL 2017

Venres! E, como lembraredes, non un venres calquera, xa que por aquí seguimos a repasar os nomeados aos IV Premios Martín Códax da Música. Coñece os finalistas das cinco categorías que conforman esta terceira parte: Folque, Música Tradicional Galega, Músicas do Mundo, Canción de Autor e Festivais.

Mentres o xurado profesional segue a votar, en segredo, e nós a esperar polo 3 de maio, día no que se celebrará a gala no Pazo da Cultura de Pontevedra, vós podedes botarlle unha ollada á primeira e segunda entrega.

 

CATEGORÍA FOLQUE

Cuarteto Caramuxo

Portavoces do novo folque galego, os clarinetistas Felipe Agell, Oscar Prieto, Xoán Carlos Vázquez e Fernando Abreu, a percusionista Patricia Cela e o acordeonista Marcos Padrón destacan, ademais de pola súa faceta musical, polas súas propostas escénicas dirixidas tanto a nenos coma a adultos, chegando a actuar en algúns dos máis prestixiosos festivais de world music. O seu traballo actual céntrase na reinterpretación da música tradicional galega baseándose nos cancioneiros populares, interpretando as melodías sen outra pretensión que a de desfrutar enriba do escenario.

 

 

Vaamonde, Lamas & Romero 

Tres músicos do panorama actual galego cunhas traxectorias que abranguen dende a música de raíz ata o folk, a fusión ou o jazz. Cunha visión da música popular moi particular que mestura a retranca con xogos de palabras e tópicos para entreter ao público, crean deste xeito un novo estilo musical nomeado «tradicomedia».

 

 

Os d’Abaixo 

Co obxectivo de promover e animar bailes e festas este grupo recolle algunhas das pezas máis populares da música galega con achegas de fontes tradicionais ou de nova composición. Música chea de enerxía tocada por xente afeccionada que leva toda a vida vencellada ao folclore galego xunto con músicos profesionais de bandas como Berrogüeto ou Fía na Roca e que están levando o son desta banda a festas e festivais nacionais e internacionais.

 

 

 

CATEGORÍA MÚSICA TRADICIONAL GALEGA

Tanxugueiras

Trío formado por Sabela Maneiro, Aída Tarrío e Olaia Maneiro, mozas pandereteiras de Teo e Barbanza que en xaneiro de 2016 presentan este proxecto e, en xuño dese mesmo ano, crean un novo espectáculo con Cibrán Seixo (violín, guitarra) e Rubén Fernández (acordeón). Os seus vídeos convertéronse en virais grazas a unha improvisación nos camerinos do festival Celtic Connections (Glasgow), onde colaboraron con artistas como Xabier Díaz ou a Banda das Crechas.

 

 

Xosé Lois Romero & Aliboria

Xosé Lois Romero, un recoñecido acordeonista, percusionista e compositor da música popular galega que na súa carreira colaborou con algún dos artistas máis influentes de Galicia como Mercedes Peón, Fuxan os Ventos ou aCadaCanto, presenta un novo proxecto xunto con Aliboria, un colectivo de novos músicos galegos. O seu último traballo, Xosé Lois Romero & Aliboria(2016) é toda unha combinación de voces da tradición oral galega con instrumentos como bombos, pandeiros, tixolas, cunchas, latas... interpretada con frescura e orixinalidade.

 

 

Davide Salvado

A súa carreira comeza no ano 2003 co grupo Ecléctica Ensemble xunto con Ugía Pedreira, para posteriormente unirse á banda do gaiteiro Budiño, o que lle permitiría enfrascarse nunha xira mundial. Ademais dos seus traballos discográficos en solitario, na traxectoria musical de Salvado destacan as súas colaboracións con Santi Cribeiro e Cristian Silva no espectáculo O ladrón de amorodos e con Cristina Pato, Anxo Pintos e Roberto Comesaña en Rústica (Fol Música, 2015), cos que tamén colaborou en Sing Me Home (Sony Masterworks, 2016), gañador do GRAMMY 2017 ao Mellor Álbum de World Music. O seu último disco en solitario Lobos (Fol Música, 2015) representa unha metáfora da cultura tradicional galega, «o corazón profundo dos bosques, la entraña milenaria da terra, é a que canta pola boca do lobo».

 

 

 

CATEGORÍA MÚSICAS DO MUNDO

Uxía

30 anos de carreira e 12 discos converteron a Uxía nunha das maiores embaixadoras da música galega. Colaborou con artistas de Portugal, Brasil, Cabo Verde e Guinea-Bisáu dándolle ao seu traballo influencias das melodías propias desas terras para crear así un son único. Foi galardoada cunha gran variedade de premios entre os que se atopan o Premio da Crítica Galicia 2016 e o premio ao Mellor Álbum de Raíz nos Premios MIN por Meu canto (Fol Música, 2012), álbum que tamén foi recoñecido como “Top of the World” en outubro de 2011 pola prestixiosa revista británica Songlines.

 

 

Tangata

Tangata lleva casi 30 años encima de los escenarios, pero empiezan cada actuación con las mismas ganas y pasión como el primer día. Con un bandoneón (Artigas Arnelo), un violín (Laura Quintillán), un piano (Alberto Vilas) y un contrabajo (Gustavo A. Barcia), el cuarteto colabora ocasionalmente con otros artistas para homenajear, y musicar, poemas de autores poco conocidos a ritmo de tango. Su repertorio está compuesto por más de 100 piezas arregladas en exclusiva para ellos, desde temas clásicos de Gardel hasta otros más contemporáneos como los del bandoneonista Astor Piazzolla.

 

 

Talabarte

Logo de anos compartindo experiencias musicais, admiración e amizade, Kin García (contrabaixo), Pedro Pascual (acordeón diatónico) e Quim Farinha (violín) forman Talabarte, trío en acústico, puramente instrumental e baseado na música tradicional galega. O seu repertorio mestura melodías populares con acordes de latitudes máis lonxanas, como as polcas, mazurcas ou tarantelas e o seu Fake (Fol Música, 2016) está cheo destes ritmos bailables e música atemporal, conformando un dos seus traballos máis descritivos.

 

 

 

CATEGORÍA CANCIÓN DE AUTOR

Sonia Lebedynksi

Deserto de centos (Sonaxe Records, 2016) é o primeiro traballo de Sonia Lebedynski en solitario, resultado dunha combinación de todos os estilos dos que bebeu a artista ao longo da súa dilatada e rica traxectoria musica: trad, folque, funk, pop e música brasileira, entre outros. A voz durante dez anos de Fía na Roca presenta un disco de autor que realiza xunto co seu director musical Sérgio Tannus onde atopamos todo o seu universo sonoro e vital.

 

 

Tatán – Chapeu

Co son roto da súa voz, Tatán rodéase de Pablo Vidal Mendoza (contrabaixo, guitarra), Alberto Vilas (piano), Noli Torres (batería), Felipe Castro (saxo) e Sérgio Tannus (viola) entre outros, para ofrecernos Chapeu, un proxecto musical cheo de colaboracións constituído por 12 cancións escritas expresamente para contar historias con recendo a jazz.

 

 

Xoán CurielEcuacións

Ecuacións (2016) é o cuarto disco en solitario de Xoán Curiel, lanzado en 2016 a partir doutro proxecto estreado en 2012, Novas. Foi medrando ao tempo que realizaba outros traballos, para, finalmente, escoller 7 temas que constitúen este EP cheo de maxia e dificultade polo feito de estar gravado e mesturado analoxicamente.

 

 

 

PREMIO ORGANISTRUM FESTIVAIS

Nigranjazz

Este festival, organizado polo Concello de Nigrán, pretende ser unha plataforma para impulsar o jazz galego actual. Celébrase en Esteiro da Foz (Nigrán) a mediados de agosto e xa contou con artistas internacionais como Kurt Rosenwinkel ou Peter Bernstein e tamén galegos como Xan Campos Trío ou Iago Fernández Sexteto.

 

Festival de Pardiñas

A Asociación Cultural Xermolos inaugurou o 3 de agosto de 1980 este gran proxecto. O Festival de Pardiñas caracterízase pola súa natureza familiar, aberta e participativa no que o obxectivo principal é recuperar as raíces populares das terras de Galicia. A primeira semana de agosto, en Pardiñas (Guitiriz, Lugo), poderemos desfrutar desta gran festa.

 

Surfing the Lérez

Nado en setembro de 2011, logo dunha gran acollida na súa primeira edición na Sala Karma e unha segunda edición no Centro Histórico de Pontevedra, pasouse a celebrar na Illa das Esculturas en 2013, onde se segue a celebrar a mediados de xuño. Rock‘n’Roll para todas as idades, zona infantil, actividades e mercado tan só por unha entrada simbólica e solidaria: a doazón de alimentos.

 

 

  noticias