• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

INSCRICIÓNS ABERTAS PARA OS V PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA

INSCRICIÓNS ABERTAS PARA OS V PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA
7 MARZO 2018

Un ano máis, promovidos pola asociación de Músicos ao Vivo e co apoio da Agadic, entre outras entidades, os V Premios Martín Códax da Música abriron o prazo de inscrición para todos aqueles proxectos musicais galegos vixentes e en activo durante o ano 2018.

Léase como «proxecto musical» aqueles grupos, solistas, espectáculos ou proxectos discográficos realizados en Galicia, ou fóra da comunidade, por músicos galegos. Se o proxecto é de fora de Galicia, a maioría dos seus integrantes, ou polo menos un 50%, deberán ser de procedencia galega ou, na súa falta, o líder do grupo; estes grupos poderán participar ben por cantar en galego ou por interpretar música de raíz galega. Así mesmo, non será preciso editar un disco en 2017/2018, nen sequera editar un!

A inscrición é aberta, libre e gratuíta, pero está limitada a un proxecto por categoría. Os proxectos que foron gañadores na pasada edición de 2017, ademais de aqueles que «utilicen nas súas actuacións e/ou espectáculos, playbacks, falsos directos, ou músicas/os de figuración, así como contidos ou actitudes discriminatorias, violentas ou denigrantes», non poderán participar. O prazo estará aberto ata o vindeiro 18 de marzo en  http://www.premiosmartincodaxdamusica.com/rexistro; lembramos que non fai falta ser socio de Músicos ao Vivo para presentarse. Lede a convocatoria seguindo esta ligazón e, para máis información, ide ás FAQ

Os Martín Códax, recoñecementos á diversidade e calidade das producións musicais galegas, estrearon o ano pasado un novo sistema de votación, incluíndo un xurado profesional. Así, nunha primeira fase, os socios de Músicos ao Vivo elixirán a tres finalistas de cada categoría, do 19 de marzo ao 8 de abril, que se darán a coñecer na Festa dos Nomeados nas Bodegas Martín Códax (Cambados) o 18 de abril. O xurado profesional, composto por sete profesionais do sector (1 xornalista, 1 representante de salas, 1 representante da industria musical, 1 representante da formación musical, 3 músicos), será o encargado de decidir, do 19 de abril ao 6 de maio, que proxectos recibirán o Melómano o 9 de maio, día no que se celebra a gala no Pazo da Cultura de Pontevedra e cando se entregarán as estatuíñas, repartidas en 15 categorías, 3 Premios Organistrum e 1 Premio Honorífico.

As 15 categorías musicais son: Pop e Indie • Rock • Blues, Funk e Soul • Metal • Canción de Autor • Hip Hop e Músicas Urbanas • Reggae, Ska e Mestizaje • Electrónica • Música Clásica e Contemporánea • Jazz e Músicas Improvisadas • Música Tradicional e Folk • Músicas do Mundo • Música Infantil • Orquestras, Grupos e Música de Verbena • Coros e Grupos Vocais. As 3 categorías que compiten polo Premio Organistrum son: Salas • Festivais • Espazos de Comunicación Musical. Por último, Músicos ao Vivo recoñecerá a traxectoria dun artista galego co Premio Honorífico Músicos ao Vivo.

  noticias