• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

10 PROXECTOS GALEGOS ENTRE OS FINALISTAS DA X EDICIÓN DOS PREMIOS MIN

10 PROXECTOS GALEGOS ENTRE OS FINALISTAS DA X EDICIÓN DOS PREMIOS MIN
7 MARZO 2018

Un xurado popular composto por profesionais do sector musical vén de elixir aos 5 nomeados aos Premios MIN en cada categoría de entre os 30 semifinalistas que previamente había elixido o público. Entre os finalistas destacan Xoel López, con catro nominacións, e a nominación compartida de Novedades Carminha e Triángulo de Amor Bizarro a Mellor Directo; en total, atopámonos con dez artistas e grupos galegos que optan aos premios nalgunha das súas categorías, unha mostra máis do gran momento que vive a música feita en Galicia.

Os gañadores desta X edición dos Premios MIN os coñeceremos o vindeiro 14 de marzo na gala de entrega que se celebrará no Teatro Circo Price de Madrid e que se poderá seguir en streaming a través da plataforma Flooxer, ou en directo, adquirindo as entradas vía Ticketea.

Estes son os dez proxectos galegos finalistas e as categorías ás que optan:

 

Atrás Tigre: Álbum en Galego: Fainos saír (2017)

Logo de lanzar un EP homónimo (editado en dixital e casete) en 2016, Atrás Tigre lonxe de quedar atrás co seu traballo, decidiu saír a dar renda solta ao seu amor pola música. Fainos saír (Triunvirato, 2017) debuta nun formato máis longo formado por dez cancións e, nesta ocasión, editado en vinilo. Un traballo gravado e mesturado por Ibán Pérez en Estudio Terraforma (O Hío, Pontevedra), e masterizado por Martín Ballesta en Last Punch Mastering (Glasgow). Este cuarteto compostelán formado por Olalla Cociña (teclados, voz), Xiana Arias (baixo), Pedro Solla (guitarra, voz) e Antón Blanco (batería) deciden facer a súa propia música, cun estilo entre o pop C-86 e o dream-pop, sempre coa poesía e os sentimentos presentes nas súas letras.

 

Esposa [Ver en GalicianTunes]: Álbum en Galego: Xardín Interior(Prenom, 2017)

A banda compostelá mestura no seu último álbum varios tipos de pop diferentes aos que lle dan voz a unhas súas letras que falan de todos aquelas persoas que están perdidas e non atopan o seu lugar. Deste xeito, Esposa conseguiu posicionarse entre os 5 nomeados nesta categoría grazas á súa alegría e naturalidade. Xardín Interior (Prenom, 2017) é o último traballo discográfico destes artistas que terán que competir con outros grandes da música galega para levar a casa esta distinción o vindeiro 14 de marzo.

 

Habelas Hainas: Álbum en Galego: Livres e Loucas (2017)

Música libre, tola e en vivo, Habelas Hainas son Arantza Alfaia, Jara Ortiz, Patricia Gamallo e Sandra Tamayo que presentan, despois dunha traxectoria musical en directo, o seu primeiro traballo discográfico Livres e Loucas (2017). Habelas Hainas nace en 2009 coa necesidade de expresar o seu punto de vista feminista e social a través da súa música, música que mantén a raíz galega, pero cun son enérxico e a mestura de diferentes instrumentos. Naturais e orixinais, fan de cada espectáculo algo diferente.

 

Mordem [Ver en Galiciantunes]: Mellor Deseño Gráfico por Fragments to dominate the silence (The Winter Hunters, 2017)

Logo de gañar o Proyecto Demo de Radio 3 e o do FIB coa súa primeira maqueta, Mordem ha decido romper con este álbum a súa anterior etapa e iniciar unha nova. Aínda que segue mantendo a súa capacidade para crear ambientes, neste álbum introduce novos sons contiguos ao pop ou ao trip-hop. Fragments to dominate the silence (The Winter Hunters, 2017), é un traballo autobiográfico onde narra experiencias propias a través de vidas alleas, dotándoos de calidades cinematográficas.

 

Novedades Carminha [Ver en Galiciantunes]: Directo: Fin de Gira La Riviera

Dende o garage de 2014 ata a mestura con hip-hop, o funk e o power-pop, Novedades Carminha están «de vuelta de todo», «antes molaban», pero agora tamén e así o demostraron no seu directo en La Riviera (Madrid) co cartel colgado de sold out e o seu disco Campeones del mundo (Ernie, 2016). As súas letras irónicas e deslenguadas mantiveron ao seu público nun pogo continuo. Para os fans máis fieis e nostálxicos, regalaron temas como “Jódete y baila” ou “Pesetas”. Novedades Carminha seguirá logrando o frenesí nos seus concertos e «que Dios reparta fuerte».

 

Os d’Abaixo [Ver en Galiciantunes]: Álbum en Galego: Quixera ser dos paxaros (2017)

Cinzas de Berrogüetto e Fía na Roca rexorden como Os d’Abaixo, banda de folk e música tradicional galega que presentan en 2017 o seu primeiro álbum de estudio, Quixera ser dos paxaros (2017), composto por temas inéditos procedentes dun traballo previo de investigación. Con este disco, Os d’ Abaixo pretenden mostrar o seu lado máis intimista, onde o deseño gráfico e a fotografía cobran gran importancia.

 

Triángulo de Amor Bizarro [Ver en Galiciantunes]: Directo: Xira Salve Discordia

O seu directo gustou tanto que, por segundo ano consecutivo, a banda coruñesa e triunfadora da edición pasada, está nomeado a esta categoría e, ademais, tamén será un dos encargados de animar coa súa música a cerimonia de entrega destes premios. Salve Discordia (Mushroom Pillow, 2016) dá nome ao penúltimo álbum de Triángulo de Amor Bizarro, que conta co Premio Ruido (Asociación de Periodistas Musicales) ao Mellor Disco do Ano.

 

Uxía [Ver en Galiciantunes]: Álbum en Galego: Uxía-O (2017); Mellor Deseño Gráfico

Uxía estreaba Uxía_O (2017), o seu novo traballo discográfico homenaxe ao poeta lucense Uxío Novoneyra. Acompañada polo multiinstrumentalista brasilego Sérgio Tannus, Uxía musica poemas de Novoneyra como só ela sabe, con alalás, muñeiras ou reggae; poemas familiares e cercanos que, mesmo, chegan a unirse nunha mesma canción. Presentado en setembro no Teatro Colón (A Coruña), “Cain as follas” ou “Alalás encadeados” son algunhas das poesías que se poden escoitar en Uxía_O, editado pola Fundación Uxío Novoneyra e deseñado por Niko Alvarellos.

 

Xoel López [Ver en Galiciantunes]:Artista; Canción do Ano: “Madrid”; Álbum de Pop: Sueños y Pan (Altafonte baixo licenza exclusiva de Esmerarte, 2017); Produción Musical

Xoel López está de volta. Logo de Atlántico (Esmerarte, 2012) e Paramales (Esmerarte, 2015), pretende cerrar esta trioloxía co seu último álbum Sueños y Pan (Altafonte baixo licenza exclusiva de Esmerarte, 2017). Un álbum caracterizado polo seu ritmo bailable, os seus toques electrónicos, a súa madurez musical e os seus rasgos poéticos. Sueños y Pan segue o mesmo estilo que os álbums anteriores e continúa movéndose entre o pop-rock alternativo e o folk clásico. Formado por 10 temas, entre os que destaca "Madrid", nominada á Mellor Canción do Ano, este traballo mostra a parte máis íntima de Xoel, cargada de melancolía e de unha homenaxe á cidade que o viu crecer artisticamente.

 

¡Zas! Trío: Mellor Álbum de Jazz: Round About Armstrong (2017)

A banda composta por tres dos músicos máis destacados do jazz en España (Peralta, Baldo Martínez, Carlos "Sir Charles" González), decidiu dar vida a Round About Armstrong (2017), un álbum recompilatorio do xenial trompetista e vocalista Armstrong. Un proxecto creado con moita ilusión realizado desde a perspectiva musical de ¡Zas! Trío, engadindo arranxos propios e novos enfoques que tratan de ser fieis a tradición, pero que á vez pretenden ser modernos e mostrar formas do jazz máis actual.

  noticias