• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

COÑECE OS FINALISTAS DA QUINTA EDICIÓN DOS PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA. PARTE 1

COÑECE OS FINALISTAS DA QUINTA EDICIÓN DOS PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA. PARTE 1
20 ABRIL 2018

O pasado mércores 18 tivo lugar a Festa de Nomeados nas Bodegas Martín Códax (Cambados), celebración onde se deron a coñecer os finalistas da V edición dos Premios Martín Códax da Música, elixidos por votación directa dos socios de Músicos ao Vivo, que seleccionaron a tres nomeados en cada categoría. Cada venres ata o 9 de maio, día da gala na que se coñecerán os gañadores dos Melómanos, publicaremos 5 categorías cos seus respectivos finalistas para que non perdades detalle; hoxe é a quenda das categorías musicais de Rock; Metal; Hip-Hop e Músicas Urganas; Reggae, Ska e Mestizaxe; e Músicas do Mundo, xunto cos candidatos do Premio Organistrum Salas

A partir de hoxe, en secreto vía online e ata o domingo 6 de maio, un xurado composto por profesionais do sector (1 xornalista, 1 representante de salas, 1 representante da industria musical, 1 representante de formación musical e 3 músicos) será o encargado de seleccionar o gañador de cada categoría.

 

ROCK 

IGMIG – Ai que lío!

Trío musical vigués de difícil clasificación fundado por (Ig)nacio Muñoz á voz e os teclados, e (Mig)uel Seoane á voz e a guitarra, IGMIG comeza como dúo experimental alá por 2001 ata que, anos despois, entran en escena Suso Feixón e a súa percusión. Pospunk, rock progresivo, electrónica, música clásica do século XX e unha posta en escena teatral e eufórica definen a este ecléctico trío. Ai que lío! (2017) é o seu segundo álbum, co que amosa que humor e rock son totalmente compatibles a través de letras desenfadadas e festivas, melodías psicodélicas, electrónicas, funky-rock-progresivas, folk... que IGMIG deifica cuns directos fóra do común.

 

MadMartin Trío

A elegancia do swing, a potencia do rockabilly e un rock and roll primitivo, directo e clásico, definen a MadMartin Trío, liderado por Martin Esturao (guitarra, voz), con Guillermo González (contrabaixo) e Manuel Brey (batería). Debutaron con It Was a Very Good Year (2014) e, catro anos máis tarde, logo de percorrer España e media Europa, volven con Tornado (Molusco Records, 2017), un vinilo de 10” gravado en analóxico e composto por nove pezas de melodías frenéticas para bailar ata ben entrada a noite.

 

Moon Cresta

Este grupo vigués formado por Manu (guitarra), Sergio (batería), Vázquez (voz e teclado) e Antón F. (baixo) conságrase co seu terceiro álbum Moonary (2016), co que logran obter unha resposta impresionante por parte do público e converterse nunha desas bandas de rock recoñecidas no ámbito estatal.

 

METAL 

Vörtex

Novos e famentos, Vörtex comezou facendo versións de grandes como Metallica, Bullet for My Valentine ou Judas Priest, pero faltou tempo para que os pontevedreses Jacobo Sainz (guitarra, voz), Jonathan Portela (batería), Marcos Rodríguez (guitarra, coros) e Víctor García (baixo, voz) se volvesen máis persoais e se centraran na composición dos seus propios temas. Desde a súa creación en 2011, Vörtex conta con dúas referencias cargadas de metalcore melódico e, entre premios, concertos e festivais, estes catro metaleiros levantan pasións alí onde se escoitan os riffs das súas guitarras.

 

Arrhythmia

Composto por Alberto Busto (guitarra, voz), Álvaro Barreiro (batería, samples) e Alejandro Maciñeiras (baixo, coros), Arrhythmia é un trío de power-rock lucense cun par de traballos no mercado, III (2012) e II (2016). Os seus potentes acordes, influenciados polo stoner ou o hardcore, leváronos a xirar por toda a xeografía galega e a subirse ao escenario de festivais como A Candeloria, Castelo Rock ou o Revenidas, entre outros.

 

Raiba

Creada para rachar moldes, Raiba deu o seu primeiro concerto no verán de 2009 e, case dez anos despois, xa publicaron dous LP e dous EP. O seu traballo máis recente, Marxinación (2017), gravado e coproducido por Iago Pico en Pousada Son, é un paso máis na evolución natural da banda e da súa consolidación no panorama musical galego.

 

HIP-HOP E MÚSICAS URBANAS

Alto Asalto

Orixinal de Santiago de Compostela, Alto Asalto é un grupo de rap formado por Mou, Ria. Jos e DJ Mestre Pi que, dende que comezaron en 2013, non deixaron de definir o seu estilo de rap hardcore co que comparten a súa visión da sociedade actual.

 

Assane

Chega desde Cuba e comezou facendo versións en YouTube ata que decidiu gravar as súas propias letras, oscilando entre o rap e o trap. Assane é unha das últimas incorporacións de Paz&Records, un selo coruñés que fixo posible que a artista leve os seus temas a un formato audiovisual, como “Through The Ocean”, o seu último videoclip producido por Jacobo Paz.

 

Som do Galpom

Os irmáns Brais e Gael Bassave comezaron as súas andainas, alá por 2005, en Santiago de Compostela. Cun estilo que mestura funk, reggae e rap orgánico tocado con instrumentos, o dúo xa publicou dous discos, Em Terrä de Ninguém (2009) y Galinha de Troia (2013), nos que Brais pon a voz e Gael compaña co violín.

 

REGGAE, SKA E MESTIZAXE

Chotokoeu

O que un día comezou como un grupo de percusión para Brais López e Rubén Capelán, acabaría converténdose nunha das bandas máis activas do panorama musical galego. Formada por Marta Seco, Manuel Fonte, Guillermo Giadanes e David Fernández, Chotokoeu nace entre bares e festivais, un proxecto musical envolto por reggae, ska, klezmer, balkan, swing e punk e efectos electrónicos, unha viaxe musical para todo o seu público cunha mestura de ritmos e música. Chotokoeu non queda quieto e percorre o mundo, máis de 100 concertos en dez países, disposto a comerlo enteiro contaxiando a súa enerxía e ganas de festa.

 

The Turre’s Band

Dezasete anos de historia dinse rápido, percorrer os festivais máis grandes de Galicia parece fácil, pero o difícil é seguir innovando como o fai The Turre’s Band, un proxecto musical que nace en 2001 coa idea principal de sorprender ao panorama galego. Cunha morea de discos, colaboracións, concertos a nivel nacional, The Turre’s band aínda séntense novos e con ganas de seguir creando música innovadora para os nosos oídos.

 

Natural Green (Reggae Band)

Quen di que o máis puro estilo reggae non se pode orixinar en Galicia? En 2009, Natural Green nace en Ferrol co cantante Mr. Mou á fronte e cinco integrantes máis, pero isto non era suficiente; elimínanse as barreiras e, aos poucos, convértese nunha banda formada por dez membros de toda Galicia. Un reggae mesturado con diversos e variados estilos que nos transporta á mesma Xamaica. Logo de gañar o VII Reggae Contest Galego, foron convidados ao Foundation Reggae Festival e Rototom SunSplash, o festival máis importante de reggae a nivel europeo. Con raíces galegas e o reggae nas veas, seguen a improvisar a súa música por toda a península.

 

MÚSICAS DO MUNDO

Nastasia Zürcher

Nastasia Zürcher volve encandearnos co seu segundo LP, Beat (2017). Logo do seu disco debut, My Flight (2015), co que conseguiu o Melómano en 2016, a artista galego-suíza presenta un álbum composto integramente por temas propios cantados en catro idiomas. Beat (Rock CD Records, 2017) mantén a esencia tribal do seu antecesor con ritmos afro, new-soul e R&B característicos de Zürcher que, desta vez, combina con sutís toques celtas, new-age e ese jazz dos anos 30 máis preto ao swing. Novas textuas sonoras cheas de cor e alegría, letras construtivas, reflexivas e intimistas bañadas pola inconfundible voz de Nastasia Zürcher.

 

Turma Caipira

A música brasileña converteuse na súa paixón, paixón que agora é o seu motor de vida e de traballo. Marga Ramos, Fran Castro, Quique Alvarado e Samuel Pérez forman o cuarteto que xurdiu na Coruña en 2009 e, que na actualidade, atópase presentando o seu primeiro traballo discográfico, Bellis Silvestris (2017). Grazas a estes catro galegos e as súas composicións, que procuran transmitir algo máis que simples melodías, atopamos todo un abano musical brasileño na nosa terra.

 

Brais Morán

Un dos referentes da música galega da última década, Brais Morán, vocalista e guitarrista da banda Loretta Martin, lanzou o 18 de abril o seu último LP, No Mato do Desespero (2018). Gravado en Abrigueiro Estudios por Arturo Vaquero, o disco contou coas colaboracións de Ugía Pedreira, Pierrot Rougier e Tanxugueiras, entre outros; un traballo cunha ducia de pezas que reflicten o seu lado máis íntimo e persoal a ritmo de pop, rock e unha fusión de funk, folk e xéneros étnicos e tribais.

 

PREMIO ORGANISTRUM - SALAS 

Sala Garufa Club

Con todo tipo de representacións escénicas e dinamizando a actividade cultural, Garufa Club é o proxecto que dá continuidade, logo de 22 anos, á que foi a Sala Garufa na Cidade Vella da Coruña. Con tres anos de antigüidade, e aínda cunha actividade interrumpida, acada uns 170 eventos ao ano aproximadamente, dos que os coruñeses desfrutan e desfrutarán, esperemos, por moito tempo.

 

A Arca da Noe

Rexentada pola nova Noemí Vázquez, A Arca da Noe é unha peculiar taberna situada en Vila de Santos (Ourense). A súa aposta pola música en directo sempre tivo unha gran acollida, tanto por parte dos artistas como do público en xeral, converténdoa nun dos locais de referencia no panorama musical a nivel provincial e, mesmo, rexional.

 

El Contrabajo Club

Situado en Venezuela 82 (Vigo), El Contrabajo ofrece a posibilidade de desfrutar dunha velada a ritmo de boa música. As súas actuacións en vivo son o seu referente e, aínda que a súa predilección é o jazz e o blues, o clube non descarta rock, pop, soul ou bossa nova. Fai máis dunha década que abriu as súas portas e desde aquel verán é, para moitos, unha cita ineludible todos os xoves, venres e sábados.

 

Preme aquí  para botárlle un ollo a segunda entrega e aquí  para ler a terceira!

  noticias