• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

COÑECE OS FINALISTAS DA QUINTA EDICIÓN DOS PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA. PARTE 2

COÑECE OS FINALISTAS DA QUINTA EDICIÓN DOS PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA. PARTE 2
27 ABRIL 2018

Xa é venres e, como o prometido é débeda, aquí está a segunda entrega cos nomeados a outras cinco categorías musicais dos Premios Martín Códax da Música. A primeira podes consultala aquí, e hoxe tócalle a quenda a Jazz e Músicas Improvisadas; Blues, Funk e Soul; Música Clásica e Contemporánea; Música Tradicional e Folk, e Orquestras, Grupos e Música de Verbena, xunto cos candidatos do Premio Organistrum Medios de Comunicación.

Un xurado profesional está a votar aos gañadores dos Melómanos, que se darán a coñecer o 9 de maio na gala dos Premios Martín Códax da Música no Pazo da Cultura de Pontevedra.

 

JAZZ E MÚSICAS IMPROVISADAS

Xacobe Martínez Antelo Trío

O músico galego Xacobe Martínez Antelo (Sumrrá, Xosé Martínez Antelo Cuarteto, Xosé Martínez Antelo Quinteto) ten moi claro o que é para el o jazz e así plásmao nas súas composicións e improvisacións. Sen ataduras estilísticas e acompañado por saxo e batería, o músico é un gran exemplo do jazz feito en Galicia, dese que depara grandes e boas sensacións en cada actuación.

 

Yago Vázquez Trío

Pianista vigués e amante do jazz, Yago Vázquez mergúllase na vida neoiorquina ao trasladarse a Nova York en 2008 para estudar en The New School for Jazz and Contemporary Music. Alí puido desfrutar da escola constante que foi para el a gran cidade e as oportunidades que tivo de compartir escenario con artistas de prestixio como Reggie Workman, Billy Harper, Joe Martin, David Schnitter, Jesse Davis, Gilad Hekselman, Ingrid Jensen ou Brad Shepik. Cun álbum no mercado, Chorale (Free Code Jazz Records, 2011), Yago tamén participou en Natural Perception (2015) de Tobias Meinhart, ademais de ser membro do trío Stream.

 

Virxilio da Silva’s Juzz

Natural de Portonovo, Virxilio da Silva comezou a tocar a guitarra aos 12 anos e aos 18 introduciuse no jazz... para quedar con el. Pisou os escenarios das salas máis importantes do norte de España, Francia, Portugal e Ámsterdam presentando Virxilio da Silva’s Juzz, o seu proxecto de jazz progresivo e, nunha liña máis tradicional, un disco que reflicte unha relación máis íntima e directa coa música. Da Silva tamén traballa con vangarda-pop e co rock psicodélico xunto co grupo Foxy Freire.

 

BLUES, FUNK E SOUL 

Best Boy

Best Boy non deixa de acumular quilómetros na súa furgoneta, desde un concerto na intimidade ata un gran festival, este dúo canta a súa experiencia en versos tinguidos de melodías blues, funk, soul, jazz e pop. Os anos de traballo e os centos de vivencias acumuladas fan de Best Boy unha das bandas revelación do panorama musical en Galicia.

 

Carmen Rey

Unha paixón, unha forma de vida, un amor... así é o jazz para Carmen Rey, cantante, compositora e arranxista vocal que leva desde os 90 sentíndoo correr polas súas veas. Comezou xunto con Nani García (Nani García Trío) e logo de participar en distintas formacións, en 2002 decide publicar o seu primeiro traballo discográfico, Fuera (2002). Na actualidade, Carmen Rey colabora en múltiples proxectos, como Sisters in The House e Ejazz, compaxinando a súa carreira profesional coa súa labor docente.

 

The Lákazans

Formada en 2011, The Lákazans son Trilli (batería, percusión), Benja (guitarras, mandolina), Figui (harmónica), Fran Velo (baixo), Aitor (batería) e as voces de Almudena e Sabela; unha banda que presenta un repertorio composto por versións de clásicos do blues, soul, country e rock and roll, ao que van incorporando temas propios. Debutaron con Homegrown (2015) e voltaron para quedarse con Sandwina (dotbeat!, 2018), un LP que consolida o seu talento compositivo, onde escoitamos o son característico do grupo, máis aberto á música americana, que resultan en rockabillies, countries, souls e swings.

 

MÚSICA CLÁSICA E CONTEMPORÁNEA

Aida Saco Beiroa

Con tan só 20 anos e un amplo coñecemento musical, Aida sentiu a necesidade de plasmar as emocións que experimentou entre os 17 e 18 anos e titulounas Metamorfoses (2017), o seu álbum debut. Neste primeiro traballo, a compositora rianxeira emprega a música para representar imaxes, poesía, o tempo ou os diferentes espazos que acadaron inspirala. Entre os seus traballos máis recentes, Aida foi a pianista na obra teatral Cousas de Castelao da compañía Os Quinquilláns e colaborou co proxecto musical Barahúnda. Actualmente, compaxina os concertos de piano clásico e contemporáneo coa preparación do seu segundo traballo discográfico.

 

Robertoliveira – DIÁSPORA

Nos seus concertos, ademais dos instrumentos tradicionais de percusión como o tambor ou o vibráfono, atopamos elementos como pedras ou auga; as baquetas pasan a ser moedas, pedais de distorsión de guitarra eléctica ou arcos de violín. Desde Salceda de Caselas, o percusionista Robertoliveira fai maxia co que sexa que pase pola súa man; especializado en percusión, electrónica e arte visual sincronizado, a súa labor céntrase no comisionado e na estrea de obras de novos compositores cunha posta en escena chea de sensacións únicas. O seu último traballo, DIÁSPORA novas músicas de aquí e acolá (Sonaxe, 2017), é un disco que combina tradición e vangarda nun «ir e vir sonoro de diferentes texturas que dan forma vangardistas a temáticas antigas».

 

Son Trío

Formado por Katerina Linke (piano, letras), Su Garrido Pombo (voz) e Susanna Branco (cello), este trío de Vigo titulou o seu proxecto musical baseándose na letra de Miña Almiña, de Rosalía de Castro. Son Trío nace logo de gañar o concurso “Musicando a Rosalía”, organizado polo Concello de Vigo, coa canción “Algúns Din”. As súas composicións combinan instrumentación clásica con poesía do século XIX e un toque de jazz, facéndoas íntimas, románticas e suficientemente modernas para facerse un oco no panorama musical actual. O trío está loitando por conseguir que as súas cancións viaxen fóra de Galicia co obxectivo de acadaz un maior alcance na súa reivindicación do papel da muller na música.

 

MÚSICA TRADICIONAL E FOLK

Tanxugueiras

As pandereteiras Aída Tarrío, Olaia e Sabela Maneiro forman Tanxugueiras, un proxecto musical co que pretenden darlle voz a o aprendido das súas avoas. Cantan desde pequenas e, logo de xirar por Galicia e facerse virais no Celtic Connections (Escocia) o ano pasado, o trío vén de gravar o seu primeiro traballo discográfico co que pretenden sorprender, aínda máis, ao seu público.

 

Xosé Lois Romera & Aliboria

Na enciclopedia da súa vida, cualifícano como intérprete, compositor, produtor, acordeonista e arranxista. Xosé Lois Romero (aCadaCanto, Fuxan os Ventos, Vaamonde, Lamas & Romero) está considerado, ademais, como un dos mellores percusionistas do país e un nome clave no rexurdimento da música galega das últimas décadas; a súa carreira capta a versatilidade e continua búsqueda de novos camiños de expresión, cheos de sensibilidade e tradición. Romero presenta agora un novo capítulo xunto con Aliboria, un grupo de voces novas que, baixo a súa dirección, reinventan os cantos e ritmos enxebres de Galicia enchéndoos de forza, raza e terra.

 

Os d’Abaixo

Cun repertorio cheo de pezas populares Os d'Abaixo é un grupo compostelán que nace co interese de promover e animar bailes e festas tradicionais en Galicia, aínda que viaxan tamén por Europa adiante acompañados, ás veces, por bailaríns que mostran as bases da danza galega. Nos seus oito anos de vida publicaron dúas referencias, Ao vivo en Lorient (2014) e Quixera ser dos paxaros (2017), ademais de participar en numerosos festivais, nacionais e internacionais. O gusto pola música e a diversión que transmiten tocando fan que a todo aquel que os escoite lle entren ganas de bailar ao ritmo de cada unha das súas cancións.

 

ORQUESTRAS, GRUPOS E MÚSICA DE VERBENA

Los Satélites

Fundada en A Coruña en 1938, a orquestra Los Satélites naceu para brillar e aínda o segue a facer a día de hoxe. Decidiron non poñerse límites territoriais e posicionáronse como a primeira orquestra española en cruzar o charco, ademais de actuar en Inglaterra, Alemaña, Portugal, Suíza e Arxentina, entre outros países. Los Satélites colabora con festivais, programas de televisión e, con 13 discos no mercado, ganaron innumerables premios e recoñecementos; unha gran traxectoria que, sen dúbida, non deixa indiferente a ninguén.

 

Costa Dorada

Desde Ourense, a orquestra Costa Dorada leva enriba dos escenarios máis de 25 anos e ata teñen álbum propio, Baila Conmigo (LNort, 2013), un proxecto que foi posible grazas á compañía discográfica LNort e no que todos os compoñentes do grupo envorcáronse por completo. Baila Conmigo está a disposición dos seus seguidores tanto en YouTube como en Spotify.

 

Grupo Limón

O Grupo Limón naceu no ano 2000 con la intención de converterse na banda revelación dese mesmo ano. Orgullosos de ser galegos e coa creatividade por diante, os seus integrandtes arriscaron con versións innovadoras e postas en escenas elaboradas, que acabaron por converterse nun referente dentro do panorama galego de orquestras. En 2001, Grupo Limón gañou un premio especial en Luar (RTVG) pola interpretación e orixinalidade de cancións tradicionais galegas.

 

PREMIO ORGANISTRUM – MELLOR ESPAZO DE COMUNICACIÓN MUSICAL

Músicas Galegas Ilustradas

Proxecto gráfico impulsado por Laura Romero, ilustradora e baixista de Zënzar, que xorde co obxectivo de recompilar e profundar en todas aquelas mulleres artistas que compoñen o panorama musical galego na actualidade, coa esperanza de aportar máis visibilidade á muller música. A plataforma tamén serve como canal promocional de eventos, textos, blogs, entrevistas e artículos relacionados coa causa.

 

Ábrete de Orellas

O comentarista musical Pepe Cunha creou Ábrete de Orellas en 1997 e, o que comezou como un programa radiofónico, terminou por converterse nun portal especializado en música e concertos. Abretedeorellas.com céntrase en artistas, salas e produtoras galegas co fin de divulgar e ser un punto de encontro das diferentes propostas.

 

Tolemias.TV

App multiplataforma que ofrece un amplo catálogo de concertos, vía subscrición, tanto nacionais como internacionais categorizados en múltiples «escenarios»; Tolemias é música en directo en alta calidade, cando queiras e desde onde queiras.

 

A terceira? Aquí!

  noticias