GALICIANTUNES ON TOUR: CELTIC CONNECTIONS 2019
Galicia terá un papel protagonista na 26ª edición do festival Celtic Connections, considerado un dos máis relevantes da temporada de inverno a nivel mundial e o máis destacado no ámbito dos sons celtas, xa que participará como territorio convidado polo seu programa Showcase Scotland. Con tal motivo, a Consellería de Cultura e Turismo organizou, a través da Agadic e baixo a marca GalicianTunes On Tour, unha delegación institucional, profesional e artística co obxectivo de apoiar a proxección exterior da nosa música e promover Galicia como destino turístico-cultural.
Oito artistas e grupos galegos desembarcarán en Glasgow (Escocia) o vindeiro 17 de xaneiro, día no que SonDeSeu subirase ao escenario principal do Glasgow Royal Concert Hall durante a gala de apertura do Celtic Connections. Como parte do cartel xeral do evento, tamén tocarán na cidade escocesa Anxo Lorenzo e Mercedes Peón os días 25 e 26, respectivamente.
Así mesmo, incluídas na programación do Showcase Scotland, están as actuacións de Mónica de Nut, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, Tanxugueiras, Anxo Lorenzo, A Banda das Crechas e Talabarte, que se celebrarán entre o 30 de xaneiro e o 3 de febreiro. Ademáis do público xeral, estes concertos serán seguidos por uns 200 delegados internacionais acreditados, entre os que se atopan axentes de vendas, responsables de festivais, selos discográficos, managers e medios de comunicación dunha vintena de países.
> Calendario: Galicia no Showcase Scotland 2019
Xestouse no departamento de Música Tradicional da Escola de Artes e Oficios (Vigo), actual E-Trad e, case 20 anos máis tarde, SonDeSeu é todo un referente entre as orquestras europeas de música folk contemporánea. Desde a súa creación, a agrupación viguesa, impulsada e dirixida por Rodrigo Romaní (Milladoiro), persegue a fusión entre formación especializada, a práctica escénica e música en comunidade. Cun repertorio composto por temas procedentes da tradición oral da música popular galega, SonDeSeu conta xa con cinco referencias; a última, Beiralúa (2018), publicado en maio de 2018, un disco que celebra a vida plena nos 18 cortes que o compoñen e para os que a orquestra contou, a diferenza de traballos anteriores, coas colaboracións de Xosé Lois Romero, Pedro Lamas, Rosa Cedrón e Treixadura, entre outros.
Celtic Connections
Data: 17 de xaneiro
Hora: 19.30 h
Lugar: Glasgow Royal Concert Hall, Main Auditorium
BOOKING: Nalgures Producións | (+34) 982 250 245
| nalgures@nalgures.com | sondeseu.org
Descríbeno como «mestre gaitarreiro», o moañés Anxo Lorenzo é un virtuoso gaiteiro, cunha gran cantidade de galardóns no peto e coñecido polas súas aclamadas actuacións en vivo. Lorenzo leva a tradición da gaita galega nunha emocionante aventura «intercambiando melodías e estilos con jazz, pop, rock e flamenco» a través do Reino Unido, Irlanda, Alemaña, Bélxica, Francia, Italia e, por suposto, España e Portugal durante as dúas últimas dúas décadas. Desde o seu primeiro álbum en solitario, Tirán (Zouma Records, 2009), a súa gaita converteuse «nun instrumento vangardista sen perder as súas raíces celtas» e, despois de moitos anos colaborando con recoñecidos músicos dentro do panorama folk internacional, no seu último disco, Vortex (2018), Anxo Lorenzo reúne a grandes como Eoghan Neff, Jarlath Henderson, Blackie Ou' Connell, Ross Ainslie, Andy May, Germán Díaz, Cyril Ou' Donoghue, Ali Levack, Pablo Lafuente, David Foley e Xavi Aburruzaga, entre outros.
Celtic Connections
Data: 25 de xaneiro
Hora: 19.30 h
Lugar: Glasgow Royal Concert Hall, New Auditorium
Showcase Scotland. Galician Reception
Data: 1 de febreiro
Hora: desde 15.00 h
Lugar: Drygate Brewery
Showcase Scotland
Data: 1 de febreiro
Hora: 19.30 h
Lugar: Queen Margaret Union
BOOKING: Mirmidón Producciones | (+34) 667 706 241
| maruchy@mirmidon.es | anxolorenzo.com
Durante máis de 15 anos percorreu aldeas de Galicia recollendo a tradición oral e musical do pobo galego co fin de transmitila a futuras xeracións. E ensinou, formou parte do grupo folclórico Xacarandaina, fundou outro baixo o nome de Arjú, colaborou con Budiño, Carlos Núñez ou Kepa Junquera... estamos ante un gran referente feminino da música galega, Mercedes Peón, música, compositora, multiinstrumentista, vocalista e produtora. Con catro referencias que renovan o imaxinario da música folclórica do noso país, Peón presentaba a mediados do ano pasado a amálgama de folk e electrónica que é Deixaas (Altafonte, 2018), o seu quinto traballo discográfico, once cortes que debuxan o mapa dun concepto musical inquietante.
Celtic Connections
Data: 26 de xaneiro
Hora: 19.30 h
Lugar: The Barrowland Ballroom
BOOKING: DISCOTROMPO | (+34) 649 454 057 | International booking: vbelho@gmail.com | mercedespeon.gal
Mónica de Nut é mestizaxe. O jazz, a música tradicional galega, a clásica, a electrónica, o rock... todo se mestura nun cóctel de sons único no que destacan os seus virtuosos xogos vocais. Pero é tamén mestizaxe porque custa pensar na súa música sen decatarse de que aí están a cantante, a actriz e a pedagoga combinadas en perfecta harmonía. De Nut únese ao músico Luís Martíns (arpa acústica e eléctrica) para gravar o seu terceiro disco Raíces aéreas (Freecode Jazz Records, 2016) coa inspiración posta nas «gravacións de recollida de campo en Galicia, cantos de mulleres que transmiten toda a forza ancestral; crús, vitais e poderosos, conéctannos á raíz de saber de onde vimos e cal é a nosa esencia. Recreamos esa herdanza mediante a sonoridade acústica tradicional da voz e a arpa e a improvisación e experimentación con sons máis electrónicos».
Showcase Scotland
Data: 30 de xaneiro
Hora: 19.30 h
Lugar: Mitchell Theatre
BOOKING: Ana Triñanes | (+34) 678 034 593 | anatrianes@gmail.com | monicadenut.com
XABIER DÍAZ & ADUFEIRAS DE SALITRE
Xabier Díaz (Berrogüetto, aCadaCanto), unha das voces fundamentais do trad-galego que compaxina as súas facetas de músico e compositor cunha laboriosa actividade como investigador e compilador do folclore galego, presentaba en 2015 un novo proxecto coas cantareiras Adufeiras de Salitre e os irmáns Gutier (zanfona) e Javier Álvarez (acordeón diatónico). Xuntos publicaron a súa primeira referencia ese mesmo ano, The Tambourine Man (Músicas de Salitre, 2015), compuesta por 13 reinterpretacións da música tradicional galega con enfoque vangardista, toda unha homenaxe ao sinxelo son da percusión tradicional. Hai case un ano que lanzaban Noró (Músicas de Salitre, 2018), unha «declaración de amor ao norte» noutras 13 cancións onde voz e percusión comparten protagonismo.
Showcase Scotland
Data: 31 de xaneiro
Hora: 20.00 h
Lugar: Old Fruitmarket
Showcase Scotland. Galician Reception
Data: 1 de febreiro
Hora: desde 15.00 h
Lugar: Drygate Brewery
Showcase Scotland. Galicia Festa
Data: 1 de febreiro
Hora: 20.00 h
Lugar: Drygate Brewery
BOOKING: Producciones Mirmidón | (+ 34) 667 706 241
| maruchy@mirmidon.es | xabierdiaz.com/es
Partindo dun coñecemento rigoroso da tradición e da música de transmisión oral, entre Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro dáse un encontro único onde a maxia, a naturalidade, a espontaneidade e a comuñón musical xorden desde o primeiro minuto e fan que revolucionen o panorama musical galego. O mundo da pandeireta e o baile está a vivir en Galicia a un momento irrepetible e Tanxugueiras compárteo dun xeito doado, natural, cun empaste nas voces pouco común, cuns arranxos elegantes e coidados, cun son grande e cristalino, cun agarimo inusual, cunha tímbrica instrumental que conecta oriente e occidente, con intelixencia e humor. Logo de percorrer escenarios nacionais e internacionais (lembremos que se fixeron virais no Celtic Connections 2017), o trío coruñés debutou o pasado verán con Tanxugueiras (2018), disco composto por 11 cancións coidadosamente escollidas.
Showcase Scotland
Data: 31 de xaneiro
Hora: 19.30 h
Lugar: King’s Theatre
Showcase Scotland. Galician Reception
Data: 1 de febreiro
Hora: desde 15.00 h
Lugar: Drygate Brewery
BOOKING: PlayPlan Cultural | +34 986 903 509 - +34 696 874 302
| contratacion@playplan.es | tanxugueiras.com
Formación nacida nacida na Casa das Crechas (Santiago de Compostela), contorna única da capital galega onde, cada mércores, xúntanse ios oito compoñentes da Banda para compartir un repertorio composto, principalmente, por música tradicional galega e peninsular. A Banda das Crechas é “un conxunto aberto, unha banda 2.0” na que músicos habituais e intérpretes ocasionais únense para manter viva a tradición, o son e a emoción das foliadas en noites de canto e baile. Ademais de participar en varios recompilatorios, como Galiza (2013) de Kepa Junkera ou A Way to the Atlantic (2014) de GalicianTunes, o grupo tamén ten publicado o seu propio LP, ABCD (Fol Música, 2010), un LP no que escoitamos cancións tradicionais con chiscos a ritmos de diversa procedencia, como os balcánicos, irlandeses ou escandinavos, en 15 temas que transmiten a da música en directo a través dos auriculares.
Showcase Scotland. Galician Reception
Data: 1 de febreiro
Hora: desde 15.00 h
Lugar: Drygate Brewery
Showcase Scotland
Data: 2 de febreiro
Hora: 19.30 h
Lugar: Glasgow Royal Concert Hall, New Auditorium
BOOKING: Manuel Amigo | (+34) 690 293 120
| manuelm.amigo@gmail.com | abandadascrechas.sitio.gal
Talabarte son Kin García (contrabaixo), Pedro Pascual (acordeón diatónico) e Quim Farinha (violín), artistas que contan cunha gran experiencia en grupos como Susana Seivane, Marful ou Berrogüetto. En acústico, puramente instrumental e baseado na música tradicional galega, o seu repertorio mestura melodías populares con acordes de latitudes máis lonxanas. Co seu primeiro álbum, Talabarte (Fol Música, 2011), conquistaron crítica e público e percorreron a Península Ibérica, Bretaña, Serbia... O segundo, Fake (Fol Música, 2016), é un libro-disco, que o trío presentou en WOMEX 2016, composto por 12 temas sobre as súas andanzas ao son de melodías tradicionais europeas mesturadas con acordes máis propios do outro lado do Atlántico. Nos seus concertos hai risco, improvisación e contundencia, Talabarte non deixa a ninguén indiferente e manteñe en movemento a alma e os pés.
Showcase Scotland. Galician Reception
Data: 1 de febreiro
Hora: desde 15.00 h
Lugar: Drygate Brewery
Showcase Scotland
Data: 2 de febreiro
Hora: 19.30 h
Lugar: Saint Luke's
BOOKING: Culturactiva SCG | (+34) 981 582 836 - (+34) 619 933 348
| info@culturactiva.org | talabartemusic.com