• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. XANEIRO 2019

Novos lanzamentos. Xaneiro 2019
7 FEBREIRO 2019

 

MédiumChisme

Botabámolo de menos! O seu grime, hip-hop e electrónica, as súas gravacións domésticas, sons urbanos e psicodelia de dormitorio. A súa última referencia publicábase hai xa un par de anos, Alcàsser92 (2017), dous anos nos que Chisme estivo, minuciosamente, traballando en Médium (Raso Estudio, 2019), un longo que nos introduce nun labirinto de lembranzas. Gravado e producido por Fernando Epelde (aka Chisme) entre Porto, Perú e Berlín, personaxes como Cicciolina, Maya Angelou ou Marcelino Champagnat son protagonistas entre convulsións aleatorias, arranques paranoicos, ecos da memoria dun bot... unha decena de cortes nos que Chisme «non rexe, senón que exerce de médium».

 

 

 

 

 

Largo Verano de Sol AzulDiariodeverano

O seu “Todo va a ir bien” de 2016 resultou ser máis cunha canción e, a finais de xaneiro, Diariodeverano lanzaba o seu primeiro LP, Largo Verano de Sol Azul (2019). Composto por nada máis e nada menos que 15 temas, LVDSA é pop-ecléctico sin prexuízos, cancións de base pop que pasan por filtros funk, soul ou electrónicos entre os que destaca a arquicoñecida voz de Iago Gordillo. O longo, que navega entre distintos estados de ánimo cunha letra que van desde a fotografía do social ata a introspección e o autodescubrimento, conta coas colaboracións de grandes músicos como Javier Cedrón, Silvia Penide ou MJ Pérez.

 

 

 

 

 

PaseniñoMusel

Logo de debutar no mercado discográfico con Rabuña (Acuarela, 2015), EP de borrascoso noise-pop, Muselvolve á carga con Paseniño (Acuarela, 2019). O single está composto por dous cortes de slowcore norteño, sinxelos e hipnóticos, que conseguen poñerlle nome, do mesmo xeito que fai o galego, aos mil xeitos que existen de chover. Abren con “Sombra e luz”, tema que, ademais de ter uns acordes a mar de riquiños, destaca «o máis semellante a un solo de guitarra» obra de Óscar Vilariño e, na cara B, escoitamos unha adaptación ao galego da primeira canción do primeiro disco de Low, “Words”. Facendo gala ao título do sinxelo, Musel é de facer as cousas paseniño e, aínda que este traballo sirve como adianto dun futuro LP, a banda sempre está aí, maquinando cousas que facer, e non descarta «enredar» polo camiño.

 

 

 

 

FulgorBudiño

Logo de seis anos de silencio, xa que o Paralaia (Fol Música, 2016) de hai tres era unha reedición do seu primeiro álbum, homónimo, Budiño publicaba un novo traballo discográfico o 25 de xaneiro. Baixo o título de Fulgor (Arredor Edicións, 2018), o artista e compositor moañés presenta unha colección de 10 novas cancións orixinais compostas por poetas (Antía Otero), por cantautores (Xoel López, Vega) e ata polo propio Budiño, quen soubo dotar esas letras de ultra modernidade, cun pé na música de raíz... e outro no abismo; un abismo «de creatividade, cheo de arraigo e fame de risco». Para Fulgor, Budiño rodeouse de tres virtuosos da guitarra, Antonio Casado, Jairo Zavala (DEPEDRO) e Luiz Caracol, ademais de colaboracións como a de Cuarteto Quiroga, entre outras. Definido como o seu disco máis plural, «sen xénero, máis de aquí que de alá, máis aberto e máis de todos», máis Budiño que nunca, “Fulgor” fai gala do seu significado e chega resplandecente para todos aqueles que dedicen seguir brillando.

 

 

 

 

 

Objeto Cercano a la TierraN.E.O

Chegan novos aires para a escena do rock nacional, grandes melodías que se clavan na mente á primeira escoita. N.E.O, o cuarteto galego de hard-rock progresivo liderado polo guitarrista Alberto Cereijo (Los Suaves), estreábase co LP Objeto Cercano a la Tierra (Maldito Records, 2019) á venda desde finais do mes de xaneiro. Gravado en Estudios Cube (Madrid) por Alberto Seara e masterizado en DNA Mastering por Dave Donnelly, o álbum está composto por dez cancións orixinais e unha versión nos que destacan a carga melódica e instrumental a partes iguais, aínda deixanedo un merecido oco aos arranxos. Composicións longas, guitarras contundentes apoiadas por unha progresiva e poderosa base rítmica fan de Objeto Cercano a la Tierra un disco destinado a perdurar.

 

 

 

 

 

InviernoPresumido

Presumido adiantaba o seu «inverno» case un mes, coa publicación de “El Rey Azotado” a finais de novembro de 2018. Aquel single-clip xa deixaba entrever a parte máis intensa, visceral e á vez melódica do dúo vigués, con sons «sintéticos e desbocados» que agora se reafirman coa presentación dos dous cortes que completan o seu novo traballo. Gravado en varios «refuxios invernais» con Iago Lorenzo aos mandos da gravación, produción e mestura, Invierno (Presumido Records, 2019) é o primeiro dos catro EP que formarán o seu segundo longo, Cuatro Estaciones. Los tres temas —“El Rey Azotado”, “La Ley del Hielo” e “Amapola Desnuda”— están conectados entre si por tramas e sensacións propias desta estación e supoñen unha evolución cara ás raíces do pop electrónico moderno, à la Young Fathers, Rufüs du Sol, Moderat ou Bon Iver, sobre unha base de Depeche Mode ou Kraftwerk. Neste xogo entre a electrónica do pasado e a do presente, a voz delicada de Tarci Ávila e a oscuridade instrumental de Nacho Dafonte protagonizan “La Ley del Hielo”, xunto a un sentido videoclip rodado nos Ánxeles, baixo a dirección de Camila Martins.

 

 

 

 

 

Fronteira Paraísocintaadhesiva

Tres anos despois de VOL 3 (2016), e o mesmo día que a BSO de Sofía e as Postsocráticas (2019) vía a luz, cintaadhesiva facía público o seu novo traballo discográfico. Fronteira Paraíso (2019) esta composto por dous temas, “The Caretaker” e “Paraíso”, dúas pezas onde os pequenos e delicados ruídos que nos rodea, casi imperceptibles, convértense en música para os nosos oídos, mentres que a voz en off introdúcenos nun universo paralelo de atmosfera envolvente chea de sensacións.

 

 

 

 

El Círculo del PájaroCarlos Pájaro Arévalo

Dez anos separan o seu debut, A vista de Pájaro (Audia Records, 2009), do seu novo traballo, El círculo del Pájaro (Pai, 2019). Carlos Pájaro Arévalo presentou este último como líder do Arévalo Jazz Fusion Quintet, rodedado de «algúns dos mellores músicos de Galicia», como son Ale Casquero (teclados), Leo Giannetto (guitarras), Pablo Castaño (saxo), Diego Pérez (baixo) e Segundo Grandío (produtor artístico xunto a Arévalo). El círculo del Pájaro foi gravado en directo en Casa de Tolos nun traballo pioneiro en Galicia, xa que se realizou con 30 persoas, un público que compartiu protagonismo coa banda mediante un sistema de escoita por auriculares individuais durante as seis cancións orixinais que compoñen o álbum.

 

 

 

 

Soñé con Bicicletas – Live in Los CármenesArtabe

O pasado verán despedíase do seu Punto Cero (2016), traballo que o acompañou nos escenarios durante os últimos dous anos e, poucos meses despois, Artabe daba a benvida a un novo proxecto. Soñé con Bicicletas xurdiu dunha viaxe a Francia e Berlín e as cancións que alí naceron, escritas “En las calles de Neukölln” ou inspiradas na “Puesta de sol en Douarnenez”. No canto de recollelos nun EP, o cantautor coruñés rodeouse de «musicazos» e amigos para gravalas, en directo, nun local acorde coas cancións. Así, podemos desfrutar de en Soñé con Bicicletas - Live in Los Cármenes(2019), un álbum en directo durante unha serie de actuacións íntimas e en acústico, gravadas por Omar Carrascosa en OMC Estudios, onde Artabe comparte táboas con Manu Clavijo (violín), Marta Mansilla (frauta, coros) e Juan Barrios (piano), entre outros.

 

 

 

StarlightThe Sentients

Xestouse nun ático de Cangas do Morrazo, pero o single-presentación “Accelerate”, remesturado por Supernova, soou por vez primeira a uns 2000 km do municipio pontevedrés... na BBC Suffolk (BBC Radio). Este «acelerón» de pouco máis de tres minutos é obra de The Sentients, o grupo formado polo compositor/produtor británico Gavin Matthews, e pertence ao seu debut discográfico, Starlight (2019), un EP de cinco cortes synth-pop coas colaboracións vocais de Fahía Buche e Addie Nicole.

 

 

 

 

 

Ídolos adolescentes (2007-2011) & A vida dos animais (2012-2018)Ataque Escampe

Vinte e catro cancións divididas en dous discos, un recompilatorio composto por temas «rescatados de traballos colectivos, homenaxes, maquetas ata agora arquivadas, algún directo, versións e outros fondos de armario», ademais, de catro cortes inéditos gravados en vivo nas Gonzalinhas (Bermés, Lalín). Así é como Ataque Escampe despedía 2018, con Ídolos adolescentes (2007-2011) e A vida dos animais (2012-2018), un «díptico de rarezas» no que escoitamos a metamorfose da banda que, aínda se abandonar o folk, incorpora cumbia, dub, rumba, rap ou kraut. Ademais de servir como tributo á súa audencia máis nova, esta colección de cancións pretende conservar «ao que foron (...) ao que aínda son e tamén ao que non». Entre as portadas, deseñadas sobre detalles dos frescos Le stimmate e La predica agli uccelli de Giotto, e o single-presentación, versión do clásico “Me quedo contigo” de Los Chunguitos con videoclip de Julio Vilariño Cabezas inspirado na película Lights (Marie Menken, 1966), Ataque Escampe demostra que non importan os anos que pasen, non deixarán de sorprendernos, et nolebamus plus habere!

 

 

 

 

 

SortilegiosCora Velasco

Case sen querer, Cora (aínda Sayers) regalábanos Sandoval 4 (2017), un EP(ílogo) composto por catro temas propios, de letras coidadas onde a voz é protagonista e os acordes de guitarra aportan un toque íntimo, gravado na súa Pontevedra natal. En 2019, «Cora di adeus a Sayers» e baixo o seu apelido real lanza novo disco, Sortilegios (2018), presentado o 1 de febreiro no Teatro Principal de Pontevedra. Sete cancións compoñen este segundo longo, entre as que atopamos unha versión do imprescindible pop “Arponera”, orixinal de Los Esclarecidos, e “La Fiebre del Oro”, dueto con Eladio Santos (Eladio y Los Seres Queridos). Producido por Javier Abreu, en Sortilegios, Cora Velasco profunda no pop elegante dos 80 e fai gala dunha variedad de rexistros harmónicos e vocais ata agora descoñecidos.

 

 

E para estar ao día dos novos discos e sinxelos dos artistas e grupos da plataforma, xa podes seguir a nosa lista de Singles 2019 en Spotify

 

  noticias