VIDEOCLIP CLUB. EDICIÓN DE FEBREIRO
Este mes, os editores engadiron os seguintes vídeos ao Videoclip Club, a cinemateca de GalicianTunes en YouTube.
Negro Caravel – Cristina Pato & Rosa Cedrón
A unión de dous mundos, a música clásica e a música popular, deu como resultado Muller-Soas (Fol Música, 2010), álbum do dúo formado por Cristina Pato e Rosa Cedrón; nun dos seus temas, “Negro Caravel”, as dúas artistas galegas musicalizan o poema homónimo de Rosalía de Castro. O videoclip, estreado hai case 10 anos, combina unha escenificación deses versos de traizón e desengano e unha soberbia actuación de Pato, ao piano, e Cedrón. Xuntas, a través da sensualidade e a paixón que evoca esta peza a camiño entre o tango e o fado, conseguen un dramatismo que traspasa a pantalla.
Shades of Blue – Marem Ladson
Aos seus 20 anos, Marem Ladsen, cantautora galego-estadounidense, presentou o seu primeiro álbum homónimo, producido e gravado por Brian Hunt e Juan Diego Gosálvez en El Invernadero de Madrid; Marem Ladson (Mont Ventoux, 2018) é unha mirada introspectiva da súa vida actual que, ademais, retrata o éxito que colleitou en festivais recente. Con “Shades of Blue” experimenta o seu lado máis rockeiro, rompendo os clixés do amor romántico. Árbores e mazás prohibidas simbolizan a contradición entre o que un quere e o que precisa, un clip cargado de tons azulados, acordes co nome do tema e firmado por California Vídeos.
Ev’rybody Wants – Nastasia Zürcher
Entre a psicodelia e os ritmos vibrantes dunha paisaxe exótica, “Ev’rybody Wants” é un canto á liberdade, a confiar en nós mesmos. No segundo corte do seu último disco, Beat (Rock CD Records, 2017), Nastasia Zürcher profundiza no pop-folk con toques neo-beat-soul e o videoclip que o acompaña, cargado de arte e sensualidade a partes iguais, é unha festa de luces e sombras. Dirixido por Jairo Moreno, acordes e beats fúndense con escenas cheas de maxia, bailes caleidoscópicos bañados por unha iluminación cálida en tons verdes e amarelos que logran contaxiarnos desa «boa onda» tan característica da artista.
Art Decó - Paracetamol
En moitas ocasións, a música é o remedio para todos os nosos males, por exemplo, se sofres de aburrimento, Paracetamol é a solución, e non nos referimos aos coñecido fármaco, senón ao grupo vigués inspirado nos anos 80. Tomando como referentes a Siniestro Total ou a Alaska y Dinarama, o trío punk-pop desbalde toda a nostalxia da época en “ArtDecó” pertencente a Enfermedades comunes (Rumble Records, 2013) e producido por Pablo Novoa. Roque Cameselle, membro da banda e con experiencia no mundo audiovisual, foi o encargado de dirixir un videoclip que plasmara o espírito da canción, unha volta á adolescencia rodeados de xoguetes míticos, cómics, moita cor e aínda máis ritmo.
A Modiño – De Vacas
Inspiradas no rural, De Vacas transforma de xeito persoal e peculiar os xites máis coñecidos, entre os que non podían faltar a orixinal e picante versión en galego do “Despacito” de Luis Fonsi ft. Daddy Yankee. Paula, Inés, Faia e Guillerme (Berrogüetto, aCadaCanto), reinventan o tema con humor e unha visión máis realista que a do dúo portorriqueño cun “Amodiño” do máis persuasivo, que narra con picardía as primeiras veces. O vídeo, que acumula xa case 600.000 visualizacións en YouTube, é un claro convite ao desfrute; cando pensabas que o chocolate con churros non era un almorzo afrodisíaco... que vos aproveite!
E aquí o Videoclip Club completo: