• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

COÑECE OS FINALISTAS DA SEXTA EDICIÓN DOS PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA. VOL VI

COÑECE OS FINALISTAS DA SEXTA EDICIÓN DOS PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA. VOL VI
5 MAIO 2019

Música Tradicional e Folk, Música Infantil, e Jazz e Músicas Improvisadas son as últimas categorías musicales que repasaremos antes da gala dos VI Premios Martín Códax da Música, que terá lugar o mércores 8 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra.

 

MÚSICA TRADICIONAL GALEGA

 

Tanxugueiras

Partindo dun coñecemento riguroso da tradición e da música de transmisión oral, entre Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro dase un encontro único onde a maxia, a naturalidade, a espontaneidade e a comuñón musical xorden desde o primeiro minuto para revolucionar o panoramal musical galego. O mundo da pandeireta e o baile está a vivir en Galicia un momento irrepetible e Tanxugueiras compárteo dun xeito fácil, natural, cun empaste nas voces pouco común, con arranxos elegantes e coidados, cun son grande e cristalino, cunha tímbrica instrumental que conecta oriente e occidente, con intelixencia e humor. Logo de percorrer escenarios nacionais e internacionais, o trío coruñés debutou o pasado verán con Tanxugueiras (2018), disco composto por 11 cancións cuidadosamente escollidas e dedicadas a «todas as que loitan para que o noso non morra».

 

 

 

Os d’Abaixo

Cun repertorio cheo de pezas populares, Os d'Abaixo nace co interese de promover e animar bailes e festas tradicionais en Galicia, aínda que viaxan tamén por Europa adiante acompañados, ás veces, por bailaríns que mostran as bases da danza galega. Con case dez anos enriba dos escenarios, debutaron con Ao vivo en Lorient (2014), LP en directo ao que lle seguiu Quixera ser dos paxaros (2017), gravado en estudio, ademais de participar en numerosos festivais, nacionais e internacionais. O gusto pola música e a diversión que transmiten tocando fan que a todo aquel que os escoite lle entren ganas de bailar ao ritmo de cada unha das súas cancións.

 

 

 

Habelas Hainas

«Habelencia, Húmida, Histeria, Horizonte. Compostela. Catro mulleres. Halo, Harmonía Humana. Herdanza, Historia viva. Hiperactiva! H do silenzo, muda a muller que soa. Homenaxe. Hematomas. Camiños onde non medra a Herba. Hábitat de Hormonas Hilarantes. Hidrosfera musical. Hoxe...» Non hai mellor autodefinición que a de Habelas Hainas, cuarteto que parte da música de raíz e instrumentos tradicionais. Arantza Alfaia, Patricia Gamallo, Jara Ortiz e Sandra Tamayo son as creadoras dun son enérxico, fresco e orixinal que recogen en Livres e Loucas (2017), álbum debut composto por unha colección de cancións desde unha perspectiva feminista e social.

 

 

 

MÚSICA INFANTIL

 

A Casa do Terror’ – Xoán Curiel e A Banda do Verán

Logo da xira «estival» Xoán Curiel e A Banda do Verán volvían aos escenarios cun disco do máis terrorífico. En A Casa do Terror (2018), o guitarrista e vocalista —xunto con Jara Ortiz (voz), Carlos Freire (batería), Alex Salgueiro (teclado, programacións), Antón Fernández (baixo) e Sofía Espiñeira (danza)— presenta un espectáculo de cancións, danza, elementos clown e teatrais, e, sobre todo, unha gran participación do público asistente. Ritmos rock, funky, ska ou reggae conforman a banda sonora dunha historia onde os protagonistmas, «pulgas sombis, o lobo lover, ratatiburóns, gativampiros, o monstro da lavadora, a pantasma con asma» contan e cantan á importancia en confiar nos nosos medos e demais desafíos da vida.

 

 

 

Concerto PunkInfantil

Peter Punk Pallaso e Brais das Hortas (Blues do País) son as «voces cantantes» detrás deste proxecto infantil tan gamberro. Concerto PunkInfantil, estreado en 2017 durante o Castañazo Rock (Chantada), é un deliro musical de nove cancións orixinais que pretenden dar a coñecer o punk aos máis pequenos a través de temas onde a crítica social ou o consumismo preséntanse con actitude punkarra, tocando tamén outros estilos como reggae, rock ou rap.

 

 

 

Pitusa Semifusa e os Estilos Musicais’ – Olga Brañas

Por segundo ano consecutivo, Olga Brañas e Pitusa Semifusa volven xogarse o Melómano entre claves de sol, corcheas, fusas e semifusas. Pitusa Semifusa (Editorial Galaxia, 2016) é un libro-disco composto por cancións que ensinan todas as familias de instrumentos aos máis pequenos; Pitusa avanzará polos pentagramas de todos os instrumentos ata «compoñer» unha gran festa musical. Logo do éxito obtido con este primeiro traballo, Olga Brañas volvía con Pitusa Semifusa e os estilos musicais (Editorial Galaxia, 2017), onde Pitusa explora o blues, reggae, funk, swing o hip-hopa través de cancións que achegan os nenos a un mundo cheo de matices musicais. Para esta ocasión, Brañas contou coa colaboración de numerosos artistas, como Brais Morán, Sérgio Tannus, Quim Farinha, Pedro Pascual o Clara Pino & Pablo Vidal.

 

 

 

JAZZ E MÚSICAS IMPROVISADAS

 

Ontology’ – Xosé Miguélez

Considerado un dos saxofonistas de jazz máis destacados da nova xeración de músicos galegos, Xosé Miguélez rodéase de ohn Kizilarmut (batería), Ben Leifer (contrabaixo) e Storm Nilson (guitarra) para botar andar o proxecto que naceu dunha casualidade. Hai un par de anos que un romance do Cancioneiro de Música Tradicional Galega, (Dorothé Schubart, 1981) topouse con Miguélez… Gravado en agosto de 2018, Ontology (Origin Records, 2019) recolle unha colección de pezas compostas a partir das catro notras que comezan devandito romance; oito cancións dedicadas ás mulleres galegas que preservaron o legado da música tradicional de Galicia.

 

 

 

Pablo Castaño Quartet ft. Ugía Pedreira

Pablo Castaño presenta o seu primeiro disco en solitario e, paradoxalmente, non o fai só. O saxofonista galego acompañado dun trío sublime, composto por Yago Vázquez (piano), Iago Fernández (batería) e Demian Cabaud (contrabaixista), regálanos A-la-láa (2018), un porxecto baseado nos cantos libres da música tradicional galega como os alalás e as coplas incluídos en fontes históricas do talle do Cancioneiro Musical de Galicia (Castro Sampedro) ou o Cancioneiro Popular Galego (Dorothé Schubart).Gravado ao vivo por Pablo Barreiro durante dúas sesións de improvisación musical e masterizado polo productor Kastuhko Naito, para A-la-láa Castaño contou coa colaboración especial da cantora Ugía Pedreira, a quen escoitamos en dúas das dez pezas que compoñen o álbum.

 

 

 

XacobeMartínezAnteloTrío

O contrabaixista galego Xacobe Martínez Antelo (Sumrrá, Xosé Martínez Antelo Cuarteto, Xosé Martínez Antelo Quinteto) ten moi claro o que é para el o jazz e así o plasma nas súas composicións e improvisacións, que xa acadan máis de medio centenar. Se ataduras estilísticas e acompañado por saxo e batería, o músico é un grande exemplo do jazz feito en Galicia, dese que depara grandes e boas sensacións en cada actuación. Xa sexa en Trío, Cuarteto ou Quinteto, Martínez Antelo «puxo a cara e o nome a un xeito de entender o jazz que nace desde o corazón e o peito e que non coñece límites nin fai concesións». Acompañado por Xosé Miguélez (saxo) e Max Gómez (batería) presenta, en liberdade e sen complexos, o seu novo traballo discográfico, Capturas (2019).

 

 

  noticias