NOVOS LANZAMENTOS. ABRIL 2019
O pop asollado e a electrónica inventiva de ARIES está de volta baixo o título Juramento Mantarraya (La Castanya Records, 2019), álbum coproducido en Estudios Pastora (Vigo) xunto con José Vázquez e coeditado entre K Records e La Castanya. Co obxectivo de viaxar mentalmente e escoitalo mentres se baila ao redor dun lume, o novo LP da artista afincada en Vigo recolle dez cortes compostos sobre samples, «sintes», ordenadores, guitarras, voz e ruídos ambientais da costa galega; sonoridade que evoca «unha orquestriña que xera unha excitante mistura de ritmos soul e free-jazz, melodías dos girl groups dos 60, sunshine-pop e electrónica experimental». Atrás quedou a fantasía de Adieu or Die (La Castanya, 2017), o último de ARIES presenta infinidade de violíns, frautas, arpas e trompetas mesturadas con «sintes» misteriosos e potentes para oídos críticos ao «feroz capitalismo devoratempo e a sociedade egomaníaca». Con deseño de Pablo Serret e editado en vinilo (laranxa!) máis en CD, Juramento Mantarraya déixanos «liberdade, tolemia, espiritualidade e un punto uplifting».
Encordóannos co seu cordame «100 % autoprodución 100 % independente, 100 % música galega de raíz» Fiandola, grupo galego de música tradicional, presentaba a finais de mes a súa cuarta referencia, Cordame (2019), un novo disco composto por 11 pezas «bailables-cantables-tocables-escoitables» nas que recoñecemos a magníficos convidados, ademais de cantigas de traballos anteriores.
Aínda que o seu nome poida parecer o final dun negro camiño, no fixo máis que comezar unha viaxe polo mundo da electrónica a través de sintetizadores, teclados e baterías electrónicas. Blackend debuta con Supersonic (Wednesday Records, 2019), un LP composto por máis dunha ducia de pezas instrumentais que prometen traspasar a potencia dos seus directos aos teus auriculares.
Abierto Toda La Noche – Orlando Dees
Con «nocturnidade e aleivosía», o 15 de abril chegaba o terceiro. Con traballo artístico de Tomás Cuesta e, man a man con Íñigo LU, Orlando Dees presentaba Abierto Toda La Noche (2019). Para este novo EP, composto por catro temas que discorren polas catro estacións do ano, Dees estivo acompañado de Carlos Pérez (guitarra eléctrica), Tomasito García (percusión) e, en “La Mirona”, tamén contou con Luis Soto (teclados, batería). Gravado e mesturado por Pablo Ponz, Abierto Toda La Noche supón un punto de inflexión na bagaxe dun proxecto de música independente que «foi posible grazas á colaboración técnica y humana de diferentes ambientes».
Sete anos pasaron desde aquel Wasteland (Ernie Records, 2012), o último que puidemos escoitar de Holywater. Con cinco referencias no mercado, o cuarteto lucense comprendeu que, «para revolucionar aos demais, tiñan que revolucionarse a si mesmos» e, neste tempo de silencio retirado na «fraga», iso é o que fixo, tanto a nivel banda como a nivel persoal. Holywater regresou o 13 de abril, coincidindo co Record Store Day, con Arboreal (Ernie Records, 2019), nove cortes de inspiración conceptual naturalista e vida salvaxe na comarca da Paradanta (Pontevedra). Nestas novas composicións escoitamos como, influenciado polos «bosquexos da natureza», o rock eléctrico de Holywater contáxiase de melodías provenientes de instrumentos de madeira. Gravado en Planta Sónica 2 (Vigo) en agosto de 2018, o LP mantén a base rockeira, expresiva e directa, e un son que lembra a traballos como Harvest (Reprise Records, 1972) de Neil Young, a electroacústica de Alice in Chains ou Pearl Jam, mesmo a pureza de rexistro dos Drive-By Truckers ou Whiskeytown. Guitarra española, acústica, baixo e batería son as pontes á unha sonoridade máis resonante, a mesma que asolaga o single presentación, “Light To Me”.
Segundo fogar – Os Amigos dos Músicos
Os Amigos dos Músicos, a banda ourensá de indie-folk festivo baseado na música popular galega, publicou o seu último traballo discográfico, Segundo fogar (Todomedre, 2019), a finais do mes de abril. Dispoñible nas principais plataformas dixitais e editado en formato CD e vinilo 12”, o álbum está composto por unha decena de pezas de folk alegre sobre melodías sinxelas e paisaxes sonoras conformadas por unha gran variedade de instrumentos (guitarras, marimbas, ukeleles, adufes, mandolinas). Aínda que o apego á canción popular galega predomina durante todo o LP, as novas composicións recollen tamén influencias de xéneros estadounidenses e estilos latinoamericanos —como o folk latino de “É doado” e “Amor frugal”, o jangle-pop electrónico de “Os atlantes” ou as tinguiduras jazz de “Pavillón dos Remedios”— sostidos pola musicalidade do idioma galego. Con colaboracións de Xabier Díaz ou Fernando Barroso, Segundo fogar son dez cancións «imprescindibles para entender o que hoxe é a música popular», cheas de sensacións nostálxicas, de procura, de recuperación de tempos pasados nun traballo colorido e orixinal que tenta reflectir a herdanza de Suso Vaamonde, Benedicto e Bibiano ou Luis Emilio Batallán.
BRAVAS. O Rexurdir da Luz – A Gramola Gominola
O rock&roll da Gramola Gominola pon a banda sonora ás superheroínas que tentan cambiar o mundo cos seus superpoderes. Novamente incluído na colección Sonárbore e ilustrado por Iago Araujo, BRAVAS. O Rexurdir da Luz (Ed. Galaxia, 2019) é o novo libro-disco da banda infantil, un traballo literario e sonoro con protagonistas que loitan contra o abuso escolar, defienden a lingua, protexen a natureza e visibilizan as emocións. Elas son as BRAVAS, mulleres que inspiran e dan luz ao mundo!
Narcociudad – diola
O trío pontevedrés composto por Alex Gayoso, Gon Goitia e Toño Magariños estreaba o seu novo single-clip a principios de mes. Narcociudad (2019) é a última proposta musical e visual de diola, un arriscado coqueteo de case catro minutos con novos estilos, ritmos e melodías. Rachando os estándares sonoros aos que nos tiñan acostumados, Narcociudad presenta un son, estrutura e técnicas de gravación diferentes, con letra escura de ritmo claustrofóbico «pero cautivador», contado e cantado desde unha perspectiva protagonista que dista bastante da narración. Con clip de Judith Adataberna, diola convídanos a pasar un estrambótico día no campo, entre cuncos de cereais e casas da árbore, mentres soa a súa novidosa mestura de trap-rock.
El Efecto Boomerang – Silvia Penide
Como un búmerang entre Madrid e A Coruña, así xestouse o novo disco de Silvia Penide. Gravado en Raro Tempo Estudio (Madrid) «con todo o cariño e toda a alma» e producido por David San José, El Efecto Boomerang (El Niño de la Hipoteca, 2019) é xa o sétimo álbum da súa discografía, un traballo para o que a cantautora coruñesa contou cun par de colaboracións especiais: Ugía Pedreira (“Outro Día Que Chega”) e Javier Álvarez (“Descredo”). Con título de ida e volta, aínda que «hai Silvia Penide para rato», o disco presenta unha colección de seis cancións con letras sensibles e mensaxes «que van calando atrapar a quen se deixa engaiolar pola súa voz».
Alone – Nico Casal
Comezou facendo clásica, arranxando temas para piano, compoñendo bandas sonoras para curtas. O 5 de abril, logo de dous traballos poñéndolle «as teclas» a outros, Nico Casal presentaba o seu primeiro disco en solitario, Alone (2019), e facíao estreando xira na súa cidade natal. En «seta pezas improvisadas», o pianista e compositor compostelán amplía a súa perspectiva musical, mentres coquetea co synth e a electrónica á vez que se desposúe dos seus sentimentos. Alone preséntase cunha minuciosa e soberbia mestura de música clásica, jazz e electrónica onde acordes de chelo e melodías de sintetizadores son testemuñas do diálogo entre Nico e o seu piano, unha conversa melancólica entre músico e instrumento que, desta vez, se converte na súa propia banda sonora.
Rinquilinterna – Tania Fuegho
Tania Fuegho estreaba abril co primeiro capítulo do seu vindeiro traballo discográfico, que sairá a venda a finais de ano, logo da xira na que se atopa inmersa. Catro temas compoñen Rinquilinterna Cap I (2019), un álbum que ten como obxectivo dar a coñecer a versatilidade como artista da mazaricana, ademais de agradecer a fidelidade do público que asiste aos seus concertos. Pezas íntimas e cancións máis rockeiras comparten pistas con o peso das raíces da compositora, temas que viran ao redor das súas propias vivencias.
Todo isto e moito máis na nosa lista de Singles 2019 que podes seguir en Spotify e que se actualiza constantemente para manterte ao día de todas as novidades dos artistas e grupos da plataforma.