• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

E OS MELÓMANOS DOS VI PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA FORON PARA...

E os Melómanos dos VI Premios Martín Códax da Música foron para...
8 MAIO 2019

Os Melómanos dos VI Premios Martín Códax da Música xa teñen dono. Un septeto de jazz dirigido por Pablo Castaño, xunto coas colaboracións de Mónica de Nut e Sérgio Tannus, foi o encargado de poñer banda sonora a unha gala que ofreceu un percorrido histórico polas orixes e influencias da música galega.

 

Baixo a dirección artística de Quico Cadaval, o dúo poético-musical AldaoLado convidou á audiencia a unha viaxe pola historia musical galega, «unha música filla de múltiples mestizaxes, desde os trobeiros medievais á musica viral dos nosos días, pasando pola muiñeira, o valse e o rock and roll».

 

E estes son os flamantes gañadores da sexta edición dos premios.

 

POP E INDIE

Igloo

«Solvencia, saber estar, calidade e elegancia. Tamén perseveranza, loita e sobre todo, capacidade para levantarse e volver a comezar». Así se presentaba a candidatura de Igloo, grupo de amigos convertido en banda indie con máis dunha década percorrendo as mellores salas e festivais do país. O seu último traballo discográfico, Aquellos maravillosos daños (Ernie Records, 2017), é froito dun intenso período de maduración, unha colección de 11 cancións consideradas xa as mellores da súa carreira. Con sinxelos que escoitamos durante meses en MTV EspañaSol MúsicaLos 40 Principales ou Radio 3, o seu novo single-clip, “G7”, transmite «esa sensación que sintes cando despegas nun avión e deixa de tomar contacto coa terra […] é o cambio de rasante dun coche a toda velocidade, o subgrave no teu estómago, un golge de calor na cara…». O videoclip, firmado por Lara Isabel Gómez e rodado entre Barro e Catoira, fíxose un oco na Sección Oficial de Videoclips do VIII Primavera do Cine.

 

 

 

ROCK

BALA

Se o seu primeiro disco xa era todo un descubrimento, BALA acertou de cheo con Lume (Matapadre, 2017). Intensidade, forza, volume e potencia son os catro termos que mellor definen a esta banda que se move entre o rock, o punk, o stoner e o grunge dos anos 90. Tras un intenso percorrido dando concertos polo mundo e, como din elas, «facendo ruído», deciden darse un tempo para preparar novos temas no que será o seu terceiro traballo, co que Anxela e Violeta prométennos manterse a tope. “Vitamina”, clip gravado por Luis Casanova e editado por Rawrcord, resume esta aventura dentro de Lume, un segundo traballo onde rozan «cotas de visceralidade e contundencia máis definidas».

 

 

 

JAZZ E MÚSICAS IMPROVISADAS

Ontology’ – Xosé Miguélez

Considerado un dos saxofonistas de jazz máis destacados da nova xeración de músicos galegos, Xosé Miguélez rodéase de John Kizilarmut (batería), Ben Leifer (contrabaixo) e Storm Nilson (guitarra) para botar andar o proxecto que naceu dunha casualidade. Hai un par de anos que un romance do Cancioneiro de Música Tradicional Galega, (Dorothé Schubart, 1981) topouse con Miguélez… Gravado en agosto de 2018, Ontology (Origin Records, 2019) recolle unha colección de pezas compostas a partir das catro notas coas que comeza o devandito romance; oito cancións dedicadas ás mulleres galegas que preservaron o legado da música tradicional de Galicia.

 

 

 

MÚSICA CLÁSICA E CONTEMPORÁNEA

Adrián Saavedra

O compositor pontevedrés Adrián Saavedra (1987) é un todoterreo no que a música se refire. Licenciado en Composición pola Escola Superior de Música de Catalunya e graduado en Piano Clásico polo Conservatorio Manuel Quiroga de Pontevedra, o novo produtor traballou con artistas como Abraham Cupeiro ou A banda da Loba; a súa obra “Macaréu”, estreada o pasado febreiro, foi un encargo da Real Filharmonía de Galicia, no que «logo dun primeiro impulso estático, as ondas chocan e dispóñense a remontar un discurso sonoro». En “Stronger”, unha versión da canción de Nastasia Zürcher, vemos a súa faceta de músico e cantante nun tema íntimo e melódico.

 

 

 

HIP-HOP E MÚSICAS URBANAS

Wöyza

Afincada en Vigo, Wöyza (Moaña, 1984) é xa unha veterana nos Premios Martín Códax da Música, xa que se alzou co galardón nesta mesma categoría na segunda edición dos premios, en 2014, e foi finalista nas catro primeiras edicións. Autora, compositora, produtora e «artivista», é unha das primeiras mulleres galegas referentes no hip-hopsoul e R&B hispano. Con tres traballos discográficos no mercado —o cuarto en camiño— e logo de ser parte de importantes proxectos como V-Go! Negro Son ou Woÿza & The Galician Maessengers e colaborar con artistas como NachCarlos NúñezIván FerreiroCristina Pato ou Xulio Lorenzo, Wöyza céntrase agora na autorpodución da súa obra, que compaxina cos seus labores de vocal coach en varios estudios da cidade.

 

 

 

MÚSICA TRADICIONAL GALEGA

Tanxugueiras

Partindo dun coñecemento rigoroso da tradición e da música de transmisión oral, entre Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro dase un encontro único onde a maxia, a naturalidade, a espontaneidade e a comuñón musical xorden desde o primeiro minuto para revolucionar o panoramal musical galego. O mundo da pandeireta e o baile está a vivir en Galicia un momento irrepetible e Tanxugueiras compárteo dun xeito fácil, natural, cun empaste nas voces pouco común, con arranxos elegantes e coidados, cun son grande e cristalino, cunha tímbrica instrumental que conecta oriente e occidente, con intelixencia e humor. Logo de percorrer escenarios nacionais e internacionais, o trío coruñés debutou o pasado verán con Tanxugueiras (2018), disco composto por 11 cancións coidadosamente escollidas e dedicadas a «todas as que loitan para que o noso non morra».

 

 

 

MÚSICAS DO MUNDO

Marcos Teira ‘NÓs’

Coñecido por tocar con Rodrigo Romaní, Xosé Manuel Budiño, Leilía, e Uxía, ademais de formar parte de Marful, Marcos Teira presenta NÓs (2019), nuevo disco do seu último proxecto. O guitarrista santiagués, xunto con Alfonso Calvo, Moisés Fernández, Isaías Salazar e Alejandro Vargas, une flamenco e jazz nun espectáculo para ver, escoitar e sentir co obxectivo de adaptar e resucitar a música dentro dunha nova paisaxe sonora: «nóS cubanos, nós flamencos, nÓs xitanos, nóS galegos» en corda e madeira, piano e baile, caixón, contrabaixo e guitarra; e aquí na súa versión trío.

 

 

 

MÚSICA INFANTIL

A Casa do Terror’ – Xoán Curiel e A Banda do Verán

Logo da xira «estival» Xoán Curiel e A Banda do Verán volvían aos escenarios cun disco do máis terrorífico. En A Casa do Terror (2018), o guitarrista e vocalista —xunto con Jara Ortiz (voz), Carlos Freire (batería), Alex Salgueiro (teclado, programacións), Antón Fernández (baixo) e Sofía Espiñeira (danza)— presenta un espectáculo de cancións, danza, elementos clown e teatrais, e, sobre todo, unha gran participación do público asistente. Ritmos rock, funkyska ou reggae conforman a banda sonora dunha historia onde os protagonistmas, «pulgas sombis, o lobo lover, ratatiburóns, gativampiros, o monstro da lavadora, a pantasma con asma» contan e cantan á importancia en confiar nos nosos medos e demais desafíos da vida.

 

 

 

ELECTRÓNICA

Baiuca

Vangarda e tradición conflúen no proxecto máis persoal e arriscado de Alejando Guillán. Baiuca é a unión das pezas de sempre con sons eléctricos e vibrantes entre os que se perciben as melodías de cunchas e gaitas. Menos dun ano despois da publicación do seu primeiro traballo, Solpor (Raso Estudio, 2018), o artista volve sorprender con Misturas (Raso Estudio, 2019), onde dá un xiro aos temas do primeiro disco de Xosé Lois Romero & AliboriaO Son do Camiño, o Bilbao BBK Live ou a sala EartH de Londres serán algúns dos lugares nacionais e internacionais nos que o mozo de Catoira mostrará creacións como “Olvídame” ou “Morriña”.

 

 

 

METAL

NAO

Gañadores nesta mesma categoría na segunda edición dos PremiosNAO volveu… para despedirse. Logo de 13 anos enriba dos escenarios, Ata que o lume se apague (2018) será o seu derradeiro disco, composto por 13 cortes gravados entre Galiza e Euskal Herria, o que pecha unha triloxía de despedida que a banda comezara en 2015 con aquel Apocalipse NAO. O cuarteto metal ten preparado un novo espectáculo que os levará a percorrer salas e festivais de Asturias, Euskadi e Portugal; dúas horas de concerto con nova ecenografía onde repasarán toda a súa discografía. O seu guitarrazo final terá lugar en Santiago de Compostela o vindeiro decembro nun concerto que nos lembrará o seu «Cando caemos, só nos queda erguernos. Hai que ser máis valentes. SEMPRE».

 

 

 

REGGAE, SKA E MESTIZAXE

Banda Crebinsky

Banda Crebinsky é unha formación integramente ligada ao mundo do cine que nace para poñer banda sonora ao filme de Enrique Otero con Crebinsky (2011), pero a súa traxectoria non remata aí. Logo desta creación, os oito compoñentes do grupo continúan traballando en temas que mesturan estilos (folk, klezmer, jazz, rock), linguas (galego, ruso, castelán, francés, italiano) e melodías. A súa música é «unha viaxe a un mundo en constante metamorfose» na que sorprenden con Jet Lag (Fol, 2012) e Zirkus Affe (2017), derradeiro traballo en forma de sátira da sociedade da cultura pop.

 

 

 

ORQUESTAS, GRUPOS Y MÚSICA DE VERBENA

Orquesta Los Satélites

Con máis de 80 anos de historia, a Orquestra Los Satélites segue a conquistar cada lugar que pisa, tocando dende clásicos propios das nosas verbenas ata temas actuais. A formación pode presumir de ter percorrido tanto o territorio galego e nacional como o internacional cos seus ritmos latinos e melodías pegadizas. A súa traxectoria está chea de recoñecementos, pois xa se alzaron coa vitoria en 2014 nesta mesma categoría. Mesmo contan cunha rúa dedicada á agrupación no concello de Oleiros (A Coruña). Este ano regresan para sorprendernos co seu último éxito, “Verbenero Mix”, que xunta tódolos elementos característicos das nosas festas e nos invita a botar uns bos bailes.

 

 

 

BLUES, FUNK E SOUL

Carmen Rey

Cantante, compositora e arranxista vocal, Carmen Rey leva case 30 anos na escena jazzística xunto co virtuoso Nani García. A súa discografía en solitario está composta por tres traballos, o último de 2016, además dunha infinidade de colaboracións con artistas galegos tanto no estudio como no escenario como Xabier DíazCarlos ArévaloÁngeles DorrioXosé Manuel Budiño ou Emilio Cao. Carmen Rey compaxina a súa carreira musical, que continúa pola liña do soul-funk con tinguiduras jazz, coa súa faceta de profesora de canto e directora de grupos vocais como Sisters In The House, Ejazz ou Gospel 3.

 

 

 

CANCIÓN DE AUTOR/A

Su Garrido Pombo

Cunha longa formación e traxectoria no eido musical, Susana Garrido decide comezar o seu propio proxecto que a leva a percorrer diferentes recunchos do mundo. Cantante, música e compositora, móvense entre o folk, o jazz ou a bossa. En 2018 presenta o seu primeiro traballo en solitario Quedo a vivir aquí, once cancións nas que combina versións de poemas e composicións propias de diversos xéneros. No videoclip homónimo ao seu último traballo e producido por Rodando 73, observamos como a artista emprega unicamente a súa voz para impactar e crear un tema con crítica social.

 

 

 

COROS E GRUPOS VOCAIS

Ejazz

Hai dous anos, durante a celebración da cuarta edición dos Premios, Ejazz subíase ao escenario do Pazo da Cultura de Pontevedra a recoller o Melómano correspondente a Coros e Grupos Vocais. Hoxe, o cuarteto afincado na Coruña volve gañar nesta mesma categoría. Desde 2012, Ángeles Dorrio, Marga Ramos, Betty Queiro e Carmen Rey, esta última como arranxista e directora, ofrecen un repertorio de versións coa voz como único instrumento nun espectáculo a capella que nos transporta a diferentes épocas e lugares a ritmo de jazz, soulbossa nova ou funk.

 

 

 

ORGANISTRUM – FESTIVAL

Festival de Pardiñas

O Festival de Pardiñas leva en activo desde que, en 1980, a Asociación Cultural Xermolos, decidira crealo para achegar a música á poboación. Logo do éxito da primeira edición, fóronse incluíndo novidades ano tras ano ata conseguir facerse un oco dentro do panorama festivaleiro estatal. Familiar, participativo e divertido, así se presenta este festival que se celebra o primeiro fin de semana de agosto no Balneario de Pardiñas (Lugo), polo que pasaron artistas tanto nacionais como internacionais.

 

 

 

ORGANISTRUM – SALA

El Contrabajo Club

Desde 2006, El Contrabajo ofrece a posibilidade de desfrutar dunha velada a ritmo de boa música. As súas actuacións en vivo son o seu referente e, aínda que a súa predilección é o jazz e o blues, o clube non descarta rock, pop, soul ou bossa nova. Hai máis dunha década que abriu as súas portas e, desde aquel verán é, para moitos, unha cita ineludible todos os xoves, venres e sábados.

  • Rúa Venezuela, 82, Vigo (Pontevedra), 36204

 

 

ORGANISTRUM – ESPAZO DE COMUNICACIÓN MUSICAL

Diario Cultural - CRTVG

Programa diario de información cultural con case 30 anos en antena, case tres décadas que o converten nunha das emisións culturais máis veteranas da radiodifusión galega; un espazo de información, análise e creación onde novas expresións e formatos artísticos conflúen nun diálogo coa historia.

 

 

 

PREMIO HONORÍFICO MÚSICAS AO VIVO 2019 

Carlos Barruso

 

Nestes VI Premio Martín Codax, o Melómano con nome propio, o Premio Honorífico que outorga Músicas Ao Vivo, toca o saxo con acento estradense. Na presente edición, a Asociación premia a traxectoria musical e docente de Carlos Barruso, “un compañeiro e personalidade clave para entender a evolución da música moderna en Galicia”. Coñecido pola súa humildade e discreción, Barruso destaca polo seu traballo “en silencio” e o seu gran labor pedagóxico na educación musical de Galicia, cometido que inspirou e motivou a unha morea de xeracións de profesionais.

 


  noticias