FINALISTAS DE LOS XVIII PREMIOS OPINIÓN DA MÚSICA DE RAÍZ
O Teatro Rosalía de Castro (A Coruña) acollerá este mércores 8 de maio a décimo oitava gala de entrega dos XVIII Premios Opinión, galardóns organizados polo xornal La Opinión da Coruña (co apoio da Agadic) para os artistas e grupos galegos máis destacados dentro da música raíz; unha cerimonia amenizada por Entre Trastes, Sisters In The House e Samarrúas.
Como novidade, este ano nace un novo galardón, Mellor Adaptación dunha Peza Tradicional, creado para reivindicar o traballo dos artistas coa nosa música e valorar a súa visión sobre temas que forman parte do folclore galego, e que se vén sumar aos de Mellor Artista, Mellor Disco e Mellor Tema Orixinal. Estes son os finalistas en cada categoría.
MELLOR ARTISTA
Disque toca a gaita como se fora unha guitarra eléctrica, así que a denominación de «mestre gaitarreiro» semella moi acaída. O seu vituosismo xa foi premiado en numerosas ocasións ao longo da súa traxectoria e desfrutado en festivais de todo o mundo. O seu último traballo é Vortex (2018) no que participan grandes figuras do folk internacional como Eoghan Neff, Jarlath Henderson, Blackie Ou’ Connell, Ross Ainslie, Andy May, Germán Díaz, Cyril Ou’ Donoghue, Ali Levack, Pablo Lafuente, David Foley ou Xavi Aburruzaga. O quinto tema do disco, "Berobreo blues", é finalista na categoría de Mellor Tema Orixinal.
Percorreu aldeas durante 15 anos recollendo a tradición oral e musical de Galicia. E co aprendido nesa viaxe ao pasado foi quen como compositora de facer algo radicalmente novo, de converter a etnografía en vangarda. A súa innovadora interpretación da música galega de raíz tamén é finalista nas categorías de Mellor Disco e Mellor Tema Orixinal.
■ Rodrigo Romaní
Fundador de Milladoiro na década dos setenta e da orchestra folk SondeSeu no alborexar deste século. Rodrigo Romaní é un dos grandes referentes da música tradicional galega. Hai algúns anos, como resultado dun accidente doméstico, seccionouse un dedo da man dereita o que o obrigou a retirarse do ensino da arpa celta, instrumento do que foi gran recuperador xunto a Emilio Cao. Afortunadamente o multiinstrumentista noiés foi quen de desenvolver unha nova técnica de interpretación que lle permitiu seguir en activo. O seu último traballo chámase Fios de ouro no ar no que fai trío con Bea Martínez (arpa segunda) e Xulia Feixoo (percusións).
■ Belém Tajes
A súa faceta como vocalista é ben coñecida (foi voz de Luar na Lubre, entre outros proxectos). Pero non o é tanto a de arranxista. Belem Tajes é a metade de Vudú (a outra é Maritxinha). Este dúo actualiza clásicos da música popular galega dándolles aires de soul, de jazz, de funk... ás veces con engadidos da súa propia colleita. Deste xeito tan intelixente de darlle nova vida á tadición é un bo exemplo «Moreniña», que opta ao premio á Mellor Adaptación dunha Peza Tradicional, ou este «Corasón», que combina retrouso tradicional e textos do dúo. Ambos os dous temas son parte do seu último traballo Vudú, Vol. III.
MELLOR DISCO
■ Atlántico – Milladoiro
O último traballo discográfico de Milladoiro, Atlántico (Discmedi, 2018), e primeiro de estudio nunha década, foi gravado en Estudios Cormorán (A Coruña) e producido polo propio Manu Conde; o álbum vai desde Terranova ata Ortegal pasando polo Gran Sol e o Támese «co gaiteiro sobre a ponte de navío e as gaivotas sinalando o rumbo». Atlántico é unha sinfonía en 12 tempos onde escoitamos acordes folk tradicionais con chiscos a melodías irlandesas nunha viaxe sonora que convídanos a viaxar máis alá, a viaxar no mar da memoria e do tempo para descubrir, unha vez máis, unha luz que marabilla ao mundo.
■ Deixaas – Mercedes Peón
Despois de oito anos, Mercedes Peón publica un novo traballo discográfico, Deixaas (Altafonte, 2018). Radical e magnética, a artista fusiona tradición, vangarda e atrevemento nos once temas que compoñen este quinto álbum. Así, sobre unha base rítmica de pandeiretas e percusión metálica, distinguimos acordes electrónicos provenientes de samplers e sons de maquinaria pesada rexistrados en estaleiros navais. Xunto con Mónica de Nut e Ana Fernández, Mercedes Peón debuxa un mapa de concepto musical inquietante, entre punk colérico, rock industrial e tradición, como resposta ao ambiente sociopolítico e inquietudes actuais referentes á identidade, xénero, estética, linguaxe, etc. Con Deixaas, experimentamos artesanía musical e vangarda creativa a través de sons que interactúan entre eles de xeito inimaxinable, que nos envolven en vibracións sonoras capaces de facernos tocar a catarse.
A principios de xuño do ano pasado, o trío coruñés publicaba Tanxugueiras (2018), álbum dedicado «a todas as que loitan para que o noso non morra», e para o que se rodearon de músicos como Pedro Martín Jones (Coetus, Eliseo Parra, Drexler) ou Jaime Muñoz (La Musgaña) e do produtor Pedro Pascual (Marful, Najla Shami, Davide Salvado, Guadi Galego). Compuesto por 11 temas onde voz e percusión comparten protagonismo, Tanxugueiras destaca por conectar a tradición galega con ecos alén do Atlántico. Para o videoclip do single presentación, “Que non mo neguen”, un canto á liberdade e reivindicación feminina, Tanxugueiras rodeouse de seis «mulleres fortes e libres», como a poeta e activista Luz Fandiño; Gloria Leis, a mariscadora más nova da Confraría de Pescadores de Muros; Estrella Sánchez, Doutora en Endocrinoloxía da USC; ou Isabel Neira, a única torneira que exerce a profesión en Galicia.
Hai un ano que SonDeSeu publicaba Beiralúa (2018), un convite sonoro á danza colectiva no «espazo onde se atopan os exploradores de rutas da imaxinación; nas marxes da lúa pódense intuír as peculiares (an)danzas destes seres». Esta quinta referencia busca a celebración da vida en 18 temas que pretenden «abrir un camiño novo na elaboración da música de tradición oral galega» con novas sonoridades. Para Beiralúa, a orquestra de folk contemporáneo contou coas composicións, arranxos ou interpretacións de grandes artistas da música galega como (XLR & Aliboria; Vaamonde, Lamas e Romero), Pedro Lamas, Susana Seivane, Treixadura, Rosa Cedrón, Anxo Pintos (Berrogüetto), quen compuxo “San Martiño”, obra creada para a candidatura das Illas Cíes como Patrimonio da Humanidade, ou Quico Comesaña, autor destas “Ciclotimias”.
MELLOR TEMA ORIXINAL
■ "Berobreo blues" (Vortex, 2018) – Anxo Lorenzo
■ "Deixaas" (Deixaas, 2018) – Mercedes Peón
■ "O primeiro baile" (Fa, 2018) – Susana Seivane
■ "Ciclotimias" (Beiralúa, 2018) – SondeSeu
MELLOR ADAPTACIÓN DUNHA PEZA TRADICIONAL
■ “Mar Antigo” (Atlántico, 2018) – Milladoiro
■ “Salvadora” (Livres e Loucas, 2017) – Habelas Hainas
■ “Ai, Á Ribeira” (Tanxugueiras, 2018) – Tanxugueiras
■ “Moreniña” (Vudú Vol. III, 2018) – Vudú